XII Edición do Memorial de teatro Ibán Toxeiro

A Asociación Cultural Alexandre Bóveda informa das actividades pola XII edición do Memorial de Teatro Ibán Toxeiro que este ano está adicado á figura de Jenaro Marinhas del Valle.

* Venres 21: XII edición do Memorial de teatro Ibán Toxeiro, ás 20:30h, no Teatro Rosalía de Castro coa actuación de Teatro Proscrito representando A velada, de Jenaro Marinhas del Valle, a quen se lle adica este ano o memorial, neste acto terá lugar a entrega por parte da nosa entidade do segundo Premio de apoio ó teatro amador Alexandre Bóveda.

* Mércores 26: XII edición do Memorial de teatro Ibán Toxeiro, ás 20:30h, no Forum Metropolitano do Parque europa, coa actuación do Grupo de Teatro Alexandre Bóveda representando A serpe e o Grupo de teatro da Fundación Wenceslao Fdez. Flórez “Fas-que-Fas” representando O bosque, ambas obras de Jenaro Marinhas del Valle.

As dúas actividades son de balde até completar o aforo. (Xunta directiva da ACAB)

Ramirás e Celanova: actos de recoñecemento de Lois Antón Pérez

O 22 de novembro ofrecerase todo un programa de actos a desenvolver entre Ramirás e Celanova en recoñecemento da figura de Lois Antón Pérez (poeta e dramaturgo popular) e da militancia de base do nacionalismo galego. Organizan: Asociación Cultural e Xuvenil de Ramirás, BNG de Ramirás e BNG de Celanova. Ver programa.

A Coruña: homenaxe a Jenaro Marinhas del Valle

Actos de homenaxe no centenario do nacemento de Jenaro Marinhas del Valle

PROGRAMA

Día 11 de novembro de 2008
Na Facultade de Filoloxía da Universidade da Coruña
12:00
“Apresentación dos actos previstos. Primeira aproximación a D. Jenaro Marinhas del Valle”. Interveñen: María Xosé Bravo, Mª Pilar García Negro, Pablo G. Mariñas, X. María Monterroso Devesa e Teresa López.

13:00
Perfil humano-literario de Jenaro Marinhas, por Henrique Rabuñal.

“Experiencias en dirección e escenificación de obras teatrais de Jenaro Marinhas”. Interveñen: Lino Braxe e Francisco Rodríguez.

Día 21 de novembro
Na Casa Museo Casares Quiroga (Panadeiras, 12)
18:00
“O feminino e a protesta na obra de teatro Ramo Cativo”. Interveñen: Kathleen March e Tareixa Campo.

19:00
Mesa redonda: Continuidade dos presupostos avangardistas no teatro de Jenaro Marinhas, por Laura Tato.
Claves expresivas do teatro de Jenaro Marinhas, por Cilha Lourenço
O público na constitución dun teatro nacional: o pensamento de Jenaro Marinhas, por Carlos Viscainho.

No Teatro Rosalía Castro
20:30
Representación: “A velada”. Teatro proscrito (Memorial Iván Toxeiro. Asociación Alexandre Bóveda)

Audiovisual “Jenaro Marinhas na lembranza”. Autores: Manolo Graña e Arturo Iglesias.

Exposición: “Jenaro Marinhas: drama e exemplo do século XX galego”. No mes de decembro a Casa Casares Quiroga acollerá unha exposición que pretende axudar a difundir a vida e a obra deste intelectual galeguista sempre comprometido coa dignificación da nosa cultura.

Vilalba: Xosé Neira Vilas e Anisia Miranda, “chairegos de honra “

O 15 de novembro de 2008, en Vilalba ás 12:00, terá lugar unha táboa redonda coa participación de:
• Antía Cal
• Marica Campo
• Isaac Díaz Pardo
• David Otero
• Ramón Regueira
Despois celebrarase un xantar de Irmandade na NOVA RUTA de Vilalba. O evento será amenizado cun concerto de A Quenlla.
Para apuntarse ao xantar ou máis información: 646 41 38 90 e xermolos@xermolos.org
(Asociación Cultural Xérmolos)

Homenaxe a Ramiro Fonte na II Bienal Literaria “De Pedra e de Palabra”

«O acto de clausura da II Bienal Literaria ‘De Pedra e de Palabra’ do Pen Clube, completouse cunha homenaxe ao recentemente falecido Ramiro Fonte. Seis poetas, amigos e algúns deles moi próximos xeracionalmente a Fonte, participaron nun recital, presentado por Luciano Rodríguez. A homenaxe consistiu na lectura, a cargo de cada un dos participantes, dun poema do autor eumés, e doutro texto propio.
Ana Romaní, Anxo Angueira, Xavier Seoane, Salvador García-Bodaño, Xosé María Álvarez Cáccamo e Gonzalo Navaza foron os participantes nun acto emocionante que ademais coincidiu no día en que se coñecera a nova da morte de Anxo Rei Ballesteros. […]» (Vieiros)

A AELG solicita que Pontedeume homenaxee publicamente o escritor Ramiro Fonte

Ante a triste noticia do pasamento do escritor Ramiro Fonte Crespo, a Asociación de Escritores en Lingua Galega ven de solicitar do Concello de Pontedeume que se lle poña o nome do insigne Poeta a algún dos seus edificios públicos relacionados co mundo da Cultura, de modo que sirva como tributo á súa memoria por parte da vila que o viu nacer.

VI Encontro de escritores ourensáns, dedicado a Manuel Curros Enríquez

A Sección de Literatura do Liceo de Ourense, co patrocinio da Consellería de Cultura e Deporte da Xunta de Galicia, convoca o VI Encontro de Escritores Ourensáns nunha xornada dedicada ao Centenario de Manuel Curros Enríquez, para o vindeiro venres, 17 de outubro a partir das oito e cuarto da tarde no Liceo de Ourense. Programa. (Liceo de Ourense)

Comunicado da AELG no pasamento de Ramiro Fonte

A Asociación de Escritores en Lingua Galega lamenta profundamente a grande perda do escritor e amigo Ramiro Fonte Crespo, vulto indiscutíbel da literatura galega actual cuxa obra pasará sen dúbida a ser considerada un fito histórico da cultura contemporánea.
A AELG desexa tamén manifestar a súa vontade de promover unha homenaxe nacional ao escritor de Pontedeume, coa intención de recoñecer publicamente os seus incalculábeis valores humano e literario. En breve informaremos de lugar e data.
(Consello directivo da AELG)