Os manuscritos de Rosalía presentados pola RAG botan luz sobre o posíbel libro Postrimerías

Desde Sermos Galiza:
“O secretario da Real Academia Galega, Henrique Monteagudo máis a profesora e investigadora María Xesús Lama foron os encargados de facer públicos os manuscritos da autora de Cantares Gallegos, uns documentos que o presidente Xesús Alonso Montero, cualificou de “valiosísimos”.
Da man de Henrique Monteagudo coñeceuse un poema manuscrito inédito en galego, que pertencería á súa primeira etapa poética. O poema foi achado no proceso de preparación dun álbum rosaliano con pezas escritas da súa man co que a institución buscaba participar na conmemoración do 150 anos de Cantares Gallegos. Segundo o secretario da RAG, o manuscrito fora depositado no Arquivo Municipal da Coruña polas fillas de Rosalía. “Este texto é probablemente un esbozo en dezaseis versos dun poema máis extenso, que polo seu feitío recorda aos publicados en Cantares Gallegos“, indicou Monteagudo que situou a escrita na década de 1870.
En canto aos textos manuscritos en castelán, proceden do propio Arquivo da Real Academia Galega e foron maiormente publicados no libro En las orillas del Sar. Arredor deles, a investigadora María Xesús Lama destacou que o último dos manuscritos é o que deita nova información sobre a historia literaria de Rosalía xa que, segundo sinalou, deixa á vista a intención da autora de publicar un novo libro de poesía en castelán que respondería ao título de Postrimerías. “Sen embargo, nese título de Postrimerías, delatábase a conciencia da autora de que sería o derradeiro”, explicou.
“Son unha contribución moi valiosa, un ramo excepcional ao ano do sesquicentenario da publicación de Cantares, que supuxo unha verdadeira treboada rosaliana, cunha multitude de actos ao longo de todo o país que amosa que o proxecto de Rosalía para Galicia segue vixente”, afirmou Anxo Angueira, presidente da Fundación Rosalía de Castro, que tamén participou na presentación.
A RAG disponibiliza na súa páxina un documento no que se recollen os ínéditos manuscritos e os textos explicativos de Henrique Monteagudo e María Xesús Lama.”

Un galano de Reis: a Divina Comedia de Cunqueiro

Desde o blogue de Armando Requeixo, Criticalia:
“Para celebrar os Reis, velaquí un agasallo literario: a exhumación dunha dedicatoria autógrafa de Álvaro Cunqueiro nun seu exemplar da Commedia de Dante Alighieri ou, como é popularmente máis coñecida, Divina Comedia.
O documento, que pode ampliarse clicando na ilustración, foime cedido xenerosamente polo coleccionista mindoniense Cidre Fernández, quen deu con el hai un tempo, namentres recuperaba algúns legados de época.
A dedicatoria de Cunqueiro, en fidel transcrición, di:
Ista “Diviña Comedia” é da nuda propiedade do Alvaro Cunqueiro Mora estudante, que vive na Galiza d’Hespaña no ano de Xpi. de 1929, lêndo aquelo que decia Virxilio, que “todos precisamos pra vivir do achego dos Deuses”. (…)”