“Todas as letras do Día das Letras Galegas, o libro co que a Real Academia Galega conmemora os 50 anos desta celebración da literatura galega, está xa dispoñible na rede. A RAG colgaba no seu web a publicación íntegra, na que medio cento de académicos repasan cadansúa figura das que teñen sido homenaxeadas neste día”. Vía Cultura Galega.
Arquivo da categoría: Día das Letras
Proposta de Roberto Vidal Bolaño para o Día das Letras 2013
Damos noticia desta iniciativa dun grupo de persoas que está recollendo apoios para presentar perante a Real Academia Galega a proposta de que o Día das Letras Galegas de 2013 lle sexa dedicado a Roberto Vidal Bolaño.
Pódese mostrar a adhesión a través dos correos: antondobao@telefonica.net e robertovidalbolanho@gmail.com.
A seguir a exposición de motivos elaborada polos/as promotores/as da iniciativa:
Roberto Vidal Bolaño para o Día das Letras Galegas
O Día das Letras Galegas cumpriu 50 anos. Felicidades. Medio século ben empregado e sen facer moito teatro. Os tempos deberían ser chegados para ese xénero que segue sendo literario. Cincuenta anos pasaron polo Día e trinta polo teatro galego e a súa profesionalización. É tempo suficiente para ter comprobado a importancia do teatro na cultura galega e tempo suficiente para valorar como contribuíu a escena galega á revitalización da lingua e a darlle un uso actual, contemporáneo e habitable.
Cincuenta anos despois do Día e trinta anos despois da romería chegamos a 2013 e damos coa cifra, tráxica en calquera caso, dos 11 anos da morte, que non desaparición, de Roberto Vidal Bolaño. Igual cadran as contas porque para falar de literatura, de teatro e de lingua non hai exemplo mellor que Vidal Bolaño: practicou a lingua e o teatro, o teatro da lingua, a lingua do teatro con toda a contundencia que lle foi dado e, algunhas veces, moito máis. As súas necrolóxicas de hai máis dunha década xa o sentenciaron como o máis importante autor galego de teatro e, once anos despois, a súa obra non deixou de medrar. Unha obra que comeza cos símbolos e acaba na realidade, nun proceso de interpretación dese lugar onde o mundo se chama Galicia que poucos autores, de teatro, narrativa ou poesía, poden igualar. Ese é o camiño que vai de Bailadela da morte ditosa a Rastros.
Hai motivos. Moitos. Un por cada espectador que RVB levou ao teatro no pasado e outro por cada espectador que levará no futuro. Pero hai outro fundamental que garda relación intensa co prexuízo de que é ou que deixa de ser literatura. Se colocamos nunha ringleira a obra toda de RVB: Laudamuco, Bailadela, Saxo Tenor, Días sen gloria, Anxeliños, Animaliños, Criaturas, Rastros, As actas escuras, por exemplo, ¿hai moitas obras comparables? Escribir teatro tamén é de escritores.
Aínda habería máis porque RVB foi unha figura da escena e, polo tanto, foi actor e director, pero foi actor de televisión e de cine e esas circunstancias implican unha biografía pública próxima aos espectadores, unha biografía con moitos atractivos e cun obxectivo que aínda hoxe resulta útil ou, quizais, sexa hoxe máis útil que nunca: explicarnos para ben e para mal como é o mundo visto desde o teatro de aquí. Como é o mundo desde Galicia. Polo tanto.
De Navia ata o Brasil: o mapa do idioma segundo Paz-Andrade
Artigo en Dioivo:
“”O mapa do idioma de Camões e Rosalía exténdese a catro continentes. É a terceira en importancia entre as linguas neo-latinas. Despois do inglés e do castelán, é a falada por maior número de persoas no hemisferio austral. Pero os datos reveladores da expansión que alcanzou palidecen ante os que permiten deducir o desenvolvemento futuro do mesmo fenómeno. Abonda ter presente o índice de acelerado crecemento demográfico e económico de Brasil, e valorar o seu porvir como potencia mundial, para comprender que un auxe paralelo experimentará o censo dos que falan o idioma galego-portugués en América. E non só o censo directo. Imperativos de orde económica e cultural abriranlle cada día maiores cauces para o intercambio, nos países anglosaxóns. Ten, por tanto, brillantemente asegurado o seu destino entre os grandes idiomas atlánticos”. Son palabras de Valentín Paz-Andrade, recollidas no seu libro Galicia como tarea (1959). O homenaxeado neste 17 de maio concibía o galego e o portugués como dúas variantes dunha mesma lingua.
As citas son claras, ao respecto, na súa obra ensaística. En La marginación de Galicia, (1970), que amplía e complementa as reflexións de Galicia como tarea, asegura que “se quixeramos poñer lindes ao territorio lingüístico, básicamente uniforme, do galego-portugués, teriamos que situar o do Norte en Navia e o do Oeste en Corumbá, co Atlántico polo medio”. Por iso, pregunta máis adiante no mesmo texto, “O galego debe manter unha línea autónoma na súa evolución como idioma, ou debe ter a máis estreita similaridade coa lingua falada, e sobre todo escrita, de Portugal e de Brasil?”. (…)”
Tucho Calvo: ”Paz Andrade aspirou a poñer os galegos no mundo e na vangarda”
“Valentín Paz Andrade era unha desas personaxes que formaba parte dunha xeración que viviu unha situación que en nada se pode comparar coa nosa. Pasaron dúas ditaduras, atravesaron unha guerra civil e conviviron con dúas mundiais. Eles souberon loitar e tiveron azos para cambiar o país. Nós non podemos amedrentarnos”. Así definiu o homenaxeado nas Letras Galegas o escritor Tucho Calvo, autor do libro Valentín Paz-Andrade. A memoria do século XX, quen este luns participou nun encontro do Ateneo de Santiago para celebrar o 17 de maio. Calvo, que foi presentado polo académico Salvador García-Bodaño e o catedrático Anxo Tarrío, rememorou a longa entrevista en profundidade que lle fixo ao autor de Galicia como tarea nos anos oitenta que daría como resultado este libro. Un resultado que, en calquera caso, acabou por ser serodio, xa que o libro non vería a luz até 1998 con Edicións do Castro. “A editorial SEPT de Isla Couto encargárame unha serie de entrevistas longas con persoeiros da vida galega. A de Valentín ía ser un libro, mais non chegou a saír nunca”, explicou Tucho Calvo, quen rememorou ademais o lugar onde falou co fundador de Industrias Pesqueras. “Foi no seu despacho da casa de Pousanova do Mar, aos pés de Samil. El era realmente a memoria do século XX e ese despacho impresionaba, cheo de debuxos de Castelao, de esculturas, de manuscritos de moitos históricos. Impresionaba”, explicou o escritor. (…)” Vía Dioivo.
Cerdanyola: actividades do Día das Letras Galegas
O domingo 27 de maio, a partir das 12:00 horas, no Museu d’Art de Cerdanyola (MAC-Can Domènech), a Irmandade O Botafumeiro conmemora o Día das Letras Galegas coa actuación do músico Josep-Maria Ribelles, que interpretará obras de Emilio Cao, o concerto do coro da Irmandade, e a conferencia Valentin Paz-Andrade e Castelao, irmáns e mestres da nación-cultura galega como tarefa, a cargo de Camilo Valdehorras.
Mondariz Balneario: conferencia de Tucho Calvo sobre Valentín Paz Andrade
O sábado 26 de maio, ás 20:30 horas, no Salón de Actos do Concello de Mondariz Balneario, Tucho Calvo pronunciara unha charla conferencia sobre Valentín Paz-Andrade, a memoria do século XX.
Bruxelas: Dias das nossas letras e das nossas culturas
A Asociación Couto Mixto de Bruxelas e a Livraria Orfeu de celebran os Dias das nossas letras e das nossas culturas, co seguinte programa:
– Sexta feira, 25 de maio, ás 18:30 horas, na Livraria Orfeu: presentación de Noente Paradise, de Ugia Pedreira, presentada por Ramón Neto.
– Sábado, 26 de Maio, ás 17:30 horas, na Livraria Orfeu. Encontro debate moderado por Xavier Queipo sobre as literaturas e as culturas da lusofonía (Galiza, Portugal, Brasil, …), con Ugia Pedreira e Ramón Neto (Galiza), Fred Martins (Brasil), J. Pinto da Silva (Portugal) e outras intervencións libres mediante inscrición. Ás 22:00 horas, concerto de Acrobata no LR6 (204, rue Haute, 1000, da mesma cidade, con Ugia Pedreira e Fred Martins. As reservas pódense conseguir aquí: coutomixtobruxelas@gmail.com. Venda antecipada de billetes na Livraria Orfeu (Rue du Taciturne 43, 1000).
Méndez Ferrín: ”A Paz Andrade gustaríalle que se fixese un uso político do seu pensamento económico, que está máis vivo ca nunca”
Entrevista a Xosé Luís Méndez Ferrín en Galiciaé:
“(…) – Galiciaé (G): Este homenaxeado [Valentín Paz Andrade] ten escasa obra literaria. ¿Inflúe isto na percepción que del poida ter o público nun día como o das Letras Galegas?
– Xosé Luís Méndez Ferrín (XLMF): Non, a escaseza de obra literaria vén compensada cunha chea de obras de pensamento económico, político e literario. Agora a súa obra poética vaise incrementar porque se van publicar libros novos inéditos.
– G: Parece que a sociedade demanda un achegamento da RAG aos galegos. ¿Que lle parece o contacto entre a academia e os institutos?
– XLMF: A Real Academia Galega é unha institución que se resiste a ser unha momia. É a depositaria da memoria cultural e nacional do país, polo que ten que recibir as escolas e ter contacto coa xente. Ten que estar viva. (…)
– G: E como escritor, ¿séntese máis a gusto na poesía ou na prosa?
– XLMF: Á poesía esíxolle moito. Como escritor teño o vicio de ir sempre máis alá, forzar os límites. Interésanme máis os contos breves. (…)
– G: ¿Como ve a literatura galega actual?
– XLMF: Está nun intre de moita potencia. Hoxe a literatura máis nova está en mans de mulleres. Estamos nun momento moi rico, un signo de saúde deste pobo.
– G: Nós somos estudantes de portugués. ¿Que opina do ensino desta lingua nos institutos?
– XLMF: Sempre o pedín. Paz Andrade sostiña que hai que aprender portugués. De feito, Pescanova fíxose co monopolio da pesca en Mozambique grazas aos negociadores que sabían portugués.”
O presidente galego que non foi
Desde El País:
“Hai unha certa xustiza poética en que as Letras 2012 dedicadas a Valentín Paz Andrade renoven a actualidade das súas intervencións finais, cando puxo en cuestión os defectos de construción da autonomía de Galicia en coexistencia co poder central. Unha situación que entendía insatisfactoria e chamada a colapsar se se mantiña a dobre estrutura de institucións de autogoberno propias coas herdadas do centralismo (división provincial, gobernos civís e deputacións). Porque Paz Andrade foi durante toda a súa vida un home que observando múltiples actividades (avogado, escritor, empresario, ideólogo, divulgador, poeta ou xornalista) tivo sempre o nervio da intervención política como eixo da súa interminábel acción pública, mantida desde moi novo na Pontevedra natal (23 de abril de 1898) até o derradeiro alento en Vigo (22 de maio de 1987). (…)”