Manuscrito dun aforismo (inédito) de Celso Emilio Ferreiro

Desde Caderno da crítica, de Ramón Nicolás:
“Hai aínda moitos espazos nos que esculcar no universo literario, cultural e político de Celso Emilio Ferreiro. Un deles é aquel que fai referencia ao xénero dos aforismos, que tan ben representa na nosa tradición Rafael Dieste por falar dun caso máis coñecido. O autor de Celanova, ata onde sei cando menos nos seus derradeiros anos, acompañábase dun caderno de tapas negras onde deseñaba ou perfilaba moitas ideas, entre elas algúns aforismos. Neste Día do Libro 2015 e por cortesía da Fundación Celso Emilio Ferreiro comparto aquí un deles escrito da súa propia man.”

sin-tc3adtulo2

Manuscritos: Florencio Delgado Gurriarán

Desde o blogue de Ramón Nicolás, Caderno da crítica:
“Florencio Delgado Gurriarán foi en varias ocasións candidato a protagonizar o Día das Letras Galegas hai poucos anos e a proposta non tivo sorte. Descoñezo se se retomará esta iniciativa e se na RAG se considerará a súa figura e obra no futuro como merecente de recoñecemento. Ao respecto Ricardo Gurriarán publicou Florencio Delgado Gurriarán. Vida e obra dun poeta valdeorrés, republicano e galeguista, nas Ediciós do Castro (1999), un libro aínda fundamental para coñecer a biografía deste autor. Hoxe, por xentileza da Fundación Penzol rescato aquí unha carta depositada no Arquivo Fernández del Riego, datada en 1959, centrada na revista Vieiros, en Manuel Fabeiro, arredor proxectos literarios do autor e sobre a morte de Ramón Cabanillas, entre outros asuntos. Debaixo da reprodución desta carta incorporo a súa transcrición.”

delgado-gurriaran

Un investigador descobre unha obra de teatro inédita de Cunqueiro

ArtigoÁlvaro Cunqueiro de Carme Vidal en Sermos Galiza:
“A letra inconfundíbel de Álvaro Cunqueiro é o indicador máis claro da autoría da obra de teatro titulada Alalá das Curuxeiras que o investigador Isidro Fernández ten no seu poder despois de adquirir a un particular o arquivo procedente da Falange de Mondoñedo. Trátase dun documento manuscrito en seis páxinas nas que se recolle unha obra teatral de carácter popular que podía ter sido escrita para a conmemoración dos Maios que nos anos trinta se estaban a recuperar na localidade.
“Está escrita polo puño e letra de Cunqueiro e iso é indubidábel. Aparece antecedida por unha páxina na que constan os personaxes e a música como anotación da propia obra que ía ser, segundo se sinala alí mesmo, interpretada no atrio da Igrexa dos Remedios”, sinala Isidro Fernández do documento que obra no seu poder.
Unha infantiña que está bebendo auga na fonte, un romeiro que vai ofrecido, a moza que perdeu a cita do pelo, o vello que sabe historias, o mozo que atopou a cinta e a vella moi vella son os personaxes cos que o autor constrúe unha historia que posíbelmente o autor creara para actores infantís.
“Calculo que a obra puido ser escrita entre 1930 e 1935 e o feito de estar no arquivo da Falange pode indicar que o escritor estaba baixo sospeita, que a súa casa fora revisada e moitos documentos requisados aínda que logo se “adaptara” ás circunstancias”, explica Isidro Fernández, dun feito que, de se probar, evidenciaría que no inicio do réxime o escritor, militante do PG, non era persoa de fiar para o franquismo.
“Trátase dunha obra de carácter popular na que a música que indica para a súa representación eran os romances A Francia partió la niña, O Conde Olinos, un alalá e unha muiñeira, e está escrita toda a man e en galego, lingua que Cunqueiro utilizaba xa nos anos trinta”, relata o investigador para quen a obra de Cunqueiro aínda non está pechada. “En Mondoñedo escribía en moitos lugares e continuamente aparecen novos documentos da súa autoría nos máis diversos arquivos persoais e oficiais”, valora este investigador que conta cun importante arquivo persoal con materiais autógrafos que van desde Iglesia Alvariño a López Ferreiro pasando por Álvarez Villamil ou Pardo Bazán con especial dedicación á historia do século XIX e ao movemento carlista, de singular relevancia no seu Mondoñedo onde quere que, no futuro, continúe o importante arquivo que vén atesourando nos últimos anos.”

Ars dedicandi: Fermín Bouza-Brey

DesdeFermín Bouza Brey o blogue de Armando Requeixo, Criticalia:
“Fermín Bouza-Brey naceu o 31 de marzo de 1901 en Ponteareas. Alí residía a familia de súa nai e alí pasou curto tempo ata que, sendo aínda neniño, marchou a Vilagarcía de Arousa, de onde era a familia paterna e onde pasou o resto da infancia e primeira mocidade.
Logo de cursar o bacharelato en Pontevedra e Ourense, chegou a Compostela, onde estudou Filosofía e Letras (sección Historia) e logo Dereito. Foi nese tempo cando comezou a actividade literaria e galeguista pública, que non abandonou nunca.
E tamén foi nesa época cando, xunto a outros amigos, asistiu aos faladoiros do Derby e o Español e coñeceu, entre outros, un mozo delgado e de longo nariz que viña dende Mondoñedo e facía versos: Álvaro Cunqueiro. Naceu alí unha amizade que continuou sempre e que aínda os houbo xunguir en común andaina nas xornadas da Real Academia Galega, á que ambos pertenceron.
Bouza-Brey tivo unha evidente querenza pola Galicia do Sur. Aos nosos irmáns lusos foinos coñecer con intensidade e cordialidade xa en 1931, ano no que recibiu unha bolsa do Centro de Estudios Históricos de Madrid para viaxar ata Portugal e ampliar coñecementos nos eidos da Prehistoria e a Arqueoloxía. A partir dese momento, estableceu con aquela terra unha fraterna admiración que o levou, en 1955, a publicar, en ortografía portuguesa, Seitura, poemario que apareceu na Coleccão 4 Ventos da Livraria Cruz de Braga cunha cuberta de Roby Amorim.
Fica aquí testemuña dun grande do neotrobadorismo a outro señor da nova poesía cancioneiril nesta dedicatoria estampada no que foi o volume testamentario do poeta e etnógrafo.”

ars_dedicandi_fermin_bouza_brey

Ars dedicandi: Ricardo Carvalho Calero

DesdeRicardo Carvalho Calero o blogue de Armando Requeixo, Criticalia:
“Hai exactamente un cuarto de século que nos deixou don Ricardo. Así, dicindo tan só o nome co tratamento de cortesía, sabemos todos a quen nos referimos.
Porque a don Ricardo é moito o que se lle debe. E aproveito hoxe para volver dicir, con todas as letras, algo que teño comentado mil e unha veces: só polo seu labor como estudoso e historiador da nosa literatura merecería unha grande homenaxe nacional. (…)
A dedicatoria que reproduzo evidencia a súa capacidade para a detección dos novos talentos literarios ata o último alento. Tamén a amizade que o uniu a Claudio Rodríguez Fer, quen tanto se ten ocupado da súa obra, que chegou a editar.
Neste día no que o recordamos, sexa este pequeno lembradoiro unha homenaxe máis no mar delas que todos debemos promover.”

ars_dedicandi_carballo_calero

Manuscritos: Ricardo Carvalho Calero

DesdeRicardo Carvalho Calero o blogue de Ramón Nicolás, Caderno da crítica:
“Hai datas que, sen saber na realidade a razón, quedan gravadas na mente. Este foi o meu caso co pasamento de Carvalho Calero acontecido un día coma hoxe hai vinte e cinco anos e a quen lembraba como unha figura familiar na antiga Facultade de Filoloxía da Praza de Mazarelos a finais dos anos oitenta.
Para lembrar este cabodano, e por cortesía da Fundación Penzol, tiradas concretamente dun dossier existente nos fondos da Biblioteca-Museo Francisco Fernández del Riego, exhúmanse catro páxinas dunha recensión centrada conxuntamente na tradución dos Carmina (1950) de Horacio, a cargo de Aquilino Iglesia Alvariño, e a tradución do Cancioeiro da poesía céltiga (1951), de Julius Pokorny, que realizaron Ramón Piñeiro e Celestino Fernández de la Vega. O texto de Carvalho levaba por título “Celtas e románs cantan en galego” e viu a luz, cando menos, no número 466 (ano 1952) das páxinas de Galicia. Revista del Centro Gallego de Buenos Aires. Velaquí o modesto recoñecemento do Caderno da crítica ao polígrafo ferrolán.”

carvalho-calero1carvalho-calero2carvalho-calero3carvalho-calero4

Ars dedicandi: Victoriano Taibo

Desde o blogue de Armando Requeixo, Criticalia:
“O 13 de marzo de 1966 morría en Palencia, 37, no vigués barrio de Lavadores, o compostelán Victoriano Taibo, unha das voces máis destacadas da chamada Xeración das Irmandades, autor de poemarios como Abrente ou Da vella roseira e narrador en volumes como Da agra aberta. Mestre de profesión, foi tamén un entusiasta defensor da causa da lingua, sobre a que escribiu non poucos artigos, e pertenceu ao SEG e mais a RAG.
Hai poucos anos tiven a sorte de poder recuperar a súa obra inédita nun libro que se chamou Abicedo. Cabrinfollas. Souben, ao ir afondando alí no seu labor, que foi Taibo un ser entregue que sempre tivo a Galicia, o seu idioma e a súa cultura como norte. Del son estes versos, tantas veces citados:
O galego que non fala
na lingua da súa Terra,
nin sabe o que ten de seu
nin é merecente dela.

Pois ben, esa cuarteta adorna a lapela de Abrente que, como reza o colofón, foi impreso “na Editorial de «El Eco de Santiago», da cibdá de Compostela, o 1º de Janeiro do ano 1922”. Entre os próceres da capital galega que recibiron con maior ledicia a nova da súa aparición atopábase José Portal Fradejas, avogado, periodista e orador que chegou a ser deputado provincial, ademais de cruz vermella do Mérito Militar, terciario franciscano e destacada figura do foro galego. A el vai dedicado, admirativamente, o exemplar de Abrente que se recupera neste Ars dedicandi, onde pode apreciarse a orixinal cuberta que dispuxo para o mesmo Álvaro Cebreiro, o pintor coruñés que tan bo amigo foi do poeta da Algalia de Arriba.”

ars_dedicandi_taibo

Manuscrito: Xosé Manuel Cabada Vázquez

Desde o blogue de Ramón Nicolás, Caderno da crítica:
“A figura de Xosé Manuel Cabada Vázquez (1901-1936), malia ser un autor un tanto esquecido na historiografía literaria galega, conta desde hai anos cun importante ensaio sobre o seu percorrido biográfico e literario a cargo de Manuel Cabada Castro titulado Paixón poética e militancia galeguista. Estudio biográfico sobre Xosé Manuel Cabada Vázquez (1901-1936) (Sada – A Coruña, Ed. do Castro, 2001) e mais unha Obra Completa. Poemas e outros escritos (A Estrada, Fundación Cultural da Estrada, 2001), igualmente a cargo do devandito investigador.
O manuscrito que abaixo se presenta corresponde a unha carta que o autor lle enviou a Ramón Otero Pedrayo acompañando un volume do seu único libro publicado en vida titulado Vagalumes, editado en 1931. Nela, logo de recoñecer a Otero como “mestre da prosa galega”, solicítalle que o “acolla con agarimo”  e mais que “teña a ben adicarlle unhas liñas”. Nunha postdata interesante inquírelle por un artigo que Otero dedicou a Amor Ruibal tras a norte deste acontecida en 1930 -un personaxe de referencia para o poeta estradense- pois, como afirma, “teño ansiedade por vel-o”.
A miña gratitude, de novo, á Fundación Penzol pola cortesía e a autorización para reproducir esta carta.”

cabana-vazquez

Ars dedicandi: Ramón Otero Pedrayo

DesdeRamón Otero Pedrayo o blogue de Armando Requeixo, Criticalia:
“O 5 de marzo de 1888 nacía en Ourense, no segundo andar do edificio que hoxe leva o número 25 da rúa da Paz, Ramón Otero Pedrayo, o Patriarca por antonomasia e unha das figuras claves da Historia da Literatura Galega do pasado século. (…)
Recupero aquí unha súa dedicatoria a Antonio Couceiro Freijomil, autor amigo, da súa mesma quinta, compañeiro de angueiras no SEG e, aínda que eumés, vencellado á súa Auria natal, pois no tempo no que foi escrita atopábase naquela cidade exercendo como Inspector de Ensino, cargo moi cobizado e respectado, o que explica a deferencia coa que o señor de Trasalba o trata, sendo como era el mesmo daquela catedrático do instituto da súa cidade.
De por parte, a dedicatoria figura nunha obra fundamental dentro da bibliografía oteriana, nada menos que o volume primeiro da triloxía Os camiños da vida, que apareceu en 1928 na mítica Editorial Nós de Ánxel Casal, entón aínda radicada na cidade da Coruña. Con Os señores da Terra Otero principiaba a saga dos Doncos e os Puga, que había de explicar, xa por sempre, o convulso e cambiante tempo que trouxo consigo o ascenso da burguesía e a caída da vella fidalguía galega.”

ars_dedicandi_otero_ocv