Muxía: Acto fundacional da Fundación Gonzalo López Abente

O sábado 29 de xaneiro, ás 11:30 h., no salón de plenos do Concello de Muxía, terá lugar o acto fundacional da Fundación Gonzalo López Abente, que nace co fin de poñer en valor a obra e a figura do escritor Gonzalo López Abente (Muxía 1878-1963), e con vocación de ser un foco de irradiación de actividade cultural para toda a Costa da Morte. Farán a presentación Félix Porto, Alcalde de Muxía e Presidente da Fundación, e X. H. Rivadulla Corcón, Vicepresidente. Logo farase a sinatura da acta fundacional por parte dos representantes das institucións que forman parte do Padroado: Deputación da Coruña, Real Academia Galega, Universidade da Coruña, Universidade de Santiago, Consello da Cultura Galega, Asociación de Escritores en Lingua Galega e PEN Clube de Galicia, tras o que o poeta e escritor Miro Villar, membro da Comisión Executiva da Fundación, fará o laudatorio de López Abente. A continuación os asistentes trasladaranse ao cemiterio para facer unha ofrenda floral -a cargo dos familiares- diante da tumba do poeta nun acto presentado por Xesús Sambade, membro da Comisión Executiva da Fundación, e lectura de poemas de López Abente por: X. H. Rivadulla Corcón, Miro Villar, Luís González Tosar (presidente do PEN Clube de Galicia), Cesáreo Sánchez Iglesias (presidente da AELG) e Xosé Luís Méndez Ferrín (presidente da RAG). Os actos continuarán coa visita á sede da Fundación (Casa das Beiras) onde será interpretado pola Coral Virxe da Barca o himno á Virxe da Barca (obra de López Abente) por primeira vez en galego, xa que nos anos 50 prohibíuselle escribilo en galego, e agora como acto de xustiza fíxose a tradución, rematándose cun ágape de confraternización para os asistentes. Crónica posterior en Galicia Hoxe.

Antonio Gamoneda, nomeado Escritor Galego Universal pola AELG

A Asociación de Escritores en Lingua Galega destaca con este premio, que xa recibiron Mahmud Darwish, Pepetela, Nancy Morejón, Elena Poniatowska e Juan Gelman, aqueles autores que unen á excelencia literaria o compromiso ético que os converte en referentes na defensa da dignidade nacional e humana. Antonio Gamoneda reúne unha altísima poesía e un insubornábel compromiso ético, para quen o individuo, e por tanto o poeta, se realiza na poesía como forma de coñecemento. Con motivo da entrega do premio, Antonio Gamoneda estará en Galicia en abril. O día 29 ofrecerá unha conferencia na cidade da Coruña e o 30 asistirá á Cea das Letras, organizada pola Asociación de Escritores.
Nacido en Oviedo en 1931, a obra de Gamoneda esténdese desde o 1960, con Sublevación inmóvil, até hoxe marcada por unha fonda pegada ética que gaña forza nun exemplo de coherencia e verdade poética. Premio Cervantes en 2006, reivindícase como pertencente á cultura da pobreza: o sufrimento social penetra na súa conciencia lingüística, conferíndolle unha linguaxe poética e semanticamente subversiva. Combina un poderoso dominio do idioma cunha permanente actualidade do seu mundo poético nacida da asunción da propia historia persoal e colectiva. O recoñecemento europeo e americano revélase na tradución da súa obra a distintas linguas. Foi tamén Premio Raíña Sofía de Poesía Iberoamericana en 2006 e Premio Nacional de Literatura na modalidade de Poesía en 1988.
A nova aparece recollida en Cultura Galega, Xornal, La Voz de Galicia, El Correo Gallego, Galicia Hoxe e La Opinión.

A Fonsagrada: nova edición das Polafías

O sábado 20 de novembro, a partir das 18:30 h., no Museo Comarcal da Fonsagrada, con entrada libre, nova edición das Polafías: Unha polavila no museo. Participarán tocadores de trompa (Emilio do Pando, César Fernández e Daniel do Pando), tocadores de gaita (Manuel Fernández e Marta Álvarez), narradores orais (Antonio Fernández “Paradiñas”, Manuel de Candelos, Manuel de Seoane e Pacífico Pardo), con Xía Arias, Isidro Novo, bailadores da Asociación Cultural Antaruxas e Sorteiros, e outras veciñas e veciños co seu saber contar e cantar. Organizado pola Sección de Literatura de Tradición Oral da AELG e patrocinado pola Área de Cultura da Deputación de Lugo, Vicepresidencia primeira.

Santiago: presentación de En defensa do poleiro

O martes 16 de novembro, a partir das 19:30 h., na Libraría Couceiro (Praza de Cervantes, 6) de Santiago de Compostela, preséntase En defensa do poleiro, publicado por Toxosoutos, libro colectivo, iniciativa da Plataforma en defensa do uso público e educativo do mosteiro de Celanova, que contou coa colaboración da Asociación de Escritores en Lingua Galega (AELG) e no que participaron máis de 60 escritores galegos. No acto estarán presentes Xoán Carlos Domínguez Alberte, coordinador do volume, con David Otero, Mariña Pérez Rei, Xan Fraga, Lourdes Maceiras, Xosé Manuel Lobato e Baldo Ramos. Tamén se proxectará o audiovisual: O Iesplicable.

A Coruña: recital poético no V Encontro de Escritores/as Novos/as ante vellas preguntas

Como colofón do V Encontro de Escritores/as novos/as ante vellas preocupacións, organizado pola Asociación de Escritores en Lingua Galega, co patrocinio do Centro Español de Dereitos Reprográficos (CEDRO), a Deputación Provincial da Coruña e a Concellaría de Cultura da Coruña, o sábado 6 ás 19:00 h. terá lugar un recital poético onde intervirán Arsenio Iglesias Pazos, Dores Tembrás, Gonzalo Hermo, Susana Sánchez Arins e David Rodríguez.

Últimos vídeos das aportacións preliminares ao V Encontro de Escritores/as novos/as ante vellas preocupacións</em

Rematamos cos últimos vídeos das aportacións preliminares dos participantes no V Encontro de Escritores/as novos/as ante vellas preocupacións, a celebrarse o sábado 6 de novembro na Coruña, organizado pola Asociación de Escritores en Lingua Galega.

Esta é a aportación de Olalla Cociña, que fará parte da mesa redonda MAIS tan importantes son os premios literarios?:

E, por último, as de Oliver Laxe, que fará parte da mesa redonda Que ten a poesía que ninguén a le pero todos a precisamos:

Conclusións do Galeusca 2010

Reunidos en A Coruña, entre os días 29 de outubro e 1 de novembro de 2010, as asociacións de escritores galegos, bascos e cataláns, ao redor do tema “A literatura en galego, éuscaro e catalán: unha viaxe con futuro”, concluimos que:

1. Demandamos do goberno central garantías e respecto equitativo e de adecuación de políticas de fomento e divulgación das nosas literaturas nacionais en pé de igualdade coa literatura escrita en lingua castelá.
2. Denunciamos as actuais políticas estatais de afronta e negación dos nosos idiomas nacionais, coa pretensión de anularen o principio de progresión recollido no espírito e na letra da lexislación vixente. Neste sentido, lembramos o contido do artigo 3.3 da Constitución Española de 1978 que impón ao goberno do estado obrigas de apoio efectivo para as linguas cooficiais: éuscaro, catalán e galego.
3. Reivindicamos a necesidade dunha maior presenza cualitativa e cuantitativa das nosas literaturas nacionais nos curriculos oficiais escolares para as etapas de ESO e Bacharelato.
4. Facemos constar o noso rexeitamento rotundo á aprobación, unilateralmente imposta polo goberno galego, do Decreto 79/2010 para o plurilingüismo no ensino non universitario que, por primeira vez na historia da democracia, fai retroceder a presenza horaria e a consecuente posibilidade de aprendizaxe, para a mocidade e infancia, do idioma galego, propio e oficial de Galiza, que afonda na súa condición de lingua minorizada e supeditada á hexemonía do castelán.
5. Denunciamos a regresión na política de investimentos en cultura por parte da Xunta de Galicia, que imposibilita o desenvolvemento ascendente e normalizado da actividade cultural vinculada ás industrias do sector e co propio proceso creativo de autores e autoras nas súas diferentes manifestacións artísticas.
6. Mostramos o noso desacordo coa recente convocatoria, por parte do goberno galego, dos agora chamados Premios de Creación, polo seu rexeitamento do cualificativo “Nacionais” co que naceron no seu día e pola anulación da dotación económica que conlevaba esta mención de recoñecemento.
7. Finalmente, entendemos que, nestes tempos de globalización, se fai aínda máis necesaria a defensa dos sinais de identidade dos pobos e de todas aquelas manifestacións nacionais que resisten o intento recentralizador dos grandes poderes políticos e económicos.