O sábado 17 de decembro, ás 20:00 horas, na Aula de Cultura Ponte de Rosas (Avenida da Feira, 10, baixo) de Gondomar, preséntase o libro Galego de lei. Don Diego Sarmiento de Acuña. I Conde de Gondomar, de Francisco Maseda, publicado en Biblos. No acto de presentación participan, ademais do autor, Tucho Calvo e Carlos Méixome. O acto contará tamén coa presenza e intervención do XIII Conde Gondomar, Gonzalo Fernández de Córdoba y Narváez e será clausurado por Fernando Guitián Guitián.
Arquivo da categoría: Ensaio
Fundación Novacaixagalicia: presentación de Valentín Paz-Andrade, a memoria do século XX, de Tucho Calvo
O xoves 15 de decembro, ás 20:00 horas, na Fundación Novacaixagalicia (Cantón Grande, 21-24) da Coruña, preséntase o libro Valentín Paz-Andrade, a memoria do século XX, de Tucho Calvo, publicado en Biblos. Participarán no acto, xunto ao seu autor, Xosé Díaz e Xulio L. Valcárcel.
Ferrol: presentación de Prisciliano na cultura galega, de Victorino Pérez Prieto
O venres 16 de decembro, ás 20:00 horas, na Fundación Caixa Galicia (Praza da Constitución, s/n.) de Ferrol, preséntase o libro Prisciliano na cultura galega. Un símbolo necesario, de Victorino Pérez Prieto, publicado en Galaxia. No acto participan, xunto ao autor, Elia Rico, presidenta da Asociación Cultural Medulio, Xaime Bello e Pilar García Negro.
O Carballiño: presentación de Como defenderes os teus dereitos lingüísticos, de Carlos Callón
O venres 16 de decembro, ás 20:30 horas, na Cervexaría Eira das Flores, no Carballiño, preséntase Como defenderes os teus dereitos lingüísticos, de Carlos Callón, publicado en Xerais. No acto, coorganizado pola Mesa pola Normalización Lingüística e a colaboración da Libraría Escolma, participa, xunto ao autor, Eladio Cabanelas.
Armando Requeixo sinala que a faciana de Díaz Jácome como xornalista truncou a de poeta
Artigo de Santiago Jaureguízar en El Progreso:
“O profesor e estudoso da literatura galega Armando Requeixo, mindoniense coma o homenaxeado co galardón, deu a coñecer entre o público o seu libro Xosé Díaz Jácome. Poeta e xornalista, que lle valeu o premio literario Ánxel Fole promovido pola fundación Novacaixagalicia e El Progreso dende hai 24 anos. A primeira entidade estivo representada polo seu presidente, Mauro Varela, e a empresa de comunicación lucense polo seu director xeral, José de Cora, quen salientou que falaba en nome da presidenta do Grupo El Progreso, Blanca García Montenegro.
Xa dende o título, Requeixo antepón o título de poeta para Díaz Jácome, pois percibe esa xeira súa como a máis descoñecida. «Se houbese unha obra completa se lle percibiría máis como poeta», valorou o gañador, quen anima a reunir nun volume os tres libros que publicou en vida, sumándolle as creacións espalladas en numerosas publicacións e algunhas inéditas. O ensaísta indulta ao lírico no sentido que «traballou como xornalista dende 1939 a 1983, nunha tarefa que o absorbeu; viuse envolto nunha vertixe de falta de tempo para reunir obra poética para dar máis volumes para o prelo». A ese atranco sumou o da «humildade».
A maiores da súa vertente lírica, Armando Requeixo suliñou a preocupación de Díaz Jácome por embelecer os xornais coa prosa e a poesía de escritores coma Álvaro Cunqueiro, Celso Emilio Ferreiro ou os Álvarez Blázquez, cuxa presenza nas follas grandes alentou durante toda a vida. (…)”.
Santiago: presentación do libro Xeografía de Galicia
O xoves 15 de decembro, ás 11:00 horas, na Sala de Profesores da Facultade de Xeografía e Historia da Universidade de Santiago (Praza da Universidade, 1), terá lugar a presentación do libro Xeografía de Galicia, coordinado por María José Piñeira Mantiñán e Xosé Manuel Santos Solla, publicado en Xerais, elaborado por un amplo equipo de profesionais vencellados aos estudos xeográficos e á Universidade de Santiago. O acto contará coa participación dos coordinadores e o editor Manuel Bragado.
Santiago: presentación de Mulleres na guerrilla antifranquista galega, de Aurora Marco
O mércores 14 de decembro, ás 20:00 horas, na Libraría Couceiro (Praza de Cervantes, 6) de Santiago de Compostela, preséntase o libro Mulleres na guerrilla antifranquista galega, de Aurora Marco, publicado en Laiovento. No acto, no que intervirá xunto á autora Francisco Pillado, haberá unha actuación musical de Pilo Sierra, proxectándose a seguir un capítulo do documental As silenciadas, da autoría de Pablo Ces, que acaba de ser galardoado co premio Memòria i Justícia Universal no III Festival Internacional de Dereitos Humanos de Santa Coloma de Gramenet..
Santiago: presentación de Formas da indefinición, de Ignacio Castro
O mércores 14 de decembro, ás 20:00 horas, na Sala de Conferencias da Fundación Araguaney (Rúa Montero Ríos, 25-47), preséntase o libro Formas da indefinición, de Ignacio Castro, publicado por Axóuxere, xunto á reedición de Roxe de Sebes, publicada pola Fundación Luís Seoane. No acto, acompañando ao autor, participan Rafa Xaneiro, Alberto Ruiz de Samaniego e Alberto Sucasas.
Santiago: presentación de Diabolus in musica. Conversas con Rogelio Groba, de Fernando Manrique
O mércores 14 de decembro, ás 20:00 horas, na Biblioteca Ánxel Casal (Avenida Xoán XXIII) de Santiago de Compostela, terá lugar a presentación de Diabolus in musica. Conversas con Rogelio Groba, de Fernando Manrique, publicado en Galaxia. No acto participan, xunto ao autor, Víctor F. Freixanes, Roberto Varela e propio Rogelio Groba.
Lalín: presentación das actas do curso da UNED Da Galicia de Balbino á Galicia de hoxe
O martes 13 de decembro, ás 20:30 horas, na Sala de Prensa do Concello de Lalín (Praza do Concello, 1), preséntanse as Actas do curso da UNED Da Galicia de Balbino á Galicia de hoxe, publicadas pola Deputación de Pontevedra. No acto participan Rafael Louzán, José Crespo, e os coordinadores do libro: Dolores Vilavedra, Luis Fernández, Román Rodríguez e Xosé Antonio Aldrey.