Branca Vilela: “En Pesadelo da creación inspiroume a realidade de moitas mulleres”

Entrevista a Branca Vilela en Diario de Bergantiños:
“(…) – Diario de Bergantiños (DB): Que nos pode contar deste novo traballo?
– Branca Vilela (BV): Este libro é un só poema. Pódese definir como unha poesía-novela porque ten todos os compoñentes: conta unha historia, cun personaxe principal, que é unha muller, e despois van aparecendo outros, que van conducindo o poema ata o desenlace final.
– DB: E dentro desa categoría de poesía-novela, en que xénero a encadra?
– BV: Unha pregunta difícil. Ten moita carga de contido social, con moita tensión, intriga e a palabra coa que mellor a defino é brutal. Inspiroume a realidade de moitas mulleres. Cando a protagonista plantexa que despois de cumplir ese rol imposto de muller da súa casa quere ter a súa independencia e realizarse, chegan os impedimentos, as prohibicións e a frustración, porque os cimentos desa historia foron baseados no control, na posesión e os condicionantes machistas que tanto dano causan e que lamentablemente seguen agochados na sociedade e descúbrense cando hai unha ruptura, denuncia ou morte. É un libro que fala de amor, de desengano, de dor, de incomprensión, de loita, de resistencia, de superación, de seguir os soños. Non vai deixar a ninguén indiferente polo relato e a súa dureza e ao mesmo tempo esperanzador.
– DB: Está baseada entón en feitos reais?
– BV: As situacións que pasa a protagonista son da vida real. Aquí a muller quere ser creadora, pero vale tamén o símil para a muller que quere montar un negocio, irse coas súas amigas de vacacións ou sinxelamente traballar para non ter esa dependencia do home. O difícil deste libro é contar a historia como foi, de maneira poética e que o lector se meta nesa pel, nos feitos, nas circunstancias, como se resolve. Por iso a pregunta que se fai o lector cando vai avanzando nas páxinas é iso: Aconteceu de verdade? Porque é tan surrealista e ao mesmo tempo tan desgarradora que dis, non puido ser. De feito as cousas que acontecen na vida cotidiá teñen que saír á luz, por duras que sexan. (…)”

O libro negro da lingua galega é o título da nova obra do profesor Carlos Callón

Entrevista a Carlos Callón en Radiofusión:
““O obxectivo fundamental é tentar responder a pregunta de como chegamos ata aquí. Por que motivo a lingua natural do noso país perde falantes e funcións ou por que hai moita xente que pensa que a lingua dos seus pais non serve para o seus fillos. A violencia física nas escolas polo feito de falar en galego termina en 1980 mais a violencia simbólica continua a día de hoxe como a prohibición ensinar matemáticas ou tecnoloxía no noso idioma”, comenta no club de lectura de Radiofusión un sorprendido Carlos Callón, xa que “había moitas portas por abrir e moitos testemuños por escoitar. É sorprendente a cantidade de cousas que hai aínda en arquivos e que hai que investigar. O Estado español ten unha débeda histórica aínda coa nosa lingua”. A entrevista pode escoitarse aquí.”

Foz: actividades dos 20 e 21 de agosto na Feira do Libro 2022

Foz: actividades do 19 de agosto na Feira do Libro 2022

Viveiro: actividades do 13, 14 e 15 de agosto na Feira do Libro 2022