Compostela: concentración da Cultura Galega contra o xenocidio do pobo palestino, o 31 de marzo

O Comité de Solidaridade coa Causa Árabe (CSCA) convoca a artistas de todas as disciplinas e representantes da cultura galega a unha concentración artística en apoio ao pobo palestino e en denuncia do xenocidio que están a sufrir o vindeiro luns 31 de marzo, ás 20:00 h., na Sala Ángel Brage do Auditorio de Galicia.

A Asociación de Escritoras e Escritores en Lingua Galega colabora con esta actividade coa participación de:
Daniel Asorey
Chus Prol
Cesáreo Sánchez
Eva Teixeiro
Suso de Toro
Marga do Val

Lugo: Polavila Xabier P. DoCampo. Na memoria, o 3 de abril

Polavila DoCampo é unha homenaxe pública e itinerante ao mestre e escritor Xabier P. DoCampo, que terá lugar cada ano nunha provincia e cidade distinta, por volta do 5 de abril, coincidindo coa data do seu nacemento.

Este ano ten lugar a segunda edición, que se vai celebrar o 3 de abril no Pazo de San Marcos. Deputación de Lugo, na cidade de Lugo.

O Programa previsto é o seguinte:
– 19:00-19:15 horas. Apertura da Polavila nos xardíns (no caso de choiva, na Sala de exposicións do Pazo).
– 19:15-19:45 horas: Lectura pública e continuada de textos de Xabier P. DoCampo, en especial da novela A nena do abrigo de astracán, a cargo das súas amizades, nos xardíns (no caso de choiva, na Sala de exposicións do Pazo).
– 20:00- 22.00 horas: Gala Polavila DoCampo 2025, no salón de actos da Deputación de Lugo.
Conducida por Lois Pérez e Antonio Reigosa.
Contará coa presenza de Pepe Coira e Paco Martín.
Escoitaranse os poemas de Mans na voz de Daniel Puente Bello, ao que seguirán as voces das poetas Beatriz Dourado, Marica Campo e Xosé Miranda.
Rematará a gala cunha rolda de contos de Ana Carreira, Celso Sanmartín e Benxamín Otero.
A música correrá a cargo da cantora Xiana Lastra, acompañada doutra integrante d’A banda da Loba e Benxamín Otero.

Organizan a Iniciativa Polavila Docampo, a Deputación de Lugo e a Asociación de Escritoras e Escritores en Lingua Galega, coa colaboración de da Asociación Galega do Libro Infantil e Xuvenil (Gálix) e ProLingua.

Lugo a Versos 2025


A AELG colabora coa actividade Lugo a Versos 2025, organizada pola Área de Cultura, Turismo e Promoción da Lingua do Concello de Lugo e o Centro Sociocultural O Vello Cárcere de Lugo.

“No mes de marzo damos a benvida á V edición de Lugo a Versos, unha campaña de O Vello Cárcere para celebrar o Día Mundial da Poesía.

Este proxecto ten o obxectivo de conmemorar e divulgar a riqueza da poesía galega, de forma presencial e virtual. A campaña estará aberta a toda a cidadanía, e contará coa vosa participación nas redes sociais e tamén nun recital que terá lugar o 21 de marzo ás 18:00 h no propio Centro.

→ Bases de participación na dinámica virtual #LugoaVersos:
– A dinámica virtual dará comezo o 14 e rematará o 21 de marzo.
– Durante eses días, as persoas interesadas en participar deberán subir ás súas redes sociais (Facebook, Instagram, X) un vídeo ou audio recitando poesía galega, ou ben unha imaxe compartindo un poema galego en formato texto.
– Cada poema deberá ir acompañado do título e da autoría correspondente (que pode ser propia ou non).
– Todos os vídeos, audios ou imaxes que formen parte desta iniciativa deberán ir acompañados dos cancelos #OVelloCarcere e #LugoaVersos2025, e etiquetar os perfís de O Vello Cárcere (Facebook, Instagram ou X).

→ Bases de participación no recital “Lugo a Versos” no panóptico do Centro:
– O recital de poesía terá lugar o venres 21 de marzo ás 18:00h e as inscricións estarán abertas do venres 14 ata o xoves 20 de marzo ás 18.00h.
– As persoas interesadas en recitar deberán inscribirse a través do correo vellocarcere@lugo.gal indicando nome, apelidos, número de teléfono, e poñendo no asunto do correo ‘Recital Lugo a Versos 2025’.
– Durante o evento, e previa autorización das persoas participantes, gravaranse as intervencións co fin de ser posteriormente publicadas na nosa canle de Youtube e promocionadas a través das redes sociais.

O acto estará aberto ao público ata completar cabida. Máis información: 689 793 840″

A AELG congratúlase pola concesión do Premio CEDRO 2025 a Manuel Rivas

A AELG congratúlase polo premio CEDRO 2025 a Manuel Rivas, concedido pola Xunta Directiva de CEDRO, da que forma parte a AELG a través do seu presidente, Cesáreo Sánchez Iglesias.

Con este galardón, recoñeceuse o seu firme compromiso coa cultura, así como a súa contribución á defensa dos dereitos de autoría e a propiedade intelectual.

Carme Riera, presidenta de CEDRO, destacou que «este ano, quixemos recoñecer a Manuel Rivas o seu activismo e compromiso público coa promoción e defensa da creación literaria, dos valores culturais e dos dereitos de autoría».

«Ao longo de toda a súa traxectoria profesional, tanto literaria como xornalística, Rivas sempre estivo a carón da cultura e das súas creadoras e creadores», sinalou Riera, lembrando a constante defensa de Rivas dos dereitos de escritoras/es e tradutoras/es ante o uso non autorizado das súas obras por parte dos desenvolvedores de intelixencia artificial xenerativa.

Así mesmo, a presidenta de CEDRO salientou que «Manuel Rivas non dubidou nunca en reivindicar publicamente a necesidade de preservar a autoría e a xusta retribución das escritoras e escritores na era dixital». E tamén destacou «o carácter solidario de Rivas», lembrando a súa participación en 2022 nunha iniciativa impulsada por CEDRO para dar a coñecer as axudas que a Entidade ofrece a escritoras/es, tradutoras/es e xornalistas que pasan momentos de dificultade.

O Premio CEDRO, que se concede con motivo do Día Internacional de Propiedade Intelectual, naceu en 2017, co obxectivo de recoñecer anualmente, e de maneira simbólica, a traxectoria dunha persoa ou institución que destaque por defender a cultura en xeral e os dereitos de autoría en particular. Desde entón foron premiadas/os, entre outras/os: Lorenzo Silva, Rosa Montero, José María Merino e Antonio Muñoz Molina.

Discurso de Cesáreo Sánchez, presidente da AELG, no acto central do Día de Rosalía de Castro 2025

Este foi o discurso de Cesáreo Sánchez Iglesias, presidente da AELG, no acto central do Día de Rosalía de Castro, que tivo lugar o sábado 22 de febreiro en Compostela. Pode descargarse aquí.

“Amigas e amigos representantes das institucións políticas sociais, académicas e culturais.

Permitídenos, en primeiro lugar, agradecer a vosa presenza hoxe aquí.
Saudamos tamén a creación da Fundación Panteón de Galegas e Galegos Ilustres e o seu Padroado. É de suma importancia que este lugar teña o status necesario para seren honrados, coa dignidade que lles corresponde, aqueles e aquela que tiveron Galiza e o pobo galego como razón de ser e viver, nomeadamente Rosalía de Castro, que hoxe aquí nos reúne.
Este lugar vai chanzo a chanzo acadando a súa laicidade no seu uso público. Pensamos que hai arquitecturas que constitúen os símbolos nacionais dun pobo, dunha cultura, e deben ser os galegos e as galegas quen exerzan a súa soberanía sobre eles.
Mañá, 23 de febreiro, é o día de Rosalía. Vimos convocados por ela, acollidos á súa sombra protectora, neste ano que a data ten unha dimensión fulcral, por tratarse dun día que proxectará os días futuros.
Nos momentos máis difíciles para a nosa lingua, ante a perigosa caída no seu uso, ante a diminución en séculos do número de galegofalantes, ela, Rosalía, ten alimentado e seguirá alimentando non só a nosa identidade, tamén a esperanza liberadora, como fillos e fillas desta terra na que reclinamos os soños.
Somos os seres humanos que desde este lugar, desde esta terra, construímos os destinos da humanidade.
Curros escribiu a Rosalía un dos poemas de máis alta pulsión lírica na literatura universal. Nel púxolle a estrela que leva na fronte. A estrela que Castelao leva nas maos como o remol dunha fogueira que ilumina os designios desta terra para que poidamos nacer, viver, amar en galego. Neste idioma que eu lles estou a falar e que se sostén sobre o eco de todos e cada un dos corenta avós dos que nos falou Luís Seoane, avós que, desde o primeiro deles, tiñan estabelecido parentesco cos deuses.
A nosa fala sustenta, precisamente, as Letras Galegas do 2025. Publicamos un Manifesto desde a Sección de Literatura de Tradición Oral da AELG (o 8 de novembro de 2024) no que damos noticia de que honraremos a nosa oralidade: “recoñecer a poesía da tradición oral das mulleres como elemento fundamental na transmisión da cultura e lingua galegas”. Honrala supón unha validación longamente agardada por un amplo tecido cultural de base do país.
Neste ano que dedicamos á memoria das que nos precederon no verso musicado, a Real Academia Galega personificou de xeito audaz a tradición oral feminina en tres figuras:
– A muller, na persoa de Eva Castiñeira, de Muxía,
– A complicidade do par de mulleres en Rosa e Adolfina Casás de Cerceda,
– E a pequena comunidade das veciñas da bergantiñá aldea de Mens, representada por Prudencia e Asunción Garrido, e Manuela Lema.
A oralidade das pandeireteiras demostrou ser eficaz na transmisión da cultura e da lingua, tamén na conformación da identidade e sentido de pertenza.
Sentimos orgullo de sermos herdeiros e herdeiras da coralidade, das que foron parte da cadea de transmisión oral, porque todas elas contribuíron ao legado deste enorme patrimonio inmaterial que son as cantigas tradicionais e populares.
Implicitamente estas mulleres legáronnos a través do verso rápido e da lingua viva o seu xeito de construír comunidade a través da palabra.
Utilizamos igualmente a palabra para sinalar “aos que non nos aman”, que dicía Bernardino Graña; el foi o noso primeiro presidente fundador. As súas cinzas moran xa nos areais de Cangas (“Se morro, xa sabedes, deixádesme en Rodeira, no areeiro de Cangas, xunto ao mar”), e ese mandato foi cumprido hai poucas semanas.
Precisamos poder deter o ataque espurio ao corpo mortal da nosa terra.
Á eucaliptización depredadora e á contaminación empobrecedora da celulosa xa existente súmase esa bomba de destrución denominada ALTRI, que será causante de deforestación das especies autóctonas que desertizarán aínda máis a nosa terra, se non a paramos.
Os bosques, soutos e fragas acolleron as pregarias dos antigos, como oracións. Hoxe son continuas as agresións a necrópoles megalíticas, xacementos prehistóricos e monumentos funerarios dos antigos moradores desta terra. Nos cumes dos montes e serras colocan parques eólicos con aeroxeradores que matan as aves protexidas e feren a paisaxe.
50 explotacións mineiras ameazan a vida dos ríos e poñen en perigo a riqueza das nosas rías, podendo deixar sen postos de traballo a moitas mulleres e homes que se dedican ao marisqueo.
Téñense posto en marcha ao longo dos anos as máis diversas e sutís formas de agresión contra a nosa lingua, desde o acoso ao maltrato. Mais hai unha forma de agresión que se exerce contra quen a falamos e a amamos: quérennos ver doridos, mancados, vendo que somos unha xeración á que lle está a ser roubado o idioma que herdamos dos nosos avós.
Sen querer amortecer o significado da violencia vicaria, a violencia máis cruel exercida en contra das mulleres, atopamos un paralelismo na xorda e invisíbel violencia vicaria contra o noso idioma que ten por obxectivo ferir, humillar, alimentar o autoodio entre os falantes e promover a dependencia do que nos é alleo. Téntase que sexamos humanamente derrotados. Téntase humillar a aqueles e aquelas que facemos do galego a nosa bandeira de identidade, queren que sexamos desposuídos dela.
Estamos a ver que non se trata só de canta porcentaxe de galego fica no ensino, nin de como sexa falada a nosa lingua: trátase de que non se fale, de que se extinga. Nin no parlamento español, nin no europeo, nin na Radiotelevisión galega. Búscase que o galego non exista.
Vemos o caso dos dous representantes no parlamento europeo que votan contra o uso do galego para que non se fale nesa mesma Europa que o pobo galego, que a lingua galega, en palabras de Goethe, axudou a construír. Son palabras insculpidas aquí perto nas rúas de Compostela:
“A Europa que se construíu viaxando cara Compostela”.
Que corazón de ferro hai que ter para negar a todo un pobo a parte fulcral da súa identidade, o merecido prestixio de ser un dos idiomas cuxas capas máis profundas sedimentaron ao longo de milenios.
Presenciarmos o xenocidio palestino está a ser insoportabelmente doloroso. Ao mesmo tempo fainos crer na fortaleza do ser humano. Desa forza dános testemuña o pobo palestino de Gaza.
Mentres os centos de miles de gazatís regresaban ao norte de Gaza nunha imaxe de dimensións bíblicas, cantaron e choraron lágrimas de esperanza. Recitaron poesía cun orgullo desafiante: non van permitir ser expulsos da súa terra.
Conmovidos, somos conscientes de estarmos a presenciar un momento histórico para os pobos sometidos do mundo.
Nenos orfos levando ás costas outros nenos orfos. Entre eles, unha nena de 11 ou 12 anos canta con orgullo:

“Miña terra,
Meu querido país, a fermosa Gaza,
A terra é nosa.
A historia é nosa.
As raíces son nosas.
A paz sexa connosco.
Con todo o que temos soportado,
Si, somos o pobo de Gaza.
Deus é grande,
Miña terra natal,
Gaza,
a terra do meu corazón.”

Así Rosalía, a poeta que leva na fronte unha estrela e no bico un cantar, aos que maltratan unha cultura, un idioma, diríalles:

“Tedes o corazón de ferro!””

Cesáreo Sánchez Iglesias
Presidente da Asociación de Escritoras e Escritores en Lingua Galega
Bonaval, 22 de febreiro de 2025

Crónica fotográfica do acto do Día de Rosalía de Castro 2025 na Coruña

Estas son algunhas das fotografías do acto na Coruña do Día de Rosalía de Castro 2025, que tivo lugar o domingo 23 de febreiro, en colaboración coa A. C. Alexandre Bóveda. A crónica fotográfica completa pode verse aquí.

Crónica fotográfica do acto do Día de Rosalía de Castro 2025 en Vigo

Estas son algunhas das fotografías do acto en Vigo do Día de Rosalía de Castro 2025, que tivo lugar o 22 de febreiro, ás 12:00 horas, na Imprenta de Juan Compañel e Centro Social A Revolta, coorganizado entre a AELG e a Asociación Cultural O Castro. A crónica fotográfica completa pode verse aquí.

Crónica fotográfica do acto do Día de Rosalía de Castro 2025 en Lugo

Estas son algunhas das fotografías do acto en Lugo do Día de Rosalía de Castro 2025, que tivo lugar o 21 de febreiro, ás 11:30 horas, no Parque de Rosalía de Castro, organizado pola AELG, coa colaboración da Área de Cultura, Turismo e Promoción da Lingua do Concello de Lugo. O acto consistiu na lectura do Manifesto da AELG, elaborado neste 2025 por Marga do Val, a lectura pública da obra de Rosalía de Castro por alumnado do CEIP Veleiro Docampo de Castro Ribeiras de Lea e escritoras/es da cidade de Lugo, e unha ofrenda floral en homenaxe á autora. A crónica fotográfica completa pode verse aquí.

A AELG súmase á manifestación nacional “Lingua Vital Xa. Paremos a emerxencia lingüística” á que nos convoca Queremos Galego este domingo 23 ás 12 na Alameda de Compostela

Desde a Asociación de Escritoras e Escritores en Lingua Galega (AELG), entidade profesional que aglutina e representa as escritoras e os escritores galegos, manifestamos a nosa perplexidade ante o veto á nosa entidade a formar parte das comisións para a “revisión” do Plan Xeral de Normalización da Lingua Galega. Este veto é unha falta de respecto ao traballo dos e das escritoras galegas no labor de construtores, divulgadores e dignificadores do idioma e da súa capacidade para crear falantes, pois a lectura é unha das ferramentas normalizadoras que ten demostrada historicamente a súa eficacia, para alén das actividades de fomento da lectura que son en esencia actividades normalizadoras.
A exclusión da AELG das conversas e dos grupos de traballo postos en marcha o pasado día 12 na Cidade da Cultura, evidencia que desde o partido que ostenta o goberno da Xunta non hai vontade de contar cunha participación ampla e plural de colectivos representativos do conxunto da sociedade galega, unha medida imprescindíbel para o éxito de calquera proposta normalizadora.
Falta de vontade que tamén demostra o inicio das conversas marcando posicións inflexíbeis, velaí a negativa a derrogar o Decreto 79/2010, amplamente cuestionado desde os seus inicios, advertido polo Comité de Expertos de Europa e causa incuestionábel do descenso no número de falantes, do incremento dos prexuízos contra a lingua e mesmo do incumprimento da propia Lei de Normalización Lingüística, toda vez que se constata a incapacidade dunha parte da mocidade para se expresar con algunha fluidez na nosa lingua. A mesma falta de vontade que se demostra nos pasos lexislativos dados desde entón reducindo a presenza e a esixencia de coñecemento da nosa lingua na CRTVG ou na Administración.
A AELG reclama un proceso transparente, coa participación de todas as entidades sociais, cun guión claro en que se asuman compromisos para o incremento e a diversificación dos recursos, a aplicación das medidas debidamente planificadas e a súa avaliación.
Con esta reivindicación estaremos este domingo en Compostela sumándonos á manifestación á que nos convoca Queremos Galego, porque, como dixo o irmán Daniel, somos galegas e galegos polo idioma, esa lingua en que o pobo lle pediu a Rosalía que cantase. Que maior homenaxe, que mellor agasallo para a nosa poeta no seu aniversario que volver sermos pobo que atravesa as rúas da súa cidade para berrar aos que tan altos están que non oen, as palabras que escribiu Manuel María: que “recibimos a lingua en usufruto e temos a obriga de conservala e mellorala” se queremos seguir chamándonos galegas e galegos.
O futuro, tamén o de quen nos goberna, só será se é na nosa lingua.