Foz: actos destacados da fin de semana na Feira do Libro

O sábado 17 de agosto inaugúrase a Feira do Libro de Foz (na Praza Conde de Fontao, con horario de 17:30 a 22:00 horas). Dentro dos actos literarios previstos para o sábado 17 e domingo 18 destacamos os seguintes:

Sábado 17
20:00 h. Pregón a cargo de Manuel Lourenzo.
21:00 h. Presentación de Bágoa de Lúa, de Sabela González, publicado en Galaxia, coa presenza da autora, acompañada por Bernardo Penabade.

Domingo 18
20:30 h. Recital poético.

Cee: actividades destacadas do sábado 17 e domingo 18 na Feira do Libro

Chega á súa fin a Feira do Libro de Cee, que se celebra na Praza da Constitución (con horarios de 11:00 a 14:00 e de 18:00 a 22:00 horas). Destacamos destes derradeiros días as seguintes actividades literarias:

Sábado 17
12:30 h. Diante do Museo Fernando Blanco, presentación da obra A noite branca, de Francisco X. Fernández Naval, editada por Xerais, que estará acompañado por Víctor Manuel Castiñeira Castro.

Domingo 18
12:30 h. Na Praza da Constitución, Un anaquiño de contos con Beatriz Maceda: Man. O alemán de Camelle, e obradoiro de materiais creativos.

Viveiro: actos do xoves 15 na Feira do Libro do 2013

O xoves 15 de agosto continúa a Feira do Libro de Viveiro (nos Xardíns de Noriega Varela, con horario de 12:00 a 14:00 e de 18:00 a 22:00 horas). Dentro dos actos para ese día, destacan a asinatura de libros, a partir das 19:00 horas, de Olalla Cociña, e a presentación, a partir das 20:30 horas, de Bágoa de Lúa, de Sabela González, publicado en Galaxia, coa presenza da autora, acompañada por Bernardo Penabade. Finaliza a xornada coa presentación de Podería falar de nubes, de Francisco Castiñeira, publicado por Redelibros.
Previamente, o mércores 14, ás 19:30 horas, preséntase o libro-DVD Morreu o demo, acabouse a peseta, publicado por Urco Editora, coa participación de Comba Campoy e Anxo García.

Viveiro: o martes 13 inaugúrase a Feira do Libro do 2013

O martes 13 de agosto inaugúrase a Feira do Libro de Viveiro (nos Xardíns de Noriega Varela, con horario de 12:00 a 14:00 e de 18:00 a 22:00 horas). Dentro dos actos literarios destacados para ese día, destaca a presentación, a partir das 21:00 horas, do poemario de Xaime Oroza, Dende mañá, con ilustracións de Otero Regal, libro editado por Regal Xunqueira.

Cee: actividades destacadas do mércores 14 na Feira do Libro

Dentro dos actos da Feira do Libro de Cee, que se celebra na Praza da Constitución (con horarios de 11:00 a 14:00 e de 18:00 a 22:00 horas), destacamos as seguintes actividades para o mércores 14:

11:30 h. Na Praza da Constitución, Un anaquiño de contos con Rocío Leira, autora da obra Universo Pitágoras, editada por Biblos, que realizará un obradoiro matemático para nenos.
12:30 h. Diante do Museo Fernando Blanco, presentación da obra Contos de soños e sombras, de César Ariza Piñeiro, editada por Urco Editora, que estará acompañado por David Cortizo.

Cee: actividades destacadas do martes 13 na Feira do Libro

Dentro dos actos da Feira do Libro de Cee, que se celebra na Praza da Constitución (con horarios de 11:00 a 14:00 e de 18:00 a 22:00 horas), destacamos as seguintes actividades para o martes 13:

19:30 h. Diante do Museo Fernando Blanco, presentación da obra Viaxe ao interior da fenda, de Serxio Iglesias, editado por Sotelo Blanco. O autor estará acompañado por Marcos Giralt Torrente.
20:15 h., no mesmo lugar, presentación da obra Fadita fosca, de Miguel Vázquez Freire editado por Baía Edicións, coa presenza, xunto ao autor, de Xosé Tomás e Belén López Vázquez.
22:30 h. Noite de terraza literaria na rúa da Pena (zona bares Marigel e Recunquiño): recital a cargo de varios poetas e presentación da obra Versos no Olimpo. O monte Pindo na poesía galega, editado por Toxosoutos, coa presenza de Xilberto Caamaño e Miro Villar, coordinador da obra.

Cee: actividades destacadas do domingo 11 e luns 12 na Feira do Libro

Dentro dos actos da Feira do Libro de Cee, que se celebra na Praza da Constitución (con horarios de 11:00 a 14:00 e de 18:00 a 22:00 horas), destacamos as seguintes actividades para o domingo 11 e luns 12 de agosto:

Domingo 11
20:00 h. Diante do Museo Fernando Blanco, presentación das obras Cancela aberta (Ed. Xerais) e Aquel neno (Embora Ed.) de Xosé Neira Vilas, acompañado por Francisco Rodríguez López de Embora Edicións.
21:00 h. Na Praza da Constitución, pregón da Feira do Libro, a cargo de Xosé Neira Vilas, acompañado por Valentín García.
22:30 h. Noite de terraza literaria con Xosé Iglesias, o mariñeiro poeta: Transfusión oceánica na rúa Domingo Antonio de Andrade (Bar A Parada).

Luns 12
20:15 h. Diante do Museo Fernando Blanco, presentación da obra Costa do Solpor de Xosé María Lema Suárez, publicada en Xerais. No acto, xunto ao autor, participan Víctor Manuel Castiñeira Castro e o poeta Alexandre Nerium.
De seguido, Serán de Música e Poesía, Versus Cianuro, recital coa presenza, entre outros, de Paco Souto.
22:30 h. Noite de terraza literaria con Xaime Trillo: Anatomía da ira na Praza da Constitución (Bar Expréss).

A Coruña: actos literarios destacados na Feira do Libro para o sábado 10 e domingo 11

O sábado 10 e domingo 11 de agosto serán os últimos días desta edición da Feira do Libro da Coruña (nos Xardíns de Méndez Núñez, con horario de 11:00 a 14:00 h. e de 18:00 a 22:00 horas), cos seguintes actos literarios destacados para eses dous días:

Sábado 10
19:30 h. Francisco Pillado asina exemplares das súas obras na na caseta da Libraría Couceiro.
21:00 h. Presentación do libro Los mejores poemas de amor, editado por Pigmalión. Participarán no acto: Luz Pozo Garza, Olga Patiño Nogueira, Miguel Anxo Fernán-Vello, Chema Paz Gago, Basilio Rodríguez Cañada e Antonino Nieto Rodríguez. Xosé Taboada e Paco Campos intervirán coa música e voz no acto.

Domingo 11
13:00 h. Encontros da literatura fantástica entre Contos Estraños e Urco Editora.
18:30 h. Presentación do libro pedras de Plastilina, de Moncho Iglesias, publicado por Toxosoutos. Ao remate do acto, o autor asinará exemplares do seu libro na caseta da Libraría Cartabón.
19:30 h. Presentación do libro Viaxe sen cancelas, de Xesús Bermúdez Tellado, publicado por Redelibros.
20:00 h. Na Ponte ao vivo. O radio … visual de Ponte nas Ondas, conducido por Xurxo Souto con convidados/as do disco/libro/DVD.
20:00 h. Presentación do libro Nada se esquece, de Puri Ameixide, publicado en Redelibros.
21:00 h. Presentación do libro Podería falar de nubes, de Francisco Castiñeira, publicado en Redelibros.
Xesús Bermúdez Tellado, Puri Ameixide e Francisco Castiñeira asinarán exemplares dos seus libros na caseta da Libraría Cartabón.

Manuel Rivas e Xosé Manuel Pereiro “resucitan” a revista Luzes

Desde Sermos Galiza:
“O escritor e xornalista Manuel Rivas non tardou na presentación do novo proxecto editorial na Feira do Libro da Coruña en evocar o espírito de Loia. Tendo a Xosé Manuel Pereiro á beira era fácil que a memoria persoal remitise a aquel momento inicial na que os dous, en Madrid, botaban a andar aquela revista literaria-cultural de poucos números e moito entusiasmo. Son outros tempos, pasaron anos, mais Rivas e Pereiro volven animar a saída dunha nova cabeceira, como cando eran estudantes, como cando o xornalismo non era só un desexo senón tamén un proxecto de futuro. “O fracaso é non facer nada, non fracasa quen non se arrisca” dixo Manuel Rivas e esa é explicación que xustifica idear un proxecto en papel, en galego e para ler de vagar en tempos nos que a crise convida ao pesimismo.
Loia na memoria, mais tamén, e de maneira especial, Luzes de Galicia, aquela revista dirixida por Rivas que tiña sede no Centro de Información de Isaac Díaz Pardo e que estaba conducida polo seu mesmo espírito libertario e “conservador” -de conservar o bo, o patrimonio, o medioambiente, a lingua…-, como a revista defendera na súa liña editorial. Referencia de igual maneira á desaparecida sección cultural da edición galega de El País, con que compartía iluminador título.
Presentouse na Coruña o número 0 que definiron como un exemplar inicial particular que non queren considerar definitorio. Sen embargo, apunta maneiras. Tratarase dunha revista mensual, con xornalismo de calidade e demorado, non para facer e ler ás presas, sen os límites que fragmentan e reducen os textos. Se unha reportaxe ou unha entrevista merece oito páxinas, pois terá oito páxinas afirmaron os promotores. “Trátase dun primeiro paso dun proxecto a construír entre todos, xornalistas, libreiros, inversores e sobre todo lectores” comentou Xosé Manuel Pereiro para quen Luzes responde á “perda de autoestima e confianza do xornalismo” e buscará convencer a quen quere “que lle conten cousas distintas”.
“Non estamos pretendendo encher ningún grande baleiro. Queremos intervir no proceso fronte á fatalidade, ao pesimismo aportando os nosos depósitos de esperanza” dixo o autor de A corpo aberto, o seu libro de xornalismo “indie” que ten na edición en español unha capa ilustrada cunha foto de Manuel Vilariño da mesma serie que a portada do número 0 de Luzes. Nos dous casos, unha muller co torso núo mirando á fronte de maneira decidida e porta sobre a súa cabeza material de traballo, na maneira tradicional de trasladar pesos. Para o escritor, o xornalismo non está en crise e diso dará conta Luzes, unha aposta por “combater a suspensión das conciencias”, explicado en vocabulario propio de Rivas.
Se Rivas e Pereiro se presentan como directores da nova publicación, o coordinador é o xornalista Iago Martínez, director tamén do programa radiofónico cultural Disimulen. Martínez falou do número 0 como “prototipo” co que se está a testar case todo, desde os materiais á organización dos contidos. Será unha revista de información xeral cunha importante sección de cultura que responde ao título de República.
Contan que as subscricións, as vendas, o apoio publicitario e a colaboración dalgunhas empresas abonden para que a conta de resultados permita longa vida a Luzes. O que si quixeron deixar claro é que a eles tres, o proxecto lles “presta”, teñen “alegría” de botalo a andar e, cos tempos que corren, iso é, ao seu ver, un valor en alza.
Luzes nace cun consello de redacción no que se atopan, entre outros, Tati Mancebo, Manuel M. Barreiro, María Yáñez, Juan Janeiro, Antón Lado ou Julio Gómez e un consello editorial con Antón Patiño -tamén “descendente” de Loia-, Xoán Antón Pérez-Lema, Fermín Bouza, Lino Braxe, Xavier Seoane, Jonathan Dunne, Martine Siber, Ramón Chao, Débora Campos ou Suso Iglesias.”

Conversa de Dores Tembrás e Berta Dávila sobre Raíz da fenda

Desde o blogue de Manuel Bragado, Brétemas:
“Na terceira xornada na Feira do Libro da Coruña, tras a presentación de Cancela aberta e de Aquel neno, os dous libros máis recentes de Xosé Neira Vilas, desenvolveuse a conversa interesantísima entre as poetas Dores Tembrás e Berta Dávila arredor de Raíz da fenda, o poemario coa que a segunda gañou a XV edición do premio Johán Carballeira do concello de Bueu. Un serán magnífico, no que na carpa coruñesa se visualizou a continuidade imparable do relato literario galego.
Antes de iniciar a conversa, Dores Tembrás fixo un discurso contextualizador. Confesou que compartía con Berta «o amor por Valente e Pizarnik». Parabenizou despois a Xerais por incluír Raíz da fenda na súa recomendación de lecturas do vindeiro curso para Secundaria. Lembrou que «Berta Dávila é unha escritora que publicou moi nova. Gañou o Minerva. É unha autora premiada, mais nunca deixou de traballar coa palabra, iso para min é o máis importante.» Revelou que hai dous anos Berta lle enviara un inédito, a versión inicial de desta Raíz da fenda, para que realizase unha lectura de confianza e que ela, despois de facelo, lle escribirá un correo do que leu algunhas frases: «Poemas brillantes, magníficos. É un poemario fresco, con moita verdade detrás. Gustoume, tiven que lelo seguido sen parar.» Ocupouse despois Tembrás de comentar o poemario actual, o premiado no Johán Carballeira e editado por Xerais: «Son 103 poemas, organizados en cinco fisuras que constitúen un itinerario de raíces. Aquí cada poema ten latitude e lonxitude.» Gabou a estrutura do poemario e o esforzo por «escoller o poema como vinganza, sílaba a sílaba» e pola «severidade e disciplina da autora na medida da palabra exacta, xa que así se borda o encaixe da derrota.»
Na súa primeira intervención Berta Dávila agradeceu a lectura de Dores Tembrás. «Dores foi unha das lectoras primeiras. É importante confiar en algúen que se atreve a facer unha lectura honesta.» Referiuse despois as relacións que para ela existen entre o origami e a poesía presentes no libro, mesmo dende a súa imaxe de portada. «Na construción do paxariño as dobrezas e as normas son as mesmas que se deben respectar na construción do verso, sen trampas, sen cortes, sen pegamento.» «Acredito na lenda xaponesa que aventura que cando construímos un milleiro de origamis se cumprirán os nosos desexos. Construín un origami para cada un dos mil versos do libro. O verso é o que evoca o silencio.»
Dores Tembrás iniciou a conversa abordando a cuestión da estrutura. «Daquel inédito de Berta que lera hai dous anos ao editado hai un grande salto, unha procura voraz da exactitude, sei que a aparición de cada un dos textos non é casual, gostaría que falases de como decidiches esa escolla.» Berta Dávila contestou que cando subira o vídeo no que presenta como tiña pendurados os poemas con esparadrapo no corredor da súa casa explicara os criterios utilizados, unha escolla poema a poema, na que diferenciaba entre os poemas que quedaban e aqueloutros que naufragaban, «meditei moito a estrutura do libro, algo non que non traballara nos anteriores.»
Para Dores Tembrás «este interese pola estrutura é unha proba de madurez poética. Berta Dávila é unha poeta que sabe renunciar, consciente das limitacións dos textos que non estaban á altura da calidade do libro que quería. É unha autora que mide, que pesa moito os textos que deben estar. Este é un libro que amosa a unha Berta Dávila consciente do acto poético, do que quere dicir e de como quere facelo. Raíz da fenda é un gran libro, para demorarse, cheo de arestas, pero moi controladas. Un libro que fire elegantemente, que desarma. Hai unha vontade severa, pero emocionante ao final.» A este teor, Berta sinalou que o feito de que nas dúas primeiras partes non houbese adxectivos foi coa intención de «distanciarse da ferida, o tipo de texto que a min me chega, un intento, tamén, de seleccionar as palabras cunha distancia irónica.» Recollendo ese fío, Dores Tembrás sinalou que «no libro hai unha certa asepse á hora de enfrontar o verso, non só o poema. Con este procedemento Berta é capaz de multiplicar a ferida, ofrenda as feridas con inocencia, e como lectoras enmudecemos e aplaudimos á poeta.» Antes de ler un poema, á proposta de comentar as citas que aparecen no texto, Berta confesou que o libro debería titularse como aqueloutro de Antonio Gamoneda Arden las pérdidas.”