Consello da Cultura Galega: A cultura na época das vacas fracas (II)

“Unha maior presenza da iniciativa privada e a innovación preséntanse como chaves na consolidación das industrias culturais. E cómpre actuar con rapidez para aproveitar as posibilidades das novas tecnoloxías e reaccionar contra os perigos da globalización. Cando menos, esas son algunhas das principais conclusións que se poden atopar no documento para o debate da Reflexión Estratéxica sobre a Cultura Galega que promoveu o Consello da Cultura. Francisco Campos, coordinador do relatorio sobre Cultura e Mercado, explícanos esta parte do debate”. Esta é a segunda dunha serie de reportaxes nas que se abordará as principais áreas dese proceso. Máis información sobre este proceso aberto á participación en Cultura Galega, e neste enlace ao documento completo da Reflexión estratéxica sobre a cultura galega.

Consello da Cultura Galega: A cultura na época das vacas fracas (I)

“As épocas de fartura tamén reverteron no ámbito cultural. Consolidáronse os ornamentos relativos a cultura, creáronse unha nutrida rede de infraestruturas que dan acubillo a un número crecente de actividades…. Pero a crise obriga a repensar esa forma de traballar, planificar e concibir a cultura. Ese novo punto de vista sobre as políticas culturais abordouse no marco dunha reflexión estratéxica que propuxo o Consello da Cultura Galega e que agora abre ao conxunto dos cidadáns”. Esta é a primeira dunha serie de reportaxes nas que se abordará as principais áreas dese proceso. Máis información sobre este proceso aberto á participación en Cultura Galega, e neste enlace ao documento completo da Reflexión estratéxica sobre a cultura galega.

Santiago: II Xornada da Crítica, A crítica e a Literatura Infantil e Xuvenil

O venres 22 de outubro desenvólvese a II Xornada da Crítica, que tratará sobre A crítica e a Literatura Infantil e Xuvenil, organizada pola Asociación de Escritores en Lingua Galega e o Consello da Cultura Galega. O programa é o seguinte:
10:30 h. Inauguración, a cargo de Ramón Villares, Presidente do Consello da Cultura Galega, Cesáreo Sánchez Iglesias, Presidente da AELG, e Blanca-Ana Roig, en representación da Sección de Crítica Literaria da AELG.
11:00 h. Conferencia: A crítica literaria académica da Literatura Infantil e Xuvenil galega, por Isabel Mociño González (Universidade de Santiago), presentada por Isabel Soto López (Universidade de Santiago).
12:30 h. Conferencia: A crítica do libro infantil e xuvenil na prensa, por Xosé Manuel Eyré (Comisión Executiva da sección de Crítica Literaria Galega), presentado por Eulalia Agrelo Costas (Universidade de Santiago).
16:45 h. Mesa redonda sobre A Literatura Infantil e Xuvenil na crítica literaria ibérica, con Caterina Valriu (Universidade das Illas Baleares), Mari Jose Olaziregui (Universidade do País Vasco), Mª Victoria Sotomayor (Universidade Autónoma de Madrid) e José António Gómes (Escola Superior de Educação do Instituto Politécnico do Porto), moderada por Blanca-Ana Roig Rechou (Universidade de Santiago).
18:15 h. Debate entre todos os asistentes: Presenza e ausencia da crítica literaria sobre a Literatura Infantil e Xuvenil, coa moderación de Mar Fernández Vázquez (Universidade de Santiago) e Ana Margarida Ramos (Universidade de Aveiro).

Vigo: Vinte anos de literatura galega, coloquio na Fundación Caixa Galicia

A Fundación Caixa Galicia prosegue co ciclo de coloquios sobre o estado da arte e a cultura galega. Este sábado xunta en Vigo a cinco dos principais piares do sector do libro: os escritores Chus Pato, Suso de Toro e Agustín Fernández Paz, o presidente da Federación de Libreiros de Galicia, Xurxo Patiño, e o crítico literario Ramón Nicolás. Manuel Bragado, director de Edicións Xerais de Galicia, modera o debate no Centro Sociocultural Fundación Caixa Galicia da cidade olívica. O acto comeza ás 12 horas e a entrada é libre.

La Voz de Galicia: A literatura galega segue estando «connotada» no seu propio país

Poden presumir de preocuparse polos lectores. Separados no xeracional e coincidentes no oficio, Inma López Silva e Agustín Fernández Paz expoñen experiencias diverxentes e conclusións similares. Algunhas levadas directamente pola actualidade. Os dous coinciden, isto si, en que o acto de escribir é soberano e non debe estar condicionado. Pero de portas afora hai moitas cousas das que falar. [Ler artigo completo sobre o encontro, por Camilo Franco]

María Reimóndez, Marta Dacosta e Marilar Aleixandre debaten en Xornal de Galicia

O convite ten algo de provocación e algo de traizón inocente. Protagonistas do segundo Café con Letras que Xornal de Galicia organiza coa colaboración da Asociación de Escritores en Lingua Galega, as escritoras Marilar Aleixandre, María Reimóndez e Marta Dacosta veñen falar de literatura e de muller, de xénero, de discriminación, da dupla vara de medir que opera, tamén, no sistema literario propio. En realidade, veñen debater sobre todo iso para o que nunca se convoca aos homes. [Ler artigo completo]

Santiago: mesa redonda sobre novela histórica xuvenil

O club de lectura Gálix Tendendo Redes organiza mañá xoves día 4 de xuño de 17 a 19 horas no Consello da Cultura Galega unha mesa redonda que leva por título Narrar a historia, sobre as claves da novela histórica xuvenil e o seu tratamento na literatura para adultos. Participarán Marilar Aleixandre, Xosé A. Neira Cruz e Marcos S. Calveiro, todos eles autores de obras seleccionadas para a súa lectura polo club, así como a crítica literaria e doutora da Universidade de Santiago de Compostela Dolores Vilavedra. A entrada é libre.