Entrevista
a Fina Casalderrey en Praza, por Montse Dopico:
“(…) – Praza (P): Serás a quinta muller académica na Real Academia Galega. Cal cres que é o motivo de que sexades tan poucas?
– Fina Casalderrey (FC): A Academia, de certo foi cousa de homes porque a sociedade tamén o foi. Quero crer que as cousas irán mudando pouco a pouco. Se facemos fincapé na desproporción entre o número de mulleres e homes, as cifras falan soas: de trinta membros numerarios, na actualidade, tan só cinco son mulleres, dun total de seis en toda a historia da Academia dende os inicios. A cousa non é como para botar foguetes! Pero creo que hai dende dentro un desexo de que estas cousas muden. (…)
– P: Fuches escollida polo que representas na Literatura Infantil e Xuvenil galega que, segundo dixeches, reivindicarás no teu discurso de ingreso. Segue a ser necesario explicar que a LIX non é literatura menor?
– FC: Vaia… en realidade polo que fun escollida non o sei. En todo caso estou, por suposto moi agradecida porque o tomo coma un recoñecemento á literatura que chamamos Infantil e Xuvenil, á LIX, e mesmo á xente do ensino, que tanto labor leva desenvolvido, e segue a desenvolver, pola normalización da nosa lingua. Neste momento non podo dicir moito máis porque me falta ese necesario pouso da reflexión e a experiencia dende o outro lado. En canto a se creo que é necesario insistir nesta reivindicación da LIX, creo que cada vez un chisco menos, pero mentres, poño por caso, esta pregunta se siga a formular, significa que aínda queda moito por reivindicar. E, por poñer un exemplo, nos 35 anos dos premios da crítica, cando menos, nas bases xa aparece contemplado que a LIX entra, pero na realidade, só en dúas ocasións tiveron a ben premiar unha obra xuvenil (1995 e 2012). Mesmo hai que me ten preguntado se me conformo co prestixio acadado na LIX ou me atrevo a dar o salto. Aceptar ese conformo sería dar por feito que a LIX é inferior, que non chega á categoría absoluta de Literatura. Non sei se a LIX xoga en Segunda División, como tamén se me ten formulado, ou se se trata de algo aínda máis complexo, e xoga noutra dimensión. Nunha dimensión aínda abondo descoñecida, malia os esforzos de parte do profesorado de filoloxía ou maxisterio, dos cambios ao convertela en materia obrigatoria en Infantil. Conste que cada vez négana menos porque se coñece máis. Descobren que Risco, Saramago, Rivas… tamén se mergullaron nela… ou xente como Marilar ou Manuel Lorenzo González que lle dedican a vida a ambos rexistros. (…)
– P: Levas publicados máis de trinta libros, moitas veces máis dun ao ano, sen contar as traducións a seis ou sete linguas. Como traballas? Ademais tes moitos e importantes recoñecementos, como o feito de ter sido nomeada candidata ao Astrid Lindgren dúas veces. Sentes recompensando o teu traballo?
– FC: Si, síntome moi afortunada en recompensas. Van alá máis de 50 libros, máis os que están editados en volumes colectivos… Pero é porque son moi maior, e algún deles ten poucas páxinas, deses que son, ou intentar ser, coma o salpicón de marisco, con todo o rico, pero sen cascas. A recompensa máis grande é cando atopas con lectores, lectoras emocionados, que fan medrar as historias coa súa ollada de luz. (…)”
Arquivo da categoría: Entrevistas
Parlamento das Letras: Mario Regueira
Entrevista
de Armando Requeixo a Mario Regueira no seu blogue, Criticalia:
“(…) – Armando Requeixo (AR): ¿Que cres que lle falta aínda ás nosas letras e que lle sobra definitivamente?
– Mario Regueira (MR): É evidente que o primeiro que lles falta ás nosas letras é un poder político que mire por elas con verdadeiro interese e implicación. A maior parte dos seus problemas derivan diso, e non hai máis que recorrer á comparación con outras linguas con menos falantes e un Estado ou poder local comprometido con elas para que resulte evidente. A literatura galega podería ter un papel moito máis destacado no contexto europeo, polo menos equivalente ao doutras pequenas nacións. En cambio, vivimos desperdiciando talento coa mesma alegría coa que acabamos cos bosques autóctonos ou enchoupamos os mares de fuel. A nivel cultural vivimos un Prestige anual que non se nota porque segue a haber un voluntarismo que cobre unha parte importante dos seus efectos. Sempre hai xente disposta a limpar as praias, cousa que é boa, pero que tamén marca dinámicas que cada vez resultarán máis complicadas de romper.
Sobrar sobran moitas cousas, se cadra destacaría as actitudes endogámicas que priman o relacional sobre outros criterios, e que sen ser, por sorte, unha tónica xeral, aínda deixan ver os seus efectos en eidos como a edición ou a crítica e tamén en determinados comportamentos das institucións. A literatura galega, como moitos outros ámbitos da nosa realidade, non está libre dos seus propios caciquismos, que ao contrario que os outros apenas son contestados e cando o son adoitan recibir respostas esaxeradas non exentas de represalias. Unha cousa similar pode dicirse de sectarismos concretos como o que atinxe a inacabábel guerra normativa, abono de actitudes empobrecedoras que son patrimonio de ambos bandos, pero menos desculpábeis (como en todas as guerras) naquel que hoxe ten maiores cotas de poder. (…)
– AR: ¿Cal é a túa valoración do noso presente literario?
– MR: É desconcertante o viva e fluída que se mantén a nosa cultura tras anos de abandono institucional, falta de visibilidade e hostilidade declarada dunha parte da sociedade. Vivimos nunha especie de oasis rodeado do máis atroz dos desertos, pero o certo é que nese pequeno espazo, e sen caer en idealismos, construímos algo semellante aos anos dourados da nosa tradición literaria. A vida que desprenden as voces novas da poesía, as sorpresas de calidade e vangarda que nos deixa anualmente a narrativa, ou o simple e puro feito de que haxa xente que aínda escribe ensaio e teatro, son feitos que debemos valorar como unha especie de milagre que evidencia a vontade do pobo galego de seguir contando cunha cultura propia contra vento e maré. Na mesma liña poderiamos falar da cantidade de proxectos editoriais e culturais que traballan cunha dedicación e unha perspectiva crítica admirábeis, moito máis se temos en conta que moitas veces o fan dende a precariedade ou a autoxestión.
A pregunta que deberamos facernos é canto tempo pode durar esta situación e tamén até que punto non é un premio de consolación ter unha literatura convencional tan viva cando o panorama internacional acolle xa outro tipo de narrativas ás que, por cuestións estruturais e económicas, non podemos practicamente acceder como creadores. En calquera caso, a enxurrada de creatividade que flúe pola nosa realidade cultural é unha cousa marabillosa da que é un orgullo poder participar. (…)”
Xabier López López: “Escribir é declararlle a guerra ao mundo”
Entrevista
de Ramón Nicolás a Xabier López, en Qué Leer, desde o seu blogue Caderno da crítica:
“(…) – Ramón Nicolás (RN): Nunha autobiografía súa confesa que na súa narrativa hai un peso determinante da memoria colectiva…
– Xabier López (XL): Ben, en certa medida todos somos «terminacións» (ía dicir «nerviosas») dun organismo cuxa existencia se perde na noite dos tempos. Aínda cando afirmemos a nosa máis rotunda individualidade, non podemos esquecer de onde vimos e que boa parte, por non dicir a práctica totalidade da nosa «equipaxe» xa a levaron outros antes. E na literatura, creo, isto é aínda máis evidente. (…)
– RN: No seu último libro, Cando Artur non era rei, retorna á narrativa xuvenil. Que Arturo retrata aquí?
– XL: Pois, aínda que a novela sexa moi pouco ou case nada «cunqueiriana», algo parecido ao que se propuxo retratar Cunqueiro n´As mocedades de Ulises: un heroe antes de ser heroe, un heroe «adolescente». Arturo coroouse aos 16 anos, polo visto, pero aínda así podemos encontrar espazo abondo para un tempo de aprendizaxe.
– RN: A literatura pode espertar conciencias, simplemente divertir ou mesmo anestesiar. É precisa hoxe unha actitude belixerante dende a creación literaria?
– XL: Nun relato d´Os libros prestados, precisamente, un personaxe sostén que o verdadeiramente importante non é o que se escribe, senón o como, o porqué, o propio acto da escritura. Independentemente do que escribas, e da finalidade con que o fagas, o propio acto de escribir é declararlle a guerra ao mundo. Se aínda enriba o fas dende unha lingua minoritaria, e o que é peor, minorizada… (…)”.
Pontevedra: encontro con Fina Casalderrey
Pioneira na literatura feminista galega: reportaxe sobre María Xosé Queizán
Desde
Xerais:
O xornal Faro de Vigo publicou unha reportaxe de Javier Mosquera sobre a María Xosé Queizán que traza un retrato da escritora como feminista, como creadora e como persoa. A reportaxe completa pódese descargar aquí.
Entrevista a Xosé Ramón Mariño Ferro sobre o conto tradicional galego
Entrevista á poeta Eva Veiga, protagonista de A cicatriz branca
Repaso á figura de Pondal co profesor Manuel Ferreiro Fernández
Entrevista ao escritor ourensán Francisco X. Fernández Naval, autor de A noite branca
Parlamento das Letras: Chelo Suárez
Entrevista
de Armando Requeixo a Chelo Suárez no seu blogue, Criticalia:
“(…) – Armando Requeixo (AR): ¿Que cres que lle falta aínda ás nosas letras e que lle sobra definitivamente?
– Chelo Suárez (CS): É moi difícil pronunciarse neste apartado. As nosas letras foron asentadas solidamente, dignificadas por poetas e escritores ao longo do tempo. Síntome moi orgullosa do noso pasado literario, formado por escritoras e escritores magníficos. Mulleres e homes que abriron o camiño a cantos vimos detrás. Sobrarlle ás letras definitivamente? Quen está á altura de poder dicir: “isto é o que sobra”. Paréceme excesivamente pretensioso cando, en literatura, todo é admisible, nada se pode negar e, ata o máis fútil, pode ter o seu punto de orixinalidade. (…)
– AR: ¿Cal é a túa valoración do noso presente literario?
– CS: Comparo o noso presente literario cun ceo estrelado. Nel destacan autores fixos dun brillo inusitado, outros de menor intensidade, intermitentes, opacos… Algúns pasan cegantes, efémeros como lóstregos ante nós. Penso que temos un presente literario bastante desigual, pero nada aburrido. (…)”.
