Arquivo da categoría: Bibliotecas
Beatriz Maceda Abeleira: “Estou convencida de que os libros cambian ás persoas”
Entrevista a Beatriz Maceda Abeleira en Biblioteca Ágora da Coruña:
“(…) – Biblioteca Ágora (BA): E en que te inspiras para escribir as túas historias?
– Beatriz Maceda Abeleira (BMA): Eu creo que o feito de ser docente é fundamental. Os dous libros que teño publicados están pensados para eles. Eu teño un fillo que naceu no 2000, Man morreu no 2002 e entón pensei que os nenos tiñan que coñecer a unha personaxe como Man que ten tantos valores que aportar. Un deles fundamental é que se pode vivir con moi pouco. E o O álbum de Garrincha tamén é un libro cun sentido bastante pedagóxico. Fala de integración, fundamentalmente, fala do gusto polos libros, da importancia da amizade. De feito, a idea xurdiu nun centro dando clase cuns alumnos, no cole de Carral. Entón, creo que a docencia é fundamental pero logo é que a vida mesma está chea de historias: un paseo pola rúa e xa xurden moitas. Logo hai que escribilas e chegar ao lector, que é o máis complicado. (…)
– BA: A través da escrita tamén se pode cambiar o mundo..
– BMA: A literatura é fundamental. Para min é un acto de reivindicación e de compromiso. Cando escribo unha historia tamén hai un compromiso cos lectores de coherencia e de transmitir temas que realmente están ahí na sociedade. Eu estou convencida de que os libros cambian ás persoas, o que hai é facer que cheguen as persoas aos libros, que ás veces non é doado. (…)
– BA: Agora estás facendo rolda de presentacións da túa última obra, O álbum de Garrincha. Tivo boa acollida este libro?
– BMA: Si, de feito eu quedei abraiada, saíu en xullo e xa vai na segunda edición. Para unha autora coma min é todo un éxito que aos catro meses xa vaia pola 2ª ed. Sei que gusta moito, chámanme de moitos colexios e institutos e ademais mándanme moitas entrevistas para facer por mail con alumnos. O outro día estiven no Colexio de Arzúa e é un subidón total ver a sesenta nenos aos que lles encantou Garrincha, que che están dicindo que ten que haber unha segunda parte porque hai cousas que quedaron sen explicar. E resulta moi interesante a visión deles do libro porque cóntanme cousas que eu cando o estaba escribindo nin as pensara. Este libro ten o aliciente do fútbol. Eu tiña unha intención e é que ao ser Garrincha un futbolista que non coñecen os nenos de agora pero si os seus pais, enganchar aos pais co rapaz para que leran xuntos o libro. Iso o fago moito co meu fillo e é interesante falar con eles despois da lectura, créase complicidade e sempre lembrarán eses libros que leron contigo. Alegreime moito de descubrir que en varios clubes lectores nos que estiven pais, nais e nenos/as leran o meu libro xuntos. Garrincha conseguiu iso. (…)”
Carballo: lectura, presentación e coloquio arredor de O último día de Terranova, de Manuel Rivas
O xoves 28 de xaneiro, ás 20:00 horas, na Biblioteca Rego da Balsa de Carballo (Rúa Bos Aires, s/n), terá lugar a lectura, presentación e coloquio arredor da novela O último día de Terranova, de Manuel Rivas, publicada en Xerais. No acto, xunto ao autor, participa Manuel Bragado.
Rosalía Fernández Rial, na Galería de Mulleres da Biblioteca da Muller de Muxía, en xaneiro de 2016
Muxía: Ledicia Costas na Galería de Mulleres da Biblioteca de Muxía
Desde Que pasa na Costa:
“Este mes de outubro, a Galería de Mulleres do departamento de Cultura do concello de Muxía homenaxea a Ledicia Costas, nada en Vigo no 1979. (…).”
Santa Cruz, Oleiros: presentación de O punto de maduración, de María Luísa Abad
Cristina Novoa: “No curso pasado funcionaron clubs de lectura en 238 centros de ensino que leron máis de mil títulos”
Entrevista de César Lorenzo Gil a Cristina Novoa en BiosBardia:
“O 5 de xuño celebrouse en Compostela a VIII Xornada dos Clubs de Lectura dependentes de centros de ensino públicos. Estes clubs de lectura agrupan máis de dez mil persoas, a maioría rapaces, a través dos libros. Ademais, por primeira vez, estes clubs outorgaron un premio ao autor máis lido, que recaeu en Agustín Fernández Paz. Conversamos con Cristina Novoa (León, 1957), responsable da Asesoría de Bibliotecas Escolares, que coordina estes clubs, sobre esta poderosa iniciativa cultural pública.
– BiosBardia (B): Vostede dirixe, xunto a Pilar Sampedro, a Asesoría de Bibliotecas Escolares. Cales son as funcións deste órgano?
– Cristina Novoa (CN): Desde a súa fundación, no 2003, é o encargado de coordinar o desenvolvemento das bibliotecas dos centros de ensino que en Galicia dependen da Consellaría de Educación. Naceu como mecanismo de fomento e modernización das bibliotecas, especialmente as de centros de Ensino Infantil e Primaria. Antes do seu nacemento, o funcionamento desas bibliotecas dos colexios dependía unicamente da vontade dos profesores. E aínda que en moitos casos, foron os profesionais os que conseguiron facelas funcionais e valiosas para a comunidade, outras veces eses espazos non existían ben fisicamente (como depósitos) ben lectivamente (como espazos útiles para docentes e alumnado).
Nestes anos de traballo, a biblioteca escolar cambiou e mellorou ao tempo que as demais bibliotecas. Noutro tempo non era estraño que a biblioteca dun instituto estivese pechada ou que os libros se gardasen en vitrinas inaccesibles ou que non houbese unha base de datos útil para saber que recursos había dispoñibles. Agora, e grazas ao traballo de moitos profesores durante moito tempo e contra moitos preconceptos, iso mudou. A biblioteca é un lugar de encontro e de coñecemento, unha ferramenta lectiva imprescindible. (…)
– B: Como funcionan, que actividades fan? Como se manteñen?
– CN: Reciben anualmente fondos públicos, especificamente para tres cousas: a compra de libros, a organización de actividades culturais, por exemplo, excursións literarias, e tamén para combinar encontros con escritores.
Funcionan dun xeito sinxelo: reúnense cada certo tempo os grupos ao redor dun título escollido e debaten ou interactúan ao redor del. Hai centros que teñen varios clubs de lectura funcionando a un tempo, clasificados por idades (o 26% dos centros teñen clubs para adultos, que integran profesores, persoal non docente, pais e nais mais tamén persoas que non teñen relación co tal centro) ou por temas. Neste ámbito hai iniciativas moi interesantes. En Xinzo da Limia funciona un club especializado en lectura teatral; no IES Otero Pedrayo de Ourense un profesor mantén un club con lecturas sobre Filosofía da Ciencia. A lectura científica reúne varios clubs máis. Ademais, os clubs fan actividades relacionadas, desde viaxes a concursos ou encontros. (…)
– B: En Galicia, aínda máis gravemente no caso dos libros en galego, temos unha cota moi baixa de lectura entre os adultos. Que falla ao deixar o instituto?
– VN: Quero ser optimista. Penso que o labor destes anos de clubs de lectura activos son unha sementeira que vai dar os froitos. Os especialistas din que os resultados aparecen a partir da primeira década de funcionamento. Estamos a piques de cumprir o tempo. O que está claro é que é na infancia onde nace o lector mais é na adolescencia onde se fixa o hábito, sempre que estea guiado e acompañado. Nesas idades un ama a lectura e xa non a pousa. Hai estudos que afirman que as persoas que len habitualmente na adolescencia, serán bos lectores adultos. Pode pasar, e de feito pasa, que ese hábito se interrompa durante o tempo da universidade porque o actual plan de estudos é esixente, con moitos traballos e clases, e non deixa tempo para lecturas non lectivas… Mais ao acabar a carreira, os lectores voltan ás bibliotecas e ás librarías. (…)”
O Couto, Ponteceso: actos destacados no Festiletras o xoves 14 de maio
O xoves 14 de maio continúa a edición de 2015 do Festiletras, cos seguintes actos literarios destacados:
– 11:00 h. Na Biblioteca Municipal, obradoiro de poesía a cargo de Yolanda Castaño.
– 20:00 h. Xurxo Souto e Pazos de Merexo (con degustación gastronómica, Taberna Agra de Mares).