Hoxe mércores 11 de febreiro ás 20.00 h na Biblioteca Ánxel Casal de Santiago celebrarase un acto de presentación do acordo entre a Editorial Galaxia e Google, un importante proxecto cultural que pon os fondos completos de Galaxia ao servizo da comunidade global. No acto participarán Luis Collado, responsable de Google Búsqueda de Libros en España, Víctor F. Freixanes, director xeral de Galaxia, o crítico literario Arturo Casas, e o coordinador de novos proxectos da editorial, Francisco Castro.
Arquivo da categoría: Internet
Riofero, novo libro de Xelís de Toro
Nos próximos días chegará ás librerías galegas o novo libro de Xelís de Toro, Riofero, editado por Xerais. O escritor compostelán vén de abrir unha páxina web na que podemos escoitar algúns fragmentos da novela e cancións vencelladas ao texto e descargar o primeiro capítulo en PDF. Xelís de Toro creou tamén un blog onde “poder publicar, falar e discutir de temas que agromen a partir dos temas do libro, ou mesmo o tema da literatura e que non se encontren noutros lugares”. Neste vídeo colgado en YouTube Xelís de Toro fala do seu libro e das razóns polas que se decidiu a crear o seu propio espazo na rede:
Inaugurada a «Expo Cadáver» en Ponferrada
A exposición sobre o “cadáver exquisito” promovido na rede por Igor Lugris foi inaugurada o sábado 31 na galería Dosmilvacas.arte de Ponferrada, adubada con música e recitado de poemas. Numerosos visitantes asistiron ao acto que foi recollido por varios medios de comunicación. Máis información no blogue do poeta Ovnis e isoglossas.
Igor Lugrís lanza na rede un “cadáver exquisito” no que participaron 75 persoas
«A arañeira está chea de “cadáveres” poéticos. A idea do cadáver exquisito -un texto con vontade literaria, escrito por diferentes persoas, que van achegando novas partes para ese escrito- tomou forma na rede da man do escritor galego Igor Lugrís. A partir do verso Há umha certa luz incomprensível na distáncia, que o poeta -nado en Melide e residente no Bierzo- lanzou a través da arañeira a finais de febreiro deste ano, xa recibiu até 60 “cadáveres” nos que participaron máis de 75 persoas». (Galicia Hoxe)
Véxase tamén o blogue de Igor Lugris Ovnis e isoglossas.