Arquivos do autor: asociacionescritoras-es
Xurxo Souto: “Na Coruña non hai título nobiliario maior que ter unha avoa cigarreira”
Entrevista a Xurxo Souto en La Opinión:
“(…) – La Opinión (LO): Máis de vinte anos pasaron xa desde a publicación da novela [O retorno dos homes mariños], por que a reeditan agora?
– Xurxo Souto (XS): Para min é un soño e unha celebración de vinte anos de literatura. Teño esa sensación tan alucinante de que, no seu momento, contei o que quería contar. Quería contar o mar. Eu nacín nesta cidade barco e ninguén me falaba do mar. Eu son da rúa da Torre, en Monte Alto. Cada noite vía como entraban pola casa os catro golpes de luz da Torre de Hércules e escoitaba o mar. Na Coruña, cando para o ruído dos seres humanos e dos coches, escóitase o mar. Na Coruña di Orzán, Orzán, en Vigo, Berbés, Berbés. É un problema de educación e é un desacougo da miña xeración. Nacemos nesta cidade, aínda que os nosos pais viñeron da aldea. Somos radicalmente coruñeses e ninguén nos falaba do mar, estando aí.
– LO: E cando o descobre e decide facer esta novela e falar del?
– XS: Encontreime, xa grandiño, cun texto de Jerónimo del Hoyo, cóengo da catedral de Santiago, que no século XVII falaba cos mariñeiros da Pescadería que lle contaban que había uns seres míticos coruñeses, únicos, os homes mariños. Como podía ser que eu non soubese iso? Eu pensei que sería porque non sabiamos nada do mar e por iso escribín este libro, con toda a humildade, falando do reencontro da miña xeración, da xente dos barrios, co mar, desde o punto de vista mítico dos homes mariños, pero tamén desde o punto de vista dese mar do que ninguén nos fala e se mete nas nosas vidas en forma de petroleiros. A Coruña é unha cidade marabillosa, é tamén unha cidade punky. Eu teño un recordo sendo rapaz de ver a choiva negra, era o Urkiola, despois, vimos arder o mar, co Mar Egeo. Pensabamos que non podiamos ver nada máis extraordinario e vimos unha montaña de merda sobre o mar, o vertedoiro de Bens.
– LO: E anos despois de que se editase o libro, chegou o Prestige, non sabiamos o que nos esperaba…
– XS: Si, o mar está aí chamándonos, pero sempre vemos a parte negativa. A Coruña cambiou radicalmente nestes vinte anos. Unha persoa que leve vinte anos sen vir á Coruña non a recoñece. Xa non temos Caixa de Aforros, non temos Banco Pastor, non temos Fenosa… O orgullo das nosas nais era que os seus fillos traballasen aí. Fomos para atrás, pero o que non cambiou foi o mar. Seguiron chegando petroleiros e, cada dous días, hai algunha ameaza dun barco que ten problemas. O que si cambiou é que esa ignorancia absoluta que tiña eu xa non está. Noto, na xente nova, un desexo de saber cousas do mar. Xa saben o nome das pedras da Torre, aparecen libros marabillosos como Orixe orzánica das sereas todas, ou os poemas de Xosé Iglesias. Mesmo se creou un colectivo político chamado Marea Atlántica. E temos problemas de hoxe, como que se pretendan converter nun negocio inmobiliario os terreos portuarios, que teñen que ser a grande oportunidade de futuro da Coruña como cidade atlántica. Eses problemas veñen de aí, de que hai vinte anos non sabiamos nada do mar. Daquela aceptouse que se fixesen edificios para pagar o porto exterior, nuns terreos que teñen que ser de todos. A día de hoxe sería imposible, temos outra conciencia, avanzamos moito neste sentido porque a cidade vai coñecendo a súa identidade, sabe que naceu do mar e que ten que ter no mar o seu futuro. (…)”
Marta Veiga faise co Johán Carballeira de Xornalismo cunha reportaxe sobre a pandemia
Desde Nós Diario:
“Marta Veiga Izaguirre foi a gañadora do XVIII Premio Johán Carballeira de Xornalismo, convocado polo Concello de Bueu (Pontevedra), cunha reportaxe titulada Cantigas para despois dunha pandemia e publicado na Revista Luzes en xuño de 2020.
A resolución do xurado foi adoptada este domingo, segundo trasladou o Concello. O grupo que escolleu á galardoada estivo formado polo presidente da Asociación de Amigos Johán Carballeira, Manuel A. Mosteiro, o director de Praza Pública, David Lombao, e a gañadora da anterior edición e xornalista de El Progreso, Nieves Neira.
No acta, o xurado destacou que a reportaxe “ofrece un relato no que se tratan problemas previos á pandemia que continuarán despois desta e para os que se ofrecen solucións a través de fontes expertas e un tratamento que fuxe do conxuntural”.
Ademais, sinalou que o traballo premiado “destaca polo seu estilo e a estrutura a modo de conversa, cun humor acedo que non cae na frivolidade”, e “achega a cara social e política da pandemia, máis alá de datos e cifras”.
O premio, dotado con 1.500 euros, naceu coma unha homenaxe ao político, poeta e xornalista bueués, José Gómez de la Cueva, máis coñecido como Johán Carballeira, quen tamén fora alcalde de Bueu até o seu asasinato, en 17 de abril de 1937, a mans dos golpistas durante a Guerra Civil española (1936-1939). Amais da de xornalismo, o certame conta cunha categoría de poesía, cuxo fallo se fará público a comezos do mes de maio.
Marta Veiga é profesora asociada da área de Xornalismo no Campus de Lugo da Universidade de Santiago de Compostela (USC) e xornalista freelance, ademais de investigadora e xestora do grupo de innovación docente Xuvenciencia. Licenciada en Ciencias da Información pola USC, ten traballado en medios de comunicación como Diario de Pontevedra e El Progreso.”
Pepe Carballude presenta A pintora libertaria
Desde o Diario Cultural da Radio Galega:
“Maruja Mallo é a protagonista da nova novela de Pepe Carballude, A pintora libertaria. A entrevista pode escoitarse aquí.”
“Vida e obra de Xela Arias Castaño”, desde o Colexio San Pío X (Ourense)
XI Concurso de relatos de inspiración científica Inspiraciencia
Inspiraciencia é un concurso de relatos de inspiración científica co que colabora a AELG. É unha iniciativa que relaciona ciencia e escritura dun xeito lúdico, un espazo aberto para pensar e imaxinar a ciencia desde a ficción. O seu obxectivo é fomentar un achegamento ao pensamento científico, de forma libre e persoal, a través da creación literaria, e explorar realidades antes non imaxinadas.
As bases do concurso poden descargarse aquí.