Penélope en árabe

Artigo no blog de Armando Requeixo, Criticalia:
“(…) E vén todo isto a conto a propósito dunha máis que singular iniciativa na que, agora si, se xonguen Fútbol e Poesía. Estou a referirme á celebración onte do I Encontro Internacional de Fútbol Sala Xosé María Díaz Castro, un evento que ben pouco parangón terá fóra das nosas fronteiras, pero que en Galicia creo que é definitivamente único, polo menos ata onde un coñece.
Se xa que un poeta dea nome a un torneo futbolístico é algo máis que insólito, o que xa roza o incrible é que, ademais, o recadado voluntariamente no mesmo (pois as entradas foron gratuítas e cada asistente contribuíu co que tivo a ben) vaia parar á Asociación Xosé María Díaz Castro para que esta promocione e difunda a figura do escritor.
E se ao expresado sumamos que antes de que os equipos participantes (a saber: o Al-Wahda SF dos Emiratos Árabes, o Guitiriz e mais a Selección Galega) comezasen a disputar o torneo houbo oportunidade tanto de oír a Bloquinho de Xermolos e mais Sons da Aldea coma de asistir á proxección do vídeo documental A lus do mundo, que realizou o alumnado do IES Díaz Castro de Guitiriz arredor da biobibliografía do poeta baixo dirección de Cristina de la Torre, daquela esta xuntanza alcanza tinturas de milagre.
Agora ben, se todo o que levo contado non sorprendeu aínda aos máis escépticos, estou convencido de que a traca final si o fará: saiban todas e todos vostedes que, no marco deste I Encontro Internacional de Fútbol Sala Xosé María Díaz Castro, e atendendo á cortesía de participar nel un equipo emiratí, foi entregada aos deportistas e acompañantes daquela delegación unha folla voandeira na que se reproducía a primeira tradución ao árabe do célebre poema Penélope. Tan coñecido verso diazcastriano de Nimbos, foi traducido para a ocasión por Moncho Iglesias Míguez, escritor galego residente en Palestina, quen nos regalou así unha nova alfaia para esa coroa nimbada que conforma a poesía do guitiricense máis universal. (…)”

Viveiro: actos do xoves 15 na Feira do Libro do 2013

O xoves 15 de agosto continúa a Feira do Libro de Viveiro (nos Xardíns de Noriega Varela, con horario de 12:00 a 14:00 e de 18:00 a 22:00 horas). Dentro dos actos para ese día, destacan a asinatura de libros, a partir das 19:00 horas, de Olalla Cociña, e a presentación, a partir das 20:30 horas, de Bágoa de Lúa, de Sabela González, publicado en Galaxia, coa presenza da autora, acompañada por Bernardo Penabade. Finaliza a xornada coa presentación de Podería falar de nubes, de Francisco Castiñeira, publicado por Redelibros.
Previamente, o mércores 14, ás 19:30 horas, preséntase o libro-DVD Morreu o demo, acabouse a peseta, publicado por Urco Editora, coa participación de Comba Campoy e Anxo García.

O instante eterno, documental sobre Xosé María Díaz Castro

O instante eterno é un documental sobre a obra e a vida de Xosé María Díaz Castro, dirixido por Xosé Antón Cascudo. O proxecto botou a andar no ano 2011 co obxectivo de difundir a figura do poeta, de cara á celebración do centenario do seu nacemento en febreiro do 2014.
A pesar da súa indiscutible calidade poética, referendada en Nimbos, a obra de Díaz Castro era case descoñecida para o público até o pasado 21 de xuño, cando a Real Academia Galega o designou como o autor ao que se dedicarán as Letras Galegas do 2014. Precisamente o esquecemento deste tesouro e certos enigmas arredor da figura do poeta constituíron o impulso definitivo para a posta en marcha do documental.
Foi Alfonso Blanco, presidente da Asociación Cultural Xermolos, a persoa que máis alentou O instante eterno, cedendo a Cascudo gran parte do arquivo fotográfico e textual do poeta. Despois de meses de estudo desta documentación trazouse a idea esencial do proxecto: un poema visual en cinco tempos, coincidindo coas catro estacións da vida de Díaz Castro e un epílogo sobre a pegada estética da súa obra.
Na primeira fase da produción realizouse unha rolda de entrevistas nas que participaron o propio Alfonso Blanco; o poeta e expresidente da RAG Méndez Ferrín; Félix Villares, docente no Seminario de Mondoñedo e estudoso da Escola Poética da Terra Chá; Armando Requeixo, crítico literario, especialista en Díaz Castro; e Raúl Río, amigo e autor do busto do poeta na súa parroquia natal dos Vilares. Hai que destacar tamén a colaboración da poeta Xiana Arias que puxo voz a varios dos poemas do autor.
En canto ás localizacións do filme inclúense os lugares emblemáticos do poeta: Mondoñedo –cuxo seminario era naquel tempo o berce poético da comarca chairega–, Betanzos –vila na que Díaz Castro gañou o certame dos Xogos Florais en 1946–, Vilagarcía de Arousa –onde exerceu de docente no Colexio León XIII trala Guerra Civil– e Madrid –lugar de residencia do poeta durante gran parte da súa vida, quizais o feito que o arredaría dos círculos culturais, e que explica o seu esquecemento–. Mención especial merece a contorna da aldea natal do Vilariño, a carón da Serra de Montouto, límite natural entre as provincias de Lugo e A Coruña, espazo no que se afunden as raíces literarias do autor e que iluminan dúas das súas claves poéticas: a paisaxe e a lingua.
O obxectivo de O instante eterno é reflexionar sobre o proceso de creación artística de Díaz Castro, explorando un lento pero obstinado labor por acadar a excelencia en cada un dos seus versos, e que explica –en parte– que só publicase un libro en vida. Partindo dunha humilde ascendencia labrega o poeta dos Vilares vaise desprovendo das eivas que lastraban a poesía do seu tempo até escribir Nimbos, unha obra que se revela á vez como relixiosa, existencial e social, construída nunha admirable harmonía entre ética e estética.
Así mesmo, O instante eterno procura amosar as condicións nas que se desenvolvía aquela sociedade marcada pola miseria e a emigración na que medrou o poeta. Neste sentido os mellores guías foron os seus propios versos, xa que en Nimbos se atopa condensada a historia sentimental de Galicia, a nosa cerna identitaria. Desde o presente, afondando na paisaxe humana e biolóxica que contemplaron os ollos do poeta, asistimos a profundas transformacións; o que subsiste, máis alá do efémero, é o que Díaz Castro mudou en eterno nos seus versos.
Antes de iniciar a fase final do proxecto preséntase un teaser do documental, en cuxa realización colaboraron Jessica Rey e Alba Domínguez en labores de montaxe, fotografía e grafismo. Nas próximas semanas completaranse as últimas tres entrevistas con persoas moi vinculadas ao poeta de Guitiriz. A intención é estrear o filme durante a semana do centenario, no mes de febreiro do 2014.”

Ribadavia: presentación de Morreu o demo, acabouse a peseta

O martes 23 de xullo, ás 21:00 horas, na Igrexa da Madalena de Ribadavia, preséntase o libro-DVD Morreu o demo, acabouse a peseta, publicado por Urco Editora, dentro da Mostra Internacional de Teatro. No acto participan Pedro Solla e Comba Campoy.

Padrón: homenaxe a Rosalía de Castro

A Fundación Rosalía de Castro e o Concello de Padrón organizan o sábado 20 de xullo, a partir das 20:00 horas, no Espolón de Padrón, ao pé da estatua de Rosalía, un acto de homenaxe á poeta, co seguinte programa:

Lembranza histórica dos actos de 1957 e 1958, polo secretario da Fundación, Xosé Carlos Beiró.
– Intervencións de Maruxa Sanmartín e Pitusa Vidal Cabanillas.
– Entrega da bandeira de Camilo Agrasar á Fundación, coa intervención de Luís González Tosar e Xosé Luís Axeitos.
– Audición da voz de Otero Pedrayo (1958).
– Evocación e testemuña dos actos dos anos 1957-58, por Xosé Luís Méndez Ferrín.
– Intervencións de Anxo Angueira (Presidente da Fundación) e Antonio Fernández Angueira (Alcalde de Padrón).
Rosalía entre nós, homenaxe dos nenos e nenas de Padrón, coa dirección de Iolanda Eiras.
– Actuacións de A Reixeira e Juan Ordóñez.
– Himno galego.

O Carballiño: presentación de Bícame, Frank, de Miguel Anxo Fernández

O martes 16 de xullo, ás 20:30 horas, no Casino do Carballiño, preséntase Bícame, Frank, a nova novela de Miguel Anxo Fernández, publicada en Galaxia. No acto participarán Xosé Manoel Rodríguez, xornalista, e o autor. Durante a presentación visionarase unha presentación con diferentes imaxes dalgúns lugares do Carballiño por onde transcorre a trama. Logo, tres lectores carballiñeses farán unha lectura de fragmentos da obra.

Máis de vinte cineastas confirman a participación no Proxecto Nimbos

Desde Sermos Galiza:
“Cineastas como Margarita Ledo, Eloy Enciso, Oliver Laxe, Xurxo Chirro, Xacio Baño, Alfonso Zarauza, Ángel Santos ou Xan Gómez Viña responderon xa á chamada de Martin Pawley a través do blog Acto de Primavera e crearán nos próximos meses unha curta arredor de Nimbos de Díaz Castro no que promete ser un ambicioso proxecto audiovisual colectivo que implique, entre outros, a unha boa parte dos nomes do coñecido como novo cinema galego.
De máis de trinta convites enviados por Martin Pawley para participar no Proxecto Nimbos, máis de vinte persoas responderon en poucos días confirmando que entrarían a formar parte desta iniciativa que quer levar a obra de Díaz Castro ao audioviual a partir de pezas de autoría que teñan como referencia os versos do autor que será homenaxeado o próximo ano no Día das Letras Galegas.
Martin Pawley confesa que a idea de desenvolver un proxecto fílmico colectivo arredor de Nimbos venlle de vello e, de feito, abonda seguir as súas pegadas na rede para adiviñar a querenza que ten polo poeta de Guitiriz. Ocórreselle agora que a designación da RAG do seu nome para a homenaxe do próximo ano xunto coa conmemoración do centenario do seu nacemento é unha ocasión acaída para botar a andar esa vella idea que conta xa cun nutrido grupo de participantes.
A través do blog Acto de primavera e por medio de correos electrónicos, propúxolle aos creadores a iniciativa de elaboraren unha curta de entre un e cinco minutos asociada a un poema do libro. “Non se trata de ilustrar o poema en imaxes, en absoluto, senón de crear unha obra cinematográfica nova que naza da lectura do poema” sinala na carta. A liberdade creativa será plena e os promotores só poñen dúas condicións, o tempo e evitar o uso íntegro e literal dos poemas.
“O cariño e o apoio moral dos promotores” son os únicos recursos que reciben os participantes nunha iniciativa que carece de orzamentos mais que, mesmo así, está a ter tan boa acollida por parte de importantes nomes da nova creación audiovisual galega.  Dentro duns meses comezarán a difundir os traballos a través de Acto de primavera e contan con que a maioría estean prontos antes do 17 de maio.”