“O
Concello de Xinzo fíxoo fillo ilustre e predilecto da vila e agora, cando está a piques de cumprirse o décimo aniversario da súa morte (9 de marzo do 2002), organiza unha semana dedicada a Carlos Casares que se desenvolverá do 5 ao 9 de marzo e que estará centrada na obra do articulista. Un encontro con claro carácter reivindicativo, xa que en Xinzo tamén queren que sirva para apoiar a declaración por parte da Xunta do 2013 como Ano Carlos Casares e que se lle dedique o Día das Letras Galegas, unha vez que xa terán pasado os dez anos do seu falecemento que se fixan como prazo mínimo na normativa da Real Academia Galega para que un autor protagonice o 17 de maio.
Aínda que queda por pechar definitivamente o programa, os actos constarán de faladoiros públicos de amigos do autor e persoeiros da cultura galega e limiá. Mesturaranse co teatro, lectura de pasaxes de libros de Casares ou exposicións temáticas que reunirán obras, fotografías e diferentes obxectos do homenaxeado. Convocarase o premio Carlos Casares de Creación Literaria do Concello de Xinzo e paralelamente celebrarase por primeira vez a Feira do Libro Limiao, dedicado a escritores locais.” Vía La Voz de Galicia.
Arquivo da categoría: Aniversarios e efemérides
Preséntase o web do Ano Celso Emilio
“Esta
mañá presentábase na Cidade da Cultura a programación do dedicado a Celso Emilio Ferreiro. Entre as novidades a destacar presentouse, da man de Ouvirmos, o web que centralizará na rede a información sobre o personaxe e as homenaxes. Na mesma recóllense datos sobre a vida e obra do poeta, así como fotografías, rexistros sonoros e mesmo un repaso da presenza do texto do autor en discos.” Vía Cultura Galega.
24 de febreiro, Día de Rosalía de Castro
A Asociación de Escritoras e Escritores en Lingua Galega (AELG) anima á cidadanía a agasallar un libro en galego e unha flor no día do nacemento de Rosalía de Castro, do que este ano se cumpre o 175 aniversario.
A AELG convida a centros de ensino e concellos a participar do Día De Rosalía de Castro organizando actividades de promoción da obra da nosa escritora para conmemorar o aniversario do seu nacemento.
O 24 de febreiro está recollido oficialmente como Día de Rosalía de Castro pola Consellería de Cultura e Educación no seu Calendario do Libro e da Lectura.
A AELG solicitou aos concellos que declaren ese día 24 de febreiro como Día de Rosalía de Castro e que o recollan nas súas programacións culturais. A AELG anima a toda a cidadanía a participar desas actividades.
Por outra banda, a AELG abriu este blog para reflectir todas as actividades e celebracións dese día, convidando a participar nel a toda a cidadanía.
A Asociación de Escritoras e Escritores en Lingua Galega, pola súa parte, está organizando nas principais cidades e vilas lecturas públicas da obra rosaliana, nas que se lerá un manifesto solicitando a difusión do coñecemento da obra de Rosalía de Castro, en especial entre as xeracións máis novas que colectivamente contribuímos a coeducar, pois a súa poesía ou prosa reflexiva son base indispensábel para fomentar o amor á nosa lingua e comprender a nosa identidade cultural.
Estes son os actos confirmados até o momento (esta información actualizarase diariamente):
– Santiago de Compostela, 18:00 h. Panteón de Galegos Ilustres (PDF, JPG). Ás 20:00 h., no Espazo de El Correo Gallego, con motivo da presentación de Follas Novas, agasallarase aos presentes cunha rosa con versos.
– A Coruña, 18:30 h. Kiosko Alfonso (PDF, JPG).
– Lugo, 10:30 h. Salón de actos do IES Lucus Augusti (PDF, JPG).
– Ourense, 19:00 h. Liceo de Ourense (PDF, JPG).
– Ferrol, 19:00 h. Galería Sargadelos (PDF, JPG), cun recital poético de textos de Rosalía a cargo de Rosa Martínez Dios, Xosé Leira e Rosa Méndez. Ademais, até o día 24 de febreiro, agasallará cun libro e unha flor aos clientes que merquen libros.
– Vigo, 19:30 h. Museo de Arte Contemporánea (MARCO) (PDF, JPG).
– A Rúa, 18:30 h. Biblioteca Pública Municipal, Casa da Cultura (PDF, JPG).
– Pontevedra, 18:00 h. Casa das Campás (PDF, JPG).
– A Estrada, 19:00 h. Sala de conferencias e exposicións Caixanova (PDF, JPG).
– Monforte, 21:00 h. Centro de Interpretación do Viño de Monforte de Lemos (PDF, JPG).
– Sabarís, Baiona, todo o día. No Mercado da Tía Ni agasallarase a todos os seus clientes cun libro en galego.
– Allariz. Libraría Aira das Letras. O 24, 25 e 26 de febreiro, regalarase unha flor por cada libro comprado.
– Redondela, entre as 11:00 e 13:00 h. Lectura pública de textos da autora en Radio Redondela (cada persoa que participe poderá levar un poema ou un fragmento en prosa).
– Outes. Cada persoa que visite a Casa da Cultura de Outes, será agasallada cun libro en galego e unha flor.
– Oleiros. Bibliotecas Municipais. Xunto ás exposicións bibliográficas de obras de e sobre Rosalía, repartiranse marcapáxinas con poemas seus, e as persoas que leven algún fondo bibliográfico en préstamo serán agasalladas cun libro en galego.
– Muxía. O Concello de Muxía agasalla aos centros educativos do muunicipio cunha rosa e o libro Átonos, de Rosalía Fernández Rial.
– O Carballiño. 18:00 h. Diante do Casino do Carballiño, entidade que organiza o acto. Tras a lectura do texto sobre Rosalía sortearase un libro entre os/as participantes.
En cada un destes actos o coordinador/a, socio ou socia da AELG, lerá unha Declaración da Asociación de Escritoras e Escritores en Lingua Galega no Día de Rosalía de Castro 175 anos despois do seu nacemento, do que adiantamos o primeiro parágrafo:
Hoxe Rosalía como berro que reclama e revive en presente atemporal a reivindicar a presenza de lingua e identidade en todos os recunchos do noso país.
Moitos centros de ensino confirmaron que celebrarán actividades relacionadas co Día de Rosalía.
Así mesmo, varios concellos do país aprobaron ou están en vías de oficializar este día a raíz da proposta de moción que a AELG enviou aos distintos grupos municipais. Confirmamos este trámite nos concellos de A Coruña, A Estrada, A Guarda, A Pontenova, Arteixo, Arteixo, Betanzos, Cangas, Ferrol, Laracha, Muros, Narón, O Rosal, Ponteareas, Porto do Son, Redondela, Rianxo, Santiago, Teo, Tui, Valdoviño, Viana do Bolo, listaxe que irá aumentando nos próximos días segundo se vaian celebrando os plenos.
Rosalía de Castro é a escritora máis representativa da lingua e da literatura galegas. A publicación do seu libro Cantares Gallegos, o primeiro escrito integramente no noso idioma, desde a vontade firme e inequívoca do seu significado, sinala o inicio da restauración do uso escrito do noso idioma e o final de séculos de silencio e esquecemento.
A súa obra é un retrato do pobo galego e goza dunha total actualidade. Desde o século XIX Rosalía de Castro foi homenaxeada polas galegas e os galegos como poeta nacional, pois reclamou a redención da patria galega e asumiu a voz do seu pobo, voz que guiou permanentemente a súa obra e o seu pensamento. Esta galeguidade intrínseca dos seus textos, esta comunicación e entendemento permanente co seu pobo, ao se dirixir a el no seu idioma propio, foi o que a fixo tamén poeta de todos os pobos, chegando a formar parte da nómina de escritoras máis destacadas da literatura universal de todos os tempos.
Santiago: presentación do monográfico Celso Emilio fai 100 anos
O xoves 26 de xaneiro, ás 20:00 horas,
na Libraría Couceiro (Praza de Cervantes, 6) de Santiago de Compostela, preséntase o monográfico Celso Emilio fai 100 anos, publicado pola Asociación Arraianos, onde se recolle material inédito do poeta celanovés, un CD dos Labregos no tempo dos Sputniks e as colaboracións de Xesús Alonso Montero, Aser Álvarez, Miguel Castelo, Lois Codias, Carlos Díaz, Isaac Díaz Pardo, Celso Emilio Ferreiro, Luís Ferreiro, Benedicto García, X. L. Méndez Ferrín, Ramón Nicolás, Xaime Quessada, Baldo Ramos, Armando Requeixo, Xosé Benito Reza, Sabino Torres, Miro Villar, Manuel Vilanova e Xosé Vizoso. Intervirán no acto Aser Álvarez, Xoán Xosé Moralejo e Armando Requeixo. Actuarán interpretando temas musicados con versos de Celso Emilio os Labregos no tempo dos Sputniks.
A Coruña: mesa redonda Maruja Seoane na nosa lembranza
Vila de Cruces: homenaxe a Xosé Neira Vilas
O
sábado 21 de xaneiro, ás 19:00 horas, no Auditorio Municipal Xosé Casal, o Concello de Vila de Cruces organiza un acto de homenaxe a Xosé Neira Vilas con motivo do aniversario da publicación de Memorias dun neno labrego.
Celso Emilio Ferreiro por si mesmo
“Máis dunha hora de gravación na que Celso Emilio Ferreiro fai un repaso da súa biografía. Esta é a achega que fai a Mediateca do Consello da Cultura Galega a coincidir, hoxe coa celebracón do centenario do nacemento do escritor. A súa infancia, a relación coa familia, a evolución política e ideolóxica poden coñecerse na propia voz de Ferreiro. A gravación que agora se publica fora editada polo Consello na serie As nosas voces en formato casete. O son procede das entrevistas que María Xosé Porteiro e Xosé Antonio Perozo realizaran para o seu libro Celso Emilio Ferreiro, compañeiro do vento e das estrelas, e fora editado polo Arquivo Sonoro de Galicia. As limitacións tecnolóxicas do momento explican a relativamente escasa calidade do son. O material orixinal está na actualidade en proceso de restauración no propio Arquivo Sonoro e se publicará na rede en canto estea dispoñible. (…)” Vía Cultura Galega.
Celso Emilio Ferreiro, cen anos de resistencia poética activa
Artigo
de Camilo Franco en La Voz de Galicia:
“A pesar das confusións biográficas, Celso Emilio Ferreiro naceu hai cen anos, un 4 de xaneiro de 1912, concretamente ás catro da tarde, horas antes de que, segundo a súa avoa, houbese fenómenos estraños no ceo. A literatura xogou, desde ese momento de feitos estelares, un papel fundamental na vida de quen, segundo os especialistas, foi un dos escritores galegos máis populares. Coincidindo con este centenario, o Parlamento Galego declarou este 2012 como ano dedicado a conmemorar a figura do escritor de Celanova, que cargou toda a súa vida poética coa responsabilidade de ser poeta civil. Celso Emilio Ferreiro Míguez naceu o 4 de xaneiro de 1912. O seu pai tardou dous días en inscribilo no rexistro civil e por este motivo nalgunhas biografías aparece a data do 6 de xaneiro como a do seu día de nacemento. A perspectiva dos poetas novos sobre a obra de Celso Emilio resúmea María do Cebreiro, asegurando que o escritor volveu «imprevisiblemente antes desta conmemoración e quizais o mellor dela sexa que nos obrigue a relelo». Para a escritora, a poesía de Ferreiro «conecta cun momento de incerteza e precariedade e a súa lectura pode ser moi produtiva na circunstancia actual». Máis que conectada coa súa poesía, María do Cebreiro encontra ligazón entre o autor de Celanova e os poetas que comezaron despois do 2000, «como Daniel Salgado».”
Comeza o programa do Ano Celso Emilio
“O
director xeral do Libro, Bibliotecas e Arquivos presentaba o martes 3 de xaneiro as propostas da Consellaría de Cultura para celebrar o Ano Celso Emilio. No programa que se adiantou destacan as iniciativas de divulgación a pé de rúa. A iniciativa 100 poemas para lembrar a Celso Emilio exhibirá mostras da súa poesía nos escaparates de Celanova, mentres a acción Vivo na rúa Celso Emilio Ferreiro repartirá poemas nas caixas de correo dos habitantes das rúas que leven este nome en todo o país. Tamén se desenvolverán dous concertos con versións musicadas das súas obras. Cultura apoiará tamén a edición en inglés de Longa noite de pedra, así como unha versión bilingüe en galego e castelán sobre o escritor e unha escolma dos artigos que realizou para ABC desde 1973 e ata o seu pasamento. Unha homenaxe na Cidade da Cultura completa, polo momento, as iniciativas presentadas.” Vía Cultura Galega.
Ramón Nicolás: Descubrir o iceberg Ferreiro
Artigo
de Ramón Nicolás en La Voz de Galicia, desde o seu blogue Caderno da crítica:
“Participo da idea de que un pobo que non honra a memoria dos seus escritores, que non espalla os valores que a súa achega supuxo leva camiño de perder a memoria de si mesmo. Por iso entendo como acaído que este novo ano que xa case asoma a cultura galega vaia centrarse en dous poetas que son símbolo do noso pasado máis recente: Valentín Paz-Andrade e Celso Emilio Ferreiro, irmandados os dous por protagonizaren, respectivamente, o Día das Letras o primeiro e o mais o Centenario do nacemento o segundo. Ambos os dous personaxes exhiben un perfil que vai alén do estritamente literario o que posibilita afondar nas vizosas vertentes de actuación cultural, xornalística ou política que representan. Respecto de CEF, ademais, cómpre non perder de vista que tamén se conmemoran, neste 2012, os cincuenta anos da primeira edición de Longa noite de pedra.
Alén dunha homenaxe que se lle tributou na súa vila natal, por volta dos anos cincuenta, con escasos documentos testemuñais, da que se lle rendeu en Pontevedra cando abandona a cidade para radicarse en Vigo no ano 1949 e a que tivo lugar en maio de 1966 nos baixos do Hotel Roma de Ourense, derivada da decisión de autoexiliarse por mor das duras circunstancias que o rodeaban, entre as que a persecución policial non era a menor (un banquete considerado como a primeira manifestación pública de oposición ao franquismo na posguerra ao acoller as reivindicacións dos labregos polo asolagamento do val de Castrelo de Miño), non sei de ningún outro recoñecemento que CEF recibira en vida, máis ou menos colectivo e á marxe do que lle puideran tributar pequenos círculos de amigos. Resulta rechamante en alguén que levou a cabo un intenso labor por Galicia en moitas e distintas ordes e, aínda máis cando, desde a súa morte para acó, foron e son torrenteira os recoñecementos dedicados á súa memoria. Non se cumpriu a sentenza que se recolle nunha nota final do epitafio de Ben-Cho-Shey e que de certo CEF asumiría: “Quedan suprimidas tódalas homenaxes postmortem porque as cousas ou se fan ao seu tempo ou non se fan”, mais ese “lume que alampea xamais o veredes morto” que se consigna no seu epitafio semella ser profético. (…)
E el sería precisa esta nova vaga –conxecturo- de recoñecementos á obra e á figura de CEF? Sen dúbida. Malia os actos, de filiciacón institucional ou non, que neste espazo de trinta e tres anos se viñeron sucedendo, o certo é que aínda hai tanto o traballo por facer, no que se refire á catalogación dos seus fondos, á divulgación da súa obra ou á investigación dos seus diversos perfís, que teño a firme convicción que será ben difícil que neste ano se esgote todo o que arredor da súa obra ou da súa personalidade se poida dicir. (…)
Queda por facer aínda moito máis: proxectar internacionalmente a súa poesía, rescatar prosas aínda dispersas en numerosas cabeceiras, a edición dun epistolario que considero un auténtico patrimonio pola súa riqueza e importancia documental -tamén porque é clave para coñecer máis intimamente ao home, quen foron os seus auténticos amigos, a quen recorría cando o precisaba e como foron os “traballos e os días” tal e como dicía o seu amigo X. Mª Álvarez Blázquez-; queda a edición de textos aínda descoñecidos –boa proba diso son os poemas rescatados neste xornal hai poucas datas, os dous de inusitada modernidade- e, sobre todo, hai moito que facer para teimar na popularización e divulgación da súa obra literaria, axudándose desas innumerables versións musicadas dos seus poemas. Iceberg Ferreiro, para este 2012.”

