Carmen Blanco: “Urxe potenciar o vitalismo fronte ao prestixio da morte e a dor”

Entrevista a Carmen Blanco en La Voz de Galicia:
“La Voz de Galicia (LVG): ¿Por que escolleu a autoedición dixital a demanda a través de Meubook para os seus ensaios Feministas e libertarias?
Carmen Blanco (CB): Meubook pediume un libro desta temática. Aceptei encantada pola necesidade do combate libre e pacífico contra a pandemia do poder sexual e por apoiar unha iniciativa innovadora.
LVG: Xa no limiar da obra pula pola mellora da vida a través do coñecemento, o amor e o abandono de prexuízos. ¿Vostede é deste mundo?
CB: Non son do mundo da ignorancia, dos odios e das guerras. Estou coas boas persoas que propagan a sabedoría e a solidariedade, con liberdade e valentía, sen complexos.
LVG: As guerras civil e mundial supuxeron, como vostede di, retrocesos para a muller e o colectivo homosexual. ¿Hoxe hai perigo de que políticas a favor destes sectores impoñan privilexios tan criticables como os patriarcais?
CB: Progresar consiste en ampliar as liberdades e non os privilexios. Debemos buscar a resolución dos problemas en aras da dignidade humana (integral) combinando, con intelixencia e flexibilidade, os principios da igualdade e o respecto ás diferenzas. Haberá que recoller todas as potencialidades positivas dos bens que nos deu a diversidade cultural.”

Vilaboa (Culleredo): presentación de A Galicia heterodoxa, de Carlos Pereira

O mércores 17 de novembro, ás 20:00 h., na Biblioteca de Poesía “Uxío Novoneyra“, sita no Pazo de Vila Melania, Vilaboa, Culleredo (Avda. de Vilaboa nº 42), preséntase o libro A Galicia heterodoxa, de Carlos Pereira Martínez, publicado por Espiral Maior, inaugurando a súa nova colección O país das luces. No acto tomarán a palabra Celestino Poza, concelleiro de Cultura, Xosé María Barja, reitor da Universidade da Coruña, Xosé Ramón Barreiro Fernández, historiador e académico, Miguel Anxo Fernán-Vello, editor, e o propio autor.

Santa Cruz, Oleiros: presentación de En castellano no hay problema, de Carlos Callón

O mércores 17 de novembro, ás 20:00 h., no Teatro das Torres de Santa Cruz, no concello de Oleiros, preséntase o libro En castellano no hay problema, de Carlos Callón, publicado en Xerais. No acto participarán Antón Reixa e o propio autor.

Ditames do XVIII Certame de ensaio e narrativa Carvalho Calero

O xurado do XVIII Certame Literario e Lingüístico Carvalho Calero, presidido por Mercedes Carbajales, e con Ángeles González como secretaria, e integrado por Xabier P. Docampo, Rosa Aneiros, Carlos Pazos, Carlos Garrido e Victoria Salgado, deu a coñecer o seu fallo, anunciando que o catedrático e filólogo coruñés Manuel Castelao Mexuto resultou gañador no apartado de ensaio pola súa obra Elucidacións na sombra. Análise e interpretación de dúas pezas teatrais de Carvalho Calero. Na categoría de narrativa o premio quedou deserto por segundo ano consecutivo, xa que os traballos presentados non alcanzaron a calidade requerida nun certame que, recentemente, se decidía consolidar como bianual, co que a próxima convocatoria terá lugar no 2013. A entrega do premio celebrarase a finais de mes e destacaron a importancia da data, xa que neste ano se cumpre o centenario do nacemento de Ricardo Carvalho Calero, ilustre filólogo e escritor, membro numerario da Real Academia Galega e primeiro catedrático de Lingüística e Literatura Galega da Universidade de Santiago de Compostela. O gañador, Manuel Castelao Mexuto, verá editada a súa obra e recibirá un premio en metálico de 3.700 euros, destacando o xurado o traballo interpretativo e reflexivo, así como o gran esforzo didáctico do autor, ampliando así o seu público potencial. (Concello de Ferrol. Tamén se recolle a nova en Galicia HoxeDiario de Ferrol, Cultura Galega).

San Cibrao, Cervo: presentación de O clamor da rebeldía, de Pilar García Negro

Con motivo da celebración do 125 aniversario do pasamento de Rosalía de Castro a Fundación Manuel María organiza o venres 12 de novembro, a partir das 20:00 h., (xa que o venres 9 non se puido celebrar como estaba previsto) no Museo Provincial do Mar (Avenida da Mariña, s/n.) de San Cibrao, Cervo, a presentación do libro O clamor da rebeldía. Rosalía de Castro: Ensaio e feminismo, de Pilar García Negro, publicado por Sotelo Blanco.
Na obra podemos ver unha nova mirada sobre Rosalía, que salientan o seu papel pioneiro “no espertar dunha conciencia de xénero que se revela, lúcida e recorrente, na reflexión profunda e avanzada sobre o ser muller”. Acaeralle daquela o carácter de primeira feminista galega, do mesmo xeito que a condición de moderna pensadora, visionaria, pioneira, heterodoxa, independente e aínda revolucionaria. Nada que ver coas visións mitificadoras e en exceso reducionistas que se prolongan até os nosos días. Este acto forma parte da exposición Rosalía sempre viva. Viva Rosalía!.

Vigo: presentación de Algo máis que un café. O Derby de Vigo, de Albino Mallo

O venres 12 de novembro, ás 20:00 h, no salón de actos da Casa Galega da Cultura (Praza da Princesa, s/n. Vigo), preséntase Algo máis que un café. O Derby de Vigo. 1921-1968, de Albino Mallo, publicado en Galaxia, onde se percorre a historia deste emblemático café da cidade olívica.