Oriana Méndez: “Neste sistema económico non pode haber cidadanía porque só as persoas libres son cidadás”

Entrevista de Montse Dopico a Oriana Méndez en Magazine Cultural Galego:
“Oriana Méndez gañou o Premio de Poesía do Concello de Carral con O que precede a caída é branco, un poemario habitado por unha cidade sen cidadáns, por persoas expropiadas da súa liberdade. Mais tamén por traballadoras que se unen nun momento no que todo parece estar a piques de estourar. O libro amosa algunhas conexións coas obras anteriores da autora, Cero e Derradeiras conversas co Capitán Kraft. Como o ollar á opresión, ao poder e á súa violencia. Ou á memoria. Cero estaba escrito deste o estrañamento, o distanciamento respecto dunha realidade incomprensible. En O que precede a caída é branco hai unha urxencia de reaccionar ante o presente. Ante o que acabou perfilándose como unha guerra contra a clase obreira. Contra case todos e todas nós.
– Montse Dopico (MD): Salientara xa o xurado a unidade de contido e forma da obra. Que se cadra é a túa forma de escribir, non só neste libro.
– Oriana Méndez (OM): É verdade que concibo os libros como unha idea, unha proposta unitaria. Nos tres libros que teño publicados non fixen unha escolma de textos escritos en distintos momentos, senón unha proposta a partir dunha idea.
– MD: A idea é, se cadra, a da cidade sen cidadáns, senón unha “caterva humana/ que é/ expropiada de si mesma”, sometida ao “pensamento do servo”, na actual guerra contra a clase traballadora. O espazo urbano xa estaba, por outra banda, nos dous libros anteriores.
– OM: Comparto a lectura, si. É certo que falo do espazo urbano, e é normal porque é fundamentalmente o que coñezo. As referencias a Vigo son constantes, nese sentido. Pero podería ser calquera outra das cidades que coñezo. Si é unha cidade expropiada de cidadáns porque neste sistema económico non pode haber cidadanía porque só as persoas libres son cidadás. Hai unha guerra en curso na que unha parte pequena da poboación vai gañando e outra parte, a maioría, vamos perdendo. Falo disto nuns textos de forma máis explícita e noutros menos. (…)”

Cuestionario Proust: Carmen Panero

Desde o blogue de Ramón Nicolás, Caderno da crítica, este Cuestionario Proust a Carmen Panero:

«1.– Principal trazo do seu carácter?
– Son parsimoniosa.
2.– Que calidade aprecia máis nas persoas?
– A súa tolerancia.
3.– Que agarda das súas amizades?
– A comprensión das miñas eivas.
4.– A súa principal eiva?
– Non sei dicir que non.
5.– A súa ocupación favorita?
– Ler e escribir (ou viceversa).
6.– O seu ideal de felicidade?
-Que amar non sexa o contrario de ser libre.
7.– Cal sería a súa maior desgraza?
– Non poder valerme por min mesma.
8.– Que lle gustaría ser?
– Volvería ser a mesma.
9.– En que país desexaría vivir?
– Sempre en Galiza.
10.– A súa cor favorita?
– A cor azul.
11.– A flor que máis lle gusta?
– A camelia branca.
12.– O paxaro que prefire?
-O moucho.
13.– A súa devoción na prosa?
-Yourcenar.
14.– E na poesía?
– Antonio Machado.
15.– Un libro?
–Arraianos, de X. L. Méndez Ferrín.
16.– Un heroe de ficción?
-Don Quixote.
17.– Unha heroína?
– A Penélope de Begoña Caamaño.
18.– A súa música favorita?
– O jazz.
19.– Na pintura?
– O expresionismo abstracto.
20.– Un heroe ou heroína na vida real?
– …ao final, meu pai tamén tiña os pés de barro.
21.– O seu nome favorito?
– Aurora.
22.– Que hábito alleo non soporta?
– A maledicencia.
23.– O que máis odia?
– A agresividade.
24.– A figura histórica que máis despreza?
– Franco.
25.– Un feito militar que admire?
– Son pacifista… Pero, a resistencia armada é precisa e, sendo contraria á pena de morte, xustifico matar ao tirano.
26.– Que don natural lle gustaría ter?
– Axilidade para responder.
27.– De que maneira lle gustaría morrer?
– Sen dor.
28.– Cal é o seu estado de ánimo máis habitual?
– O bo humor.
29.– Que defectos lle inspiran máis indulxencia?
– Os de quen baten sempre na mesma pedra.
30.– Un lema na súa vida?
– Coñécete a ti mesma.”

Ramón Vilar: “Falamos de cambiar o mundo mais esquecemos cambiarnos a nós mesmos”

Entrevista de Montse Dopico a Ramón Vilar Landeira en Magazine Cultural Galego:
“(…) – Montse Dopico (MD): A maioría dos relatos parecen de escrita recente, pola temática. Foi así?
– Ramón Vilar Landeira (RVL): É certo que escribindo levo moitos anos. Mais sempre era crítico co que escribía, ou se cadra inseguro… Hai relatos que rompín e volvín facer e outros que desbotei, ou novelas que comecei e decidín deixar. Sempre é un proceso de escribir e romper… Si que ás veces mandaba cousas a premios para probar se gustaban, pero nunca mandara nada a unha editorial. Esta foi a primeira vez. Os televisores estrábicos empeceino polo 2009, cando xa era evidente o tema da crise. Eu quería facer algo que reflectise a crise, pero non só económica, senón tamén as crises persoais, afectivas. No libro tamén hai algún relato anterior a esa época, pero case todos foron escritos a partir do 2009.
– MD: Case todos os relatos están protagonizados por xente de clase traballadora. Falas da crise desde esa perspectiva.
– RVL: É un libro de ficción, non é autobiográfico. Conto cousas que vivín pero ficcionalizadas, cousas que me contaron, que lle pasaron a outras persoas… Pero si é certo que, claro, a clase traballadora é a que mellor coñezo. É normal que estea moi presente nos relatos.
– MD: No último dos relatos o personaxe fai unha reflexión que parece túa. Di que escribir en galego é como rexentar un supermercado de barrio a 200 metros dunha gran área comercial.
– RVL: Si, porque o noso é un sistema literario pequeno que ten diante unha gran superficie comercial que é o castelán. E o pequeno tendeiro non pode competir, aínda tendo un produto da mesma ou de máis calidade, por causa do marketing, das axudas que levan os grandes…
– MD: Ese mesmo personaxe explica que a escrita é unha loita contra un mesmo e que os seus relatos son retratos, imaxes… Que é o que é Os televisores estrábicos.
– RVL: Porque eu creo que cada un escribe contra si mesmo e non para competir cos demais. Tes diante a folla en branco e é algo contigo mesmo. Rompes o que non che gusta, sentes frustración por non ser quen de escribir algo mellor… E esa insatisfacción é o que che levar a tentar mellorar… E despois, que é algo que para min tamén é evidente, o que pasa é que moito falamos de cambiar o mundo mais esquecémonos de cambiarnos primeiro a nós mesmos. (…)”

Cuestionario Proust: Modesto Fraga

Desde o blogue de Ramón Nicolás, Caderno da crítica, este Cuestionario Proust a Modesto Fraga:

«1.– Principal trazo do seu carácter?
– A constancia, a perseveranza.
2.– Que calidade aprecia máis nas persoas?
– Sen dúbida, a lealdade.
3.– Que agarda das súas amizades?
– Principalmente tres cousas: comprensión, lealdade e xenerosidade.
4.– A súa principal eiva?
– Son bastante testudo.
5.– A súa ocupación favorita?
– Estar coa familia, escribir, ler, aprender cada día cousas novas…
6.– O seu ideal de felicidade?
– Pechar algún día a cuadratura do meu círculo vital. Seguindo os consellos do poeta cubano José Martí, xa escribín o libro, xa plantei a árbore…, así que agora ese ideal de felicidade está cada vez máis preto. Haberá que poñerse…
7.– Cal sería a súa maior desgraza?
– Perder ás persoas que quero.
8.– Que lle gustaría ser?
– Gustaríame ser alguén que tivese o suficiente poder para lograr unha sociedade máis xusta e humanitaria, sen discriminacións nin abusos.
9.– En que país desexaría vivir?
– Vivo felizmente no país dos meus ancestros, Galicia, e síntome orgulloso de pertencer a unha resistente estirpe milenaria. “Eles somos nós”, que diría o poeta Anxo Angueira.
10.– A súa cor favorita?
– Verde.
11.– A flor que máis lle gusta?
– O caravel, polo que representa simbolicamente para os dereitos e liberdades.
12.– O paxaro que prefire?
– De neno encantábanme os verderolos, os xirís de cabeza negra, os xílgaros. Hoxe en día gústanme todos.
13.– A súa devoción na prosa?
– Xosé Neira Vilas, Manuel Rivas, Gabriel García Márquez, Agustín Fernández Paz e moitos máis….
14.– E na poesía?
– É imposible nomealos todos: Miguel Hernández, Pablo Neruda, Quevedo, Cabanillas, Méndez Ferrín, Manuel Álvarez Torneiro, Xavier Seoane, Rafa Villar, Olga Novo…
15.– Un libro?
– Vou dicir cinco: El rayo que no cesa, Cien años de soledad, Memorias dun neno labrego, Con pólvora e magnolias, Non hai noite tan longa.
16.– Un heroe de ficción?
– Asterix.
17.– Unha heroína?
– Penélope.
18.– A súa música favorita?
– Berrogüetto, Luar na Lubre, ACadaCanto, Sés, Joaquín Sabina e os grandes da música clásica: Puccini, Bach…
19.– Na pintura?
– Velázquez, Miró, Picasso. Dos nosos, Urbano Lugrís, Isaac Díaz Pardo, Quessada, Nolo Suárez…
20.– Un heroe ou heroína na vida real?
– As mulleres deste país (labregas, viúvas de vivos e mortos…) que, contra vento e marea, foron quen de saír adiante, malia as adversidades.
21.– O seu nome favorito?
– Rosalía.
22.– Que hábito alleo non soporta?
– A intolerancia, a soberbia.
23.– O que máis odia?
– A prepotencia, o abuso de poder, as ditaduras.
24.– A figura histórica que máis despreza?
– Hitler, Stalin e Franco.
25.– Un feito militar que admire?
– A Revolución dos Cravos.
26.– Que don natural lle gustaría ter?
– Ter a capacidade de comprender todas as linguas do mundo.
27.– De que maneira lle gustaría morrer?
– Na casa, rodeado dos meus seres queridos.
28.– Cal é o seu estado de ánimo máis habitual?
– A felicidade. Son moi feliz e afortunado coa vida que teño.
29.– Que defectos lle inspiran máis indulxencia?
– En ocasións, o mal xenio, o “pronto” dalgunhas persoas.
30.– Un lema na súa vida?
– O esforzo sempre ten a súa recompensa.”