Outeiro de Rei: 2º Convívio da Cultura Galega, o sábado 11 de xullo

10995389_669615503171946_2441754798931090968_nPonse en marcha, por segundo ano consecutivo, o Convivio da Cultura Galega, coa colaboración da Federación Galiza Cultura e da Asociación Cultural e Musical Solfa de Compostela, o Convivio da Cultura Galega: será o sábado 11 de xullo, desde as 11:15 horas, durante todo o día, na carballeira de Santa Isabel en Outeiro de Rei.  ao que por suposto tod@s estades convidad@s a acudir e de nos acompañar.
Será nun espazo tan fermoso e máxico como a Carballeira da Santa Isabel, onde o Ladra vai ao encontro do Miño, “o Pai de todos os ríos galegos”; o mesmo que naquel verán de 1949 lle serviu de marco de inspiración ao Manuel María para compoñer o seu primeiro poemario, Muiñeiro de brétemas, cando contaba só 19 anos, mentres coidaba das vacas da facenda familiar.

O programa será, con algunha posíbel variación de última hora, o seguinte:
11:15 h.– As bandas de música da A.C. Solfa (Compostela), Rábade e Begonte, e a Xuvenil da Escola de Música de Rianxo recíbennos na horta da Casa-Museo Manuel María.
11:45 h.– Saída a pé para a Carballeira da Santa Isabel, facendo paraxe no cemiterio de Outeiro para realizar unha ofrenda a Manuel María na campa onde repousan os seus restos.
12:15 h.– Xa na Carballeira, actuación da Banda de Música de Rábade e Begonte, dirixida por Armando Morales; Banda Xuvenil da Escola de Música de Rianxo, dirixida por Rafael Collazo; e a Coral e Banda de Música de Solfa, dirixidas por Francisco Tobar e Fernando Rey.
14:00 h.– Xantar demorado. Cada quen trae a súa comida. O espazo da Carballeira conta con algunhas mesas. A organización pon as cadeiras.
16:30 h.– Encontro aberto do asociacionismo cultural de base da Galiza: as directivas das entidades presentes (e quen quixer) reuniranse para articular posíbeis actuacións comúns para o vindeiro ano e para seguir creando rede de colaboración, diálogo e intercambio de experiencias entre elas. Este encontro está absolutamente aberto a todas as entidades de base do país que fan cultura en chave galega.
17:00 h.– Foliada aberta á participación de quen quixer cantar, tocar, bailar…no espazo da Carballeira. Anima a festa Xurxo Souto. Os grupos interesados en apuntarvos previamente ou en terdes máis información podédesnos contactar no teléfono 698 177 621 ou nos correos fundacion@manuelmaria.com/ conviviodaculturagalega@gmail.com

Durante toda a tarde, as persoas que o desexaren poderán visitar a Casa-Museo Manuel María (con visita guiada).
Desde algunhas comarcas está xa confirmado que haberá autobuses gratuítos para facilitar o desprazamento a Outeiro de Rei ese día. Podédesvos ir anotando xa!
A Coruña: saída da Praza da Palloza ás 10 da mañá. Contacto: 698 177 621 (fundacion@manuelmaria.com).
Ferrol: Luísa (Medúlio): 646 571 168 (vaiporelas@gmail.com).
Compostela: Lucía (Solfa): 676 675 030

Con Carlos Negro no Club de Lectura “Lendo no Galiñeiro” (IES Valadares), por Ramón Nicolás

DesdeCarlos Negro Caderno da crítica, de Ramón Nicolás:
“Acompañounos hoxe, na derradeira sesión dos encontros do Club de Lectura Lendo no Galiñeiro programados para este curso, o escritor Carlos Negro, e a súa visita supuxo unha experiencia fascinante e ben suxestiva para as persoas que tivemos a sorte de asistir.
O motivo deste man a man co autor veu dado pola lectura de Penúltimas tendencias e de Makinaria e todo foi axiña un rodopío de preguntas devecentes por saber máis. Saber máis do autor, saber máis da orixe dos libros, da concepción da literatura que defende e doutros temas nun diálogo continuo de ida e volta. Falouse de “probar” a poesía, de ir coñecendo os seus diversos sabores até que algún destes nos diga algo; da poesía como a posibilidade que temos de “dar respostas inesperadas a preguntas difíciles”, tamén para expresar as cousas dunha maneira “distinta, especial e única”.
Falouse, polo medio e medio, dos poemas de Olga Novo, de Fran Alonso e de Neorrabioso; tamén da dinámica creativa que exercita Carlos Negro, amosando parte da documentación que empregou para elaborar Penúltimas tendencias, sen esquecer facer una revisión dos estereotipos contra os que se erixe este libro, do uso paródico de moitos elementos que nel aparecen e tamén das “paredes invisibles” que creamos e que se crean. Como conclusión do encontro quedo tanto cunha sentenza de Negro: “medrar é facerse preguntas, non dar todo por suposto” como do final apoteósico que veu da man dun poema de Kirmen Uribe que nos fixo valorar e degustar a poesía coma se fose un onza de chocolate, doce e amarga a un tempo. Un auténtico pracer escoitar a Carlos Negro, todo o que di e como o di. Grazas!”

O río subterráneo de Agustín Fernández Paz

DesdeAgustín Fernández Paz o blogue Caderno da crítica, de Ramón Nicolás:
“(…) Onte pechamos as actividades por este curso escolar do Club de Lectura “Lendo no Galiñeiro II”, do IES Valadares (Vigo), constituído por profesorado, pais e nais do alumnado e persoal non docente cunha visita agardada que nos fixo sentir como un grupo de lectoras e lectores privilexiados. Acudiu Agustín Fernández Paz á nosa chamada e fíxoo ao fío da lectura d´A viaxe de Gagarin, libro que foi merecente hai ben pouco tempo do premio á mellor obra narrativa polas persoas que constituímos a AELG.
Con todo, antes de se referir á súa última novela, Fernández Paz abordou temas, ao meu parecer, extraordinariamente interesantes como a compoñente de filiación irracional que rodea o acto da escritura, a influencia que recibiu, da man de seu pai, para converterse nun lector voraz deixando breves pero substanciosas reflexións como a que apunta á súa interpretación de que “quen ten ganas de ler ten tamén ganas de escribir”, aínda que o resultado desa vontade non se manifeste, sempre, publicamente. Transitando por estes camiños afirmou, asemade, como, no seu caso, a práctica da creación literaria foi roubándolle tempo á actividade docente pois, ao seu entender, a literatura é moi esixente: “un burato negro de tempo”. Alén de recrear, con exemplos que circulan polos seus libros, esa imaxes, experiencias ou feitos sorprendentes que, por veces, desencadean un relato ou unha novela, centrouse na vinculación que existe entre A viaxe de Gagarin e mais Non hai noite tan longa desvelando, dalgún xeito, eses ríos subterráneos que percorren as dúas propostas e que ás veces non é doado ver mais que, no fondo, van alimentándoo todo.
O autor vilalbés, nunha extraordinaria intervención na que insistiu na necesidade que sente de contar moitas cousas vinculadas con realidades experimentadas e outras imaxinadas, falou da memoria e do franquismo, da adolescencia e do espertar político entre outras cuestións que deron paso a un fértil diálogo, desvelando tamén o proceso da abondosa documentación que esixiu esta novela -usada sempre externamente e que lle outorga unha ancoraxe sólida ao que se quere contar-, sen esquecer enumerar algunhas das claves da insistente e teimuda dinámica de continua refacción e puimento que conduce da idea orixinal á versión final que onte puidemos ter na man, amosándonos un dos manuscritos da propia novela.
Un serán fantástico o de onte, non teño dúbida, deses que evocaremos ao longo de moito tempo. A nosa gratitude, Agustín!”