Desde
o Diario Cultural da Radio Galega:
“Jesús Castro Yañez fala do libro Os nomes e os himnos, co que gañou o Premio Pérez Parallé de poesía. A entrevista completa pode escoitarse aquí.”
Arquivo da categoría: Entrevistas
Cesáreo Sánchez Iglesias: “A incompatibilidade dos dereitos de autor coas pensións é unha agresión á cultura”
Entrevista
a Cesáreo Sánchez Iglesias en Sermos Galiza:
“Nos últimos meses, autores e autoras veñen recibindo cartas da Seguridade Social nas que lles pide que devolvan as pensións que cobraron á vez que cobraban dereitos de autor. Para Cesáreo Sánchez, presidente da AELG, trátase dun “chanzo máis no proceso de agresión á cultura e aos creadores en xeral”.
Desde 2012, calquera profesional da creación maior de 65 anos que queira continuar a súa actividade ten dúas opcións: cobrar a súa pensión mais renunciando a cobrar polos dereitos de autor, conferencias, artigos ou cursos se con iso supera o Salario Mínimo Interprofesional anual bruto -9.000 euros- ou ben cobrar os dereitos de autor, conferencias, artigos ou cursos, mais renunciando a cobrar a súa pensión.
Coas modificacións aprobadas polo Partido Popular cando lle deu luz verde á coñecida como “xubilación flexíbel”, os creadores e creadoras só poderán cobrar os dereitos cando estean en activo, pero non cando se xubilen. Isto tamén afecta aos premios, porque o autor ou autora debería elixir entre o premio ou a pensión. “Falamos tamén de pagamentos dun mínimo de dignidade como son o combustíbel para o vehículo ou o xantar ou do cobro de dereitos dun libro publicado hai trinta anos”, advirte o presidente da Asociación de Escritores e Escritoras en Lingua Galega (AELG), Cesáreo Sánchez.
O presidente da AELG explica que nos primeiros anos de aprobación da normativa os casos de escritores e escritoras afectadas, nomeadamente cataláns, íanse resolvendo un a un. Porén, nos últimos meses, aumentaron os casos de multas e de retirada de pensións, sobre todo en Catalunya, “no caso galego non hai tal grao de profesionalización económica dado o menor grao de normalidade e dado que non contamos cunha industria editorial forte, mais isto significa o empobrecemento de todo o sistema no Estado e, en consecuencia, tócanos a nós”.
Cesáreo Sánchez advirte de que detrás desta operación se atopa “o concepto do que significa un escritor na sociedade e do papel que desenvolve”. “Para min non é un disparate, pois é algo totalmente coherente cos poderes públicos do Estado, que se afanaron en atacar de maneira profunda a cultura, primeiro co canon e despois co 21% do IVE. Isto é un chanzo máis nesa política contraria á cultura”, denuncia.
O presidente da AELG afirma que “os creadores molestan, na medida en que emiten un pensamento que non concorda; por iso se entra nunha etapa de silencio, amordazamento e censura”. “Este ataque aos pensionistas é unha auténtica inmoralidade porque nos ataca na última fase da nosa vida, na fase na que somos máis vulnerábeis humanamente e na que podemos necesitar da axuda doutras persoas”, salienta. O presidente da AELG considera que medidas como esta promoven “o desarme cultural da sociedade, e seguir baleirándoa de contidos culturais”.
Aínda que na Galiza poucos escritores e escritoras poden vivir do que crean, Cesáreo Sánchez sinala que cada vez son máis os autores e autoras que recorren á AELG para resolver as dúbidas respecto á imposibilidade de cobrar a pensión e os dereitos do que escriben ou escribiron, “na Galiza a profesionalización é difícil pola falta do apoio á industria cultural. Só hai que lembrar que a cultura na Galiza representa un peso de só o 2% do PIB, mentres que no conxunto do Estado ascende ao 5%”.
O presidente da AELG reunirase nas próximas semanas co servizo xurídico de CEDRO (Centro Español de Dereitos Reprográficos) para determinar os camiños a seguir nesta cruzada da Seguridade Social contra os creadores e creadoras.”
Moncho Iglesias traduce a novela Un mapa do lar de Randa Jarrar
Desde
o Diario Cultural da Radio Galega:
“Palestina, un lar sempre ausente. Moncho Iglesias presenta a tradución da novela Un mapa do lar, de Randa Jarrar, publicado por Hugin e Munin. A entrevista completa, onde tamén se fala co editor, Alejandro Tobar, pode escoitarse aquí.”
Antonio Manuel Fraga: “Nos libros acabo recorrendo ao territorio da miña infancia, un Pontedeume disfrazado”
As poetas Lorena López e Alba Cid falan do novo número de Dorna
Desde
o Zig-zag da Televisión de Galicia:
“A publicación anual de expresión poética fai 35 anos. A entrevista completa pode verse aquí.”
Entrevista a Xavier Seoane sobre A dama da noite
Desde
o Diario Cultural da Radio Galega:
“”Rosalía sempre nos vai esixir unha tensión intuitiva, emocional, intelectual moi forte”. Xavier Seoane novela a vida de Rosalía de Castro na obra A dama da noite, que publica edicións Laiovento. A entrevista completa pode escoitarse aquí.”
Basilio Losada: “A literatura volveuse pedante e aburrida”
Entrevista
a Basilio Losada en Luzes:
“(…) – Luzes (L): Pensou en escribir as súas memorias?
– Basilio Losada Castro (BLC): Pídenme todos que as escriba. Dezasete países nos que vivín temporadas en Europa, oito países en América, moita xente coñecida, grandes amigos, o escritor brasileiro Jorge Amado ou Saramago… Hoxe teño condecoracións de Portugal e do Brasil e de Cataluña, as máximas. Cumpro co que se ten que facer coas condecoracións, non lucilas nunca. Teño un neto que, cando tiña oito anos, quería que lle puxesen todas as miñas condecoracións e facerse fotos. Gustábanos moito ver o pequeniño con aquela chatarra. Eu nunca quixen ser escritor porque a vida de escritor é unha agonía permanente, é pavorosa. Pero entón descubrín a vida de lector. Formei unha biblioteca desmesurada. Logo aprendín que todo exceso é un erro. (…)
– L: Exerceu durante corenta anos na universidade, que lle achegou esta institución? – BLC: Os alumnos. Eu aprendín moito máis dos alumnos que nos libros. A cousa que máis me gusta dixéronma os meus alumnos no título do libro de homenaxe: «Ensinounos a pensar con liberdade e con risco». (…)
– L: Por que sempre di que ten 19 patrias?
– BLC: É unha especie de chiste, porque a min os patriotas moléstanme moito, porque son os que teñen unha idea que xa non pode cambiar e as ideas teñen que cambiar coa vida. Para min unha patria é un lugar onde a xente me tratou con cortesía e incluso con cariño, un país onde chamar a alguén galego non era un insulto. O mérito inmenso desta xeración, que eu vou ser o último que a viviu, é intentar eliminar na medida das nosas formas aquel complexo de inferioridade que ao longo de 500 anos puxeron sobre nós. (…)”
Armando Requeixo, editor do Epistolario Ramón Piñeiro-Xosé Neira Vilas
Desde
o Zig-zag da Televisión de Galicia:
“Entrevista a Armando Requeixo, editor do Epistolario Ramón Piñeiro-Xosé Neira Vilas, publicado polo Centro Ramón Piñeiro. Pode verse completa aquí.”
Entrevista a Xabier Quiroga no Zig-zag
Desde
o Zig-zag da Televisión de Galicia:
“Xabier Quiroga presenta a súa última novela: Izan o da saca. A entrevista completa pode verse aquí.”
Cuestionario Proust: María N. Soutelo
Desde
o blogue de Ramón Nicolás, Caderno da crítica, este Cuestionario Proust a María N. Soutelo:
“1.– Principal trazo do seu carácter?
– A incerteza, a insatisfacción.
2.– Que calidade aprecia máis nas persoas?
– A súa cordialidade e sinxeleza.
3.– Que agarda das súas amizades?
– Que sexan calmadas, empáticas, sensibles, intelixentes e leais.
4.– A súa principal eiva?
– A indecisión, por veces.
5.– A súa ocupación favorita?
– Observar, observalo todo.
6.– O seu ideal de felicidade?
– Conseguir un equilibrio entre o que se espera de min e o que eu mesma espero de todo isto.
7.– Cal sería a súa maior desgraza?
– Conformarme.
8.– Que lle gustaría ser?
– Feliz.
9.– En que país desexaría vivir?
– Nun no que o exercicio da política fose puramente vocacional, e a docencia, a escritura e as artes, profesións notablemente respectadas e recoñecidas.
10.– A súa cor favorita?
– A cor amarela dos cadros de Van Gogh.
11.– A flor que máis lle gusta?
– O Iris Germanica.
12.– O paxaro que prefire?
– Aquel pequeno paporroibo que Tango e eu, no habitual paseo da tarde, rescatamos cunha á rota.
13.– A súa devoción na prosa?
– Non son unha devota demasiado fiel pero, se hei de nomear alguén, digo Proust, Murakami, Kawabata, Mishima, Woolf, Roy, Hui…
14.– E na poesía?
– Plath, Ribeiro, Pizarnik, Sexton, Torneiro, Knörr, Hughes, Lado, Penas,…
15.– Un libro?
– Só un?
16.– Un heroe de ficción?
– The Punisher, da Marvel.
17.– Unha heroína?
– Alicia, mil veces.
18.– A súa música favorita?
– A que me acompaña nas sesións de escritura, de lectura. A que me conmove.
19.– Na pintura?
– Andrey Remnev, Vilhelm Hammershoi, Frida Kahlo, os prerrafaelitas,…
20.– Un heroe ou heroína na vida real?
– *s que (se) sobreviven.
21.– O seu nome favorito?
– O da primeira muller.
22.– Que hábito alleo non soporta?
– O de non ser quen de limpar o que se enlixa.
23.– O que máis odia?
– A incapacidade (de moitos e moitas) de recoñecer e asumir os erros propios. A miña falta de fe.
24.– A figura histórica que máis despreza?
– Mal que ben e por moi detestable que resulte, toda figura histórica cumpriu unha función necesaria no seu momento, e para o conxunto da Historia.
25.– Un feito militar que admire?
– A batalla de Shiroyama, o 24 de Setembro de 1877.
26.– Que don natural lle gustaría ter?
– A omnisciencia.
27.– De que maneira lle gustaría morrer?
– “Sería bello / ir por las calles con un cuchillo verde / y dando gritos hasta morir de frío”, como di Neruda. Así.
28.– Cal é o seu estado de ánimo máis habitual?
– A emocionante montaña rusa da bipolaridade.
29.– Que defectos lle inspiran máis indulxencia?
– Aqueles derivados da dor da perda.
30.– Un lema na súa vida?
– “Non existe o Ter, senón o Ser, un só Ser esixente ata o último alento, ata o afogo” (F. Kafka).”
