Tabela dos libros (setembro 2017)

Desde o blogue Criticalia, de Armando Requeixo:
“Un curso máis, comeza a andaina da Tabela dos Libros. Nela figuran seleccionados os volumes que Francisco Martínez Bouzas, Inma Otero Varela, Mario Regueira, Montse Pena Presas e eu estimamos como os máis recomendables entre os publicados nas últimas semanas.”

Entrevista a Xosé Luís Axeitos sobre Manuel Antonio. Unha vida en rebeldía

Desde o Diario Cultural da Radio Galega:
““Manuel Antonio tivo sempre a teima do sindicalismo”. O investigador Xosé Luís Axeitos presenta a biografía Manuel Antonio. Unha vida en rebeldía. Pode escoitarse aquí.”

Xosé Luís Axeitos: “Manuel Antonio non morre no 1930, continúa vivo ata os nosos días”

Entrevista a Xosé Luís Axeitos en La Voz de Galicia:
“(…) – La Voz de Galicia (LVG): Como foi o labor de documentación que sustenta esta obra [Manuel Antonio. Unha vida en rebeldía]?
– Xosé Luís Axeitos (XLA): Foi un traballo de máis de catro anos. Elaborei un cuestionario que fun respondendo co arquivo familiar e o expediente militar. Facendo algunhas interrogacións topeime con respostas documentais que contradicían o meu propio pensamento. Gran parte da documentación é a que pertencía á súa nai. Posiblemente estea purgada, pois todo o mundo rompe algunha carta comprometida. Analicei máis de 400 epístolas e 200 fotografías. (…)
– LVG: Agasallaríanos con algunha curiosidade extraída do libro?
– XLA: Existen moitos aspectos anecdóticos, como que pagou 500 pesetas para librarse do servizo militar. Incluso co nome, sempre existiu a pregunta de se é Manoel Antonio ou Manuel Antonio. Non o explico no libro, pero dos centenares de cartas realicei unha porcentaxe das sinaturas. Dependendo do interlocutor, por exemplo as faccións das Irmandades da Fala na Coruña e Ourense, empregaba un ou outro. Na primeira apostarían por Manuel e na segunda por Manoel. (…)
– LVG: Esta biografía pode cambiar a visión que temos del?
– XLA: É posible, ata eu mesmo tiven ideas e tentacións que non coinciden. Quixen ver un Manuel Antonio anarcosindicalista, pero trala análise atopeime a un autor desencantado coa actividade das Irmandades e con amigos que se alistan na Unión Patriótica de Primo de Rivera.
– LVG: A publicación do manifesto Máis alá foi un punto de inflexión, ¿como o recolleu?
– XLA: O manifesto xoga un papel importante, rompe co oficialismo canónico de Rosalía, Curros e Pondal e coa crítica. Un rapaz que apenas levaba 19 poemas publicados lanza este reto e queda libre para todas as innovacións literarias. Nunca quixo escribir na revista Nós nin en El Pueblo Gallego. Pagou constantemente esa ousadía e non foi acollido por ningún círculo, por iso na posguerra chamábano «poeta aelleiro» e trala súa morte todas as necrolóxicas e obituarios son de escritores mozos, como Luís Seoane ou Otero Espasandín. (…)”

Feira do Libro da Coruña: actividades literarias destacadas do mércores 9

O mércores 9 de agosto continúa a Feira do Libro da Coruña (nos Xardíns de Méndez Núñez, s/n.), organizada pola Federación de Librarías de Galicia, con horarios de 11:00 a 14:00 h. e de 18:00 a 22:00 h., cos seguintes actos literarios destacados dentro do seu programa para este día:

19:00 h. Presentación de Cántigas de Alén, de José Ángel Valente, en recompilación de Claudio Rodríguez Fer, publicado por Ouvirmos.
19:45 h. Presentación de Eugenia Osterberger: A compositora galega da Belle Époque (1852-1932), de Beatriz López-Suevos, Susana de Lorenzo e Rosario Martínez Martínez, publicado por Ouvirmos.
20:00 h. Sinatura de Nacho Taibo na caseta da librería Lume.
20:00 h. Contacontos de Pedro Brandariz: Os contos de Toribio, no Palco da música.

Feira do Libro da Coruña: actividades literarias destacadas do sábado 5 e domingo 6

O sábado 5 de agosto continúa a Feira do Libro da Coruña (nos Xardíns de Méndez Núñez, s/n.), organizada pola Federación de Librarías de Galicia, con horarios de 11:00 a 14:30 h. e de 18:00 a 22:00 h., cos seguintes actos literarios destacados dentro do seu programa para estes días:

Sábado 5
19:45 h. Miguel Alonso presenta O caso Quintana, publicado por Belagua.
20:00 h. Clara Torres e Marcos Viso asinan Os días lebre, publicado por Kalandraka, na caseta da Libraría Cartabón.
20:30 h. Salvador Rodríguez presenta Historias de galegos extraordinarios, publicado por Belagua.

Domingo 6
19:45 h. Presentación de Anatomía da lingua (Lingua de amar, lingua de amor), de Antón Cortizas. Terá lugar un recital e charla do autor, acompañado polo ilustrador Leandro Lamas.
20:00 h. Raquel Queizás: “A galiña azul de Carlos Casares, no Xardín dos Libros.
21:15 h. Presentación de Himno galego: unha historia parlamentar (inconclusa), de Pilar García Negro, publicado por Fundación Galiza Sempre e a Federación Galiza Cultura. No acto, a autora estará acompañada por Francisco Jorquera.

Feira do Libro da Coruña: actividades literarias destacadas do venres 4

O venres 4 de agosto continúa a Feira do Libro da Coruña (nos Xardíns de Méndez Núñez, s/n.), organizada pola Federación de Librarías de Galicia, con horarios de 11:00 a 14:00 h. e de 18:00 a 22:00 h., cos seguintes actos literarios destacados dentro do seu programa para este día:

18:00 h. Monstros e sombras a debate: a Literatura Infantil e Xuvenil galega, organizado pola revista Criaturas. Participan Antonio Manuel Fraga, Eli Ríos, Xosé Antonio Perozo e Andrea Maceiras, moderadas/os por Ledicia Costas.
18:00 h. Estíbaliz Espinosa e Lucía Cobo asinan exemplares de Caer de cu polo universo na caseta da Libraría Berbiriana.
19:00 h. Presentación de Mar de invernía, de Héctor Pose, e De Arsenio a Arsenio, de Xan Fraga, publicados por Phottic.
19:45 h. Presentación de Alí Babá, Morxiana e os corenta usureiros, de Marilar Aleixandre, publicado en Galaxia. No acto participan, xunto á autora, Mercedes Queixas e Francisco Castro.
20:00 h. Cesáreo Sánchez Iglesias asina exemplares de Tempo transfigurado, publicado por Kalandraka, na caseta da Libraría Cartabón.
20:00 h. Concerto-presentación de Os fíos do querer, por Cé Orquestra Pantasma, no palco da música.
20:30 h. Presentación de Unha ducia de galegos, de Víctor Freixanes, reeditado por Galaxia. No acto participan, xunto ao autor, Tamara Montero, Belén Regueira e Francisco Castro.

Feira do Libro de Ponteareas: actividades literarias destacadas do sábado 29 e domingo 30

O domingo 30 de xullo remata a Feira do Libro de Ponteareas (na Praza Maior), organizada pola Federación de Librarías de Galicia, con horarios de 12:00 a 14:00 h. e de 18:00 a 22:00 h., cos seguintes actos literarios destacados dentro do seu programa para estes días:

Sábado 29
12:30 h. Diego Giráldez asina exemplares de Galería de saldos, publicado por Xerais.
18:45 h. Carlos Meixide (Cans) participa nunha mesa de debate da autoedición.
20:00 h. Presentación do poemario Na casa da avoa, de Marta Dacosta, publicado por Xerais. No acto participa, xunto á autora, Malores Villanueva.
21:00 h. Recital Kneves no autoblues Chicago Fornelos, co poeta Kiko Neves e os guitarritas Phil Chicago e Rober Fornelos.

Domingo 30
18:00 h. O mundo de Carliños, espectáculo musical de Luís Vallecillo baseado en Carlos Casares.
19:00 h. Salvador Rodríguez presenta Historias de galegos extraordinarios, publicado por Belagua.
20:00 h. Presentación de Xogos Florais. Ponteareas, 2016/2017, polo Concello de Ponteareas.