Ovella descarreirada, de Marilar Aleixandre

DesdeMarilar Aleixandre Brétemas, de Manuel Bragado:
“Presentouse o xoves 11 de decembro na Libraría Couceiro de Compostela Ovella descarreirada, o libro de poemas de Marilar Aleixandre ilustrado por Óscar Villán. Foi Berta Dávila, escritora e crítica de literatura infantil, quen se ocupou de facer a lectura dun libro que comezou definindo como «de fronteira. como todos os libros bos, para nenos e mozos, concibido para descarreirar ovellas para todas as edades». «Un libro que constitúe ademais un acontecemento a celebrar polo seu deseño seductor e polo traballo fantástico de ilustración de Óscar Villán.» «Un libro que presenta animais e temáticas complexas. Unha cosmovisión de suxeitos que descarreiran, reivindicando o que se desexa ser ou se escolle, un exercicio de rebeldía liberadora.» «Un libro que foxe do didactismo moralizan, sen que isto supoña que estea baleiro de ideas e dunha visión ética do mundo». Continuou Berta sinalando que «Ovella descarreirada é un catálogo de animais e plantas que non é inocente, a faneca, a balea, o polbo, a ovella, as abellas, mais tamén a camelia, o tiberio, a flor de toxo, como a recuperación de microtopónimos.» «Recupéranse tamén as formas da poesía popular, como a regueifa, a repetición, os versos encadenados, como os recursos da poesía actual, con rima e sen ella, como a tradición do punk e o rock.» Despois reflexionou Berta Dávila sobre a poesía infantil de autor que considerou como «un elo fundamental entre a literatura popular e a poesía contemporánea.» «O poético é o territorio do posible, un obxectivo de vivencia.« «A poesía non deber ser comprensión, senón experiencia de lectura.» Rematou contundente: «o que presta neste libro é que soa máis a rock cá música de Brahms. É boa literatura.»
Pola súa banda, Marilar Aleixandre, antes de recitar varios poemas e agradecer a Óscar Villán o seu traballo de ilustración, confesou que «estes poemas naceron dun impulso de reescribir cousas que nos contaron, refráns ou poemas que amamos ou a nosa propia vida, xa que ben sabemos que todos os poetas menten.» «Neste libro apropieime de historias de infancia que non son miñas, aínda que naceu dunha canción que me encargou Leilía, “Corazón de sal”.» «Pretendín reescribir o poema da forma máis literal posible, en pezas como “Apañar a primavera” ou gardar os topónimos e microtóponimos.» «Reescribir é escribir o que non está escrito.»”

Daniel Landesa: “Criaturas quere reunir, dar un lugar á experiencia que hai neste país arredor da literatura infantil e xuvenil”

EntrevistaCriaturas de Marcos Pérez Pena a Daniel Landesa en Praza:
“(…) – Praza (P): Semella, simplemente á vista dos problemas que tivestes na vosa web, que hai fame por unha revista como esta. Como valorades o recibimento que tivestes?
– Daniel Landesa (DL): Non sabemos se fame, o certo é que cremos que Criaturas responde a un baleiro que nós notabamos. Non queremos erixirnos en nada, hai portais que realizan un labor impresionante en canto a divulgación da nosa literatura dende hai bastante tempo. Malia todo, non atopabamos ningunha publicación que se dedicase en exclusiva ao ámbito da literatura infantil e xuvenil. Escollemos o formato web para Criaturas e polo de agora esa vai ser a canle na que debemos crecer. É certo que nós fomos quen primeiro se sorprendeu ao ver a acollida da páxina, tan boa que nos fixo caer da rede en tan só dous días e medio (polo de agora está felizmente solucionado). Esta resposta de visitantes a nosa chamada de presentación do número cero encheunos de felicidade, para que negalo, mais debemos ir con pés de la. Presentámola no Culturgal, que é un lugar idóneo para que un proxecto pequeno pero ambicioso coma este teña a máxima difusión. Somos conscientes de que, por desgraza, non hai unha feira destas condicións todos os meses. Se vale unha analoxía, lanzamos un foguete ao aire e veu todo o mundo á festa, agora temos que conseguir que volvan e ademais a gocen. (…)
– P: A quen se dirixe Criaturas?
– DL: Non é unha revista infantil. Contámolo porque xa houbo quen nos preguntou. Mais tampouco é unha revista académica. Trátase dunha publicación de divulgación. Cremos que pode ser unha ferramenta de moita utilidade para persoas que traballan con actividades de promoción da lectura, profesorado, persoal de bibliotecas, nais e pais interesadas en achegarlles novas lecturas ás pequenas e aos pequenos. Nacemos, ou quixemos nacer, como proxecto aberto coa intención ser un lugar onde non só dar visibilidade a autoras e autores, senón tamén todo o bo traballo que se está a facer no mundo da edición, da tradución, da ilustración, etc. (…)
– P: Podemos dicir que a LIX en Galicia goza de boa saúde?
– DL: A saúde actual de calquera cousa que teña que ver coa cultura, e coa nosa cultura en particular, ten que partir dunha análise moi intensa. Quizais dende as editoras poderían dar mellor resposta ca nós a esta cuestión. Podemos falar de sensacións; a literatura infantil xuvenil do noso país ten unha enorme calidade, ten consumidoras e consumidores. Ademais hai diferentes iniciativas ao longo do país que fan da lectura un valor engadido, dicímolo pensando no labor enorme que se fai dende moitas bibliotecas e centros de ensino. Falar de boa saúde danos certo respecto, quizais deberíamos dicir que temos síntomas de saúde, pero con diagnóstico reservado. (…)”

Lugo: Somos os libros que soñamos, Xornadas de Conmemoración dos 25 anos de Gálix

GALIX SOMOS OS LIBROS QUE SOÑAMOS 1GALIX SOMOS OS LIBROS QUE SOÑAMOS 2

Compostela: presentación de Ovella descarreirada, de Marilar Aleixandre

OMarilar Aleixandre xoves 11 de decembro, ás 20:00 horas, na Libraría Couceiro (Praza de Cervantes, 6) de Santiago de Compostela, preséntase Ovella descarreirada, de Marilar Aleixandre, publicado en Xerais. No acto, xunto á autora, participan Berta Dávila e Manuel Bragado.

Pontevedra: Presentación do número cero da revista dixital de Literatura Infantil e Xuvenil Criaturas

OCriaturas sábado 6 de decembro, ás 13:30 h., no Pazo da Cultura de Pontevedra, dentro das actividades do Culturgal, terá lugar a presentación ao público do número cero de Criaturas, a nova revista dixital galega especializada en Literatura Infantil e Xuvenil.
No acto estarán Xabier P. DoCampo, Montse Pena Presas, Ledicia Costas, Daniel Landesa e Laura Sáez. Será un pracer contar con todas e todos vós e poder celebrar o nacemento desta criatura.