A Coruña: actividades destacadas do venres 21 en CoruñaMayúscula

O venres 21 de marzo, no Centro Ágora da Coruña, terán lugar estes actos destacados dentro do festival CoruñaMayúscula:
11:00 h. Recital de poesía no Auditorio, coa participación de Berta Dávila, Mercedes Díaz-Villarías, Miriam Reyes e Isabel Pérez Montalbán.
19:30 h. Conversa sobre Galicia, Terra de Mulleres Poetas, na Aula 9, con Eva Veiga e Carmen Blanco.

Ferrol: acto arredor do libro A noite branca, de Francisco X. Fernández Naval

O xoves 20 de marzo, ás 19:30 horas, no Ateneo Ferrolán (Rúa Magdalena, 202-204) de Ferrol, terá lugar un acto arredor do libro A noite branca, de Francisco X. Fernández Naval, publicado en Xerais. No acto acompañará ao autor Eliseo Fernández.

Ramón Nicolás: Con Antón Riveiro Coello no Club de Lectura Lendo no Galiñeiro

Crónica de Ramón Nicolás no seu blogue, Caderno da crítica:
Antón Riveiro Coello agasallounos onte, coa xenerosidade que o caracteriza, un serán inesquecible. Achegouse á tardiña ao Club de Lectura Lendo no Galiñeiro do IES Valadares e gozamos alí dun par de horas de intensa e aleccionadora conversa arredor, basicamente, desas dúas grandes pezas da narrativa galega contemporánea como son Laura no deserto e mais As rulas de Bakunin, sobre as que se dialogou abondo, aínda que tamén se tocaron aspectos do que se podería denominar a cociña (literaria) do autor, isto é, o seu espertar á creación literaria, as lecturas e o pouso que estas deixan ou as fontes e dinámicas empregadas para a xestación das súas novelas. Houbo tempo tamén para falar d´Os ollos de K, de Casas baratas e doutros títulos, sempre con simpatía e proximidade. Un serán extraordinario, non teño dúbida, onde moito aprendemos sobre literatura e sobre vida. Moitas grazas, Antón (fotos do encontro nas que falta o espléndido fotógrafo, Anxo Cabada).”

Ourense: espectáculo poético-artístico de Eli Ríos, Yolanda López e Xosé Manuel Moxom

O venres 7 de marzo, ás 20:30 horas, no Biblio-café La habitación de niña caracol (Praza das Mercedes, 12) de Ourense, terá lugar unha tertulia e intervención poética de Eli Ríos e Yolanda López, quen, baixo o título Mulleres que corren como lobos, falarán sobre os seus últimos poemarios, Maria e Moralla, respectivamente, da man das mulleres feitas materia polo artista ourensán Xosé Manuel Moxom, quen exercerá de mestre de cerimonias para adentrarse na poesía, na escultura, na música e na pintura.

Compostela: Xornada Xela Arias e Luísa Villalta: Letras, interartes, proxectos na fin de século, o 26 de marzo

Nestes enlaces pódese consultar o programa completo e confirmar a inscrición no evento.