María Canosa: “Pretendía amosar as pequenas pingas machistas da sociedade que, ás veces, custa discernir, é dicir, os micromachismos”

Entrevista de Montse Dopico a María Canosa en Praza:
“Laura é unha profesional cun posto de traballo no seu. Cunha nai que a axuda cos fillos. Cun marido ás veces ausente, mais non mal pai. Unha privilexiada, dadas as circunstancias. Mais tamén unha muller que carga coas culpabilidades aprendidas nunha sociedade que non deixa de ser patriarcal aínda que, ás veces, non se note tanto. Laura irá aprendendo a ser máis consciente de por que se sente desbordada. Máis reflexiva sobre a desigualdade estrutural na que sobrevive. E máis aberta a apoiarse nas súas iguais: outras mulleres. Disto vai O lado do que dormes, a última novela para público adulto de María Canosa, autora máis coñecida polo seu traballo na LIX. Falamos con ela, que respondeu as nosas preguntas por correo electrónico, deste libro e, en xeral, da súa narrativa.
– Praza (P): Laura é unha muller nova, con fillos, hipoteca, traballo e a sensación de que a súa vida quedou atrás, pois séntese desbordada. Laura podería ser moitas mulleres. Como xorde a personaxe?
– María Canosa (MC): Laura xorde da experiencia persoal. Da propia e da allea que me rodea. Laura é o compendio das experiencias vividas ao longo da miña existencia, a través de min mesma e das mulleres coas que compartín vida. Así que podería dicir que Laura non é unha muller, senón moitas mulleres, como ben apuntabas. Crear a Laura foi o froito dunha necesidade de expresar unha situación habitual.
– P: Ela defínese a si mesma como “corredora de fondo” e di que non existe a conciliación, senón a “reconciliación”. Parte do seu conflito é ese: carga cunha culpabilidade na que os homes, normalmente, non son educados, aínda que é o seu compañeiro o que está máis veces ausente. En que sentido quixeches facer, neste libro, unha reflexión sobre isto?
– MC: Como me acontece moitas veces, o libro concibino dun xeito máis natural e irreflexivo do que se poida pensar. Eu déitome continuamente coa necesidade de reconciliar a miña mente, a miña conciencia, porque me foi imposible a conciliación. Iso da reconciliación é moi María, ademais de moi Laura. A miña intención era reflectir a situación da miña xeración desde o meu punto de vista e experiencia.
A sensación de Laura é compartida por moitas mulleres da miña contorna vital. O que eu pretendo é amosar a realidade que vivimos, e a reflexión aparece soa despois. O que pretendía era amosar as pequenas pingas machistas da sociedade que, ás veces, custa discernir, é dicir, os micromachismos, eses que ás veces non detectamos ata que nos fatigan, por insistentes e persistentes. Aí centrei o meu esforzo, nas cousas pequenas, unha teima (a das cousas pequenas) que me persegue, ha, ha!
– P: Malia todo, non deixa de ser unha persoa con sorte, dadas as circunstancias: é unha muller con estudios que traballa do seu, ten a axuda da nai e o compañeiro non é mal pai, cando menos cando está. O caso de Laura non é o máis representativo da realidade. Algún motivo para escoller unha muller licenciada, de clase media…?
– MC: A escolla da situación de Laura é totalmente consciente. As mulleres coma ela son consideradas unhas privilexiadas. E si, son privilexiadas en parte, pero tamén sofren, por máis que certos privilexios ou eleccións oculten outros problemas.
Non son moi dada a xeneralizar, quizais porque son consciente de que cada persoa é un universo completamente diferente, por iso non me gustan as visións xerais. Eu pretendía amosar un caso particular, pero non illado. Como ben dis, por moito que existan colexios, xardíns de infancia… as xornadas laborais adoitan ter un horario incompatible con eles.
Así pois, a crianza dos fillos adoita converterse nunha re-conciliación, que só é posible grazas á axuda externa. Laura debátese entre a responsabilidade laboral e responsabilidade familiar, porque a súa elección foi ter as dúas cousas, traballo e familia. Agora ben, como conseguilo?
A sociedade non debera facela elixir, pero é habitual escoitar o de: ela quixo traballar, ou ela quixo ter fillos. E si, ela quixo as dúas cousas. E neste caso, o seu home, tamén. Por que non se lle fai a mesma pregunta a el? Por que se lle esixe a ela que cargue con todo ás costas? Á fin e ao cabo, dá igual a clase social, a situación, o status. O caso é que é ás mulleres a quen se nos esixe. (…)”

Vigo: actos destacados na Feira do Libro 2020 para o 4 de xullo

O 4 de xullo finaliza a Feira do Libro de Vigo (na Rúa do Príncipe, con horario de 11:00 a 14:00 horas e de 17:00 a 21:00 h.), organizada pola Federación de Librarías de Galicia, cos seguintes actos literarios destacados para este día:

18:00 h. El Hematocrítico asina Alcaldesa Vermella, A media hora dos heroes e Campións do mundo, publicados por Xerais, e o resto da súa obra.
19:00 h. Aser Álvarez asina Galicia rural e Carvalho Calero sen fronteiras. Unha fotobiografía de RCC, publicados por Arraianos Producións.
19:00 h. Sara Carrasco e Silvia Iglesias asinan Alén do azul. O mundo submarino da ría de Vigo, publicado por Catro Ventos.
20:00 h. Pedro Feijoo asina Un lume azul, publicado por Xerais, e o resto da súa obra.

Miguel Anxo Seixas: “Castelao é o deseñador da nación galega xunto con Camilo Díaz Baliño”

Entrevista de Iria-Friné Rivera Vázquez a Miguel Anxo Seixas Seoane en Historia de Galicia:
“- Historia de Galicia (HG): Tendo en conta o volume de traballo que levou a súa tese e logo biografía [Castelao. Construtor da nación. Tomo I. 1886-1930], como definiría o proceso de estudar, analizar, recompilar e escribir?
– Miguel Anxo Seixas Seoane (MAS): Tratase de reconstruír todo o tapiz dunha vida roto, esfiañado, disperso. Unha biografía é unha forma de contar parte da historia na que un dos protagonistas é o biografiado. Neste caso era dificultoso por ser un personaxe moi completo pero tamén polo vento dos tempos que o levou a moitos lugares e que o expulsou de Galicia. Ese vento da historia e a furia do vendaval da intolerancia destruíu e escondeu parte do seu legado. Por iso era dificultoso, por disperso, por escondido, destruído ou ignorado, xuntar todo nunha biografía. O resultado deses descubrimentos é o relato en tres grosos tomos da biografía que publica a editorial Galaxia. Pero amais Castelao estableceu unha ligazón cos espazos nos que viviu e coas persoas que tratou neles e quería que saísen eses outros personaxes que se relacionan dun xeito ou outro con el. Castelao non é unha estatua illada enriba dun pedestal ou un santo enriba dunha peaña. Había que baixalo dese podio e pasear con el pola terra e o tempo que el viviu. Hai que ter en conta os espazos xeográficos e as outras persoas que actúan canda el neses escenarios. El e un personaxe que nos conduce e relaciona con outros. Coñecendo mellor o escenario e os outros pode entendese mellor a súa actitude.
– HG: De atender a culturas como a británica vese que existe unha ampla produción de biografías de personalidades senlleiras e dende moi distintos enfoques e épocas. Nesta liña: pensas que é preciso facer unha biografía das personalidades senlleiras galegas?
– MAS: Pois a cultura galega ten moitas obrigas pendentes e os novos escritores e artistas e investigadores terán que facelas. Cada un no seu saber ten que darnos esa obra pendente. Temos amais institucións que forman e adestran a xente nova para ser capaces dese labor. Ten que haber investigación rigorosa e, asemade, divulgación para chegar a cidadanía. Por iso terá que haber na escrita, na música, nas artes esas obras que ademais se complementen. Quero dicir que unha novela é compatible cunha obra de teatro, cun documental, cunha película, cunha canción ou cun vídeo do mesmo tema. Os galegos e os non galegos teñen que darnos esas súas obras, esas súas visións e interpretacións nas distintas linguaxes e con calidade. Por cinxirme a escrita na cultura galega predominan mais uns xéneros literarios que outros. Hai un desequilibrio. O que menos abunda deles probablemente sexa o ensaio e a investigación. Persoeiros galegos os que lle debemos case todo teñen os seus nomes tatuados en rúas, prazas, edificios, en premios… É un recoñecemento dos seus concidadáns pero, en cambio, non abundan esas biografías deses homes e desas mulleres que nos deron tanto. En fin, faltan moitas mais biografías para que con todas elas volvan a vivir e estar presentes entre nós nesa común e compartida república galega das letras. (…)”

Iniciados os traballos do monólito da Homenaxe O Escritor na súa Terra – Letra E 2020

No obradoiro de Cantería Torres, con Gumersindo Porca Deive, proseguen os traballos de elaboración do monólito da Homenaxe O Escritor na súa Terra-Letra E, dedicada neste 2020 a Vítor Vaqueiro, nun acto que terá lugar o 19 de setembro en Santiago de Compostela.

Vigo: actos destacados na Feira do Libro 2020 para o 3 de xullo

O 3 de xullo continúa a Feira do Libro de Vigo (na Rúa do Príncipe, con horario de 11:00 a 14:00 horas e de 17:00 a 21:00 h.), organizada pola Federación de Librarías de Galicia, cos seguintes actos literarios destacados para este día:

13:00 h. Belén Rodríguez Suárez asina De Carballo Calero a Carvalho Calero, publicado por Hércules.
18:00 h. Ledicia Costas asina Vampira de biblioteca, publicado por Xerais, e o resto da súa obra.
18:00 h. Vanessa Glemsel asina Sutura, publicado por Urutau.
19:00 h. Manuel Esteban asina A vinganza dos homes bos, publicado por Xerais, e o resto da súa obra.
19:00 h. Bieito Romero asina Simboloxía máxica en Galicia, publicado por Baía.
20:00 h. Manuel Bragado asina Vigo, puro milagre, publicado por Xerais.

Manuel Esteban: “Este libro fala do perdón a un mesmo, que é un perdón complicado, porque normalmente queda debaixo da culpa”

Desde Xerais:
Cíes Podcast emitiu unha entrevista co escritor Manuel Esteban sobre o libro: A vinganza dos homes bos, publicado por Xerais.
A súa intervención pode escoitarse nesta ligazón, a partir do minuto 25″.”

Susana González Lago, ‘Galemán’: “Decateime de que falaba mellor unha lingua allea que a miña propia e sentín vergoña”

Desde Nós Diario:
“Emigrar non significa esquecer. Susana González Lago, nada en Ponteareas e criada en Salceda de Caselas, non esqueceu desde Suíza as súas raíces. Hai uns anos descubriu a poesía galega e iniciou a bitácora en internet Galemán, na que publica traducións ao galego de autoras como Tamara Andrés, Emma Pedreira ou Antía Otero. A experiencia nace do desexo de crear un vínculo poético galego-alemán e poder ter intercambios interesantes e construtivos. Ela mesma realiza moitas das fotografías que ilustran o seu blogue ou escolle outras de autoras significativas.
– Nós Diario (ND): Como chega a Suíza e ao alemán?
– Susana González Lago (SGL): Nacín e crieime na Galiza. Emigrei nos anos oitenta, sendo adolescente, xunto con miña nai e miña irmá. Meu pai levaba oito anos de temporeiro en Suíza e despois dese período concedéronlle o permiso para emigrar tamén nós. Non podendo mellorar a súa situación financeira na Galiza, decidiron que para estar mal, polo menos que fose estando xuntos. Aquí comecei a escola nunha clase de integración lingüística e cultural para estranxeiros. Aprendín alemán e francés. Despois incorporeime a unha clase regular que me acolleu con moito agarimo e axudoume moito. É a historia da maioría das que emigramos sendo nenas.
– ND: En que momento comeza o seu interese pola literatura galega en xeral e pola nosa poesía en particular?
– SGL: Hai uns anos un amigo que retornou a Galiza contactoume. Escribíame nun fermosísimo galego normativo que espertou en min moita curiosidade. Deime conta de que falaba mellor unha lingua allea que a miña propia e sentín vergoña. Compartíamos literatura e poesía. Esta correspondencia impulsoume a mellorar o galego e a consumir literatura galega.
– ND: Cal é a razón de abrir unha bitácora en internet con traducións de poemas galegos?
– SGL: A poesía pasou a ser parte da miña vida e decidín anotarme a un curso de escrita online, no cal podo afondar o galego, a literatura e a poesía. Comecei a traducir por curiosidade ao ver os versos escritos en alemán e saber como soan. Traducir reláxame enormemente e converteuse nun pasatempo. Publico o que fago co desexo de compartir experiencias con xente interesada polas linguas e a poesía. (…)”

Vigo: actos destacados na Feira do Libro 2020 para o 2 de xullo

O 2 de xullo continúa a Feira do Libro de Vigo (na Rúa do Príncipe, con horario de 11:00 a 14:00 horas e de 17:00 a 21:00 h.), organizada pola Federación de Librarías de Galicia, cos seguintes actos literarios destacados para este día:

18:00 h. Vicente Vázquez Vidal asina Os afluentes, publicado por Tulipa.
19:00 h. Henrique Dacosta asina Carvalho Calero. Vida e obra dun ser polifacético, publicado por Xerais, e o resto da súa obra.
19:00 h. Ramón Domínguez e Iván R. asinan Meigas fóra!, publicado por Xerais, e o resto da súa obra.
20:00 h. An Alfaya asina O grupo, publicado por Xerais, Soleando, publicado por Galaxia, e o resto da súa obra.
20:00 h. Xurxo Lobato asina Galicia é unha festa, edición do autor.