Miro Villar: “Sen vida non hai literatura posible e, sen literatura non hai vida”

Entrevista Miro Villara Miro Villar en Noticieiro Galego:
“(…) – Noticieiro Galego (NG): Normalmente é unha pregunta que non gusta, pero como escritor que tocou un pouco todos os xéneros, cal dirías que é a túa hábitat natural, Miro?
– Miro Villar (MV): A poesía, de sempre e por riba de todas as cousas. E síntome cómodo na investigación literaria, nomeadamente sobre a obra de poetas que me interesan por razóns diversas. Aínda que se respondese desde o ámbito da satisfacción persoal diríache que a miña obra infanto-xuvenil, porque a rapazada, sobre todo a máis miúda, é moi agradecida co que fas.
– NG: Empezar xa empezaches escribindo poesía. Recordas como e por que empezaches?
– MV: As primeiras publicacións foron en revistas escolares. Fóra dese ámbito os primeiros poemas meus que viron a luz e que aínda podo reivindicar, polo que recordo, foron publicados na revista Decrúa, de Muxía, por volta de 1985–1986, e noutras de ámbito comarcal, cara aos vinte anos. Foi unha etapa persoal moi introspectiva, e só abandonei esa temática para poetizar a paisaxe da nación galega, con especial énfase na Costa da Morte. O meu interese pola poesía veu primeiro das lecturas escolares tanto da literatura galega coma da española, e tamén de maneira moi decisiva pola denominada canción de autor. As letras dos cantautores da chamada “nova trova cubana” (Silvio Rodríguez, Pablo Milanés, Amaury Pérez…), doutros cantautores latinoamericanos (Mercedes Sosa, Víctor Jara, Violeta Parra…), galegos (Suso Vaamonde, Fuxan os Ventos, A Quenlla, Miro Casabella…), portugueses (José “Zeca” Afonso, Fausto, as fadistas como Amália Rodrigues e as máis novas voces), españois, franceses, ingleses e norteamericanos, africanos, unha enorme listaxe de músicos que, as máis das veces, utilizaban letras de poetas ou facían poesía nas súas propias. (…)
– NG: E volvendo á literatura para para os nenos e os mozos, dirías que é máis difícil escribir para eles? O que é certo é que ten un valor fundamental no mundo da literatura, non? Obras de calidade para a mocidade debería supoñer novos lectores para o futuro…
– MV: Escribir, cando menos para min, non é doado en ningunha circunstancia. Ora ben, a escrita infanto-xuvenil precisa dun achegamento mental a ese lectorado e ás veces non resulta doado. Creo que a literatura para estes tramos de idade que se está a facer na nosa lingua é dunha enorme calidade e non fai falla que sexa unha afirmación miña, pois abonda cos observar os recoñecementos que adoita acadar fóra do noso ámbito. E mesmo temos editoriais especializadas que están a conquistar novos mercados e novos lectorados, algún até exóticos, que falan de que se están a facer ben as cousas. Se cadra aínda é moi pequena, demasiado. a porcentaxe de obras que se traducen a outras linguas. E aquí boto de menos máis apoio institucional. A literatura irlandesa, poño por caso, goza duns apoios enormes para se promocionar fóra do seu territorio e a administración de Eire destina investimentos á tradución. (…)”

Cuestionario Proust: Roberto A. Rodrigues

Desde????????? o blogue de Ramón Nicolás, Caderno da crítica, este Cuestionario Proust a Roberto A. Rodrigues:

«1.– Principal trazo do seu carácter?
– Depende da lúa.
2.– Que calidade aprecia máis nas persoas?
– A sinceridade.
3.– Que agarda das súas amizades?
– Nada.
4.– A súa principal eiva?
– Teño moitas, a cada cal peor que a outra.
5.– A súa ocupación favorita?
– Vivir.
6.– O seu ideal de felicidade?
– Rir, beber, amar, falar, foder, como se non houbese mañá.
7.– Cal sería a súa maior desgraza?
– Ter á sogra intranquila.
8.– Que lle gustaría ser?
– Eu mesmo, sen ter que erguerme para ir traballar.
9.– En que país desexaría vivir?
– En todos.
10.– A súa cor favorita?
– A cor dos ollos da miña namorada.
11.– A flor que máis lle gusta?
– O saramago.
12.– O paxaro que prefire?
– O moucho.
13.– A súa devoción na prosa?
– García Márquez, Homero, Blanco Amor, Twain, Woolf, Blasco Ibáñez, Lourenzo González, Norman Mailer, Tolkien…
14.– E na poesía?
– Celso Emilio, Rimbaud, Withman, Rosalía, Storni, Neruda, Cabanillas…
15.– Un libro?
– Unha biblioteca.
16.– Un heroe de ficción?
– Pereira.
17.– Unha heroína?
– Lilith.
18.– A súa música favorita?
– Calquera que non leve chundachunda.
19.– Na pintura?
– Xerónimo Bosch.
20.– Un heroe ou heroína na vida real?
– As persoas que non se resignan.
21.– O seu nome favorito?
– Tintafemia.
22.– Que hábito alleo non soporta?
– O cinismo.
23.– O que máis odia?
– A hipocrisía.
24.– A figura histórica que máis despreza?
– Ao malnacido que inventou o espertador.
25.– Un feito militar que admire?
–
26.– Que don natural lle gustaría ter?
– Poder voar.
27.– De que maneira lle gustaría morrer?
– Definitivamente non me gustaría morrer.
28.– Cal é o seu estado de ánimo máis habitual?
– A indiferenza.
29.– Que defectos lle inspiran máis indulxencia?
– Os meus propios.
30.– Un lema na súa vida?
– Aínda queda moito millo no canastro.”

Entrevista a Alfredo Conde en Tempo de Lecer Ourense

Entrevista en Tempo de Lecer a Alfredo Conde:
“(…) – Tempo de Lecer Ourense (TLO): Chovida do ceo é o seu último traballo. Que se vai atopar nel o lector?
– Alfredo Conde (AC): Unha historia de policías coa que por veces te podes rir, por veces preocupar, verte obrigado a pensar nalgunhas outras, e preguntarte durante trescentas e pico páxinas quen centellas mataría á muller que apareceu espida e morta na praza compostelá da Quintana de Mortos, ó pe mesmo da catedral.
– TLO: O libro podería enmarcarse en novela negra, pero ten tocado outros xéneros e estilos. Hai algún no que se sinta máis cómodo?
– AC: Eu son escritor de novelas e un escritor de novelas ten que se desenvolver en todos os xeneros posibles se non quere ser só escritor de novelas de xénero e sentirse amputado na súa capacidade narrativa.
– TLO: En que atopa a inspiración á hora de crear?
– AC: Na experiencia propia e allea. Isto é, na experiencia do vivido, do lido, do escoitado ou do soñado, collidas todas elas polos pelos e pese a que a ocasión adoitan pintala calva, axúntanse ben, póñense a enfriar un pouco e logo déixase que quen ferva sexa a cabeza… De tal cocktail sae a novela. (…)”

Cuestionario Proust: Xosé Enrique Acuña

Desde o blogue de Ramón Nicolás, Caderno da crítica, este Cuestionario Proust a Xosé Enrique Acuña:

«1.– Principal trazo do seu carácter?
— Pelexar coa memoria.
2.– Que calidade aprecia máis nas persoas?
— A conversa.
3.– Que agarda das súas amizades?
— A conversa e un bo viño.
4.– A súa principal eiva?
— Dar dous pasos adiante e un atrás. Ou un adiante e dous atrás.
5.– A súa ocupación favorita?
— Será apostasía dicir a lectura?
6.– O seu ideal de felicidade?
— A conversa infinita (física e química).
7.– Cal sería a súa maior desgraza?
— Facer sufrir á xente que che quere.
8.– Que lle gustaría ser?
— De maior… ir indo ao xeito.
9.– En que país desexaría vivir?
— Obviamente, non no país dos ananos (ou como, politicamente, hoxe, se diga).
10.– A súa cor favorita?
— A que vexo ao acordar.
11.– A flor que máis lle gusta?
— A do pensamento.
12.– O paxaro que prefire?
— O xílgaro que o meu pai tiña na casa.
13.– A súa devoción na prosa?
— Devoción, ningunha. Emoción, por moita.
14.– E na poesía?
— Ante unha pregunta tan íntima, de contestala, pasaría por tolo. Son os tempos que son.
15.— Un libro?
— O primeiro co que me emocionei como adulto.
16.– Un heroe de ficción?
— Phileas Fogg (e Jean Passepartout, por suposto).
17.– Unha heroína?
— Julia (a de Goytisolo).
18.– A súa música favorita?
— Non me queda outra que dicir, lugar común, Neil Young.
19.– Na pintura?
— (El, os, ela, ou as) de Altamira.
20.– Un heroe ou heroína na vida real?
— Bolche, futbolista e comandante. Classius Clay, boxeador.
21.– O seu nome favorito?
— Os das miñas fillas.
22.– Que hábito alleo non soporta?
— Certos olores, certas mentiras.
23.– O que máis odia?
— Odiar, acaba cansando.
24.– A figura histórica que máis despreza?
— Un Ramón Mercader calquera.
25.– Un feito militar que admire?
— As batallas gañadas por Vo Nguyen Giap.
26.– Que don natural lle gustaría ter?
— O bailar ben bailado.
27.– De que maneira lle gustaría morrer?
— De morte morrida.
28.– Cal é o seu estado de ánimo máis habitual?
— Á esculca.
29.– Que defectos lle inspiran máis indulxencia?
— A mentira piadosa.
30.– Un lema na súa vida?
— Unhas, dan outras.”

Agustín Fernández Paz: “Eu quería contar a intrahistoria da represión, máis que falar dos grandes feitos da memoria histórica”

Entrevista de Montse Dopico a Agustín Fernández Paz en Magazine Cultural Galego:
“(…) – Montse Dopico (MD): Volves [en A viaxe de Gagarin], como en Non hai noite tan longa, aos anos 60. Aos 60 da represión e das torturas. Non aos de “apertura” que vendeu o franquismo.
– Agustín Fernández Paz (AFP): Falábase de apertura en relación cos 50. É verdade que se quixo vender esa imaxe de modernidade. Os 60 foron o tempo da minisaia e dos Beatles, pero máis alá do que contaba o telediario estaba a loita obreira e estudantil e a represión. Cada vez se decretaban máis estados de excepción porque o réxime víase por primeira vez apertado de verdade. En Europa foron os felices 60, da liberación da muller, da pílula anticonceptiva… Mais tamén houbo represión en Estados Unidos ou en Alemaña… Así, houbo as dúas facetas, a da prosperidade económica e da represión, cunha loita subterránea tremenda.
– MD: O personaxe acompaña á nai, a piques de falecer, e recorda a súa infancia, a memoria familiar. Como en Non hai noite tan longa, ou Noite de voraces sombras ou Corredores de sombra. A memoria.
– AFP: Non pensei todos eses libros de maneira conxunta, pero si. Hai momentos da vida nos que che pasa algo fundamental: mórreche un ser querido, es maior e fas contas…, no que tes tendencia a revisar, a facer balanzo da vida. En Noite de voraces sombras eran os sucesos tremendos que te marcan… Ademais, esa volta ao pasado permíteche, como autor, xogar con dous tempos, o pasado e o presente. En Corredores de sombra era unha muller cando é adolescente e cando é unha muller de trinta e tantos. Neste caso non hai esa dualidade, máis que ao principio e ao final que sería o presente. Ao final, A viaxe de Gagarin é o que os críticos chamarían unha novela de formación… Aínda que, claro, escribes movido por un impulso e despois é cando encontras as xustificacións, as explicacións… (…)
– MD: Nese sentido, a novela ten bastante tamén de reivindicación da palabra escrita como vía de transmisión do coñecemento, de pensamento libre… Os pais imprimen textos prohibidos…
– AFP: E a nai é libreira, e Euclides é encadernador… A actividade de todos xira arredor da letra impresa. Tamén é reflexo desa fe que tiñamos na palabra… De feito, o primeiro que fan as ditaduras é censurar e queimar libros. Agora a censura faise doutra maneira: é económica, banalízase o libro como un produto de consumo máis… Mais segue a ser un instrumento fundamental para expresar e descubrir o mundo. (…)”

Entrevista de Emílio Xosé Ínsua e Olalla Cociña

Entrevista Emílio Xosé Ínsua a Olalla Cociña, no blogue A Ínsua do Ínsua:
“(…) – Emílio Xosé Ínsua (EXI): En 2005, nunha entrevista para o diario El Progreso de Lugo co gallo da presentación en Viveiro do teu primeiro libro, indicabas, e cito literalmente, que “non me vexo adscrita a ningunha tendencia”. Xa te sentes máis “encadrada” no panorama poético galego? Con que outras autoras e autores sentes afinidade?
– Olalla Cociña (OC): Pois sigo sen verme “encadrada”, non me gustan as etiquetas e os moldes xeracionais adoitan ser reducionistas… Afinidades teño moitas, e tamén dependen de cada momento de escrita. Máis aló de afinidades eu entendo a poesía como un feito ou unha fala da amizade, e neste sentido poido falar da poesía “compartida” con Dores Tembrás, Branca Novoneyra, Gonzalo Hermo, Olga Novo, Xiana Arias, Luz Pichel, Estevo Creus ou Jesús Castro, entre outros poetas. (…)
– EXI: Na túa poesía, esencialmente íntima, está moi presente a idea da indagación: todo aparece envolto nun nimbo misterioso, como agardando pola revelación. E hai tamén moito de exploración da memoria, de revisitación das raíces da propia identidade. Estás conforme con que sexan estas algunhas das chaves da túa poética?
– OC: O poeta Nobel Tomas Tranströmer di que un poema é un soño realizado en vixilia, que soño e poesía teñen leis compartidas. Non podo estar máis de acordo. A poesía está feita do mesmo material que os soños, onde sempre hai algo de indagación na memoria e por onde axexamos a propia identidade, e todo isto, velado. O misterio. Sen poesía non hai misterio.
– EXI: Cóntanos como naceu e en que consiste esa iniciativa que animas desde hai algún tempo en Compostela, xunto con Branca Novoneyra, que se denomina Picaversos.
– OC: Pois é un ciclo de lecturas poéticas onde convidamos a tres persoas a compartir poemas propios e favoritos arredor dun lema. Veñen do mundo da literatura, mais tamén da música ou do teatro. Naceu pola ansia de facer algo novo, autoxestionado, ocupando un espazo distinto diante dunha programación tristeira. Queríamos gozar e facer gozar da poesía en vivo fóra do eido exclusivamente literario e ampliar o seu público, e penso que o fomos conseguindo. Este é o terceiro ano que o organizamos, coa colaboración do pub Modus Vivendi, onde se celebran a maioría das sesións, pero tamén da Universidade de Santiago, este ano fixemos algunha sesión en espazos cedidos pola USC. (…)”

Daniel Salgado: “Declararon unha guerra contra todos nós e non nos decatamos ou non a tomamos en serio”

Entrevista de Montse Dopico a Daniel Salgado en Praza:
“(…) – Montse Dopico (MD): María do Cebreiro e ti publicastes xuntos A guerra. Non se distingue o que escribiu un e o outro… Como foi o proceso de creación?
– Daniel Salgado (DS): Sempre estamos conversando: por correo, por teléfono, en persoa… A guerra comezou como un intercambio de poemas, noticias, fragmentos de textos… que foi moi seguido e tivo unha continuidade no tempo. Nun momento pensamos que de todo aquel magma de conversas podía saír un libro. O que fixemos foi seleccionar, revisar, reordenar… Os textos son dos dous. Pero tampouco houbo unha intención de que non se saiba quen escribiu cada parte… Propuxémoslle o proxecto á editorial Barbantesa e aceptaron encantados. Ademais quedou moi ben a portada, co anxo de Paul Klee que a Walter Benjamin lle inspirou a súa teoría do anxo da historia. Unha revista académica americana, Abshynte, vai publicar anacos de A guerra nun monográfico sobre novas escritas de Europa. A proposta foi de Neil Anderson, que fixo a tradución ao inglés.
– MD: Hai unha continuidade entre todos os teus libros. Sempre estivo presente neles a loita de clases, a consciencia de pertencer a un recuncho de Occidente… Mais desde Os poemas de como se rompe todo e ruído de fondo describes unha paisaxe de cascallos, ruínas, que antes máis ben intuíase.
– DS: Todos os meus libros teñen que ver, e de maneira consciente, co noso tempo, individual e colectivo. Gústame que se note, ademais. Si hai unha continuidade, e pode que si, que haxa agora unha confirmación dunha catástrofe que antes se intuía. E non é só cuestión de política, ou si o é mais no sentido de como nos afecta, como colectividade, o que está a pasar, como afecta ás nosas relacións como individuos. En canto á maneira de escribir, ruído de fondo levoume a unha calella sen saída. Porque vai ata o final dun xeito de entender a linguaxe que non consigo levar máis alá, que me levou a un punto morto. Non sabía como continuar. E neste último libro, Dos tempos sombrizos, tentei romper con iso. De feito envieino a un premio para obxectivalo, porque era un salto tan grande que non sabía se funcionaba… Por iso é un libro con moitas referencias concretas, con dedicatorias a amigos… Quixen rexistrar cousas de maneira directa. (…)”