Betanzos: acto de homenaxe a Rosalía polo seu 175 aniversario

A sexta feira, 23 de marzo, ás 20:30 horas, na Aula de Cultura do Edificio do Arquivo (Liceo) de Betanzos, terá lugar un novo acto de homenaxe a Rosalía polo 175 aniversario do seu nacemento. O acto, coorganizado pola plataforma Queremos Galego das Mariñas e as asociacións culturais Eira Vella e Roxín Roxal, contará coa colaboración do CEIP Francisco Vales Villamarín da Cidade dos Cabaleiros, e consistirá na lectura de textos e proxección dunha curtametraxe, contando co acompañamento da música do cantor Fucoxabier.

Vigo: recital poético-musical e presentación de Se lo dije a la noche

O venres 23 de marzo, ás 19:30 horas, na Casa Galega da Cultura (Praza da Princesa, 2) de Vigo, preséntase o libro Se lo dije a la noche, de Juan Carlos García Hoyuelos, traducido a todas as linguas peninsulares. No acto, organizado pola revista Canle36, haberá un recital poético e musical coa participación, xunto ao autor, de Antonio García Teijeiro, Manuel Joaquín Barreiro Rigau e Lucía Novas Garrido, como poetas, Pablo Núñez González, novelista, Susana Fumis (rapsoda), e o gaiteiro Raúl Galego.

Gondomar: concerto de Xardín Desordenado, sobre textos poéticos de autores galegos

O venres 23 de marzo, ás 20:30 horas, no Auditorio Lois Tobío de Gondomar, terá lugar o concerto de presentación do último disco de Xardín Desordenado, onde se recollen dezaseis poemas musicados con textos de Xosé María Álvarez Blázquez, Xosé María Álvarez Cáccamo, Darío Xohán Cabana, Eduardo Estévez, Miguel Anxo Fernán-Vello, Ramiro Fonte, Serxio Iglesias, Manuel María, Kiko Neves, Uxío Novoneyra, Manuel Pereira Valcárcel, Anxo Quintela, Manuel Rivas, Daniel Salgado e Rafa Villar.

A Coruña: recital poético-musical e presentación de Se lo dije a la noche

O xoves 22 de marzo, ás 20:30 horas, no Taller de Litografía Milpedras (Rúa Brasil, 3, baixo) da Coruña, terá lugar a presentación do libro Se lo dije a la noche, de Juan Carlos García Hoyuelos, traducido a todas as linguas peninsulares. No acto haberá un recital poético e musical coa participación, xunto ao autor, de François Davo, Estíbaliz Espinosa, Begoña Paz, Óscar de Souto e Ramiro Vidal Alvarinho, como poetas, Susana Fumis (rapsoda), e Miko Basic, Raúl Galego e Gemma Sanz (músicos).

Ourense: recital poético do PEN Clube polo Día Mundial da Poesía

O mércores 21 de marzo, ás 19:00 horas, no Centro Cultural da Deputación de Ourense, terá lugar a tradicional celebración do Día Mundial da Poesía que organiza o Pen Clube de Galicia. No acto intervirán o Conselleiro de Cultura e Educación, Jesús Vázquez Abad, o Presidente da Deputación de Ourense, José Manuel Baltar, o presidente da Real Academia Galega, Xosé Luís Méndez Ferrín e Luís González Tosar, o presidente do Centro PEN Galicia. O acto contará coa lectura de poemas de Alba Cid e Celia Parra coa actuación musical de Miriam Figueiras e Marco Foxo.

Arteixo: II edición de Mistura, no Día Internacional da Poesía

O mércores 21 de marzo, ás 20:30 horas, no Auditorio do Centro Cívico de Arteixo, terá lugar a II edición de Mistura, no Día Internacional da Poesía. No acto, presentado por Óscar de Souto, participan os poetas Marco Madeira, Manolo Pombo, Carmen Corral, Begoña Picón, Lucía Vilches e Antón Borrazás, o grupo teatral Azahar, o concerto poético Versus, con Antón Borrazás e Miguel Queipo acompañados pola música de Pablo Seijas, a pintura de Javier de la Rosa e a Escola de Danza Cinderella.

Ourense: recital poético de Celsa Barja

O mércores 21 de marzo, ás 18:00 horas, na Biblioteca Municipal A Ponte (Rúa Eulogio Gómez Franqueira) de Ourense, Celsa Barja dará un recital poético, ao que todos os asistentes, especialmente nenas e nenos, poderán aportar poemas visuais, uníndose deste xeito á celebración do Día Mundial da Poesía. O acto pecharase cunha pequena interpretación ao piano da propia autora.

Pontevedra: Salón do Libro Infantil e Xuvenil 2012, actos de contido literario do 21 ao 23 de marzo

Do domingo 4 ao sábado 31 de marzo, no Pazo de Cultura de Pontevedra, regresa o Salón do Libro Infantil e Xuvenil para achegarnos ao mundo da literatura. Este ano o Salón, que ten a Paco Martín como autor homenaxeado, indagará nas supersticións; de onde veñen estas crenzas, na importancia dos números nos contos, na boa e mala sorte e nas historias dos nosos maiores e como se trasladan á literatura infantil. Temos preparado un amplo programa de actividades no que toda a familia pode participar porque, no Salón, rapaces e maiores percorren xuntos e descobren o universo dos libros. O horario de apertura será de luns a venres de 9:30 a 13:30 h., e de 16:30 a 20:00 h., e os sábados de 10:00 a 13:30 horas. O programa completo pódese descargar aquí: programa_salon_libro_2012.

– O mércores 21 e o xoves 22 de marzo, ás 18:30 horas, no Auditorio do Pazo, María Lado e Lucía Aldao, xunto ao Seminario permanente e Jazz e a Editorial Oqo, organizan a representación de As manoplas de Carapuchiña, conto cantado. Está destinado a un público a partir de 4 anos, e as entradas custan 3 euros.
– O venres 23 de marzo, ás 19:00 horas, na Sala de exposicións, preséntanse os libros de Anxo Fariña Os Megatoxos e o aprendiz de druída e Os Megatoxos e a cara oculta de Lúa, publicados en Xerais. Xunto ao autor participa Manuel Bragado.