Vídeo do espectáculo O embigo do mundo, na presentación de Extramunde, de Xavier Queipo

Vídeo co espectáculo (O embigo do mundo / L’ombelico del mondo) de presentación de Extramunde, de Xavier Queipo, novela gañadora do Premio Xerais 2011, o venres 21 de outubro no Museo do Mar de Vigo. De Xabier Viana, vía Xerais.

Vigo: presentación de Extramunde, de Xavier Queipo, e do espectáculo artístico O embigo do mundo

O venres 21 de outubro, ás 20:15 horas, no Museo do Mar de Galicia (Avenida Atlántida, 160) de Vigo, preséntase o libro Extramunde, de Xavier Queipo, Premio Xerais de Novela 2011. Con motivo da presentación, representarase o espectáculo O embigo do mundo / L’ombelico del mondo, que conta coa participación de Manuel Bragado, Quico Cadaval, Olga Cameselle e o Colectivo Riolagares (MisterChoco e Xavier Queipo).

A Coruña: Memoria das Memorias dun neno labrego, espectáculo de Cándido Pazó sobre a obra de Xosé Neira Vilas

O sábado Memoria das Memorias dun neno labrego15 de outubro, ás 20:30 horas, no Fórum Metropolitano (Rúa Río Monelos) da Coruña, con entradas a 7 euros, terá lugar, na conmemoración do 50 aniversario da primeira edición das Memorias dun neno labrego, de Xosé Neira Vilas, un espectáculo en que Cándido Pazó combina a súa experiencia como autor, actor e director coa súa coñecida traxectoria como contador de historias, apoiado por un coidado traballo de videocreación.

Carballo: Memorias das Memorias dun neno labrego, por Cándido Pazó

O xoves 15 de setembro, ás 21:00 horas, no Pazo da Cultura (Rúa do Pan) de Carballo, e dentro das actividades do 35º aniversario da Asociacion Cultural Lumieira, terá lugar a representación de Memorias das Memorias dun neno labrego, a cargo de Cándido Pazó, no 50 aniversario da primeira publicación do libro de Xosé Neira Vilas. Vía Fervenzas Literarias.

Monforte: actividades destacadas do xoves 25 na Feira do Libro

A XIV edición da Feira do Libro de Monforte, aberta desde o mércores 24 ao sábado 27 de agosto, na rúa Cardeal, con horarios entre as 11:00 a 14:00 h. e de 18:00 a 22:00 horas, contará cos seguintes actos destacados para o xoves 25:

19:00 h. Cándido Pazó ofrecerá o monólogo humorístico Cunqueiradas, baseado en textos de Álvaro Cunqueiro.
20:30 h. Presentación dos libros Noutra dimensión, publicado en Galaxia, e Onde houbo lume, publicado en Biblos Clube de Lectores, de Marica Campo, a cargo da propia escritora.

Santiago: Tender a man, con Isaac Garabato e Yolanda Castaño

O xoves 21 de xullo, ás 21:00 horas, na Cidade da Cultura, dentro do programa Atardecer no Gaiás, Yolanda Castaño fusionará os seus versos cos músicos Isaac Garabatos e Jesús Andrés Tejada, a cantante Mónica de Nut e a danza de Branca Novoneyra no espectáculo Tender a man. Tradicionalmente considerado xénero minoritario e difícil, a poesía faise acompañar aquí de disciplinas creativas máis próximas ao gran público (música en directo, performance, video, danza contemporánea,…)

Vigo: VI edición de A hostia en verso

O venres 15 de xullo, ás 22:00 h., no Pub Alma (Rúa Pobladores, 9) de Vigo, terá lugar a VI edición da velada lírica bautizada co lema de A hostia en verso. Desta volta, baixo o título de Capuletos vs. Montescos, revivirán a paixón e a fatalidade shakesperianas Ledicia Costas, Daniel Landesa, Xabier Xil Xardón, Elvira Riveiro, Isaac Xubín e Daniel Costas Currás. O acto é unha divertida velada na que ambos equipos se enfrontarán para gañar o favor do público e estará presentado polas poetas Lucía Aldao e María Lado, e contará tamén coa intervención musical de Mig Seoane. Esta sesión enmárcase dentro do V Curso de verán de Lingua e Cultura galega para estranxeiros da Universidade de Vigo.

Cangas: Moita poesía, pouca diversión, con Lucía Aldao e María Lado

Na noite do sábado 9 ao domingo 10 de xullo, a partir das 00:30 horas, e dentro da programación da Mostra Internacional de Teatro Cómico e Festivo de Cangas, Lucía Aldao e María Lado achegarán o seu espectáculo Moita poesía, pouca diversión.

Vigo: segunda sesión de Merendacea, Poesía para devorar

O venres 1 de xullo, a partir das 20:30 horas, no Museo Verbum-Casa das Palabras (Avenida de Samil, 17) de Vigo, terá lugar a segunda sesión de Merendacea, Poesía para devorar, unha creación dos Poetas da Hostia en Verso producida polo Verbum. Trátase dun espectáculo de variedades poéticas creado colectivamente por unha serie de artistas que procuran explorar novos camiños para a lírica. Neses camiños cabe a videocreación, a música en directo, a danza, o teatro, a pintura e mesmo o humor, elementos que se poderán ver nos pequenos números que compoñen esta segunda merendola lírica. Desta ocasión, os versos correrán por conta de Lara do Ar, Daniel Landesa (que une os seus esforzos ao músico Mr. Carácter), Ledicia Costas, quen contará colaboración de Nuria Carballido, Estíbaliz Espinosa, Elvira Riveiro, Xabier Xil Xardón, Lucía Aldao, María Lado, Xosé Manuel Esperante e Nolim González, que virá acompañado de Dj. Cocón. A pintora e deseñadora María Longa é, desta volta, a autora dos obxectos poéticos que se sortearán entre os asistentes e a artista Nela Quesada participará cunha intervención en directo. Os espontáneos e insuperables Carlos Castro e David Santos porán cordura e música en directo. A tralla e a arroutada tráea o atlántico Xurxo Souto, que fará as veces de presentador e mestre de cerimonias.

A Coruña: actuación do proxecto de fusión artística Fuso Negro

O martes Fuso Negro28 de xuño, ás 20:30 horas, no Fórum Metropolitano (Rúa Río Monelos, 1) da Coruña, terá lugar unha nova actuación do proxecto de fusión artística Fuso Negro, no que Xoán Abeleira (voz e percusión), Karlos Barral (percusión), Bruno Couceiro (batería), Julio Cuns (guitarra) e Kale Thunström (baixo) e Tono Galán (obras, escenografía, fotos, vídeos…), fusionan música, teatro e poesía de vangarda.