Pontevedra: entrevista aberta con Xosé Neira Vilas

O xoves 24 de xaneiro, ás 19:00 horas, na Librería Cronopios (Rúa Frei Xoán de Navarrete, 5) de Pontevedra, a xornalista Susana Pedreira, de Onda Cero, faralle unha entrevista aberta á participación do público a Xosé Neira Vilas. Ao remate o autor asinará exemplares das súas obras.

Dolores Vilavedra sobre Vidal Bolaño

Desde a Real Academia Galega, entrevista a Dolores Vilavedra:
“- Real Academia Galega (RAG): Que características definen a obra de Vidal Bolaño?
– Dolores Vilavedra (DV): Non estatismo, dinamismo e coherencia. Capacidade de dialogar tanto coa tradición coma coa actualidade. Comprensión da obra dramática como unha totalidade na que a vontade literaria e a funcionalidade escénica resultan planos complementarios que se potencian mutuamente. Vontade de empregar o teatro como ferramente axeitada para activar nos espectadores a autoconciencia reflexiva e crítica das posibilidades e límites do ser humano.
– RAG: Que importancia tivo a súa figura -como autor, director e actor- na constitución do teatro galego moderno?
– DV: Vidal Bolaño xogou un papel clave na fundacional Xeración Abrente sen a cal, simplemente, hoxe non existiría o teatro galego. Xa dende unha perspectiva máis individual, cómpre salientar que, ademais da afouteza amosada ao dar o salto á profesionalización nos albores da década dos 80, foi quen de propor xa nos 70 unha alternativa estética orixinal e autóctona a unha dramaturxia nacente que procuraba desesperadamente un camiño singular. E logo soubo coma ninguén aggiornarse, evoluír e madurar profesional e artisticamente.
– RAG: Que vixencia conserva a súa obra no contexto actual?
– DV: Toda. Non abondan corpus dramáticos tan amplos, diversos e valiosos. Vidal Bolaño deixounos obras inspiradoras para todas as situacións históricas, todos os públicos e todas as necesidades profesionais. Cando dispoñamos da súa obra completa ben editada e a disposición de todo o público iremos vendo como a sociedade galega descubre e fai seu ese extraordinario patrimonio teatral, aínda pouco coñecido.”

Vídeo da entrevista a Agustín Agra sobre o seu libro Trampa de luz no IES Porto do Son

Desde Xerais:
“Dous alumnos do IES Porto do Son (Alexandra e Carlos), usuarios da Biblioteca Fraga de Novio, entrevistan nun vídeo o escritor Agustín Agra polo seu libro Trampa de luz.”

Ramón Villares: “A cultura danos seguridade e calquera proxecto de futuro terá que levar a marca propia para diferenciarse”

Entrevista a Ramón Villares na sección Conversas no ronsel de Valentín Paz-Andrade da súa páxina oficial:
“(…) – Xan Carballa: Sendo libros centrados na economía tanto en Galicia como tarefa, como La marginación de Galicia, Valentín dedicaba un amplo apartado á cultura. Cal é a importancia do factor cultural para un proxecto de futuro?
– Ramón Villares: A cultura marca calquera produto, sexa industrial ou manufacturado. É o elemento esencial de algo que no tempo de Paz-Andrade non se coñecía e hoxe denominamos o poder brando, que é ter as calidades que outros quixeran ter e non teñen e polas que te admiran. Se pensamos no que fixo Sargadelos e a estética Díaz Pardo, podémonos preguntar se vendía un anaco de barro cocido ou unha idea de Galicia. Por que se lle pagaba unha vaixela ou unha figura? A cultura ten un grande poder simbólico e foi un acerto de Valentín ter escrito iso e insistir sempre en que o futuro de Galicia e as tarefas pendentes do país tiñan tamén que ver coa cultura. Que a nosa presenza no mundo tiña que levar o pegamento cultural. Claro que había que industrializarse, coutar a emigración, ter aforro rexional e investimento financeiro, que tiñamos que contar con instrumentos e institucións que o facilitasen, pero ao tempo debíase ser consciente de formarmos parte dunha cultura. Unha cultura non só galega senón que se estendía por catro continentes grazas á lingua portuguesa. Foi un acerto moi valioso de Paz-Andrade. Hoxe os economistas recollen moito esa idea de que cultura e institucións son fundamentais. Non se trata só de números, a nosa vida constitúese tamén a través de emocións, sentimentos e paixóns, non só de razón. Entendo que dedicase capítulos dos seus libros á cultura e véxoo como unha lección para a situación actual e futura. (…)”

Parlamento das Letras: Medos Romero

Entrevista de Armando Requeixo a Medos Romero no seu blogue, Criticalia:
“(…) – Armando Requeixo (AR): ¿Que cres que lle falta aínda ás nosas letras e que lle sobra definitivamente?
– Medos Romero (MR): Eu creo que o que máis precisa a nosa literatura é visibilidade social: estar nos escaparates das librarías, estar na televisión e nos medios de comunicación en xeral, en definitiva, formar parte da sociedade. Podería dicir tamén que precisa apoio institucional, mais que podemos agardar dun goberno que rexeita a normalización do idioma no que se escribe a nosa literatura? En canto ao propio contido da literatura, o que creo que lle sobra é aquela escritura que se elabora á marxe da vida, porque neses casos o texto non ten o pulso necesario e acaba por caerlle das mans ao lector. (..)
– AR: ¿Cal é a túa valoración do noso presente literario?
– MR: Penso que en calidade nada temos que envexar a outras literaturas, mais o noso problema é que a literatura galega precisa tamén, ademais de autores e de libros, de lectores. E aí imos para atrás. Por iso é tan imprescindíbel e valioso o traballo constante que ti e outras persoas estades a levar a cabo para facer visíbeis as nosas letras e para favorecer o interese polas obras que se escriben en galego. Nunca vos poderemos pagar o voso labor pola difusión da literatura galega. (…)”.

Conversamos con… Ilustradores galegos

Desde Fervenzas Literarias:
“(…) – Fervenzas Literarias (FL): Tamén é de agradecer a internacionalización de editoras que dan unha especial importancia a libros onde o ilustrador ten o mesmo valor que o escritor, como OQO ou Kalandraka, por exemplo.
– Kiko da Silva: Kalandraka, e posteriormente OQO xunto a outras editoriais que se sumaron ao álbum ilustrado, cambiaron o mundo da literatura infantil e xuvenil e da ilustración en Galicia. Ata que Kalandraka asentou a súa proposta de facer álbums ilustrados fora do circuíto educativo, onde estaban os “libros recomendados”, cando principiou a facer libros para o seu consumo como lecer, a ilustración en Galicia estaba nun estado imberbe. Agás contadas excepcións só existían coleccións moi pechadas, coa imaxe supeditada ao texto e unha alarmante precariedade de técnicas e estilos.
– Xosé Tomás: Algo semellante aconteceu coa narrativa infantil algúns anos antes. Teño falado con autores como Paco Martín, Agustín Fernández Paz ou Xabier P. DoCampo, mestres de profesión todos eles, que dicían que no seu momento non atopaban materiais dignos en galego para os cativos. Eles cubriron a súa vocación de escritores por necesidade de mercado. Velaí a relación, por mor dese baleiro, entre escritores e escola e escola e escritores. Iso que sucedeu coa narrativa extrapolouse á ilustración. Por sorte nestes intres o noso traballo xa traspasou ese mundo da escola, tanto a nivel narrativo como a nivel ilustrador.
– Ana Santiso: Penso que todo isto axuda a normalizar a ilustración como profesión, iso é bo para nós. (…)”

Francisco X. Fernández Naval: “Houbo persoas que sandaron as súas feridas coa miña novela”

Desde Xerais:
“O Diario Cultural da Radio Galega emitiu unha entrevista de Anxo Quintela con Francisco X. Fernández Naval sobre a súa nova novela, A noite branca, que conta a historia dos galegos que participan na Segunda Guerra Mundial a través da División Azul. Para Francisco Fernández Naval, o personaxe da María Luísa, que aparece na fotografía da portada, foi o que o impulsou a escribir esta obra, onde ficción e non ficción se dan a man para crear un tecido literario intenso e longo. Así mesmo, na entrevista, o autor confesa que houbo persoas que leron a novela e que, grazas a ela, lograron sandar feridas persoais que mantiñan aínda abertas. A entrevista pode escoitarse ou descargarse aquí en mp3.”