Entrevista a Cesáreo Sánchez Iglesias en Galicia por Diante

Desde Galicia por Diante, da Radio Galega (fotografía da Radio Galega):
“O presidente da Asociación de Escritoras e Escritores en Lingua Galega, Cesáreo Sánchez Iglesias, amosou a súa satisfacción polo calado social das celebracións arredor de Rosalía de Castro, a vixencia da escritora entre as novas xeracións e o apoio de entidades e institucións para homenaxear a autora de Follas novas. Nos Almorzos do ‘Galicia por diante’, Cesáreo Sánchez asegurou que o Día de Rosalía xa está consolidado na sociedade.
“Case 60 concellos declararon hoxe o Día de Rosalía e están a celebrar actos. Os máis novos están a facer gravacións de poemas cos seus móbiles, facendo selfies coas novas tecnoloxías que incorporan. Celebramos a Rosalía e celebramos a enorme, inmensa cultura que temos a sorte de ter os galegos.”
Sánchez Iglesias reclamou ademais que o Parlamento declare de forma oficial o 24 de febreiro o Día Escolar dedicado a Rosalía. Entre outras razóns, dixo, porque Rosalía segue sendo unha escritora actual.
“Rosalía nunca estivo tan viva e sobre todo, para ledicia nosa, para as novas xeracións. A obra de Rosalía chega até hoxe intacta. É capaz de emocionarnos como se fose algo escrito para hoxe. Porque os seus libros van ao centro de gravidade do ser humano, dese anaco de humanidade que somos os galegos.”
Para o presidente da Asociación de Escritoras e Escritores, a obra de Rosalía vai máis alá o estritamente literario.
“Rosalía foi capaz ela soa de escribir o relato fundador dos galegos. Deunos un nome e rescatounos do anonimato da historia. Deunos protagonismo a nós mesmos como parte desa historia que se está a contar. Hai moi poucos escritores capaces de transcender a propia literatura. Ela soa soporta o peso de toda unha cultura nacional.”
Cesáreo Sánchez reivindicou tamén máis presupostos para a cultura, unha consellería de Cultura segregada da de Educación e lamentou que o acceso ao Panteón de Galegos Ilustres, en San Domingos de Bonaval, non sexa libre e haxa que pedir autorización ao Arcebispado para visitalo ou organizar algún acto de homenaxe.
“Rosalía está no Panteón de Galegos Ilustres nun exilio interior doloroso. Nós agardamos que o sentido común acabe con este problema.”
Con todo, Sánchez Iglesias cre que Rosalía é unha figura capaz de unir a todos os galegos.
“Rosalía ten a capacidade de unirnos a todos arredor de sermos galegos.”

Pode escoitarse a entrevista completa aquí.

“Publicado o manuscrito de De catro a catro do poeta Manuel Antonio”

Desde o Zig-zag da Televisión de Galicia:
“Alvarellos Editora publica o manuscrito de De catro a catro do poeta das vangardas galegas Manuel Antonio en edición do catedrático Anxo Tarrío. Pode accederse á entrevista aquí.”

María Solar, xornalista e escritora, autora de Os nenos da varíola

Desde o Zig-zag da Televisión de Galicia:
“María Solar presenta o seu último libro Os nenos da varíola, baseado na historia real dos 22 nenos que saíron de Galicia na expedición do doutor Balmis, que levou a vacina da enfermidade a América a comezos do século XIX. Pode accederse á entrevista aquí.”

Mercedes Queixas: “Un pobo que acredita na súa cultura propia é un pobo con futuro de seu”

Entrevista de Yolanda NF a Mercedes Queixas en Tuplace:
“(…) – Tuplace (T): Que botas en falta por parte dos e das responsábeis polític@s en materia de promoción da literatura en galego? Que actuacións lles pedirías a medio e longo prazo?
– Mercedes Queixas (MQ): Estraño que a coñezan e, polo tanto, se orgullen e acrediten no enorme potencial da literatura galega. Non lembro ter escoitado nin visto que a lectura estea presente nos seus comunicados máis persoais, nas súas redes sociais, máis aló dos discursos oficiais programados. Se a lectura fixese parte do seu día a día convidarían a incorporala por mímese ao tempo de todas nós. Non hai como unha boa práctica para aplicar calquera teoría. É terríbel que o presidente da Xunta de Galiza non saiba mencionar correctamente o nome do poemario Cantares gallegos de Rosalía de Castro.
En absoluto se procuran acrecentar espazos de visibilidade da nosa literatura a través dos medios de comunicación de titularidade pública.
Non comprendo tampouco como non se está a desenvolver a Lei do Libro. Inexplicábel ou comprensíbel, dependendo da intención. Non son quen de comprender a importantísima mingua de compra de novidades literarias para dotar as bibliotecas públicas e permitir o acceso democrático á lectura, ao coñecemento.
Asistimos tanto en materia de lexislación cultural como lingüística, a esa concepción de seren estes ámbitos de segunda ou terceira, sobre os que se pode lexislar para atrancar o seu paso firme e imparábel. A cultura é un espazo vertebrador e cohesionador da sociedade, ao igual que a lingua de noso, mais non se está a entender así este patrimonio que nos fai ser parte singular dentro dunha colectividade multicultural e plurilingüe.
Se algún espazo cultural se pode considerar próximo a ese aínda procurado estatus de normalidade é a literatura galega, grazas a tantas creadoras que o ensancharon até chegar a todos os públicos, xéneros literarios, actualización de ferramentas e espazos de visibilidade etc. Mais non é suficiente, cómpre fidelizarmos lectorado e iso é imposíbel se o libro e a lectura non ocupa tempos e espazos de comunicación e socialización adecuados aos hábitos do presente.
En definitiva, falta moita vontade e compromiso para que a Administración galega asuma a súa responsabilidade á hora de visibilizar, apoiar, difundir e internacionalizar a literatura galega.
– T: Desde a Asociación de Escritoras-es en Lingua Galega impulsades desde hai varios anos o Día de Rosalía cada 24 de febreiro (día de nacemento da nosa autora máis internacional). Como xurdiu esta fermosa idea e como ves ti, desde a Secretaría Xeral da AELG, a evolución e a acollida ao longo deste tempo?
– MQ: Sempre se recoñece Rosalía de Castro como a escritora máis popular da nosa xénese literaria. É a escritora que nos convoca a toda a sociedade. É certo e a mellor maneira de o comprobarmos foi dándolle á sociedade ideas para que a celebrase publicamente. Cumpría colocar esa data do 24 de febreiro no espazo público das nosas celebracións colectivas, como demostración de orgullo pola actitude, pensamento e obra literaria dunha autora pioneira que nos entregou todo con todo un tempo en contra.
A acollida non deixou de medrar ano tras ano desde 2010 e a memoria desta actividade, accesíbel desde a web da AELG, é espello fiel da implicación, e tamén do afecto, social, de persoas e colectivos que seguen a precisar ler e comprender Rosalía de Castro, mesmo agora en que se cumpren os 180 anos do seu nacemento. Unha obra como a súa que sobrevive ao tempo sen perder frescura só pode ser asinada por unha autora de altísima cualidade.
O feito de que a sociedade se autoorganice para celebrar este día de múltiples xeitos é unha satisfacción, mais tamén é a constatación da importancia de termos referentes que nos reconcilien ou reencontren connosco e coa nosa historia como galegas de nación. (…)
– T: Como ves a situación da cultura galega en xeral? E como profesional, da literatura en galego en particular?
– MQ: Véxoa como un espazo de resistencia proactiva, como un potencial creador e innovador con vontade de ser, un territorio común, integrador, inclusivo, que abrangue moitos territorios de expresión, desde o da evasión até o de formación do lectorado ou a configuración dunha voz social crítica baseada nos principios da xustiza e da igualdade. De sempre as escritoras e os escritores, a xente da cultura en xeral, foron voces marcadas polo seu compromiso social. Tamén agora segue a acontecer na literatura, na cultura galega, mesmo asumindo por iso censuras e vetos. Un pobo que acredita na súa cultura propia é un pobo con futuro de seu. (…)”

Victorino Pérez Prieto: “A perspectiva relixiosa desde Galiza é tolerante, aberta, antiautoritaria, coa presenza da muller…”

Entrevista a Victorino Pérez Prieto en Sermos Galiza:
“(…) – Sermos Galiza (SG): Como se pode desenvolver a Igrexa desde a realidade do país?
– Victorino Pérez Prieto (VPP): Levo moitos anos… máis de trinta, escribindo sobre a Igrexa galeguista; e teño escrito moitas veces que hai que distinguir entre Igrexa na Galiza e Igrexa galega. A primeira é a Igrexa universal que está en Galiza, ten os seus bispos, e desde os tempos dos Reis Católicos e da “doma e castración” maiormente veñen de fóra para impoñer aquí o xeito de fóra, e de aí a escasa afinidade co país. En cambio, a galeguista é unha Igrexa de Galiza, nacida en Galiza, defende a inculturación e interésase pola nosa realidade. Ten tamén unha historia moi rica, pero estes momentos non son os máis brillantes.
– SG: Por que cre que existe un desapego das persoas coa Igrexa?
– VPP: É un proceso que non é só galego. É a nivel mundial. As congregacións relixiosas que menos problemas de vocación teñen son as máis conservadoras. Agora temos un papa que cambiou o estilo dos dous anteriores e xerou unha gran simpatía social, pero hai toda unha reacción da Igrexa en contra incríbel. As forzas conservadoras cren que a apertura do papa vai acabar coa Igrexa, cando non é para nada así. Iría acabar coa Igrexa toda a merda da pederastia, a corrupción interna… A perspectiva relixiosa que formulamos desde Galiza é tolerante, aberta, dialogal, antiautoritaria, coa presenza da muller… (…)”

Antón Riveiro Coello: “Os tolos eran para min, desde os meus ollos de neno, a máxima expresión da liberdade”

Entrevista de Montse Dopico a Antón Riveiro Coello en Praza:
“(…) – Praza (P): A crítica salientou que, ademais de ser Carlos Casares un personaxe máis, a novela tamén é unha homenaxe ao estilo literario deste autor…
– Antón Riveiro Coello (ARC): A ferida do vento é, en certa maneira, unha continuación de Casas baratas. En Casas baratas chegara á adolescencia, e esta novela, que transcorre, en realidade, nunha semana, pode lerse como unha continuación. A ferida do vento está perto da concepción literaria de Carlos Casares, en concreto da súa segunda etapa, máis realista. A miña pretensión era, como dixen, homenaxear Vento ferido e, en xeral, a obra narrativa de Carlos e as súas teimas como escritor: facer historias accesibles, cun estilo directo, suxestivo, cunha sintaxe fluída, para chegar a un público amplo que inclúa a xente que non está afeita a ler. Unha literatura popular.
Quería recrear, ademais, o mundo vilego de xeito que fose recoñecible para calquera persoa que viva nun núcleo de poboación de entre, quizais, 5.000 e 30.000 habitantes. Tamén era para min importante a inocencia como perspectiva. Carlos reivindicaba a inocencia: el trataba de contemplar o mundo cos ollos dun neno. E tamén o humor, para o que el tiña un talento natural. Ou a oralidade. Hai moitas anécdotas que tirei da oralidade. Carlos é un personaxe secundario na novela, unha persoa cunha gran capacidade para absorber anécdotas e elaboralas literariamente. Ademais, contábaas moi ben: coas súas pausas, o mantemento da tensión ata o final…
– P: É unha novela de iniciación, de aprendizaxe. Un xénero tan coñecido… É por iso que falas da inocencia o motivo de que o protagonista sexa un adolescente, de que a historia estea contada desde o seu ollar?
– ARC: É unha novela de formación, de aprendizaxe, na que están presentes a miña experiencia e a miña imaxinación. É un rapaz de 15 anos, vive nese momento no que se está a formar a personalidade e no que son tan importantes experiencias como o amor, a relación coa morte…, que van configurando o que imos ser despois… É un tema recorrente na literatura, si, e tamén é unha das chaves da miña literatura. A adolescencia, ademais, leva sendo máis ou menos o mesmo dende hai séculos, polo que creo que calquera adolescente pode sentirse identificado…
Na novela, un feito tráxico marca a Antón, que ten o seu primeiro contacto coa morte. A personaxe de Gabriela inspírase nunha rapaza que se chamaba, en realidade, Dulce María. Foi o meu primeiro amor, de rapaz. Eu tiña 13 anos. Seguindo o consello das miñas fillas e doutra xente que me dicía que así sería máis crible, decidín que o personaxe de Antón tivese 15 anos. A min pasoume como lle pasa a el: agocháronme a traxedia e ao final o silencio foi aínda peor. Claro, todo o que conto non é tampouco exactamente o que me pasou a min: está pasado polo filtro da literatura, aínda que teña unha base real. (…)”

Xoán Carlos Domínguez Alberte: “A poesía infantil promove unha actitude comprometida cara ao noso idioma”

Entrevista a Xoán Carlos Domínguez Alberte en Sermos Galiza:
“(…) – Sermos Galiza (SG): De onde nace a idea de Versos para conversar?
– Xoán Carlos Domínguez Alberte (XCDA): Da necesidade de tocar esa vertente e tamén dun reto proposto polas miñas fillas, que me dixeron hai dous anos: “Papá, está moi ben iso que fas, pero a ver cando fas algo específico para nós”. A raíz diso nace este libro e outros que se están a facer.
– SG: Versos para conversar indaga na tradición popular e contén algún dialectalismo da fala. Cal é a intención?
– XCDA: Quéreselle facer unha reivindicación e unha homenaxe á nosa cultura, á popular por suposto, pero tamén á tradición cultural culta. Por outra banda, está a reivindicación da lingua coa chiscadela esa de poñer trazos dialectais nalgún caso que formaron parte dunha cultura milenaria potente. O galego é unha lingua viva e nosa, unha lingua moderna adaptada a calquera situación comunicativa do presente e do futuro, de aí esa vertente de reivindicar o trazo dialectal. (…)
– SG: E quizais tamén para fomentar novas e novos poetas, non?
– XCDA: As editoriais, en xeral, apostan polo máis vendíbel, e promoven que o máis vendíbel sexa a narrativa e descóidase, por exemplo, a poesía. É necesario que haxa máis textos e desde logo traballar a cotío con ela. Na miña experiencia nas aulas, son profesor de secundaria de Lingua e Literatura Galega, decátaste que moitos rapaces apenas tiveron contacto coa poesía. Isto é unha carencia do sistema educativo, pero tamén da oferta cultural. Este ano no meu centro propuxen traballar coa poesía a todos os niveis educativos. Todos os anos traio un autor e este ano veu Carlos Negro, que estivo esta semana con nós. Os rapaces implicáronse moitísimo coa poesía de Carlos Negro. O ano pasado, coa de Manuel María, o mesmo. Entón ves que a poesía é algo que lle hai que ofrecer e que hai que traballar axeitadamente e que o público, neste caso o adolescente, responde moi satisfactoriamente. (…)”