A Coruña: presentación de Haberá primavera, de César Morán

O xoves 27 de outubro, ás 20:00 horas, no salón de actos da A. C. Alexandre Bóveda (Rúa Olmos, 16-18, 1º) da Coruña, terá lugar a presentación do libro-disco Haberá primavera, de César Morán, na que o escritor e músico canta a Álvaro Cunqueiro, publicada en Galaxia. A obra, na que participou Uxía, vai acompañada de dous Cds, un coa música e outro coa derradeira entrevista concedida en vida polo autor de Mondoñedo, precisamente, a César Morán.

Lalín: presentación de Como defenderes os teus dereitos lingüísticos, de Carlos Callón

O venres 21 de outubro, ás 20:30 horas, no Museo Ramón Aller (Rúa Ramón Aller, 9) de Lalín, preséntase Como defenderes os teus dereitos lingüísticos, de Carlos Callón, publicado en Xerais. No acto, coorganizado pola Mesa pola Normalización Lingüística, participa, acompañando ao autor, Luís Couto.

A Coruña: presentación de Lingua galega e variación dialectal, de Xosé Manuel Sánchez Rei

O venres 21 de outubro, ás 20:00 horas, no salón de actos da A. C. Alexandre Bóveda (Rúa Olmos, 16-18, 1º) da Coruña, terá lugar a presentación do libro Lingua galega e variación dialectal, de Xosé Manuel Sánchez Rei, publicado en Laiovento. No acto estará acompañado por Francisco Pillado e Xosé Ramón Freixeiro.

Publicado Castelao e os bascos, versión galega do libro de Iñaki Anasagasti

Editado pola Fundación Moncho Reboiras para o estudo da cuestión social e sindical en Galiza (Fesga), con tradución para o galego e notas de Xurxo Martínez Crespo, xa está dispoñíbel on-line o libro Castelao e os bascos, que Iñaki Anasagasti publicara no 1985, que pode ser descargado libremente aquí.
Castelao e os bascos na súa versión española fora un bestseller en 1985, publicada pola editorial bilbaina Ekin coas súas 607 páxinas, e só ficaban exemplares soltos nalgunhas mans particulares. O traballo de Iñaki Anasagasti chantara un fito senlleiro naquelas datas, pois expoñía, de xeito ameno e divulgador, unhas relacións pouco recoñecidas entre Castelao e os nacionalistas vascos, enxertadas dentro do movimento Galeuzca.” (Do prólogo de Xosé Estévez).

Ponteceso: presentación de Como defenderes os teus dereitos lingüísticos, de Carlos Callón

O venres 7 de outubro, ás 20:00 horas, na Libraría A Tenda dos Libros (Avenida de Anllóns, 2, baixo) na Trabe (Ponteceso), preséntase Como defenderes os teus dereitos lingüísticos, de Carlos Callón, publicado en Xerais. No acto participan, co autor, Silvana Castro e Pepe Alborés.

Marín: presentación de Loita e clases e represión franquista no mar, de Dionísio Pereira

O venres 7 de outubro, ás 20:00 horas, na Biblioteca Municipal de Marín (Rúa Ourense, 8), preséntase o libro Loita de clases e represión franquista no mar (1864-1939), Dionísio Pereira, publicado en Xerais. No acto participan, co autor, Carlos Velasco e Xosé Manuel García Crego.

Santiago: presentación de Como defenderes os teus dereitos lingüísticos, de Carlos Callón

O mércores 5 de outubro, ás 20:30 horas, no Restaurante O Dezaseis (Rúa de San Pedro, 16) de Santiago de Compostela, preséntase Como defenderes os teus dereitos lingüísticos, de Carlos Callón, publicado en Xerais. No acto, coorganizado pola Mesa pola Normalización Lingüística, participan, co autor, Francisco Rodríguez, Ramón Mariño Paz, Noelia Fernández Sánchez e Manuel Bragado.

Pontedeume: presentación de Como defenderes os teus dereitos lingüísticos, de Carlos Callón

O venres 30 de setembro, ás 19:30 horas, na Biblioteca Municipal de Pontedeume, preséntase Como defenderes os teus dereitos lingüísticos, de Carlos Callón, publicado en Xerais. No acto, coorganizado pola Mesa pola Normalización Lingüística e o Colectivo Cultural Terra, participa, co autor, Miguel Rodríguez Carnota.

Ourense: presentación de Aforismo limitado de pensamento e sentido común, de Jorge Emilio Bóveda

O xoves 29 de setembro, ás 19:00 horas, na Biblioteca Pública de A Ponte (Praza Mestre Luis Fernández, s/n.) de Ourense, preséntase Aforismo limitado de pensamento e sentido común, de Jorge Emilio Bóveda, editado en Liberlibro polo propio autor.

Armando Requeixo reclama maior atención cara á obra de Díaz Jácome

Artigo de Santiago Jaureguizar en El Progreso:
Armando Requeixo articulou o seu discurso de agradecemento do premio literario Ánxel Fole sobre a base dun reiterado convite a coñecer directamente a obra de Xosé Díaz Jácome, dado que el considera que o escritor e xornalista mindoniense quedou preterido de xeito inxusto. Requeixo recibiu o galardón de mans do presidente de Novacaixagalicia Mauro Varela e da presidenta do grupo El Progreso, Blanca García Montenegro, que representaban ás dúas entidades organizadoras. O gañador avanzou nunha breve intervención improvisada pola figura e a obra do homenaxeado deixando para o final a idea que quería deixar no ánimo de todos os presentes. “Díaz Jácome era un home bo, amigo dos seus amigos”, apuntou, para engadir que se viu prexudicado pola fortuna de que eses amigos fosen “primeiros espadas”, como Álvaro Cunqueiro. (…)”