Día de Rosalía 2014 nos centros de ensino (VI)

O Día de Rosalía 2014 celebrouse no CEIP de Andrade, Pontedeume do seguinte xeito:
“O luns 24 de febreiro, celebraremos o día de Rosalía.
Este ano o poema elixido é Alborada, inspirámonos no libro-disco Rosalía Pequeniña, na voz de Uxía e con ilustracións de Marina Seoane.
Todo o alumnado, dende Infantil ata o 3º ciclo de primaria, participamos na elaboración dun macro mural que debido ás inclemencias do tempo non puido ser graffitiRosalía, pero iluminará igualmente os muros do colexio. Tamén cantaremos e recitaremos para que a voz de Rosalía nos invada. Ao fondo, o mural, resultado do traballo colaborativo de todo o alumnado do Centro.
Aquí tedes o vídeo da actuación:”

Día de Rosalía 2014 nos centros de ensino (V)

O Día de Rosalía 2014 celebrouse no CPR Cardenal Cisneros de Ourense do seguinte xeito, con alumnado de tres continentes, dezaseis nacionalidades distintas e nove linguas nai fusionados de xeito sorprendente no galego:
1.- Actuación o día 24 ás 10:15 h no centro:
– Educación Infantil: Interpretación dunha canción con letra adaptada pola súa profesora.
– Primaria: Un grupo de alumnos interpretará un rap coa letra feita por eles mesmos na honra de Rosalía. Outros recitarán poemas.
– ESO: Un grupo de alumnos cantarán ao son da coñecida canción de Abba, Mamma mía, unha letra composta por eles e os seus compañeiros.
2.- Todos levarán no seu peito unha camelia feita por cada un deles na que vai a “esencia de Rosalía” concentrada dentro da flor expresada cun poema da escitora. Deste xeito despois do acto levaron un anaquiño da homenaxeada ás súas casas, agasallando a flor.
3.- Unha colección de filatelia temática sobre Rosalía está exposta no centro.
4.- Para atender á convocatoria do graffiti, ao non ter paredes dispoñibles, varios grupos de alumnos crearon deseños nas fiestras dunha das aulas do centro para facer a Rosalía visible dende a rúa.
Como engadido, o grupo de Secundaria participou ás 20:00 h. no acto na súa honra promovido en Ourense polo grupo RosalAuria no Liceo de Ourense.

Día de Rosalía 2014 nos centros de ensino (IV)

O Día de Rosalía 2014 celebrouse no CPI da Gudiña cun vídeo preparado polo alumnado de 4º da ESO co poema de Rosalía Castellanos de Castilla.

No CPI Manuel Suárez Marquier, do Rosal, o alumnado de EP e ESO participou nunha actividade audiovisual e o luns 24 de febreiro fixeron un acto coa lectura de poesía proposta:

Día de Rosalía 2014 nos centros de ensino (III)

O Día de Rosalía 2014 celebrouse deste xeito no CEP Pilar Maestu Sierra, A Pobra do Caramiñal:
“Durante a semana previa tiveron unha actividade titulada Rosalía do A ao Z, que culminou o luns 24 cun recitado colectivo de poemas e varias presentacións informáticas.”

E no IES Félix Muriel de Rianxo:
“Un día parecíanos pouco, así que acordamos dedicarlle varios días á autora de Cantares. Este ano, no día que se cumpría o 177 aniversario do seu nacemento enchemos o centro con poemas dela, coas súas obras, con poemas que o alumnado fixo para ela, con recreación de poemas seus… con antoloxías poéticas coma a que presentamos no artigo anterior…
Todo comezou no local do ENDL co alumnado rotulando os anuncios que logo colgariamos polo centro. Mais tamén houbo traballo previo entre o alumnado que reescribiu a Rosalía… Poemas de Cantares e de Follas foron reinterpretados polo alumnado cunha estética máis “actual”. E así encheron a cafetaría, de xeito que a xente que foi tomar café hoxe puido ler as súas creacións.
Mais non facía falta ir tomar un café para saber de Rosalía hoxe no Félix Muriel… Con entrar no centro xa se podía ver a mesa coa bibliografía e mais o taboleiro informativo..
E o xoves 27 Helena Villar Janeiro imparte unha charla-conferencia para alumnado de 2º e 3º da ESO sobre a autora. Ese día escoitaremos ao alumnado que leva semanas ensaiando poemas seus musicados…”

Día de Rosalía 2014 nos centros de ensino (II)

O Día de Rosalía 2014 celebrouse deste xeito no CEIP Santo Paio de Abaixo, Reboreda (Redondela):
“Ademais da pintada do verso nunha das pareces da escola xunto coa silueta, creouse un espazo físico no centro ademais dun wix onde colocarán a información. O mural está composto por diferentes tarefas que as dividimos por ciclos:
Infantil debuxa a Rosalía, 1º ciclo traballa sobre dous poemas, 2º ciclo sobre a súa vida e 3º ciclo sobre obra e repercusión da mesma. A mestra de música creou un espazo con música de poemas de Rosalía, ademais de preparar a obra Negra sombra coas frautas.”

Día de Rosalía 2014 nos centros de ensino (I)

O Día de Rosalía 2014 celebrouse deste xeito no CEIP Filomena Dato, de Barbadás:
“Hoxe, 24 de febreiro de 2014, celebramos o Día de Rosalía. Durante a pasada semana cada curso traballou coa súa obra. Os máis cativos colorearon o seu retrato, os maiores escolleron versos da súa obra e déronlle vida cos seus debuxos. Todos os días escoitamos os seus versos cantados por distintos artistas.
Este é o resumo do voso traballo. Toda unha homenaxe á poeta!”

Santiago: tese de doutoramento de Armando Requeixo, sobre A poesía en galego de Xosé María Díaz Castro

O venres 28 de febreiro, ás 11:00 horas, no Salón de Graos da Facultade de Filoloxía da Universidade de Santiago, Armando Requeixo defenderá a súa Tese de Doutoramento, baixo o título de A poesía en galego de Xosé María Díaz Castro: estudo e edición crítica. Estará acompañado polos directores Carmen Blanco e Claudio Rodríguez Fer, nun acto aberto a todo o público interesado.
O tribunal que xulgará a tese está formado por Xesús Alonso Montero, como presidente, Xosé María Dobarro Paz, Arcadio López-Casanova, Aurora López e Xosé Manuel Salgado, que actuará como secretario.

Carballo: encontros literarios arredor de Acuario, de María Canosa

O xoves 27 de febreiro, ás 09:15 horas, María Canosa manterá un encontro literario co alumnado do Colexio Rural Agrupado da Rega (Carballo), arredor do seu libro Acuario, publicado por Embora.
O venres 28 de febreiro desenvolverá a mesma actividade ás 10:15 horas no Colexio Rural Agrupado de Cances, e ás 12:00 horas, no de Verdillo.