Pedro Feijoo, María Reimóndez e Leticia Barbadillo Vázquez, Premios Xerais 2023

O escritor Fran Fernández Davila gaña o premio de novela curta Antón Risco

Desde Faro de Vigo:
“O premio de novela curta Antón Risco da Fundación Vicente Risco de Allariz recaeu este ano no escritor vigués afincado en Nigrán Fran Fernández Davila pola obra titulada Primavera. A camareira, o cuarto e o libro de poemas. O galardón está dotado con 3.000 euros e inclúe a publicación do traballo no selo editorial Doutor Alveiros.
Así o acordou o xurado do certame, que salientou o “lirismo, ritmo e musicalidade da súa prosa, así como a curiosidade que suscita en quen a le.” O tribunal considera que “a obra amosa unha gran sensibilidade tanto no relativo á situación social que reflicte coma cara á literatura como elemento curativo”. E incide en que os personaxes están ben perfilados, especialmente o protagonista. (…)”

O VI Concurso de microrrelatos da RAG e PuntoGal premia nove historias cheas de vida e de perda

Desde a Real Academia Galega:
“Setecentas trinta e oito palabras, apenas un folio por ambas as caras, pero con moito que dicir. Sobre querer e quererse, sobre a perda sentida e a real, sobre sentimentos de culpa e de acougo, e tamén sobre praceres cotiáns e mundos de fantasía. Estes son algúns dos temas que abordan as nove historias gañadoras no VI Concurso de microrrelatos da Real Academia Galega e PuntoGal, no que participaron máis dun milleiros de persoas de todas as idades con textos de ata 200 palabras. Casualmente dous dos tres premios da categoría de persoas adultas recaeron en docentes de secundaria do mesmo instituto, o IES Rego de Trabe de Culleredo: Nel Vidal, recoñecido co primeiro premio, e Mónica Fraga, co terceiro. O segundo galardón de persoas adultas é para a costureira e contacontos Nanda Misa, veciña de Nigrán.
Nel Vidal (Artes, Ribeira, 1980) fíxose co primeiro premio na categoría de adultos, á que se presentaron arredor de 450 relatos, con “Deberes de lingua”, un texto de 67 palabras. O seu microrrelato consegue acompasar o léxico de dous campos semánticos distintos, buscando certa correspondencia entre eles, para reflexionar sobre o que significa compartir a vida. O autor foi técnico de normalización lingüística do Concello de Carballo durante quince anos, presidente da Coordinadora de Traballadores/as de Normalización da Lingua (CTNL) e director do Culturgal, e na actualidade dedícase á docencia de Lingua Galega e Literatura. Este curso está a impartir aulas no IES Rego de Trabe de Culleredo, casualmente o mesmo centro onde exerce Mónica Fraga Rodríguez.
O segundo premio de persoas adultas é para Nanda Costas Misa (Vigo, 1978), veciña de Nigrán, por “A foto”, unha emotiva historia de 196 palabras que viaxa a tempos pasados nos que a fotografía foi máis ca nunca unha forma de inmortalizar os seres queridos. Costureira e contacontos, a autora deste relato non entende a vida sen creatividade, “en forma de puntadas ou de palabras”. Adora a lectura, os contos e as lendas, e as pequenas historias de “case medo”, unha paixón que de seguro deixou pegada no seu relato.
Mónica Fraga Rodríguez (A Laracha, 1974), na actualidade veciña de Oleiros, fíxose co terceiro premio na categoría de adultos co relato titulado “Zen”, que consegue arrincar o sorriso con só 46 palabras. Licenciada en Física, é profesora de Tecnoloxía do mencionado IES Rego de Trabe, do que é a directora. Escribe de cando en vez, sempre por pracer e ás veces por necesidade -conta-, cando precisa facer limpeza na cabeza.
Na modalidade xuvenil, á que concorreron case 400 mozos e mozas entre os 12 e os 17 anos, o xurado premiou as historias de tres mozas de Ames, Vigo e Teo. Andrea Bravo López (Ames, 2009), estudante do IES do Milladoiro, acadou a máxima distinción con “Querer”, o relato, con só 9 palabras, máis breve dos nove galardoados. O segundo premio é para Mencía Jorge Cabaleiro (Vigo, 2006), alumna do IES Castelao da súa cidade natal, por “Perda”, un texto de 191 palabras sobre o que vai quedando atrás na vida e a ferida que deixa; e o terceiro para Beatriz Martínez García (Teo, 2006), alumna do IES de Cacheiras, por “Cun pouco de azucre”, un relato que transmite unha chea de emocións desacougantes en só 85 palabras.
A categoría infantil contou coa participación de preto de 200 nenos e nenas de ata 11 anos. Ainhoa Valverde Silva (Baiona, 2012), alumna CPI de Cova Terreña, foi recoñecida co primeiro premio por “O meu irmán”, de 93 palabras; Arwen Fernández García (Nigrán, 2014), alumna do CEIP Humberto Juanes, recibiu o segundo por “O poema”, o segundo relato máis curto de todos os distinguidos, de só 11 palabras; e Mai Lemmen (Geldrop, Holanda, 2016), alumna do CEIP Castrelo de Miño, foi recoñecida co terceiro por “A gatiña saltarica”, de 40 palabras.
Os relatos presentados na modalidade de persoas adultas foron valorados polo xurado composto polo presidente da RAG, Víctor F. Freixanes; o presidente de PuntoGal e tamén académico de número, Manuel González González; a académica de número María Dolores Sánchez Palomino; o director xeral de PuntoGal, Darío Janeiro; e a xornalista Rosalía Macías Tarrío. O xurado das modalidades infantil e xuvenil integrárono o académico de número Gonzalo Navaza, a académica correspondente Celia Pereira Porto, a profesora da Universidade de Vigo e secretaria da xunta directiva de PuntoGal, Edita de Lorenzo, e o mestre e escritor Lois Pérez.
As persoas gañadoras recibirán distintos premios tecnolóxicos —ordenadores, consolas, lectores electrónicos de libros— e relacionados coa lectura nun acto público que se celebrará próximamente. Os relatos poderá lerse proximamente nunha edición dixital.”

Pablo Javier Rañales Pérez gaña o VII Premio Illa Nova de Narrativa con Os afogados

Desde Galaxia:
“En Santiago de Compostela, na sala do Ámbito Cultural El Corte Inglés, a 13 de xuño de 2023 reuniuse o xurado do Premio Illa Nova de Narrativa. Compoñen o xurado María Canosa, Adrián Gondar, Oriana Méndez, Cándido Paniagua e Irene Rega. Exerce de secretaria do xurado, en representación da Editorial Galaxia, Malores Villanueva.
Despois das oportunas deliberacións o xurado decide por unanimidade outorgarlle o Premio Illa Nova de Narrativa na súa sétima edición ao texto Os afogados.
Aberta a plica cos datos da obra premiada o gañador resultou ser Pablo Javier Rañales Pérez.
O xurado destacou que Os afogados é unha novela moi interesante e significativa dentro da narrativa galega, porque afronta temas xa tratados, pero arriscándose a ir un paso máis alá. En todo momento o autor logra dosificar a intriga sen deixar de progresar na narración, mantendo a tensión narrativa nunha trama moi equilibrada. O feito fantástico vai máis alá dunha personaxe para presentarse como un suceso comunitario que atravesa todo un imaxinario xeográfico, ademais o xurado pon en valor que ese marco sexa recoñecible e contemporáneo.
Os afogados é unha proposta orixinal de gran altura estética, nela introdúcense achegas novidosas a carón doutras máis tradicionais. É unha distopía interesante que pon a familia ao servizo da comunidade, que introduce o tema do medo, de como se afronta, da difusión dos discursos de odio. Ao tempo leva á reflexión sobre as relacións humanas, pero tamén coa contorna e o medio ambiente.
Unha obra moi suxestiva no formal, co uso da linguaxe inclusiva, con diálogos moi directos, sen artificios, pero cun estilo moi depurado que consegue transmitir a historia con gran axilidade. (…)”

Acta do xurado do V Certame de Microrrelatos Día do Libro 2023 en Vilalba

Coñécense os relatos gañadores da 11ª edición do Concurso de micro-relatos OZOCOgz

Xa temos os relatos gañadores da 11ª edición do Concurso de micro-relatos OZOCOgz.
Unha vez lidos a totalidade das achegas presentadas a concurso pol@s membros do xurado resultou gañador o micro-relato BOTINAS DE AGASALHO, presentado co seudónimo “Catro pelos”, baixo o que se agochaba o nome de Andreia Costas.
Resultou finalista o micro-relato VERDE, presentado co seudónimo “Ulex”, baixo o que se agochaba o nome de María Berini Pita da Veiga.
Parabéns ás gañadoras!!!!!

******************************************************

MICRO-RELATO GAÑADOR
BOTINAS DE AGASALHO
Por: Andreia Costas
“Acarinho os delicados peúgos de perlé branco pola derradeira. Anunciara tamén o berce, o carro de paseo e ata cueiros de linho en artigos de segunda man. Deseguida chegou a primeira notificación ao celular:
–Ola, son Ximena, temos interese na oferta do cenmilcousas.
–… (icona polgar)
–Estamos grávidas a preparar un parto primíparo
–… (icona trevo de catro follas)
Na paupérrima carencia ofrécese e véndese de todo. Disque é o dano colateral da crise sanitaria sumado ao conflito na Ucraína. Sempre usan eufemismos. De súpeto, a “nova normalidade” é vivir no gume da navalla da miseria. O desolador panorama rouba a maternidade de mil ventres a latexar por amor. Renuncio a ser nai. Mais os calcetíns de gancho, feitos a man, serán agasallo para outra criatura. Descúlpame mamá por deixarte sen neta.
Mándolle a Ximena a localización Google e a foto dos peúgos.”

****

MICRO-RELATO FINALISTA
Por: Maria Bepe
“Remexendo entre caixas de roupa vella, Antía narra as vantaxes daquela app diante da súa nai, que escoita queda xunto á porta. «Facer limpeza, uns aforriños para caprichos, loitar contra a industria téxtil, capitalista e antiecolóxica.» Discurso ben xeitoso: tecnoloxía para unha economía circular, o triunfo do erre de reempregar.
App cool, moderna, consciente. Esquecendo que nalgures rempregar nunca foi opción cool, moderna, consciente,
senón necesidade.
Nas caixas, moitas prendas eran de cor verde. A Antía sempre lle gustara. Verde eran na súa nenez as ras de peluche e o plastidecor co que pintaba paisaxes bucólicas de árbores, regatos e paxariños.
Bucólicas paisaxes nun futuro pintadas sen árbores, regatos nin paxariños,
mais con moitos eólicos.
A mais de 2000 km de distancia da casa de Antía, no Sahara occidental, reempregar sustenta existencias e de certo non gusta un verde tinguido da palabra INVASIÓN.
Na Galicia,
no Sahara,
agroman conflitos.”

Premios concedidos no Certame de Narracións Breves Manuel Murguía de Arteixo 2023


“O pasado 5 de maio celebrouse a cerimonia de entrega de premios do Certame de Narracións Breves Manuel Murguía de Arteixo.
O xurado, composto por Ana Cabaleiro López (representante da Asociación de Escritoras e Escritores en Lingua Galega), Esperanza Luz Mariño Davila (representante da Asociación Galega da Crítica), José Ignacio Silva Regueira (primeiro premio na 31ª edición) e Alfredo Ferreiro (director literario do Certame, que asistiu como secretario, con voz e sen voto), decidiu por maioría conceder os seguintes premios:
O primeiro premio para Sinfonía a 3 voces sobre unha cidade a tumba aberta, presentada baixo o lema “Unha historia posible” e con autoría de D. Roberto Rodríguez González (no seu nome recolleu o premio por causas xustificadas D. Anxo Sánchez), que contou coa seguinte dotación: 4.000€ e a edición da obra;
O segundo premio para Levidade, presentada baixo o lema “Etérea” e con autoría de D. Agustín Agra Barreiro, que contou coa seguinte dotación: 2000€ e a edición da obra;
O terceiro premio para Endodoncias, presentada baixo o lema “Paki” e con autoría de Dna. Inmaculada Núñez Núñez, que contou coa seguinte dotación: 1000€ e a edición da obra.
Os premios, elixidos entre 55 concorrentes, coñecéronse durante unha cerimonia que presentou Alfredo Ferreiro e contou coa arte musical de Mónica de Nut (acompañada de Luís Martíns) á volta do seu último traballo Raíces aéreas. O arranxo floral do escenario, acorde coa temática do disco da artista, foi responsabilidade do decorador florista Richar del Toro. (…)”

Manolo González e Moncha Fuentes gañan o premio Losada Diéguez no Carballiño

Desde La Región:
“Nun acto celebrado no salón de plenos do Concello do Carballiño, e tras longas deliberacións, o xurado decidiu as persoas gañadoras dos premios Antón Losada Diéguez. Acordouse por unanimidade outorgar o premio, na categoría de Investigación e ensaio, á obra Nos días encantados de agosto. Biografía de José Gil. Para unha historia do cinema en lingua galega (Editorial Galaxia), de Manolo González. Trátase dun libro que dá a coñecer a vida e obra dun artista até agora descoñecido: o fotógrafo e cineasta José Gil. “A súa escrita é case novelesca, policíaca, divertida e de moi fácil lectura, así como a súa orixinal achega á historia da fotografía, o cinema e o audiovisual galego”, apuntan desde o xurado.
A maioría dos presentes decidiu outorgar o Premio Antón Losada Diéguez, na categoría de Creación Literaria, a O tradutor de sombras (Edicións Xerais), de Moncha Fuentes.
O xurado destacou a gran calidade dos traballos de creación presentados nesta edición dun premio que vai camiño das súas cuatro décadas de existencia, e nomeadamente ao poemario de Cesáreo Sánchez Iglesias, A árbore que dá as lágrimas de Shiva, finalista do concurso.”

Acta da reunión do xurado dos Premios da XVI edición do Certame Literario Terras de Chamoso

Desde a Asociación Cultural Arumes do Corgo:
“Sendo as 19:30 h do día 12 de decembro de 2022, na localidade do Corgo, reúnense os membros do xurado para fallaren os premios da XVI edición do certame literario Terras de Chamoso, convocado pola Asociación Cultural Arumes do Corgo, do que forman parte:
D. Xurxo Xosé Rodríguez Lozano
D. Xosé Manuel Castro Castedo
Dna. Beatriz Pin Díaz
Dna. Sonia Melón Parente
D. Eduardo Carreira López
Exercendo de secretario do xurado, sen voto, o secretario da A.C. Arumes do Corgo D. Mario Outeiro Iglesias.
Logo das deliberacións pertinentes e das votacións oportunas, os membros do xurado conclúen declarar premiados na XVI edición do certame literario Terras de Chamoso como segue:

CATEGORÍA: INFANTIL
Modalidade: poesía
1º premio: Paula Reija Folgueira, de Monte (Castroverde), pola obra “Sempre galego”.
2º premio: Carolina Freire Cando, de Montecubeiro (Castroverde), pola obra “Miña Terra”.
Modalidade: relato
1º premio: Carla Carracedo Fernández, de Lugo, pola obra “A matanza”.
2º premio: Juan Carlos Álvarez Díaz, de San Pedro de Río (A Fonsagrada), pola obra “Relatos do pasado”.
Premio “A Legua Dereita”: Carla Carracedo Fernández, de Lugo, pola obra “A matanza”.

CATEGORÍA: XUVENIL
Modalidade: poesía
1º premio: deserto.
2º premio: deserto.
Modalidade: relato
1º premio: Ariadna Cambeiro Pérez, de Santiago de Compostela, pola obra “Se o silencio falase”.
2º premio: Julia Amoedo Méndez, de Redondela (Pontevedra), pola obra “A simple historia do mensaxeiro”.

CATEGORÍA: ADULTOS
Modalidade: poesía
1º premio: Natalia Lema Otero, de Vimianzo (A Coruña), pola obra “Heterocromía”.
2º premio: Eva González Blanco, de Lalín (Pontevedra), pola obra “Crisálida”.
Modalidade: relato
1º premio: Xosé Farruco Graña Rama, de Ribadeo, pola obra “Eu voun navegar”.
2º premio: Agustín Lorenzo Fidalgo, de Ourense, pola obra “Unha aldea viva”.

Os membros do xurado agradecen a colaboración de Dna. Ainhoa Sancosmed López pola axuda prestada para a elección do Premio “A Legua Dereita” e de D. Manuel Fernández López e Dna. Chelo Vázquez Castro polo seu asesoramento nas categorías infantil e xuvenil.
E non habendo máis asuntos que tratar, levántase a sesión, cando son as 21:00 h do día 12 de decembro de 2022.”