Helena Villar: “O libro Remontar o río é como a miña manda poética. Unha obra unitaria, ontolóxica…”

Entrevista de Montse Dopico a Helena Villar en Magazine Cultural Galego:
“(…) – Montse Dopico (MD): É un libro [Remontar o río] moi especial. De que maneira optastes por ese formato?
– Helena Villar (HV): Pois tivo que ver coa xénese do libro, que naceu nunha viaxe en barco polo Danubio. Eu nunca pensara, porque ás veces non pensamos nas cousas máis sinxelas, que cando un barco descende por un río despois ten que volver ascender. Ademais, ao final do traxecto había unhas exclusas, máis difíciles de pasar na viaxe de retorno. Pois a orixe do libro estivo nese choque con esa evidencia elemental que me pasara desapercibida. Quixen remontar o meu propio río da memoria. Isto foi hai catro anos, en xuño do 2010. Levaba un caderno no que fun apuntando as impresións que me causaba a paisaxe, as lendas… E moitos deses apuntamentos nin tiveron reescritura posterior. Ao chegar á casa gardeinos, mais despois decidín facer un libro.
Paseille os poemas á miña querida amiga e gran artista Luz Darriba para que se encargase das ilustracións. E como ela quere facer todo ao grande, pensou en facer un libro en forma de río. Nun principio fixo ilustracións dixitais, mais a súa filla Aymará, que foi quen maquetou o libro, díxolle que como a artista que é podía facer algo moito máis bonito… E entón Luz remontou tamén o seu propio río: volveu aos pinceis e a tinta, á súa época de estudante de Belas Artes. Despois houbo tamén moito traballo de litografía. Son 500 exemplares, pegados á man. Un río de 12 metros sobre o meu texto. Unha auténtica paráfrase… (…)
– MD: Remontas o río da vida. Dos recordos.
– HV: O vals e a rosa, que son tamén Viena, son imaxe da adolescencia. Nos poemas están as paisaxes reais que vin naquela viaxe en barco e as miñas paisaxes emocionais. Hai tamén unha tetratonía, as catro estacións, con Vivaldi, que son as estacións da vida. Co inverno volven o vals e a rosa na memoria, e tamén somos persoas máis fortificadas, arriquecidas, tranquilas… Creo que Remontar o río é un libro optimista. Porque nada foi en balde. O bonito quedou aí e o que non fíxonos máis fortes. Xa na desembocadura do meu propio río móstrome optimista, alegre…
– MD: É optimista, se cadra, porque apunta ás cousas importantes da vida.
– HV: É un libro moi unitario. Podería ser un poema só. É moi sensual tamén. A sensualidade sempre está presente nos meus poemas. Hai un poema, por exemplo, sobre a ausencia de pracer nun momento. Sobre o desexo de pracer, do pracer dos sentidos, que tamén é o do amor. Os poemas reivindican, si, cousas imprescindibles da vida. Nun dos poemas está tamén a dor: a ortografía da dor, como se escribe a dor, porque a vida tamén é iso… Eu tiña moitas ganas de facer un libro unitario, redondo. E a verdade é que chegou a darme moito medo a súa beleza, como obxecto. Cando chegou, estiven varios días sen abrilo. Porque tiña medo de que o meu texto defraudase, ante tanta beleza. Cando me atrevín a abrilo non me defraudou, é certo… Dalgunha maneira, Remontar o río é tamén como a miña manda poética. O cal non significa que vaia deixar de escribir. É unha obra ontolóxica, existencial… Teño a impresión de que non vou facer outro libro así. Aínda que é verdade que eu, sendo tan combativa na vida real, o que me sae cando escribo poesía é algo máis ontolóxico, existencial, intimista… Cústame saír dese marco. Por iso na miña obra atópanse dous tipos de poesía, a erótica e esta. (…)”

Xabier P. DoCampo: “A infancia márcame como escritor por un camiño que é a lingua”

Entrevista de Carme Vidal a Xabier P. DoCampo en Sermos Galiza:
“(…) – Sermos Galiza (SG): Como marca esa orixe na súa traxectoria literaria?
– Xabier P. DoCampo (XPD): Como escritor márcame por un camiño que é a lingua. A literatura non é só contar historias, que tamén se contan, claro está. A esencia da literatura é a linguaxe. Se colles a listaxe das persoas que a AELG tan xenerosamente homenaxeou comprobas que todas van ao lugar onde para eles naceu a linguaxe, a palabra. Logo hai toda unha serie de sucesos, de elementos que van quedar alí. Moitos psicólogos din que somos o que nos sucedeu antes dos 3 ou dos 5 anos e podemos, se iso, pasar a sete, mais aí está todo.
– SG: E nese tempo a casa aparece como referencia, coa imaxe de seu pai e a súa nai na cociña contando historias como relata nun extraordinario texto autobiográfico.
– XPD: Meu pai transmitíanos unha tradición e unha cultura desde a oralidade, na que a palabra oral era a que contaba, unha amaneira de nos dicir que estabamos no mundo sendo isto, crendo nisto, o que logo chamariamos sermos galegos. Miña nai transmitía ademais cultura no sentido máis sofisticado. Cosía e eu escoiteille recitar a San Juan de la Cruz, cantar tantos ou cuplés ou contarme novelas que tiña lido. Pasei moitas horas ao pé da máquina de escribir escoitando as súas historias e como ela recitaba a San Juan e logo me explicaba en galego o que quería dicir. Todo isto acaba por desexar converter o instrumento da vida que é a linguaxe nun instrumento de arte. (…)
– SG: Por que afirma que se fixo escritor porque ten memoria de si e dos seus?
– XPD: Porque así é aínda que esa memoria tamén mestura as cousas, e non sabes o que aconteceu nun lugar ou noutro ou mesmo se aconteceu. No meu tempo iamos a moitas casas, pasaba tempo na dos meus avós e tiñas outras experiencias. Os nenos trasladábanse moito e os recordos confúndense. A literatura nace de todo iso, dun desexo de contar que nos sucede ás persoas que nos contaron ou nos leron contos. Escoitar historias era tamén unha forma de lelas. Na miña infancia vivín nun mundo de historias, fose polo camiño que fose, porque a miña xeración tamén estaba moi influenciada polo cinema. (…)
– SG: O medo ten unha gran relevancia na súa escrita e mesmo inicia a súa breve autobiografía publicada no seu blogue cun texto de Cando petan na porta pola noite sobre os seus medos, sen embargo en O país adormentado, aposta por unha sociedade que venza os seus medos. Cal é a posición?
– XPD: Os medos infantís son necesarios para a formación do individuo e forman parte da vida das persoas. O medo existe mais de nós depende que non sexa un medo paralizante. O desgrazado é cando o medo te paraliza. Non pode haber medo que nos impida vivir, temos que enfrontarnos a eles. Teño moitos medo con cousas que lle poden ocorrer ao meu país, mais iso é tamén o que me leva a actuar.”

María Reimóndez: “Na esfera do privado, dos afectos, é onde está a pedra angular do patriarcado”

Entrevista de Montse Dopico a María Reimóndez en Praza:
“(…) – Praza (P): Desde o conflito forma parte dun ciclo de novelas que comeza con En vías de extinción. Aínda que a relación entre Dende o conflito e En vías non se ve. Cal é?
– María Reimóndez (MR): En En vías de extinción, Gaia, que é tradutora e intérprete, vai unha vez interpretar a un curso e alí atopa outras dúas lucenses coma ela. Unha delas é Aurora, que é xornalista. É un personaxe anecdótico, en En vías de extinción. Por iso resulta imposible conectar as dúas novelas se ninguén o explica. En realidade estaba previsto que se publicase agora a segunda entrega do ciclo, A música dos seres vivos, que desenvolve a historia da cantante MK. Mais co premio Xerais cambiouse a orde, a vai saír antes Desde o conflito. Ademais, faltan aínda máis libros do ciclo. O seguinte, despois deste terceiro, será o que desenvolva a historia de Aurora. Cada unha destas novelas pode lerse de maneira independente, mais se se len todas terase unha visión máis complexa de todo. Hai novelas máis e menos vinculadas entre si. Mais, claro, o que se fixa nunha sobre un dos personaxes afecta ás outras.
– P: Un dos aspectos que valorou o xurado é a estrutura do libro. Construído con fragmentos: narración, cartas, crónicas xornalísticas… mais moi ben fiado.
– MR: Son relatos xornalísticos de Saínza, anacos dos libros que escribe, ou retransmisións para a BBC, ou as cartas que se escribe con Aurora, máis a narración dela, máis textos doutras xornalistas… Aínda que é máis liñal que En vías de extinción, malia esa estrutura multitextual. O tratamento do tempo era máis complexo en En vías de extinción. En Desde o conflito a liña temporal é máis clara e correspóndese coa liña de evolución da personaxe, Saínza. (…)
– P: O libro contén tamén unha reflexión sobre a guerra como algo que está durmido nas nosas sociedades. Por que?
– MR: Porque as persoas que viven nunha aparente paz moitas veces non reflexionan sobre o fácil que é que comece un conflito. Hai unha violencia subxacente, contra as mulleres, contra as persoas diferentes,… que amosa unhas tensións que en calquera momento poden estoupar. É fácil velo co caso de Ucraína. Parece moi sorprendente que estale un conflito de tal magnitude en Europa. Pero non o é. Están a aumentar as desigualdades, o pensamento fascista, os extremismos, a violencia do Estado… Así, a guerra está máis perto do que pensamos. No Estado español está a alimentarse o discurso misóxino, homófobo, fundamentalista católico, contra a estranxeira, contra a diversidade cultural e lingüística… E todo isto é un caldo de cultivo perigoso. Son discursos que temos que combater no día a día. Primeiro, falando. E non só falando. Pero se calamos estamos cedendo ante eles. (…)”