Conclusións do VI Congreso de Escritores-as da AELG: Para que(n) escribimos o futuro?

O1442482347743BannerVICongresoAELG2015 VI Congreso de Escritoras e Escritores da AELG, que se desenvolveu no Pazo da Cultura de Pontevedra o pasado 26 de setembro baixo o lema Para que(n) escribimos o futuro? e co apoio do Concello de Pontevedra.

O Congreso tivo un proceso de debate previo ao día do congreso a través de medios dixitais; despois de celebrados os seis grupos de traballo rematou cunha sesión conxunta na que as persoas encargadas das respectivas coordinacións resumiron as conclusións de cada grupo para, finalmente, deducírense as seguintes conclusións xerais do VI Congreso de Escritoras e Escritores da AELG:

1. A lingua oral é a base da nosa cultura e a raíz do noso sistema literario. Moitos elementos patrimoniais só se transmiten por vía oral; por tanto na medida en que deixemos de comunicarnos oralmente na nosa lingua corremos o risco de sermos vítimas dunha “xeración muda” ou “fenda oral” e de esquecer unha parte fundamental da nosa herdanza cultural.
2. O prestixio social da lingua depende da calidade do seu uso oral normalizado, por tanto é imprescindible potenciar este uso, tanto no ambiente familiar como, especialmente, no escolar, sobre todo nas primeiras etapas educativas.
3. O fomento das expresións orais garante o futuro da lingua, transmite optimismo aos seus falantes e prestixia o patrimonio e as formas culturais que se expresan nela.
4. Entendemos que a literatura de tradición oral pode e debe ser considerada pola RAG para que se lle dedique un Día das Letras Galegas a través da figura de investigador@s e narrador@s de mérito.
5. Precisamos da creación dunha axencia literaria e tamén dun servizo de orientación no seo da propia AELG.
6. Reclamamos a revisión das porcentaxes de dereitos de autoría así como dos adiantos a conta que se ofrecen no noso sistema literario.
7. Reclamamos a necesaria tolerancia ortográfica, sen discriminacións da lusografía e con maior democracia na convocatoria de premios.
8. Requirimos a inclusión da LIX na formación do profesorado como materia específica ou transversal.
9. Demandamos para a literatura galega en xeral, nomeadamente a LIX, maior presenza nas feiras do libro, tamén nas internacionais.
10. Demandamos a cooperación das diversas administracións para manteren certames de escrita dramática con periodicidade anual e con garantías de publicación e escenificación.
11. Reclamamos a necesaria formación dos equipos docentes nas bondades pedagóxicas que a escrita dramática achega no plano da oralidade, de modo que se prescriban textos dramáticos para traballar neste ámbito.
12. Solicitamos a visibilidade de modelos que adoitan expresarse oralmente: as representacións teatrais, as recitacións poéticas, as controversias e disputas como a regueifa ou a narración de historias, contos…
13. Reclamamos ás entidades públicas encargadas da difusión cultural fóra das nosas fronteiras cara outras latitudes lingüísticas a creación dun Instituto Rosalía de Castro que espalle a nosa creación literaria.

Detallamos a seguir os temas tratados en cada un dos seis grupos de traballo (entre paránteses as persoas coordinadoras:

Dereitos de autoría e profesionalización (Francisco Castro)
A oralidade como soporte literario (Antonio Reigosa)
Novas formas de edición (Rosalía Fernández Rial)
O futuro da literatura dramática (Afonso Becerra)
Lusofonia como renovada oportunidade (Carlos Quiroga)
Formación de lectores/as (Ledicia Costas)

No que tratou os dereitos de autoría e a profesionalización incidiuse na necesidade de buscar novos mercados a través das traducións, de revisar as porcentaxes de dereitos de autoría, así como dos adiantos a conta que se ofrecen no noso sistema literario; constatouse, asemade, a necesidade da creación dunha axencia literaria e tamén dun servizo de orientación no seo da propia AELG.

No grupo de traballo sobre a oralidade como soporte literario reflexionamos sobre a oralidade como sistema de comunicación universal e común a todas as culturas antigas e actuais, e sobre a literatura expresada oralmente que ten, como é sabido, peculiaridades e características moi diferentes da literatura escrita. As obras que se transmitiron e transmiten por vía oral son en orixe creacións individuais e anónimas, que precisan ser aceptadas pola comunidade cultural para ser recreadas e transmitidas colectivamente. Nos temas da literatura oral gárdase a memoria cultural. As formas, as crenzas, as tradicións que a comunidade toda (non só o que lle interesa ou convén ás elites) quere preservar. Preguntámonos sobre a literatura oral e a súa interacción coa literatura escrita, sobre a importancia desta literatura oral nos sucesivos rexurdimentos da literatura escrita en galego. E, de paso, sobre a situación do galego falado e se a perda de falantes compromete a supervivencia da literatura escrita en galego. E como cremos necesarias medidas de salvagarda da oralidade e da literatura oral, tratamos de responder a esta pregunta múltiple: para que e para quen estudamos, divulgamos e representamos a oralidade e a literatura oral? Logo das diferentes intervencións, e de poñer sobre a mesa os retos aos que se enfronta a oralidade na actualidade, constátase que, se ben é certo que hai perda de falantes da nosa lingua, e incluso de receptividade sobre todo en ambientes urbanos, tamén o é que o futuro se escribe con altas doses de optimismo.

O grupo de traballo Novas formas de edición coincidiu na necesidade de ser flexíbeis aos novos formatos mixtos de difusión masiva. Concluíuse que non se perciben os formatos impresos e dixital como incompatibles e, moito menos, como antagónicos, e reafirmámonos como creadores de contidos que empregan diversas ferramentas para comunicar as súas manifestacións literarias.

A mesa que tratou o futuro da literatura dramática interesouse pola posibilidade de que o sector busque a cooperación das diversas administracións para manteren certames de escrita dramática con periodicidade anual e con garantías de publicación e escenificación. Considerouse tamén preciso comunicar aos equipos docentes as bondades que este xénero pode achegar no plano da oralidade, de modo que se prescriban textos dramáticos para traballar neste ámbito. Igualmente se puxo en foco a necesidade de que se traduzan estes textos, tamén os actuais, para despois promover lecturas dramáticas da nosa literatura noutras nacións. Neste sentido, proponse apelar ás entidades públicas encargadas da difusión cultural fóra das nosas fronteiras, cuxo labor no campo da literatura dramática é moi escaso.

A Lusofonía como renovada oportunidade foi outro dos temas tratados, nunha sesión optimista que valorou como moi importante facilitar a aproximación ás culturas lusófonas desde unha focaxe xenuinamente galega que permita evidenciar esa renovada oportunidade (sinal de radio e televisión). Considerou tamén necesaria a tolerancia ortográfica, sen discriminacións da lusografía e con maior democracia na convocatoria de premios, que impiden a difusión dunha parte xa importante da nosa literatura.

A formación de lectores e lectoras foi un dos temas que máis interese espertou entre as persoas asistentes ao congreso. Reivindicouse a literatura infanto-xuvenil como unha literatura á altura de calquera outra, alén de ser estratéxica na formación de novas lectoras. Para conseguir facer chegar esta constatación á sociedade pídese que se inclúa na formación do profesorado como materia específica ou transversal. Tamén se xulga necesario demandar para esta literatura maior presenza nas feiras do libro, nomeadamente nas internacionais.

ProLingua: A lingua galega excluída de Xuventude Galicia Net

Desde06d0b4010a032b97528686ceb35b3c70603789d8 ProLingua:
“Estes días está a celebrarse en Silleda a maior party informática galega, o Xuventude Galicia Net, que a pesar de levar na cabeceira o nome de Galicia, o galego está ausente de todo o demais. De querérmonos inscribir, non podemos facelo en galego; de consultarmos as normas do encontro ou de conectármonos ao seu streaming, unha e outra vez a mesma canción: só castelán; e de navegarmos polo portal do Xuventude Galicia Net, nada de galego, e o mesmo podemos dicir das redes sociais ligadas ao evento. A exclusión do galego non se deu ata agora, pois abonda con consultarmos o timeline do facebook ou do twitter das anteriores edicións para comprobarmos como daquela se dirixían con toda normalidade en galego aos seus seguidores.
O Xuventude Galicia Net conta co apoio da Xunta, que asinou un convenio de colaboración de 25.000 euros para a súa organización. A conselleira de Traballo e Benestar, Beatriz Mato e o vicepresidente Alfonso Rueda visitaron o recinto feiral de Silleda ratificando coa súa presenza que apoian a expulsión da lingua galega.
Dóenos moito que quen debería ser o principal valedor do galego, a Xunta de Galicia, rompa unha vez máis con ese compromiso que está na cerna da súa razón de ser. Que foi da ratificación legal de prestar todos os servizos públicos preferentemente en galego publicada nun DOG no pasado mes de abril? Xa é papel mollado? Tamén nos doe que entidades públicas como a Deputación de Pontevedra ou o Concello de Silleda actúen como mudos patrocinadores dun novo desprezo á lingua propia de Galicia.
Campañas como a de #EmpápateCoGalego, posta en marcha pola fundación de ABANCA para celebrar o Día das Letras Galegas, ou a colaboración de Coca-Cola coa Secretaría Xeral de Política Lingüística para o concurso Novos Talentos de Relato Curto fican sen credibilidade se por outra banda se aposta pola financiamento dun evento coma este que refuga do galego.”
A plataforma apartidaria ProLingua arela que a Xunta de Galicia, e o mesmo outros organismos que deberían ser exemplo no uso normalizado do galego, non patrocinen eventos que salientan pola ausencia da nosa lingua.

ProLingua, 20 de setembro do 2015″

Textos lidos na homenaxe O Escritor na súa Terra: Xosé María Álvarez Cáccamo, o 6 de xuño

A1430316349527banner-caccamo Homenaxe O/A Escritor/a na súa Terra, impulsada pola Asociación de Escritoras e Escritores en Lingua Galega (AELG), chegou este ano á súa XXI edición recaendo, por decisión unánime da súa Asemblea de Socios e Socias, na figura de Xosé María Álvarez Cáccamo, que foi homenaxeado o sábado 6 de xuño no Concello de Vilaboa, onde chantou as súas raíces hai 25 anos. Deixamos, a continuación, estes textos lidos na homenaxe:

Texto de Cesáreo Sánchez Iglesias no Descubrimento da escultura conmemorativa e plantación da moreira branca (árbore simbólica do escritor) no Parque Público Poeta Xosé María Álvarez Cáccamo:

Discurso Cesáreo Cáccamo 1Discurso Cesáreo Cáccamo 2Discurso Cesáreo Cáccamo 3Texto de Mercedes Queixas no acto de entrega da Letra E:

Acta Mercedes Cáccamo 1Acta Mercedes Cáccamo 2Texto de Cesáreo Sánchez Iglesias no acto de entrega da Letra E:

Texto Cesáreo Cáccamo 1Texto Cesáreo Cáccamo 2Texto Cesáreo Cáccamo 3Texto Cesáreo Cáccamo 4Texto Cesáreo Cáccamo 5Laudatio de Xavier Rodríguez Baixeras no acto de entrega da Letra E:

Baixeras Cáccamo 1Baixeras Cáccamo 2Baixeras Cáccamo 3Baixeras Cáccamo 4Baixeras Cáccamo 5Baixeras Cáccamo 6Baixeras Cáccamo 7Baixeras Cáccamo 8Resposta á Laudatio de Xosé María Álvarez Cáccamo no acto de entrega da Letra E:

Cáccamo 1Cáccamo 2Cáccamo 3Cáccamo 4Cáccamo 5Cáccamo 6Cáccamo 7

Ramón Nicolás: Texto lido na entrega dos premios AELG (Círculo das Artes de Lugo)

DesdeRamón Nicolás Caderno da crítica, de Ramón Nicolás:
O día 9 de maio dei lectura a este texto, que aquí modifico lixeiramente, no Círculo das Artes de Lugo nos actos de entrega do premio AELG a este blog.

Hai por volta de cinco anos, cando os blogs xa constituían unha moda que caera en certo desuso, inspirándome na orientación e nos contidos de dous populares blogs como eran e son Ferradura en tránsito e mais Brétemas botei a andar Caderno da crítica, un tanto irresponsablemente, todo hai que dicilo, pois o mundo virtual e o das novas tecnoloxías constituía para min unha sorte de arcano respecto do que era bastante escéptico.
Desde aquela até hoxe vai un período no que, creo, aprendín algunhas cousas: unha delas, e que se foi xerando de seu, foi iso da chamada identidade dixital. Manuel Bragado, que ten un percorrido máis longo e experimentado neste ámbito, díxome un día algo así como que un blog era, ou debía ser, unha actitude, unha maneira de ser e de estar. Fíxenlle caso e quixen que esa maneira de ser e estar discorrese allea a estridencias e balbordos, que se centrase en exclusiva no que emerxe e se dá no noso sistema literario contemplado este como un ente autónomo, singular, non dependente de nada nin de ninguén; que se deseñase nel unha presenza continuada concibida coa intención de apoiar e difundir a construción colectiva que se fai coa palabra, coa palabra nosa.
Conxecturo que as compañeiras e os compañeiros que constituímos a AELG galardoan este blog por esta actitude, e eu agradézollelo sinceramente, porque ven nel unha ventá que ofrece un discurso que quere ser integrador e plural, colectivo, que aposta por informar criticamente arredor dos nosos libros, de quen os constrúe e comercializa, de quen os escribe tamén, algo absolutamente necesario hoxe en día no que nin os nosos libros, nin  quen os constrúen e comercializan, nin  quen os escriben son tratados como se merecen, coma se o libro galego fose estranxeiro na súa propia terra. Contra todo iso, que é palpable, dolorosamente palpable, cómpre talvez aplicar a metodoloxía do traballo e do esforzo, seguir adiante na esperanza de que virán tempos mellores e que nos fagan esquecer as precariedades.
Quero agradecer igualmente, a atención que me dispensan os medios xornalísticos para os que escribo, parte substancial que alimenta este blog e, nomeadamente, algunhas persoas e institucións que quero citar. En primeiro lugar Lucía López Bayo, quen me empresta con xenerosidade a axuda técnica indispensable; Anxo Cabada, amigo e esteo fundamental para novos proxectos; algúns dos libreiros e libreiras máis comprometidos co libro galego e coa súa precisa visibilización, algunhas institucións colaboradoras –sempre xenerosas comigo- como as Fundacións Penzol, Uxío Novoneyra e Celso Emilio Ferreiro. Grazas tamén ao señor Proust e a todas as persoas que sempre atendedes ás miñas peticións.
Abrazo este premio con alegría e agradecemento. Valoro moito o voso agarimo e alento cando van aló vinte e cinco anos de práctica ininterrompida de crítica literaria. Cousas así son un estímulo para seguir traballando nesta República das Letras que nos une. Saúde.”

Actividades promovidas pola AELG no Día de Rosalía, 24 de febreiro

BUEU2015-02-24 BUeu Eu Son RosalíaA CORUÑA2015-02-24 A Coruña Eu son RosalíaFERROL2015-02-24 Ferrol Eu Son RosalíaLUGO2015-02-24 Lugo Eu son RosalíaMADRID

Ás 19:00 o Grupo Bilbao convoca unha lectura de poemas de Rosalía diante da que fora a súa residencia madrileña, na rúa Ballesta, 13.

A RÚA DE VALDEORRAS

Como cada ano, está a celebrarse nos Concellos, tras aprobación dos seus plenos, a data do nacemento de Rosalía de Castro, coa lectura da súa obra en bibliotecas públicas ou naqueles lugares que dispoñan os Concellos. No Concello de A Rúa de Valdeorras lévase celebrando dende hai catro anos. Este ano terá lugar na biblioteca pública municipal sita na rúa Hermanos Losada, 15 (Casa da Cultura da Rúa).
Hoxe, 24 de febreiro, o alumnado dos centros Pablo Sexto, I.E.S. Cosme López Rodríguez, Colexio Manuel Respino, Taller da Memoria e público en xeral, teñen unha cita co mundo rosaliano ás 19:30 h.

VIGO2015-02-24 Vigo Eu Son Rosalía cartelrosaliaSanTomeVigo(2)

#EuSonRosalía fai sentir en Bonaval as moitas razóns para sermos “rosalías”

ArtigoEuSonRosalia___(1) de Carme Vidal en Sermos Galiza:
““Coma todos os anos reivindicamos que este lugar sexa laico e de uso público, con accesibilidade para que os nosos e as nosas escolares poidan vir a lle traer flores”, comezou o presidente da AELG, Cesáreo Sánchez Iglesias, na apertura dun acto no que reivindicou o dereito do alumnado de todo o pais a visitar este lugar que é símbolo onde mora quen, transgresora, soubo derrotar a desesperanza quen, en palabras de Curros, leva a estrela na fronte, a quen é guía aínda hoxe para o noso devir”, dixo o presidente da AELG.
“Debemos deixar que Rosalía fale por voz de cada unha de nós”, dixo Rosalía Fernández Rial no manifesto da homenaxe central que a AELG lle rendeu, un ano máis, en San Domingos de Bonaval. A outra Rosalía, a de Carballo, recoñeceu a pertenza a unha mesma comunidade poética e manifestouse Rosalía, a outra, por “compartir a identidade”, nesa vontade na que se recoñecía a filosofía da iniciativa que neste ano promoveu a AELG e que levou á rede moreas de razóns para sermos Rosalías.
“A súa obra transcende o seu tempo e dálle voz a aquilo que nos define aos galegos coma construtores dunha cultura nun idioma”, dixo Cesáreo e, desa condición, inundouse o acto de Bonaval, de expoñer ás condicións rosaliáns das persoas que desexan, en especial desde a literatura, un mundo de igualdade e xustiza.
Moitas Rosalías rularon pola rede nestes días e unhas cantas colleron o micro en Bonaval para faceren escoitar os seus versos, coas reivindicacións de hoxe, pola nosa lingua, contra a emigración, coas persoas desafiuzadas e as obrigadas a emigrar, as que manteñen o “atrevemento” de continuar a escribiren en galego. A voz de Rosalía sentiuse así próxima, coa actualidade dos temas dos que ela falou e que continúan a estaren infelizmente presentes.
Mercedes Queixas, Isabel Kerdudo, Viki Rivadulla, Paula Carballeira, Mónica Caamaño, Ledicia Costas ou Xurxo Souto -que impresionou cantando a capela un dos seus poemas- foron algunhas das voces que trouxeron á beira do Panteón de Galegos Ilustres os versos de Rosalía na homenaxe central da AELG polo seu aniversario que se fai o vindeiro 24 de febreiro. E os poemas de Rosalía cadraban con cada unha das reivindicacións, desta maneira, Isabel Kerdudo lembrou ás persoas desafiuzadas e obrigadas a emigrar, Ledicia Costas recoñeceuse Rosalía no feminismo e no orgullo da lingua ou Mercedes Queixas no atrevemento de escribir en galego, entre outras razóns para reclamar que continuamos herdando da poeta.
A coral Solfa e Uxía puxeron música ao acto. “Unha Rosalía rebelde, revuldeira, telúrica, comprometida coa súa terra, a Rosalía vixente que hoxe nos trae aquí”, foi a que reclamou Uxía na intervención musical na que estreou unha nova canción que interpretou coa arpa de Clara Pino.
“Coñecer a Rosalía é coñecer a historia do propio país. Recatala da manipulación, do ocultamento, que sexa coñecida e valorada significará que é un pobo que se coñece a si mesmo, que sabe cales son as causas que non lle permiten vivir do propio traballo na propia Terra que este pobo humanizou para poder recibir dela os propios alimentos unha terra abenzoada pola fertilidade, un mar de fartura do que vén o pan que de xeito rebordantemente humano ela cantou”, reivindicou Cesáreo Sánchez, á fronte dunha AELG que ten na data de nacemento de Rosalía unha das principais conmemoracións do ano e defende que sexa convertido na grande celebración literaria tanto no ámbito escolar como no social e institucional. O acto rematou cunha ofrenda floral e a interpretación conxunta do himno galego.”