Desde
Sermos Galiza:
“O III Convívio da Cultura Galega decorrido este sábado (8 de xullo) en Outeiro de Rei estivo máis focado á romaría que en pasadas edicións. Representantes do tecido asociativo e cultural do país encontráronse por terceira vez acarón da Casa das Hortas, sede da Fundación Manuel María, e na Carballeira de Santa Isabel para partillar unha xornada de econtro e convivio no que a festa e a música foron eixos centrais.
Segundo recoñece Alberte Ansede, un dos organizadores e secretario da Fundación Manuel María, a participación foi nesta ocasión maior tendo inicialmente reservadas por volta de 560 prazas para o xantar. Máis de medio milleiro de persoas procedentes de todos os puntos do país.
O bon tempo deuse a man cun encadre paisaxístico excepcional como a Carballeira de Santa Isabel (Outeiro de Rei) na que trasncorreron boa parte das actividades musicais da xornada. A máis “emocionante” en verbas do propio Ansede foi a interpretación por parte da Escola de música de Rianxo e o Coro do CEIP Ana Mª Diéguez da parroquia rianxeira de Asados, formado por alumnado de Primaria, de oito pezas musicais inspiradas noutros tantos poemas do libro de Manuel María Os soños na gaiola.
“Subiron ao escenario por volta dun cento de persoas, foi espectacular”, asegura. A interpretación foi amplamente valorada polo público que se ergueu das cadeiras en diversas ocasións como recoñecemento, aliás, do “tremendo traballo” de preparación “durante todo o ano”.
De cara ao vindeiro ano, Alberte Ansede, asegura que tentarán superarse a si propios embora “non é fácil” mais coidan que “a propia creatividade cultural” de base que se extende polo país poida ir dándolles pistas para a IV edición.”
Arquivo da categoría: Música
Outeiro de Rei: 3º Convívio da Cultura Galega
Vigo: actos destacados na Feira do Libro para o domingo 10
O
domingo 10 de xullo finaliza a Feira do Libro de Vigo (na Porta do Sol, con horario de 11:00 a 14:00 horas e de 17:30 a 22:00 h.), organizada pola Federación de Librarías de Galicia, cos seguintes actos literarios destacados para estes dous días:
Domingo 10
– 18:30 h. Actividade musical infantil de Servando Barreiro arredor do libro A música das árbores, publicado por Xerais.
– 19:45 h. Presentación de Voaxa e Carmín, de Esther F. Carrodeguas, publicada por Difusora. Participa, xunto á autora, Roberto Pascual. Haberá unha represenación teatral de fragmentos da obra, a cargo de Mercedes Pimentel e Raquel Lodeiros.
– 20:30 h. Actuación de Cándido Pazó, co seu espectáculo Trangallada en homenaxe a Xosé Neira Vilas.
A Coruña: presentación de Soño e vértice, de Eva Veiga
Vigo: actos destacados na Feira do Libro para o martes 5
O
martes 5 de xullo continúa a Feira do Libro de Vigo (na Porta do Sol, con horario de 11:00 a 14:00 horas e de 17:30 a 22:00 h.), organizada pola Federación de Librarías de Galicia, cos seguintes actos literarios destacados para este día:
– 18:30 h. Luís Davila asina exemplares de O Bichero, na caseta da Libraría Librouro.
– 19:00 h. Presentación do álbum-disco Oviravai, publicado por Galaxia. Intervirán Verónica Santalices, Federico Welicki e Francisco Castro.
– 19:45 h. Presentación do libro Camilo Nogueira. Pensar Galicia. Pensar o mundo, publicado por Galaxia. Intervirán tamén Fernando Randulfe, Ana Gandón e Víctor F. Freixanes.
– 20:00 h. Ledicia Costas asinará exemplares das súas obras na caseta da secretaría da feira.
– 20:30 h.: Presentación de Galería de saldos, de Diego Giráldez, publicado por Xerais. Participan, xunto ao autor, Deborah Vukusic e Fran Alonso.
A Coruña: Atmosferas, recital poético en diálogo coa música de Aida Saco Beiroa
O
venres 1 de xullo, ás 21:00 horas, en Maquinaria Pesada (Linares Rivas, 45, locais 24-25), na Coruña, terá lugar Atmosferas, un recital poético en diálogo coa música en directo de Aida Saco Beiroa. Participan: Sonia Andrade, Pedro Casteleiro, François Davo, María José Fernández, Alfredo Ferreiro, Xosé Iglesias, Antom Laia, Tati Mancebo, Luís Mazás, Teresa Ramiro, Paco Souto e Ramiro Torres.
Compostela: presentación de A oseira, de Antón Blanco
O
venres 1 de xullo, ás 20:00 horas, na Libraría Chan da Pólvora (Rúa San Pedro, 74), de Santiago de Compostela, preséntase A oseira, primeiro libro de Antón Blanco (Carril, Vilagarcía de Arousa, 1996). No acto intervirán, xunto ao autor, Antón Lopo e Gonzalo Hermo. Pechará a sesión o pianista e poeta Afonso Traficante, compañeiro de Antón Blanco no proxecto musical Canine.
Ribadeo: actos destacados na Feira do Libro para o venres 1
O
venres 1 comeza a III Feira do Libro de Ribadeo (no Parque de San Francisco), organizada polo Concello de Ribadeo, cos seguintes actos literarios destacados para este día:
– 18:00 h. Presentación de Lendo lendas, digo versos e Galicia encantada, con Antonio Reigosa, publicados por Xerais.
– 18:45 h. Conversa con Pedro Feijóo arredor de Morena, perigosa e románica, publicada por Xerais.
– 19:30 h. Faladoiro con Ledicia Costas: Escarlatina, a cociñeira defunta e Esmeraldina, a pequena defunta, publicados por Xerais.
– 19:30 h. Sesión de sinatura de oso, mamá si?, con María Lado.
– 20:00 h. Inauguración da Feira do Libro. Intervencións: Farruco Graña, Concelleiro de Cultura. Pregón inaugural a cargo de Antonio Reigosa.
– 20:30 h. Presentación de Eliseo Pulpeiro. As letras galegas entre dúas ribeiras (Ribadeo e Río da Prata), con Pablo Vivín e Ramón Villares, publicado polo Consello da Cultura Galega.
– 21:15 h. Sempre en Ibiza. Aldaolado.
Convocado o I Premio Celso Emilio Ferreiro de poemas musicados
“A
Fundación Celso Emilio Ferreiro (FUNCEF) entende que a expresión musical cumpre unha función clave no fomento e difusión da expresión poética en xeral e, nomeadamente, na divulgación do legado poético, de Celso Emilio Ferreiro cuxa obra foi reiteradamente musicada, nunha múltiple variedade de estilos, ao longo dos últimos cincuenta anos.
Por iso, convoca con carácter bianual o Premio Celso Emilio Ferreiro de poemas musicados, co obxectivo de premiar a mellor canción con música orixinal e textos dun poema de Celso Emilio Ferreiro.
A presente convocatoria estará regulada de acordo coas seguintes bases:
Primeira. Poderán concorrer ao certame todos os compositores e compositoras que o desexen, de forma individual ou agrupada, amateurs ou profesionais, sen ningún tipo de limitación pola súa procedencia ou formación. Só poderá ser presentada unha obra por autor, autora ou colectivo.
Segunda. As composicións consistirán en obras músico-vocais, nas que a letra sexa a totalidade ou parte dun poema de Celso Emilio Ferreiro e a música sexa unha creación orixinal do autor, autora ou colectivo, admitíndose calquera estilo musical.
As composicións deberán ter sido publicadas ou postas á disposición do público, tanto por vías discográficas tradicionais coma en plataformas dixitais online, gratuítas ou de pago, entre o 30 de outubro do 2014 e o 30 de outubro do 2016. O xurado valorará especialmente a inexistencia doutras versións musicais sobre o poema escollido e a novidade na composición musical do mesmo de existiren outras musicacións anteriores.
Así mesmo o xurado terá en conta a súa formulación estética global e as potencialidades futuras de divulgación da composición.
As gravacións deberán estar libres de cargas económicas e o autor ou autora asegurará a orixinalidade da composición musical, debendo responder a título particular ante calquera demanda por motivos de plaxio.
Terceira. As letras dos temas musicais presentados terán que conter, como mínimo, oito versos dun poema. Con excepción dos poemas enteiros que conteñan menos dos versos requeridos, en ambos casos serán única e exclusivamente procedentes da obra poética de Celso Emilio Ferreiro. quedando excluídas automaticamente as cancións con outro tipo de textos poéticos ou non poéticos de diferente autoría.
Serán admitidos igualmente os temas musicais orixinais sincronizados con imaxes e presentados en formato vídeo.
Serán admitidos poemas de Celso Emilio Ferreiro traducidos e editados oficialmente noutras linguas.
Cuarta. Calquera composición ou poema que non reúna as condicións dos apartados anteriores poderá ser excluída do Certame.
Quinta. Establécese un único premio de 3.000 euros para a persoa gañadora do Certame, correndo por parte do gañador ou gañadora a liquidación dos impostos pertinentes. Quen resulte gañador non poderá presentarse novamente en solitario ou colectivamente ao certame por un período de dúas edicións.
Sexta. Para participar no Certame é preciso enviar a interpretación da peza musical en formato .mp3 en calidade alta, .wav, .aiff ou de tratarse de vídeos en formatos .mpeg, .avi ou .mp4.
Para o envío habilitarase un formulario na web da Fundación desde o que se deberán cubrir os seguintes datos: pseudónimo do autor, autora ou grupo, o nome do grupo ou artista que o interpreta, o nome do tema musical e o título do poema de Celso Emilio Ferreiro, así como o teléfono e o e-mail de contacto, e tamén o médio ou plataforma onde foi publicada, xunto coa data de publicación.
A dirección URL para consultar as bases do concurso e acceder ao formulario de rexistro é a seguinte.
Con respecto ás obras non galardonadas a FUNCEF garantirá o anonimato da autoría e a non difusión das obras presentadas. Tan só se publicitará o nome do autor ou autora, dos intérpretes e da obra gañadora.
Sétima. O prazo de recepción das obras finalizará o día 30 de outubro do 2016. O anuncio do veredicto do xurado darase a coñecer o día 20 de novembro de 2016 a través da páxina web www.celsoemilioferreiro.org. E o acto de entrega do premio será no transcurso da Feira Culturgal a celebrar en Pontevedra en decembro de 2016.
Oitava. Un xurado nomeado pola Fundación Celso Emilio Ferreiro, integrado por personalidades do mundo musical e poético, e encabezado pola súa Presidenta, outorgará o premio establecido na base quinta do Certame. Se na consideración do xurado non se acadase a calidade musical e estética desexada, o premio podería ser declarado deserto. A súa decisión será inapelable e terá a facultade de resolver calquera problema de interpretación das bases ou non previsto nestas.
Novena. A FUNCEF resérvase o dereito á libre disposición e uso non venal por calquera medio e sen limitación temporal da obra premiada.
O autor ou autora da composición gañadora, pola aceptación destas bases, comprométese a ceder expresamente á FUNCEF os dereitos non exclusivos de reprodución, distribución e comunicación pública tanto da obra como da fixación da obra incorporada ao arquivo dixital enviado á FUNCEF para participar no concurso. A cesión establécese polo límite máximo que recolle a vixente lexislación sobre propiedade intelectual.
O autor ou autora da composición gañadora comprométese expresamente, pola aceptación destas bases, á cesión de dereitos á FUNCEF recollida nesta cláusula é plenamente remunerada por medio da cantidade expresada como premio, sen que haxa posibilidade de reclamar cantidade económica ningunha á FUNCEF por este concepto.
A FUNCEF non realizará uso algún a título lucrativo dos dereitos adquiridos en virtude da aceptación destas bases.
A cesión realízase con carácter non exclusivo, polo que o autor ou autora non terá impedimento algún para negociar ulteriores cesións a terceiros, a título gratuíto ou oneroso, e nos termos que libremente decida pactar, sempre que permanezan salvagardados os dereitos adquiridos por FUNCEF en virtude da aceptación destas bases.
Décima. O feito de participar no Certame implica o coñecemento e a aceptación das bases e o resultado emitido polo xurado non poderá ser apelado nin recorrido.
Undécima. O xurado para a presente edición estará composto por:
Raquel Ferreiro Llatas. En calidade de Presidenta e representando á FUNCEF
Ramón Nicolás Rodríguez. En calidade de Secretario e representando á FUNCEF
Manuel Bragado Rodriguez. Editor e representando á FUNCEF
Lorena López Cobas. Musicóloga
Juan Durán. Compositor
Cristina Pato. Música
Salvador García. Director de producción e emisións de Radio Vigo G.C. e responsable do proxecto MAKETON de Los40 Vigo”


