“O derradeiro diálogo de Cobas e DoCampo”

Artigo de Susana Rois en Nós Diario:
O pintor cego é a obra póstuma de Xabier P. DoCampo. O derradeiro libro que fixo a canda o ilustrador Xosé Cobas, o seu lector “máis comprometido”, en palabras da escritora e ilustradora catalá Teresa Durán. Chega ás librarías un diálogo artístico e literario cargado de referencias pictóricas e aprezo persoal.
Xabier P. DoCampo pensaba que “un libro ilustrado precisaba ser concibido coma unha obra conxunta, nacida dun texto literario e unha obra de ilustración que haberían de se ver fundidas nunha unidade narrativa na que texto e ilustración se ven obrigadas a unha interacción que constrúa a obra única”. Na súa convicción, o escritor bateu con Xosé Cobas, o ilustrador co que compartiu máis de tres décadas de traballo e amizade.
Dous anos após o pasamento do que fora Premio Nacional (estatal) de Literatura Infantil e Xuvenil, Xosé Cobas presenta da man de Kalandraka O pintor cego, a última obra que fixo en común con DoCampo. “Trátase dunha historia antiga que Xabier tiña na cabeza desde había tempo. Acabou de escribila como sempre facía, sen rematala, co texto aberto, pendente de definilo unha vez eu rematase o meu traballo”, explica Cobas a Nós Diario.
Mais a Xabier P. DoCampo chegoulle a morte antes de que o ilustrador avanzase até o final do libro. “Ía pola metade, e xa había tempo que Xabier non estaba en condicións de facer ningunha incursión sobre o texto. Eu xa lle propuxera introducir A illa dos mortos, do pintor suízo Arnold Böcklin, e animárame a facelo”, lembra, ao igual que outras achegas gráficas, resultado das conversas diarias que mantiñan e das moitas viaxes e vivencias compartidas. (…)”

Conversas Creativas, pola Oficina Galega de Outros Asuntos do Movemento

Desde a Oficina Galega de Outros Asuntos do Movemento:
“Un servizo de acompañamento e asesoramento virtual dirixido ás creadoras e creadores de calquera oficio ou proxecto, que precisen atopar os puntos clave do seu talento, para reescribir a vida persoal, laboral e creativa. Ou que precisen unha nova orientación, un cambio de rumo no baleiro. Coa Conversa Creativa existe a posibilidade de innovar, tomar unha ruta nova e inexplorada, deconstruír e facer xurdir algo que antes non había. Afóndase así na consciencia do presente, na escoita integral de todos os sentidos, coa máxima confidencialidade.
Empregando as nosas propias creacións de poemas e cancións abriremos cada conversa. A poesia falada ou cantada. O poder das palabras en declamación ou canción habilmente combinadas, contribúe a reflexionar máis sobre as nosas vivencias, e así entendelas desde outro prisma. Aumenta a actividade cerebral, ao perceber estímulos máis elaborados en comparación con expresións neutras. Deixa paso á expresión libre, diminúe as áreas adicadas ao control e supervisión, facilitando a correlación entre hemisferios e en relación directa para unha mente tranquila. Nun momento de profundas emocións contidas e límites extremos no tacto e contacto, o ámbito relacional toma o protagonismo de raíz e a creación artística, o motor. A posibilidade de facelo mediante a voz e video-cámara, mediante unha tecnoloxía básica, un teléfono ou un computador, abre á participación de todas as persoas que precisen este servicio.

Por que?
– Porque é parte natural de nós acompañar coa voz poética e musical, ferramenta sonora fundamental no cotián para os nacementos de calquera acción na práctica, nomeadamente artística.
– Porque a empatía e a escoita activa con outra persoa fai que poidamos vernos reflectidos e integrar novas paisaxes que levamos dentro.
– Porque sacar para fóra o sentir primixenio é recoñecer os recursos propios: ideas, imaxes, palabras para novos textos, melodías, movementos…

Para que pode ser útil a conversa creativa?
– Para espertar a imaxinación e visualizar novos camiños.
– Para ir á nosa crianza e traer ao presente a forza creativa.
– Para adentrarse no caos sen xuízo e soerguerse desde el.
– Para visualizar bloqueos e posicionalos como aprendizaxe.
– Para escoitarse desde o relato emocional, recoñecelo, integralo e xestionalo.
– Para achegarse a coidar e ser coidado no sosego e no íntimo.

Que abrimos con este espazo de Conversa Creativa?
A través de conversas por teléfono, vídeo ou whatsapp individuais, personalizadas e con protección da privacidade, ofrecemos un servizo de arte – saúde para axudar no sostén do presente e nas novas formas de relación e expresión a través da composición de poemas e cancións. Un espazo para conectar coa propia creatividade, sosterse nela e, a partir de ahí, relacionarse con otras persoas, coa comunidade.

Canto tempo sería? A nosa proposta é que as conversas teñan unha duración de 60 minutos. No primeiro encontro valoraremos as necesidades de cada intercambio, adaptando o tempo e a cadencia das sesións ás posibilidades de cada persoa.

Como é o intercambio? O pagamento, o intercambio transitivo será pactado na conversa. Contacto: Mensaxe a través do facebook da Oficina Galega de Outros Asuntos do Movemento.

Falicitadoras:
– Marina Oural. Performer. Escritora. Productora. Docente e Tco. Relacións Públicas e Fundadora-Directora de Atana (A Coruña), primeiro gabinete especializado en ámbito relacional de Galicia. Practica morfoanalitica. Pratica Contact Improvisation. Parceira Oficina Galega de Outros Asuntos do Movemento.
– Ugia Pedreira. Psicóloga. Compositora de cancións. Escritora. Ex-directora e co-creadora do Centro Galego de Música Popular (aCentral Folque, CMTF Lalín). Practica morfoanalitica. Observadora activa do método ABM (Feldenkrais). Parceira na Oficina Galega de Outros Asuntos do Movemento.”

Iria Collazo: “Os meus Tintíns da infancia están tan desgastados que parecen a piques de romper”

Entrevista de César Lorenzo Gil a Iria Collazo en BiosBardia:
“(…) – BiosBardia (B): Con que escritor/a lle prestaría pasar unha noite de festa? Pode estar vivo/a.
– Iria Collazo (IC): Podo elixir dous? Encantaríame unha velada con Pizarnik e Cortázar. (…)
– B: Que novela lle gustaría protagonizar?
– IC: Gustaríame ser a Blimunda do Memorial do convento, de Saramago. (…)
– B: E un libro galego posterior ao 1970 que adora?
– IC: O derradeiro libro de Emma Olsen, de Berta Dávila. Pornografía ou Camuflaxe, de Lupe Gómez. seique, de Susana Sanches Arins. Non necesariamente nesa orde.
– B: E un clásico galego que agasallar como mostra de afecto?
– IC: Aínda que sigo sen saber moi ben a partir de que data un libro galego pode ser considerado como un clásico, o primeiro libro que se me ocorre para regalarlle a unha amizade que nunca o lese sería un poemario, o De catro a catro, de Manuel Antonio. En prosa, se cadra elixiría A esmorga, de Blanco Amor ou Se o vello Sinbad volvese ás illas, de Cunqueiro.”

Polafías Polavida (contos ben contados), Celso Fernández Sanmartín

Desde a sección de Literatura de Tradición da AELG convidámosvos a reunirnos cada día, momentaneamente, arredor da lareira virtual que representa o noso inmenso arquivo.
Polas polafías da AELG pasaron grandes contadoras e contadores como Celso Fernández Sanmartín, que estivo en Xirarga-Beariz o 1 de outubro de 2011 e contou “Cando chegou a televisión a Lalín“.
Aquí podes ver os vídeos desta Polafía.

Rechiade e unídevos baixo cancelos comúns como #CorentenaLiteraria, #Euquedonacasa, #LerGalegoSempre, #Acasainfinita, #DescobreACulturaGalega, #CulturaGalegaCuradora, #CulturaNaRede, #Aculturasegue e/ou #aculturasegue.