Olalla Tuñas gañou o XIV certame Francisco Añón de poesía, con Split screen

A Olalla Tuñas Martínez (de Serra de Outes) foi a gañadora do XIV certame Francisco Añón de poesía, coa súa obra Split screen, na categoría absoluta. Ademais da distinguida na quenda dos adultos, tamén se deron a coñecer os vencedores nas cinco categorías de infantil e xuvenil. O xurado do certame, integrado por escritores e profesores de lingua galega, valorou a aposta formal, o cosmopolitismo non pretensioso da temática e a actualidade na forma, ademais de destacar do poemario a ligazón que fai a autora dende o universal ata a cultura propia. Máis información aquí.

Miro Villar gaña o XIII Certame de poesía “Concello de Carral”

Miro Villar, coa súa obra As crebas, resultou gañador do Concurso de Poesía “Concello de Carral” do presente ano. O xurado escolleu o libro de Villar de entre as 46 obras presentadas ao certame pola mistura que presenta de clasicismo, culturalismo e compromiso social; polo acerto co que integra as alusións mitolóxicas no discurso poético; e tamén polo novidoso tratamento que fai da modernidade temática dentro do clasicismo.
O xurado estivo formado polos poetas Eli Ríos, Baldo Ramos e Tati Mancebo, baixo a presidencia da Concelleira de Cultura, Mª José García Fariña, e asistidos en calidade de secretario, polo técnico municipal de Cultura e coordinador do premio, Carlos Lorenzo Pérez. O premio de Carral está dotado con 2000 euros e a publicación da obra na colección de poesía de Edicións Espiral Maior. O acto de entrega do premio terá lugar o 28 de maio, na Casa da Cultura de Carral.

Premios da AELG 2010

[blogaliza.org emitiu os premios ao vivo por qik.com]

ENSAIO, LITERATURA INFANTIL E XUVENIL, POESÍA, NARRATIVA, TRADUCIÓN, TEATRO, TRAXECTORIA XORNALÍSTICA E BLOG LITERARIO

Na celebración da Cea das Letras, un dos actos máis importantes na vida da Asociación de Escritores en Lingua Galega, foron entregados os premios á mellor obra publicada no 2009 nas modalidades de ensaio, literatura infantil e xuvenil, poesía, narrativa, tradución, teatro, traxectoria xornalística e blog literario, así como á institución que salientara na defensa e difusión da nosa cultura.

Os galardóns, concedidos por escritores/as para escritores/as, levan camiño de se afianzar como uns dos de máis prestixio no noso panorama literario.

Da conxunción de votos emitidos nunha primeira quenda polos asociados/as á AELG -coa participación dos socios/as de Gálix para elixir a mellor obra de Literatura Infantil e Xuvenil e dos membros do Colexio de Xornalistas para a modalidade de Traxectoria xornalística-, elaborouse unha listaxe de obras finalistas correspondentes a cada xénero dos mencionados, sobre a que os socios e socias emitiron de novo o seu voto nunha segunda quenda para elixir as obras gañadoras dos Premios AELG.

Unha vez computados os votos, os gañadores do Premio AELG ás mellores obras publicadas no 2009 son:

Ensaio: Xesús Alonso Montero, pola súa obra Cartas de republicanos galegos condenados a morte (1936-1948) (Xerais)

Literatura Infantil e Xuvenil: Agustín Fernández Paz, pola súa obra Luz do Senegal (Xerais)

Poesía: Luz Pozo, pola súa obra Deter o día cunha flor (Baía)

Narrativa: Xosé Cid Cabido, pola súa obra Unha historia que non vou contar (Xerais)

Tradución: Bartug Aykam e María Alonso Seisdedos, pola tradución da obra O museo da inocencia, de Orham Pamuk (Galaxia)

Teatro: Rubén Ruibal, pola súa obra Delimvois (Xerais/IGAEM)

Mellor traxectoria xornalística: Manuel Rivas

Blog Literario: Manuel Bragado, polo seu blog Brétemas

Institucións: Salón do Libro Infantil e Xuvenil de Pontevedra

Escritor Galego Universal: Juan Gelman

Mañá coñeceremos o gañador do X Premio de Poesía Fiz Vergara Vilariño

Mañá sábado 27 de marzo reunirase o xurado do X Premio de Poesía Fiz Vergara Vilariño para realizar a derradeira deliberación. O xurado está formado por Olalla Cociña, Cesáreo Sánchez Iglesias e Miguel Anxo Fernán-Vello, e nel tamén participan con voz e sen voto o concelleiro de cultura de Sárria, Xermán Arias e a Presidenta de Ergueitos, María Casar. Ás 13:30 horas abrirase a plica da obra gañadora no salón de actos da casa do Concello de Sárria.

Alberte Momán e Diego Giráldez gañan os premios Aurelio Aguirre e José Saramago

Alberte Momán gañou a VII edición do Certame de Poesía Aurelio Aguirre coa obra Sermos un. O xurado valorou “a construción do poemario, a perfecta cohesión entre o poético e o real permitindo transmitir unha confesión irreverente a través do verso libre que flúe na conciencia social”.

O vencedor do IX Certame de Relato Curto José Saramago foi Diego Giráldez García coa obra Un cometa para unha despedida, sobre a cal o xurado salientou a solidez da linguaxe, a tensión do relato e o misterio que envolve o argumento. Os dous premios están organizados pola concellaría de Cultura de Santiago.

Xavier Rodríguez Baixeras gaña o VIII Premio Caixanova de Poesía

O escritor Xavier Rodríguez Baixeras gañou onte a oitava edición do Premio de Poesía Caixanova, dotado con 12.000 euros, pola súa obra Deserto diamantino, que foi presentada ao certame baixo o lema Areoura. O director da Obra Social de Caixanova, Guillermo Brea, e o presidente do PEN Clube de Galicia, Luís González Tosar, deron a coñecer o fallo da convocatoria, que se produciu tras unhas dúas horas de deliberacións. O tribunal escolleu o poemario de Baixeras entre un total de 55 propostas, ao xulgar que esta obra retoma aspectos do mundo poético clásico “maxistralmente engarzados coa herdanza da linguaxe patrimonial”. Segundo o órgano encargado da selección, o texto fai unha “fonda reflexión dende a experiencia da madureza vital e literaria, apostando por unha revitalización da poesía estrófica e rimada” ao servizo dunha visión actual do mundo.

Noticia recollida do Xornal de Galicia.