Manuel Rivas entra na Real Academia Galega

O escritor e xornalista coruñés Manuel Rivas (A Coruña, 1957) foi nomeado onte membro electo da Real Academia Galega e ocupará a vacante que deixou o falecemento, en novembro de 2008, do académico numerario Camilo González Suárez-Llanos, máis coñecido na literatura galega como Camilo Gonsar. [Ler noticia completa]

Bernardino Graña ingresa na Real Academia Galega

O escritor Bernardino Graña foi elixido onte académico numerario na reunión de onte dos membros da Real Academia Galega na que se acordou ademais dedicar o Día das Letras 2010 ao poeta do Courel Uxío Nonoveyra. Nacido en Cangas do Morrazo en 1932, Bernardino Graña é recoñecido sobre todo como poeta, aínda que tamén é autor de pezas teatrais e dunha importante obra narrativa no ámbito da literatura infantil.

A Coruña: II Encontros Cidade da Coruña

Hoxe comezan os II Encontros, a se desenvolveren na Sede da Real Academia Galega (Rúa Tabernas, 11), ás 20.00, baixo o lema “Mulleres na Literatura”. Comezarán esta tarde coa presenza da escritora María Reimóndez, e continuarán con Elena Poniatowska (8 de maio), Marilar Aleixandre (15 de maio) e Teresa Moure (22 de maio). Co patrocinio e colaboración da Concellaría de Cultura do Concello da Coruña.

Roberto Varela, novo Conselleiro de Cultura e Turismo

O presidente da Xunta, Alberto Núñez Feijóo, asinou hoxe o decreto de estrutura da Xunta, o cesamento dos anteriores conselleiros e o nomeamento dos novos membros do goberno. Da Consellería de Cultura e Turismo farase cargo o diplomático Roberto Varela, que dende 2004 desempeñaba a función de Cónsul en Nova York encargado de asuntos culturais. Neste enderezo poden ver unha entrevista con Roberto Varela feita en decembro de 2007 por Isaac Cordal, Roi Fernández e Berio Molina para o documental Balor, a little Galician accent but good.

Margarita Ledo ingresa na Real Academia Galega

O sábado 7 de febreiro terá lugar o acto de ingreso de Margarita Ledo Andión na Real Academia Galega. Será ás 12:00 no Paraninfo da Universidade de Santiago de Compostela, na Facultade de Xeografía e Historia. A escritora lerá o discurso Do bucle e da fenda. Para un ensaio crítico sobre a cultura galega, e a súa intervención será respondida pola académica Rosario Álvarez Blanco. Margarita Ledo será a quinta muller académica da RAG, despois de Olga Gallego, Luz Pozo, Xohana Torres e a citada Rosario Álvarez Blanco.

Compostela: acto de ingreso de Margarita Ledo na Real Academia Galega

O sábado 7 de febreiro, ás 12:00 no Paraninfo de Xeografía e Historia de Compostela (Praza da Universidade), terá lugar o ingreso oficial de Margarita Ledo na RAG.O discurso leva por título “Do bucle e da fenda. Para un ensaio crítico sobre a cultura galega”. A resposta será responsabilidade de Rosario Alvarez Blanco. O acto é público.

Feira Internacional do libro da Habana

«[…] Na delegación galega, amais de tres persoas para facerse cargo do stand, irán para participar en presentacións de libros, conferencias e obradoiros, tanto na propia Feira coma na Cátedra de Galego ou no Instituto de Literatura e Lingüística, os escritores Anxos Sumai e Paco Martín, o ilustrador Xosé Tomás, Xabier Cid, escritor e coordinador da publicación “Letras de Galicia”, e o músico Ramom Pinheiro, músico e autor do estudo “As viagens dos grupos de musica tradicional a América antes de 1936”, entre outras investigacións sobre a pegada da música galega en América.» (A Nosa Terra)