Betanzos: acto de homenaxe a Rosalía polo seu 175 aniversario

A sexta feira, 23 de marzo, ás 20:30 horas, na Aula de Cultura do Edificio do Arquivo (Liceo) de Betanzos, terá lugar un novo acto de homenaxe a Rosalía polo 175 aniversario do seu nacemento. O acto, coorganizado pola plataforma Queremos Galego das Mariñas e as asociacións culturais Eira Vella e Roxín Roxal, contará coa colaboración do CEIP Francisco Vales Villamarín da Cidade dos Cabaleiros, e consistirá na lectura de textos e proxección dunha curtametraxe, contando co acompañamento da música do cantor Fucoxabier.

Santa Cruz, Oleiros: presentación de Mulleres na guerrilla antifranquista galega, de Aurora Marco

O xoves 22 de marzo, ás 19:00 horas, nas Torres de Santa Cruz (Oleiros), preséntase o libro Mulleres na guerrilla antifranquista galega, de Aurora Marco, publicado en Laiovento. No acto, no que se proxectará o documental As silenciadas, de Pablo Ces, participa, xunto á autora, Francisco Pillado.

Muxía: coloquio e presentación de Mulleres na guerrilla antifranquista galega, de Aurora Marco, e As silenciadas, de Pablo Ces

O sábado 17 de marzo, ás 19:00 horas, no Salón de Actos de Muxía, e dentro das actividades da Galería de Mulleres de Muxía, proxéctase o documental de Pablo Ces As silenciadas, con guión de Aurora Marco e baseado no seu libro Mulleres na guerrilla antifranquista galega. Neste acto van estar presentes os propios Pablo Ces e Aurora Marco, que nos falarán da película e do libro, e actuará en directo o compositor que fixo a banda sonora.

Intervención de Armando Requeixo, Cesáreo Sánchez e Ángel de la Cruz en Eirado

Desde Criticalia, o blogue de Armando Requeixo:
“O pasado sábado día 3, os amigos do programa Eirado da TVG convidáronme a unha entrevista para falar da aparición do volume Criticalia. Con tal motivo, tiven o pracer de conversar co periodista Pemón Bouzas sobre diversas cuestións literarias que xiran arredor do libro. No mesmo programa participaron tamén o poeta Cesáreo Sánchez Iglesias e o escritor e cineasta Ángel de la Cruz; o primeiro en calidade de presidente da AELG para informar das últimas actividades que esta ten posto en marcha e o segundo co gallo do seu éxito na cerimonia dos Goya mercé ao filme de animación Engurras, co que recibiu, como guionista, o Premio ao Mellor Guión Adaptado deste ano. (…)”

Avilés de Taramancos: Poemas desde a distancia

Desde Cultura Galega:
“Nos anos 70 Antón Avilés de Taramancos gravou na súa casa de Cali (Colombia) os seus Poemas da ausencia, que despois se publicarían en Noia no ano 1982, no volume O tempo no espello. No 2003, coincidindo co Día das Letras Galegas dedicado a Antón Avilés de Taramancos, o Arquivo Sonoro de Galicia editou o volume 19 da colección As nosas voces, reunindo estes poemas e algunhas entrevistas concedidas por Avilés nas que reflexiona sobre a súa vida, a poesía e Galicia.”

Cangas: presentación de Infancia de vacas mortas, de Daniel Costas

O venres 9 de marzo, ás 20:30 horas, na Libraría Maraxe (Avenida de Marín, 9) de Cangas, terá lugar a presentación e un recital poético da obra Infancia de vacas mortas, de Daniel Costas, publicada en Barbantesa. O recital estará acompañado dunha proxección de imaxes e música.

Ramón Otero Pedrayo: unha homenaxe a Noriega Varela

Desde Cultura Galega:
“O 19 de outubro de 1967 Ramón Otero Pedrayo impartiu a conferencia Homenaxe a Noriega Varela durante as festas do San Lucas de Mondoñedo. Aquí pódela escoitar enteira, tal e como foi gravada, coa vibrante oratoria de Ramón Otero Pedrayo definindo a vida e obra do poeta lugués. A gravación foi recuperada por Manuel Rico nos arquivos de Radio Nacional na Coruña.”