A Coruña: presentación de Como defenderes os teus dereitos lingüísticos, de Carlos Callón

A quinta feira 14 de xuño, ás 19:00 horas, no local da Asociación de Veciñas e Veciños Atochas-Monte Alto-Torre de Hércules (Campo de Marte, s/n) da Coruña, preséntase Como defenderes os teus dereitos lingüísticos, de Carlos Callón, publicado en Xerais. No acto, organizado pola Mesa pola Normalización Lingüística, intervirá o autor.

Pontevedra: presentación de Do idilio á diáspora, de Xosé Carlos López Bernárdez

O martes 12 de xuño, ás 20:30 horas, na Galería Sargadelos (Rúa Oliva) de Pontevedra, preséntase o libro Do idilio á diáspora. Modernidade e compromiso na pintura galega de Castelao a Seoane, de Xosé Carlos López Bernárdez, publicado en NigraTrea. No acto, xunto ao autor, participan Xosé Abilleira e Fernando M. Vilanova.

A Estrada: presentación de A guerrilla antifranquista galega. Actas do Congreso e Perspectivas sobre Bóveda: Ensaios e poemas polo seu 75º cabodano

Carlos L. Bernárdez: “A obra de Castelao foi básica na ruptura coa arte rexionalista”

Entrevista a Carlos L. Bernárdez en Faro de Vigo:
“(…) – Faro de Vigo (FdV): O seu libro títulase Do idilio á diáspora. O da diáspora está claro, pero… a que se refire Vde. con “idilio”?
– Carlos López Bernárdez (CLB): Con “idilio” quero facer fincapé nun dos factores que definen as procuras da arte rexionalista nos primeiros anos do s. XX -en artistas como Soutomaior ou Sobrino-, creadores que traballan no contexto dunha Galiza en plena crise, cun activo movemento agrarista que loita contra o foro. Estes pintores responden a esta situación cunha arte que idealiza e enfeita o popular, evitando os trazos máis conflitivos e tensos. En certo senso, funcionan como sedantes ideolóxicos no canto de asumiren o conflito. Galiza nesta arte é un locus amoenus, cheo de festas e fermosas raparigas aldeás. Evítase calquera temática que poida presentar a modernidade, creando un país ideal e inmaculado.
– FdV: Por que elixiu concretamente as figuras de Castelao e Seoane como un a xeito de “principio e fin” deste percorrido artístico que leva a cabo?
– CLB: Porque Castelao supón un punto de inflexión fundamental, a ruptura con este modelo rexionalista; en concreto, desde a elaboración do album Nós (1916), no que insire a temática social desde unha perspectiva crítica. Seoane, punto final do traballo, conleva a reformulación, desde o exilio, do que fora o movemento renovador d’Os Novos (Maside, Torres, Souto, Colmeiro, Laxeiro…) -fundamental na evolución da nosa arte- desde perspectivas que dialogan coa modernidade internacional. Coido que con el se completa e supera todo un vieiro polo que camiñou a nosa arte durante décadas. (…)”.

Vigo: presentación de Por uma democracia radical. Vozes subalternas contra o estado de exceção

O sábado 2 de xuño, ás 20:30 horas, na Asociación Cultural Bou Eva (Rua Tercio de Fóra, 11) de Vigo, preséntase o libro Por uma democracia radical. Vozes subalternas contra o estado de exceção, publicado por Estaleiro Editora. No acto participan Francisco Sampedro, David Rodríguez e Carlos Diegues.

Ourense: actividades literarias destacadas do 1 ao 3 de xuño na Feira do Libro

Comeza a XXVIII Feira do Libro de Ourense (na Alameda, Rúa do Bispo Cesáreo), aberta até o mércores 6 de xuño, con horario de 11:00 a 14:00 h. e de 18:30 a 22:00 horas.

As actividades literarias máis destacadas do venres 1 son as seguintes:
20:00 h. Pregón inaugural a cargo do escritor Xabier P. DoCampo.

O domingo 3 destacamos:
19:30 h. O escritor Bieito Iglesias presenta o seu libro Contos da terra da tarde, publicado por Editorial Galaxia. Xunto co autor, participará no acto Manuel Outeiriño.
20:15 h. Presentación do libro Globalización e imperialismo cultural, de Manuel Outeiriño, publicado por Editorial Galaxia. Xunto co autor, participará no acto Bieito Iglesias.

Ribeira: presentación de Rosalía de Castro, estranxeira na súa patria, de Francisco Rodríguez

O martes 29 de maio, ás 20:30 horas, na Aula Multimedia (baixo da Confraría) de Ribeira, a Asociación Altofalante e Barbantia presentan o libro Rosalía de Castro, estranxeira na súa patria, de Francisco Rodríguez, publicado pola AS-PG. No acto, xunto ao autor, participa Xesús Laiño.

A Coruña: presentación de Outramente…, de Pilar García Negro

O martes 22 de maio, ás 20:00 horas, na Sala de Prensa da Fundación Caixa Galicia (Cantóns da Coruña), preséntase o libro Outramente…, de Pilar García Negro, publicado en Laiovento. No acto, xunto á autora, participan Francisco Pillado, José Luis Gómez e María M. Val.

Viveiro: presentación de Como defenderes os teus dereitos lingüísticos, de Carlos Callón

O venres 18 de maio, ás 20:30 horas, no Salón de Usos Múltiples da Casa do Concello de Viveiro, preséntase Como defenderes os teus dereitos lingüísticos, de Carlos Callón, publicado en Xerais. No acto, organizado pola Mesa pola Normalización Lingüística, intervirá o autor.