María Canosa fala da súa primeira novela xuvenil, ‘Dipnoi’

Entrevista de Pilar G. Rego a María Canosa no Zig-zag da Televisión de Galicia:
Dipnoi é unha historia sobre o que se cala, o medo á tenrura e ao diferente; sobre o valor de ser un mesmo e das palabras que nos salvan. O libro explora a comunicación dos rapaces a través dos teléfonos e das redes sociais e como isto modifica as relacións. A entrevista pode verse aquí.”

Antía Yáñez, escritora: “O que está pasando si que parece o preludio do Gran Cataclismo”

Entrevista de Chus Gómez Dorrego a Antía Yáñez en Diario de Pontevedra:
“(…) – Diario de Pontevedra (DP): Be Water II: Terra (Cuarto de inverno, 2025) publicouse seis anos despois da primeira parte. A que se debeu?
– Antía Yáñez (AY): Estiven a outros proxectos, non me deu a vida. Gustaríame telo sacado antes, pero… Encima en 2023 fun nai. Era difícil. (…)
– DP: Esta é unha distopía na que hai moito de feminismo e ecoloxismo… O mundo cambiou moito dese 2019, cando saíu a primeira parte, ata a actualidade. Isto nótase ao ler a novela ou notouno á hora de escribila?
– AY: Cando eu falo do colapso mundial do planeta, cando insinúo por que o mundo se foi á merda, moitas veces atopábame pensando isto con Trump pode pasar pasado mañá ou dentro dunhas décadas, este señor pode inicialo. Entón si que vin que na primeira parte tiven que fabular un pouco máis e tiven que imaxinar máis do que agora para a segunda parte. Incluso parece que as democracias occidentais están en crise porque a extrema dereita está gañando moito espazo e todo iso parece o preludio do cataclismo. Tamén hai empresas que teñen moito máis poder que moitos países. Estiven revisando Senlleiras (Galaxia), que o escribín en 2017 e cambiou o mundo tantísimo desde aquela! Eu alucinei. Por exemplo, non había Tiktok. As influencers con moitos seguidores igual tiñan un millón, pero non era esta barbaridade de agora. E as redes sociais estaban, pero non como agora, que parecemos un pouco zombis. Nese aspecto si vin que cambiara moito e niso me basei… Hai unha parte do libro no que falo de megacorporacións, empresas que teñen máis poder que países enteiros. Se es unha empresa máis rica que moitos países, quen manda en ti? Ou mandas ti no país? Foi pensando niso, que 2018 e 2019 non era tan esaxerado como agora, que están todos rendíndolle pleitesía a Trump. E aquí en Europa queremos poñerlles límites ás grandes tecnolóxicas, pero ninguén se atreve. E rematarán por gobernarnos.
– DP: Así que pasamos dunha distopía a case un relato contemporáneo.
– AY: Un pouco si. E tamén está esa volta non ao analóxico, pero si a repetir a historia. Agora supostamente volve poñerse de moda non conectarse tanto ás redes e reivindicar a vida de antes, a desconexión tecnolóxica, pero as redes tamén teñen as súas cousas boas, na súa xusta medida. Iso tamén se reflicte no libro, no sentido de que moita xente di que o tempo pasado foi mellor, pero nalgunhas cousas realmente non. Tamén no libro hai esa crítica a unha sociedade que dicía que os nosos antepasados estaban en contacto directo coa natureza. Facían cousas ben e cousas mal, como en todos lados. (…)”

María Canosa: “Con este libro quero mostrar que hai moitos usos nas redes, non todos malos nin bos”

Entrevista de Sergio Casal a María Canosa en Nós Diario:
“(…) – Nós Diario (ND): Que lle interesaba explorar en Dipnoi sobre todo o que non se di na adolescencia?
– María Canosa (MC): O libro é unha pequena análise da sociedade máis nova. Como están tan afeitas e afeitos a comunicarse a través dos teléfonos e das redes sociais, cunha pantalla de por medio, que despois lles resulta complicado mirarse en fite e dicir as cousas. Por outra banda, tamén fala sobre como se están modificando as relacións: o difícil que parece comunicar aos nosos o que sentimos mentres en internet soltamos o primeiro que se nos pasa pola cabeza sobre nós. Isto pasa tamén grazas a esa sorte de coiraza que ofrecen as redes sociais. De todos os xeitos, hai que ensinar tanto os pros como os contras deste tipo de comunicación, porque tamén hai cousas boas na rede.
– ND: Esa rede aparece como un espazo de verdade emocional fronte á vida presencial: é un refuxio ou un xeito de enmascarar identidades e emocións?
– MC: Pola mesma coiraza que un se pode poñer na rede, como un pseudónimo que ninguén ten por que coñecer, si que somos capaces de dicir todo aquilo que tememos dicir na realidade. Pensamos que é un lugar ao mellor máis diverso. Dun xeito ou doutro, xente que ten certos medos, debilidades ou preocupacións é quen de poñelas aí porque é un universo no que non temos cara. É certo que así parece máis sinxelo poder amosar a nosa identidade, pero porque non a ensinamos ao completo. É un pouco unha confrontación, que tamén podería ser un primeiro paso para atopar apoios. (…)”