Gondomar: Antón Cortizas falará sobre Vaia tropa!

O sábado 24 de marzo, a partir das 12:00 horas, na Biblioteca de Gondomar, terá lugar a sesión mensual do Lendo Contigo, dedicado a nenos e nenas de 8 a 12 anos, e seus pais e nais, organizado por Espazo Lectura. Nesta ocasión, o libro do que se vai falar é Vaia tropa!, de Antón Cortizas, publicado en Xerais, e contarase coa presenza do autor para charlar cos nenos e nenas que participen na actividade.

A Coruña: actos do xoves 22 en CoruñaMayúscula

O xoves 22 de marzo, no Centro Ágora (Rúa Ágora, s/n.) da Coruña, dentro de CoruñaMayúscula, terán lugar as seguintes actividades con presenza galega:
11:00-12:00 h. No Auditorio, recital poético de Ángel Petisme, Estíbaliz Espinosa e Sofía Castañón.
18:30 h. No mesmo Auditorio, diálogo entre Chantal Maillard, Javier Pintor e Xavier Seoane.
22:00 h. No Auditorio, palabras de clausura a cargo de Luz Pozo Garza.

IX Curso de Formación Continua: Narrativas xuvenís no século XXI (2000-2010). Tendencias e correntes

A Asociación de Escritoras e Escritores en Lingua Galega colabora, mediante o patrocinio da Secretaría Xeral de Política Lingüística, coa Universidade de Santiago neste curso de postgrao.

Aquelas persoas interesadas en matricularse poden enviar cuberta e escaneada a folla de preinscrición a algún destes correos electrónicos: marta.neirarodriguez@ceu.es ou blanca.roig@usc.es acompañada dun escaneo do documento de identidade, no máis breve prazo posíbel.
O presente curso ten como finalidade formar e informar o alumnado participante dunha temática, as Literaturas Infantís e Xuvenís dos ámbitos lingüísticos ibéricos, xeralmente excluída dos planos de estudo das licenciaturas, diplomaturas e graos e, con todo, dunha transcendencia fundamental en ámbitos básicos como a formación lectora e a expresión escrita no mundo das Tecnoloxías da Información e Comunicación (TIC). Tenta analizar estas literaturas dende un enfoque comparativo para dar a coñecer que axentes literarios se presentan máis débiles en cada ámbito lingüístico. Nesta edición, o tema específico a tratar é NARRATIVAS XUVENÍS NO SÉCULO XXI (2000-2010). TENDENCIAS E CORRENTES.

Directora: Blanca-Ana Roig Rechou, da Universidade de Santiago de Compostela.
Coordinación e Secretaría: Marta Neira Rodríguez, da Universidade de Vigo, e Isabel Soto López, da Universidade de Santiago de Compostela.
Carga lectiva e número de prazas: 60 horas (2 créditos de libre configuración, non acumulativos) para licenciaturas e diplomaturas. Número de prazas: 125.
Datas de realización:
* Parte virtual: Do 28 de xuño ao 31 de xullo de 2012.
* Parte presencial: Do 4 ao 7 de setembro de 2012.
Lugar:
* Parte virtual: Inauguración: 28 xuño de 2012, de 9:00-14:30 e 16:00 a 20:30 h. Facultade de Filoloxía (Campus Norte). Salón de Graos.
* Parte presencial: Biblioteca NovaCaixaGalicia, Rúa Frei Rosendo Salvado, 14-16. 15701. Santiago de Compostela
Requisitos de acceso: Profesionais do ensino, alumnado das facultades de Ciencias da Educación, da Comunicación, Xornalismo, Audiovisual, Publicidade), Maxisterio, Xeografía e Historia, Humanidades, Filoloxías, Tradución e Interpretación, profesionais de bibliotecas e calquera persoa interesada.
Matrícula:
* Preinscrición: Ata o 30 de marzo de 2012.
* Formalización: Do 16 de abril ao 15 de xuño de 2012.
Prezo e prazo de pagamento: 90 euros, nun único prazo para matrícula.
Información:
* Biblioteca NovaCaixaGalicia. Telf. 981 59 34 67. Correo: bibliofundacion@caixagalicia.es
* Universidade de Vigo. Marta Neira Rodríguez. Correo: marta.neirarodriguez@ceu.es
* Universidade de Santiago. Blanca Roig. Correo: blanca.roig@usc.es ou na páxina do Centro de Posgrao.
* Asociación de Escritoras e Escritores en Lingua Galega (AELG). Correo: oficina@aelg.org
Organizan:
* Universidade de Santiago de Compostela.
* Departamento de Filoloxía Galega.
* Asociación de Escritoras e Escritores en Lingua Galega (AELG).
Colaboran:
* Centro Ramón Piñeiro para Investigación en Humanidades (CRPIH).
* Biblioteca NovaCaixaGalicia.
* Edicións Xerais de Galicia.
* Rede temática As Literaturas Infantís e Xuvenís do Marco Ibérico e Iberoamericano.
* Asociacións: ANILIJ e ELOS.
* Centro de Investigación de Procesos e Prácticas Culturais Emerxentes(CIPPCE)-USC.

Programa parte virtual:
1. As Literaturas Infantís e Xuvenís no marco ibérico. Bibliografía básica.
2. Narrativas xuvenís no século XXI (2000-2010). Tendencias e correntes.
2.1. Estudos teóricos.
2.2. Selección de obras para o mediador.
2.3. Comentarios de narrativas xuvenís.
3. Ferramentas de comunicación: foros, charlas e correo electrónico co alumnado e profesorado.
4. AVALIACIÓN a partir dun comentario sobre o material proporcionado (entregarase ao recoller o material do curso presencial).

Programa parte presencial:
Martes 4 de setembro:
09:00-10:00 h. Recollida de material.
10:00-11:00 h. Inauguración: Directora do curso e Director da Biblioteca NovaCaixaGalicia.
11:00-12:00 h. Informe sobre docencia e investigación 2011-2012 na LIX a partir dos Informes de Literatura (CRPIH): Carmen Ferreira Boo e Mar Fernández Vázquez (AELG/USC).
12:00-12:30 h. Pausa.
12:30-14:30 h. Os inicios da Literatura Xuvenil: Xosé Neira Vilas. Conversa con Blanca-Ana Roig (AELG/USC).
16:00-18:00 h. A ficción científica: Ramón Caride e Anxo Fariña. Conversa con Isabel Mociño (AELG/USC).
18:00-18:30 h. Pausa.
18:30-20:30 h. Misterio e humor: Santiago Jaureguizar e Pepe Carballude. Conversa con Eulalia Agrelo (AELG/USC).

Mércores 5 de setembro
09:00-10:30 h. A tradución das narrativas xuvenís ao galego. Pilar Bendoiro (USC).
10:30-12:00 h. Técnicas tradutolóxicas nas narrativas xuvenís. Lourdes Lorenzo (UVigo).
12:00-12:30 h. Pausa.
12:30-14:30 h. Novela histórica e Guerra Civil: An Alfaya e Francisco Castro. Conversa con Marta Neira (AELG/UVigo.CEU).
16:00-18:30 h. Novas formas literarias: Rosa Aneiros e Marcos Calveiro. Conversa con Vanessa Ferreira da Silva (USC).
18:30-19:00 h. Pausa.
19:00-20:30 h. A construción literaria nas obras de Marilar Aleixandre e António Mota. Conversa con Ana Margarida Ramos (Universidade de Aveiro).

Xoves 6 de setembro
09:00-11:30 h. A ilustración destinada ao público xuvenil no proxecto de El Patito Editorial. Fausto Isorna e Gemma Sesar (El Patito Editorial).
11:30-12:00 h. Pausa.
12:00-14:30 h. A fotografía como ilustración para as narrativas xuvenís. José Mª Mesías (UdC).
16:00-17:45 h. Informes dos investigadores da Rede sobre a LX nos ámbitos castelán, catalán, galego, portugués, vasco e no ámbito iberoamericano. Conversa con Isabel Soto (AELG/USC) e Blanca-Ana Roig (AELG/USC).
17:45-18:15 h. Os novos portais da Biblioteca Virtual Miguel de Cervantes de autores de LIX: Agustín Fernández Paz (Galicia) e Ema Wolf (Arxentina). Ramón Llorens (Universitat d’Alacant).
18:15-18:30 h. Pausa.
18:30-20:30 h. Obradoiro de creación literaria. AELG.

Venres 7 de setembro
09:00-11:00 h. Contos do demo. Espectáculo de narración oral. Inacio.
11:00-12:00 h. Presentación do libro A narrativa xuvenil a debate (2000-2011). Manuel Bragado, Blanca-Ana Roig e Alexia Dotras.
12:00-12:30 h. Pausa.
12:30-13:30 h. Clausura.
13:30-14:30 h. Entrega de certificados de participación. Reitor ou representación, Director do Departamento de Filoloxía Galega, Presidente da AELG, Directora do curso.

Pontevedra: Salón do Libro Infantil e Xuvenil 2012, coloquio sobre Os Gazafellos, de Pepe Carballude

Do domingo 4 ao sábado 31 de marzo, no Pazo de Cultura de Pontevedra, regresa o Salón do Libro Infantil e Xuvenil para achegarnos ao mundo da literatura. Este ano o Salón, que ten a Paco Martín como autor homenaxeado, indagará nas supersticións; de onde veñen estas crenzas, na importancia dos números nos contos, na boa e mala sorte e nas historias dos nosos maiores e como se trasladan á literatura infantil. Temos preparado un amplo programa de actividades no que toda a familia pode participar porque, no Salón, rapaces e maiores percorren xuntos e descobren o universo dos libros. O horario de apertura será de luns a venres de 9:30 a 13:30 h., e de 16:30 a 20:00 h., e os sábados de 10:00 a 13:30 horas. O programa completo pódese descargar aquí: programa_salon_libro_2012.

– O luns 19 de marzo, ás 20:00 horas, no Salón de actos, coloquio arredor dos Gazafellos, con Pepe Carballude e Xosé Miranda, moderados por Quico Cadaval.

Muxía: coloquio e presentación de Mulleres na guerrilla antifranquista galega, de Aurora Marco, e As silenciadas, de Pablo Ces

O sábado 17 de marzo, ás 19:00 horas, no Salón de Actos de Muxía, e dentro das actividades da Galería de Mulleres de Muxía, proxéctase o documental de Pablo Ces As silenciadas, con guión de Aurora Marco e baseado no seu libro Mulleres na guerrilla antifranquista galega. Neste acto van estar presentes os propios Pablo Ces e Aurora Marco, que nos falarán da película e do libro, e actuará en directo o compositor que fixo a banda sonora.

Pontedeume: charla-coloquio sobre Celso Emilio Ferreiro, con Ramón Nicolás e Luís Ferreiro

O xoves 15 de marzo, ás 20:00 horas, no Centro de Maiores (Rúa Ferreiros, 20) de Pontedeume, terá lugar unha charla-coloquio sobre Celso Emilio Ferreiro, coa presenza de Ramón Nicolás e Luís Ferreiro, fillo do escritor. O acto está organizado pola Lonxa Literaria do Ateneo Eumés Fernán Martís, e, dentro del, leranse poemas de Viaxe ao país dos ananos.

Pontevedra: Salón do Libro Infantil e Xuvenil 2012, coloquio sobre Lugares Máxicos

Do domingo 4 ao sábado 31 de marzo, no Pazo de Cultura de Pontevedra, regresa o Salón do Libro Infantil e Xuvenil para achegarnos ao mundo da literatura. Este ano o Salón, que ten a Paco Martín como autor homenaxeado, indagará nas supersticións; de onde veñen estas crenzas, na importancia dos números nos contos, na boa e mala sorte e nas historias dos nosos maiores e como se trasladan á literatura infantil. Temos preparado un amplo programa de actividades no que toda a familia pode participar porque, no Salón, rapaces e maiores percorren xuntos e descobren o universo dos libros. O horario de apertura será de luns a venres de 9:30 a 13:30 h., e de 16:30 a 20:00 h., e os sábados de 10:00 a 13:30 horas. O programa completo pódese descargar aquí: programa_salon_libro_2012.

– O luns 12 de marzo, ás 19:30 horas, no Salón de Actos do Pazo, terá lugar un coloquio sobre o tema Lugares Máxicos. Participan Vítor Vaqueiro e Antonio Reigosa, coa moderación de Calros Solla.

Pontevedra: presentación-debate de Verbas no ar, de Iria Morgade

O venres 9 de marzo, ás 19:30 horas, na Libraría Paz (Rúa da Peregrina, 29) de Pontevedra, terá lugar unha presentación-debate sobre a novela Verbas no ar, de Iria Morgade, obra gañadora do VII Premio Biblos. Este encontro pretende crear un lugar de debate, de encontro de ideas e de reflexión. O encontro comezará cunha breve proxección documental, seguido dun pequeno diálogo coa novela.