Desde o blogue de Armando Requeixo, Criticalia:
“O ano 1990 foi nefasto para as nosas letras. Marcharon Ricardo Carballo Calero, Xosé María Díaz Castro, Xosé Conde, Manuel Lueiro Rey e Ramón Piñeiro.
Xa vai alá un cuarto de século e parece que foi onte. Aquel vinte e sete de agosto, tras ser hospitalizado, rematou os seus días na vivenda de Xelmírez 4º o autor de Olladas no futuro. Foise no mesmo lugar no que sentou cátedra durante corenta anos, unha universidade paralela e clandestina que dirixía dende aquela atalaia que gobernaba os tellados de Compostela, como moi ben describiu o seu amigo Víctor Fernández Freixanes:
A galería dá á rúa de Xelmírez e pódese ver a rúa Nova ata o cine Principal, os tellados vellos de Compostela, unha tenda de ceras na esquina que semella estar pechada sempre, coma morta, os campanarios (outra vez os campanarios, escuros, gobernados aquí polas altas torres da catedral, que queda un pouco á dereita). Axiña vén a noite polo mes de Santos. Chove a cachón, chove de abaixo pra riba, de riba pra abaixo, e a auga anda xa nas entrañas das cousas, escorregando entre as laxes de pedra, xurrando polas costas e esvaíndo as imaxes. Cando estiña, os cascarolos nocturnos saen dos seus currunchos e van coma fatos de carneiros calados polos granitos.
A vivenda que avista a Rúa Nova, propiedade da familia García-Sabell, converteuse naqueles anos escuros no epicentro do galeguismo interior, unha sorte de sancta sanctorum ao que cumpría peregrinar para parlamentar co singular apóstolo. O seu xenuíno altar acabouno constituíndo unha vella mesa braseiro. Nela ideáronse moitas das estratexias de supervivencia e proxección da cultura galega dese tempo e tamén alí foron escritas miles de cartas e a obra maior do autor de Láncara. (…)”
Arquivo da categoría: Aniversarios e efemérides
Mecanoscritos: Pura Vázquez
Desde o blogue de Ramón Nicolás, Caderno da crítica:
“(…) Aos case xa dez anos do seu falecemento permítome deixar aquí este poema no seu recoñecemento e no de Manuel Luís Acuña.”
Ars dedicandi: Manuel Luís Acuña
Desde o blogue de Armando Requeixo, Criticalia:
“Fica memoria de Manuel Luis Acuña pola publicación dun único poemario: Fírgoas. Se atendemos ao colofón da obra, saíu do prelo da Editorial Nós de Ánxel Casal o 6 de setembro de 1933 e foi pronto recibida con aplauso en cabeceiras como A Nosa Terra, La Región ou Heraldo de Galicia, nalgunhas das cales o autor era tamén colaborador.
O exemplar da primeira edición que se amosa (e que reproduce a cuberta que para esta deseñou un daquela ben mozo Manuel Prego de Oliver) vai dedicado ao Seminario de Estudos Galegos, institución de prestixio á que pertencían moitos galeguistas que Acuña admiraba e dos que mesmo era correlixionario no PG, como os tamén ourensáns Risco e Otero Pedrayo ou o rianxeiro Castelao, o que xustifica o obsequioso envío do libro ao SEG. (…)”
Ars dedicandi: Ánxel Fole
Desde o blogue de Armando Requeixo, Criticalia:
“O 11 de agosto de 1903 naceu no número 1 da Praza de Campo Castelo en Lugo Ánxel Fole, voz fundamental da narrativa galega de Posguerra e xornalista de longa e recoñecida traxectoria.
Moitos foron os amigos do mundo literario que este clásico das nosas letras tivo ao longo da súa vida, que deu de si, pois aínda nos deixou en 1986. (…)
Esta dedicatoria que hoxe recupero por xentileza de Carmen Blanco e Claudio Rodríguez Fer testemuña esa amizade garimosa que, dende a primeira hora, os uniu a Fole.
Figura estampada na que é a segunda edición de Terra brava, aparecida en 1976, un volume que conserva na cuberta o deseño orixinal que Xohán Ledo fixera para a edición primeira. (…)”
IIIº aniversario de Avelino Pousa Antelo, o xoves 20 de agosto
O xoves 20 de agosto terá lugar o III aniversario de Avelino Pousa Antelo, coas seguintes actividades:
– 12:00 h. Homenaxe na casa do Concello de Teo. Posteriormente, acudirase ao paseo Avelino Pousa na urbanización Os Verxeis.
– 15:00 h. Xantar de irmandade en Barcala (Casa Salvador). Hai que avisar previamente a este mail: erdao@hotmail.com ou no teléfono 636032750, antes do 15 de agosto.
– 18:30 h. Homenaxe en Negreira a Avelino Pousa. Intervén, entre outras persoas, Amancio Liñares Giraut.
Casas literarias: Ernesto Guerra Da Cal
Desde o blogue de Armando Requeixo, Criticalia:
“Ernesto Guerra da Cal naceu en Ferrol o 19 de decembro de 1911, no segundo andar do número 142 da Rúa Sagasta, hoxe Da Igrexa. (…)
Aínda que Guerra da Cal veu ao mundo na cidade ilustrada, o seu berce vivencial e formativo, a súa raiceira autorial foi outra: o val de Quiroga, nas terras surlucenses lindeiras coa ourensanía.
Celia Díaz Núñez, citando palabras do escritor, ten explicado nun traballo elaborado cando este aínda estaba entre nós ese inequívoco sentimento de pertenza:
Quiroga é para Guerra da Cal un “jardim interior que eu venho com amor cultivando, dia a dia, durante as últimas quase sete décadas, à roda do mundo”, é tamén un “Vergeul de Consolação” no que “reside o âmago mais intocado da minha mais sacra identidade”. É o “Edem da infância que levo no meu coração e nas entranhas da alma como a custódia leva a hóstia”, un “Refúgio mental, jardim de lembranças sossegado”, o seu “Paraiso interior inexpugnável às investidas e dissabores da vida”, pois é o “Paraíso infantil da memória”. Quiroga, en definitiva, forma a “Paisagem da lembrança, humana, urbana e natural que eu levo entesourada nas camadas mais fundas da alma”.
Guerra da Cal foi vivir a Quiroga sendo aínda naipelo, pois seu pai morreu cando el contaba sete meses e súa nai decidiu regresar preto de seus proxenitores, que moraban na vila luguesa. De primeiras residiu, brevemente, na casa que un seu tío avó materno tiña na Praza Maior, a chamada Casa da Tabacaleira, construída en 1898. Ben pronto marchou para outra vivenda da fronte oposta da mesma praza. No andar de baixo deste novo inmoble estudou o futuro escritor as primeiras letras con Santiago Prol Blas, tío seu, membro da RAG e celebrado rosaliólogo que residía coa súa familia no primeiro andar. Nesa mesma casa naceu, anos máis tarde, o poeta, narrador e ensaísta Eduardo Moreiras.
Mais a casa de referencia do universo literario quirogués de Guerra da Cal é o inmoble ao que se trasladou en 1914, sito na esquina da Rúa Real coa Rúa do Camiño de San Martiño de Abaixo. No primeiro andar daquela ampla vivenda residiu ata os nove anos, cando, chamado pola nai que marchara a Madrid, foi para o barrio das Delicias. Guerra da Cal no se afixo alí, sufriu unha sorte de depresión e tivo que volver a Quiroga, onde permaneceu ata os once anos, idade á que volveu outra vez para Madrid. (…)
Tal día coma hoxe de 1994 deixounos en Lisboa. Vaian estas liñas en homenaxe ao poeta. (…)”
Manuscrito: Rosalía de Castro
Desde Caderno da crítica, de Ramón Nicolás:
“Para lembrar o seu 130 cabodano traio a esta sección, onde xa viron algúns manuscritos da autora, unha carta do seu puño e man dirixida a Luís Tobío Campos. A carta está incorporada na web do Consello da Cultura Galega, onde se pode consultar xunto con outras recuperadas. Con todo, velaquí o orixinal, cortesía da Fundación Penzol.”
A Matanza, Padrón: 130 aniversario do pasamento de Rosalía de Castro
Ars dedicandi: Fuco Gómez
Desde o blogue de Armando Requeixo, Criticalia:
“Van alá cento vinte anos do nacemento de Fuco Gómez, emigrante á Habana nado en Becerreá que exerceu como escritor e xornalista en galego tras formarse autodidactamente.
Filántropo, independentista e masón, Gómez chegou a alcanzar unha estimable cultura e frecuentou o trato con importantes personalidades das letras do Caribe e doutros lugares. Devoto da poesía de Rosalía ―tamén da de José Martí― escribiu poemas como os de Pastorelas (1950), a novela O idioma dos animás (1937) e os volumes histórico-políticos Naciones ibéricas (1931) e mais Ensayos de crítica e Historia de Galicia (1960), entre outros.
A dedicatoria que recuperamos pertence ao seu libro Grafía galega (1927), de moi curioso e expresivo subtítulo. Obra moi discutible dende o filolóxico, pero de indubidable valor como testemuño da sensibilidade idiomática do escritor, nela evidénciase a paixón por Galicia, a súa lingua e a súa cultura de Gómez, quen as defendeu ata posicións arredistas.
O destinatario da dedicatoria é nada menos que Ramón Otero Pedrayo, a quen Gómez moito estimaba dende o literario e apreciaba tamén pola súa entrega á causa galeguista.
Fique aquí, pois, esta pequena homenaxe a un soñador de nobres causas, redactor dun himno galego alternativo e ideador dunha outra bandeira galega, que nos deixou en xaneiro de 1972 non sen antes legarnos algunhas das páxinas máis singulares da literatura do seu tempo.”