Pontevedra: actividades do venres 24 na Feira do Libro

O venres 24 de maio continúa a Feira do Libro de Pontevedra (no Paseo de Odriozola, de 11:00 a 14:00 horas e de 17:00 a 21:00 h.), cos seguintes actos literarios destacados:

Venres 24
18:00 h. As marionetas do mundo e os mundos de Barriga Verde. Charla coloquio sobre os títeres galegos realizada por Comba Campoy, investigadora sobre a tradición de títeres galegos e Anxo García, titiriteiro e recuperador do espectáculo de Barriga Verde. Presentación do DVD – libro Morreu o demo, acabouse a peseta, publicados pola Asociación Cultural Morreu o Demo.
19:00 h. A escritora Fina Casalderrey asinará exemplares do seu libro Fiz, o coleccionista de medos publicado por OQO Editora, na caseta de Libraría Seijas.
19:00 h. Presentación do libro As lambetadas dos Larpeiros, publicado por Galaxia, coa participación de Merche Rodal, autora do libro, o escritor Xosé Cermeño e Francisco Castro, representante da editorial.
20:00 h. Presentación do libro +cd + dvd De roda en roda. Música e danzas do mundo, de Suso Cancela, Pilar Sampil e Javier Jurado, publicado por Galaxia. Participarán no acto Suso Cancela e Pilar Sampil. Ao remate, haberá unha demostración de danzas do mundo a cargo de bailadores e bailadoras á que poderá sumarse todo o público que o desexe.

Lugo: actividades destacadas do sábado 18 e domingo 19 na Feira do Libro

Finaliza a andaina deste ano a Feira do Libro de Lugo (na Praza Maior, de 11:30 a 14:30 horas e de 17:30 a 21:00 h.), cos seguintes actos literarios destacados nestes dous días:

Sábado 18
13:30 h. Encontro de literatura fantástica con Contos Estraños e Urco Editora, coa presentación das obras O mundo secreto de Basilius Hoffman, de Fernando M. Cimadevila, Galiza mutante: Poder Nuclear, de Tomás González Ahola e As crónicas de Bran. A revolta dos mestres, de Xosé Duncan.
18:00 h. Contacontos: O Cullarapo Croque, de Miguel Ángel Alonso Diz, actividade organizada por por Nova Galicia Edicións.
19:00 h. As marionetas do mundo e os mundos de Barriga Verde. Charla coloquio sobre os títeres galegos realizada por Comba Campoy, investigadora sobre a tradición de títeres galegos e Anxo García, titiriteiro e recuperador do espectáculo de Barriga Verde.
20:00 h. Presentación do DVD – libro Morreu o demo, acabouse a peseta, publicados pola Asociación Cultural Morreu o Demo.

Domingo 19
19:00 h. Presentación do libro de poemas Viaxe sen cancelas, de Xesús Bermúdez Tellado, publicado pola editorial Redelibros.
19:45 h. Presentación do libro Nada se esquece, de Puri Ameixide, publicado pola editorial Redelibros.
A partires das 19:00 horas, os dous autores e José Estévez López, autor dos libros Fugaz coincidencia e Nair, asinarán exemplares dos seus libros na caseta da Libraría Cartabón.

Anxo Angueira: “A de Cantares é unha Rosalía de alborada”

Entrevista a Anxo Angueira en Radiofusión:
“Un século e medio despois e séguese a revelar inesgotable. “Cómpre lelo en claves distintas ás que se veu lendo, porque para nada é folclórico nin costumista”, explica Anxo Angueira, autor dunha nova edición crítica de Cantares Gallegos que vén de editar Xerais co gallo do 150 aniversario da publicación dos poemas que alumearon o Rexurdimento das letras galegas. “Rosalía era unha intelectual do seu tempo. Utiliza os cantares como un vestido, como un disfrace para lanzar o seu pensamento social, político, crítico e feminista, que é o importante”, abunda o tamén presidente da Fundación que preserva o legado rosaliano. En conversa con Radiofusión, Angueira resolveu que en Cantares Gallegos Rosalía “fala dun novo tempo, di “fóra a noite”, que acabaron os séculos escuros”, chama a vivir unha nova etapa con esperanza e, ao cabo, “esa é a mensaxe final do libro e que debemos recoller tamén nestes tempos nosos de tribulacións”. (…)”

A entrevista pode escoitarse completa aquí.