Queremos tanto a Xela

Xela Arias é a autora homenaxeada en 2021 polo Día das Letras Galegas.

Desde a AELG sumámonos a esta celebración animando a todas as persoas interesadas a colocaren nas redes sociais dúas fotos, unha dun libro de ou sobre Xela que lle tape a cara e outra co rostro ao descuberto e cun cartel/papel/folla de caderno/graffiti/liña de xiz ou outra superficie/material da súa invención coa expresión “Queremos tanto a Xela“.

Podedes etiquetar as vosas achegas co cancelo #QueremostantoaXela

Aproveitamos tamén para lembrar a homenaxe realizada o 29 de maio de 2004 á autora, e que pode verse aquí.

Gala dos Premios Follas Novas do Libro Galego 2021

Foto da actividadeA Gala dos Premios Follas Novas do Libro Galego 2021 está organizada pola Asociación Galega de Editoras, a Federación de Librarías de Galicia e a Asociación de Escritoras e Escritores en Lingua Galega.

Case corenta títulos son os finalistas dos premios Follas Novas do Libro Galego, uns galardóns que estrean denominación nesta sexta edición en homenaxe a Rosalía de Castro e que repasan a actividade dun exercicio, o 2020, especialmente difícil para o mundo autoral, editorial e libreiro. Estes premios e os seus case corenta títulos finalistas demostran que, a pesar das dificultades, o mundos dos libros non só non se detivo, senón que está facendo fronte ás dificultades con toda a enerxía e a inventiva que requiren os tempos.

Os premios Follas Novas do Libro Galego terán a súa resolución nunha gala que se celebrará o sábado 15 de maio no Teatro Principal de Santiago de Compostela, a partir das 19:00 h. Será presencial pero non terá público debido as restricións de aforo. Os premios serán emitidos desde a canle de YouTube dos premios Follas Novas e terá como presentador a Quico Cadaval. Tamén participarán na cerimonia o Cuarteto de saxofóns da Banda Municipal de Música de Santiago.

Ademais das categorías 15 categorías nas que se premian os mellores títulos e autoría da produción editorial de 2020, os Follas Novas tamén recoñecen os premios honoríficos de cada unha das tres asociacións organizadoras. A Asociación de Escritoras e Escritores en Lingua Galega honrará ao escritor angolano José Luandino Vieira, a Federación de Librerías de Galicia recoñecerá o traballo do libreiro Manuel Arenas, da libraría Arenas da Coruña; e a Asociación de Editoras de Galicia renderá tributo ao desaparecido Xulio Amigo, director comercial da Editorial Galaxia.

Para ver a emisión da gala só tedes que premer nesta ligazón.

A elección dos títulos e autores que forman parte do listado de finalistas pechou a primeira parte dun proceso de selección no que as asociacións organizadoras, Asociación de Escritoras e Escritores en Lingua Galega, a Asociación Galega de Editoras e a Federación de Librarías de Galicia aportaron as súas respectivas candidatas en cada un dos apartados dos premios. Unha vez elaborada a listaxe definitiva de finalistas, un xurado deliberará e decidirá quen son as gañadoras e gañadores en cada unha das categorías. Os premios Follas Novas do Libro Galego contan co apoio da Deputación da Coruña, o Concello de Santiago, Centro Español de Dereitos Reprográficos, o Xacobeo 2021 e a Xunta de Galicia.

FINALISTAS

PREMIOS A OBRAS EDITADAS EN 2020

Ensaio e investigación
Irmandiñas (Edicións Laiovento), Aurora Marco.
Nós xs inadaptadxs. Representações, desejos e historias LGTBIQ na Galiza (Através Editora), VV. AA. Daniel Amarelo (coord.).
Zona a Defender (Edicións Xerais de Galicia), Manuel Rivas.

Divulgación
Federico García Lorca en Santiago de Compostela (Alvarellos Editora), Henrique Alvarellos.
Guía definitiva dos peixes da Galiza (Soriaourensana de Libros), Pancho Lapeña e Nacho Munilla.
Unha mente que voa (Edicións Xerais de Galicia), Xurxo Mariño.

Narrativa
Entre donas (Baía Edicións), varias autoras.
Para toda a vida (Aira Editorial), Eva Moreda.
Un señor elegante (Edicións Xerais de Galicia), Suso de Toro.

Infantil
Mar de mazá (Editorial Galaxia), Elvira Ribeiro.
Nós outras (Chan da Pólvora), Marica Campo e Menchu Lamas.
O pintor cego (Kalandraka Editora), Xabier P. DoCampo e Xosé Cobas.

Xuvenil
A nena do vestido de flores (Aira Editorial), Manuel Fontemoura.
O mal querer (Baía Edicións), Natalia Carou.
O pintor cego (Kalandraka Editora), Xabier P. DoCampo e Xosé Cobas.

Libro ilustrado
A lavandeira de San Simón (Edicións Xerais de Galicia), Eva Mejuto e Bea Gregores (ilus.).
Contrahistorias de Galicia (Edicións Embora), Antonio Reigosa e Rita Gutiérrez (ilus.).
Extra! (Kalandraka Editora), Paco Nogueiras e Marc Taeger (ilus.).

Banda deseñada
O derradeiro libro de Emma Olsen (novela gráfica) (Editorial Galaxia), Berta Dávila e Pablo Prado.
Pequena historia da Coruña (Edicións Embora), Xosé Alfeirán e Xosé Tomás.

Iniciativa bibliográfica
A lavandeira de San Simón (Edicións Xerais de Galicia), Eva Mejuto e Bea Gregores (ilus.).
Carta xeométrica de Galicia-Facsimilar (Cerne), Domingo Fontán.
Castelao. Construtor da nación. Tomo II. 1931-1939 (Editorial Galaxia), Miguel Anxo Seixas Seoane.

Tradución
A nosa Negra (Hugin e Munin), Harriet E. Wilson, traducido por María Reimóndez.
Aramados (Alvarellos Editora), Manuel García Gerpe, traducido por Miro Villar.
Unha noite no tren da Vía Láctea (Aira Editorial), Kenji Miyazawa, Miguel Robledo (ilus.), traducido por Gabriel Álvarez Martínez.

Poesía
A desvértebra (Chan da Pólvora), Ana Romaní.
A ganancia e a perda (Kalandraka Editora), de Martín Veiga.
Ninguén morreu de ler poesía (Edicións Xerais de Galicia), Aldaolado.

Teatro
Melancoholemia (Kalandraka Editora), Antón Reixa.
O charco de Ulises (Edicións Positivas-Xunta de Galicia), Santiago Cortegoso.
Só un home bo (Edicións Positivas), Raúl Dans.

Libro mellor editado
Nós outras (Chan da Pólvora), Marica Campo e Menchu Lamas.
O bolero de Ravel (Kalandraka Editora), José Antonio Abad e Federico Delicado (ilus.).
O pintor cego (Kalandraka Editora), Xabier P. DoCampo e Xosé Cobas.

PREMIOS A TRAXECTORIAS

Iniciativa cultural ou fomento da lectura
– Poemagosto. Festival Internacional de Poesía en Allariz.
– Poetas Di(n)versos.
– Salón do Libro Infantil e Xuvenil do Concello de Pontevedra.

Proxecto literario na rede
Galicia Encantada, coordinador: Antonio Reigosa.
Nee Barros. Canle de Youtube de promoción de libros en galego.
O bosque dos cromosomas, de Olga Novo.

Xornalismo cultural
– Montse Dopico.
Ramón Nicolás.
– Ramón Rozas.

Actividades arredor de Xela Arias en centros de ensino das provincias da Coruña e Pontevedra

A Asociación de Escritoras e Escritores en Lingua Galega (AELG) organiza diversas actividades arredor de Xela Arias en centros de ensino das provincias da Coruña e Pontevedra.

Coa colaboración da Deputación da Coruña, durante os meses de abril e maio a AELG promove a organización de obradoiros literarios arredor da figura de Xela Arias en diferentes centros de ensino de Educación Primaria e Secundaria da provincia da Coruña.
– En Educación Primaria son impartidos por Andrea Barreira, baixo o título de Cada día, a familia.
– En ESO e Bacharelato levan por título Xela Arias e a revista literaria, a cargo de Dúas gamberras e un micro.

Tamén están dispoñíbeis para toda a cidadanía dous Proxectos Didácticos elaborados por Beatriz Maceda Abeleira:
Xela Arias. A poesía como acción (Educación Primaria)
Xela Arias. A poesía como acción (Educación Secundaria e Bacharelato)

Así mesmo, en colaboración coa Deputación de Pontevedra, a AELG promove tamén a organización de obradoiros literarios arredor da figura da autora homenaxeada no Día das Letras en diferentes centros de ensino de Educación Primaria e Secundaria desa provincia.
– En Educación Primaria son impartidos por Jesús Castro Yáñez, baixo o título de XELAPALABRA.
– En ESO son impartidos por Lara Dopazo Ruibal.

Homenaxes realizadas pola AELG a Xela Arias en 2014

Recollemos, a continuación, as actividades realizadas desde a AELG en homenaxe a Xela Arias en 2014:

Á procura de trazos que nos describan. Homenaxe a Xela en Vigo, o 11 de marzo, coa colaboración do IES Álvaro Cunqueiro (poden verse aquí dúas recensións en prensa).

Homenaxe da AELG a Xela Arias no Concello de Sarria, o 6 de setembro de 2014. A crónica fotográfica completa pode verse aquí.

Obradoiros para o ensino e recital Versos na baixamar en Barreiros

Os Obradoiros para o ensino e recital Versos na baixamar en Barreiros son unha iniciativa da AELG desenvolvida coa colaboración e patrocinio do Concello de Barreiros.

Con motivo do Día das Letras Galegas 2021 dedicado a Xela Arias, terán lugar dúas actividades no Concello de Barreiros.

Está pendente de confirmar a forma de inscrición para participar como público no recital poético, sempre seguindo as medidas sanitarias vixentes en cada momento.

10 de maio.
Obradoiros arredor da figura de Xela Arias Cada día a familia, impartidos por Andrea Barreira nos dous Centros de Educación Primaria de Barreiros. Dirixido unicamente ao estudantado destes centros.

17 de maio.
– Ás 18:00 h., no Centro Sociocultural de Barreiros (Rúa Veiga), terá lugar a primeira edición de Versos na Baixamar, recital poético que contará coa participación dalgunhas das nosas mellores poetas e voces máis novas da Mariña: Olalla Cociña, Paula dos Anjos e o chairego Daniel Irimia, xunto ao coordinador da actividade, Lois Pérez.

Vencerse é cousa de se tratar. Lectura de textos de Xela Arias, o 16 de maio na Coruña

O sábado 16 de maio ás 12:30 horas, diante do Teatro Rosalía de Castro da Coruña, terá lugar unha lectura de textos de Xela Arias, actividade da AELG en colaboración coa A. C. Alexandre Bóveda.
Contaremos coa actuación musical de César Morán, autor da música para o poema de Xela Arias Non é xusto do poemario Tigres coma cabalos, que forma parte do seu disco, Río de son e vento.
As persoas que queiran participar no recital poético deben confirmar asistencia no correo electrónico nesta ligazón. Agradécese que se confirme tamén o título do poema que se vai ler, para así non repetir ningún. Debido ás restricións derivadas da pandemia da Covid-19, deberase indicar tamén o voso nome, apelidos e número de teléfono, para cumprir coa lexislación sanitaria vixente.

Ribadeo: Letras no campo. VII Feira Ribadense do Libro

Compostela: Queremos vivir en galego!, o 17 de maio


Desde Queremos Galego:
“A plataforma Queremos Galego! fai un chamamento a realizar un gran acto nacional o vindeiro 17 de maio baixo o lema “Queremos vivir en galego” na praza do Obradoiro de Compostela. Debido ás restricións sanitarias, este evento contará cunha capacidade limitada polo que precisamos que te inscribas [aquí].
Queremos vivir en galego con toda liberdade, con total normalidade, sen límites, sen coaccións e sen exclusións.
Podermos usar e dispor da nosa lingua en todo e para todo, un dereito humano recollido na Declaración Universal dos Dereitos Humanos, o pacto internacional dos dereitos civís e políticos ou a Carta Europea das Linguas, mais que para o galego aínda temos que conquistar no día a día.
A sociedade galega mantivo este ano a súa mobilización, con centos de iniciativas para gañar novos espazos para o galego ou evitar retrocesos noutros. Como a Iniciativa Xabarín, que chega ao Parlamento con máis de 33.000 sinaturas para garantir a posibilidade de gozar de contidos audiovisuais en lingua galega, nomeadamente para a infancia e a mocidade.”