Letra das Festas. Anécdotas e sucedidos de Lugo, o mércores 10 de outubro

O mércores 10 de outubro, ás 19:00 horas, no Círculo de las Artes da cidade de Lugo, a Asociación de Escritoras e Escritores en Lingua Galega, coa colaboración da Concellaría de Cultura, Turismo e Promoción da Lingua do Concello de Lugo, organiza a segunda edición da Letra das Festas. Anécdotas e sucedidos de Lugo, “revista de literatura oral ao vivo” que sae sempre polo San Froilán. O acto está coordinado e presentado por Antonio Reigosa e Isidro Novo.

Participan contando: Antón Grande, Ana Carreira, Xosé Reigosa, Tareixa Campo, Xoán R. Cuba, Xulio Xiz, Xosé Miranda, Tonina Gay, Manuel Curiel, Marica Campo, Benjamín Santín, Darío Xohán Cabana, Marina Cillero, Fernando Arribas, Marga Portomeñe, Paco Nieto, Pilar García Negro e Paco Martín.

Encárganse dos interludios musicais: Abraham Cupeiro e María Ruíz.

Gondomar: presentación de Saibas cantos estas cartas viren… Álvaro Cunqueiro e Alberto Casal (1955-1961)

O venres 5 de outubro, ás 20:00 horas, na Aula de Cultura Ponte de Rosas (Avenida da Feira, 10) de Gondomar, preséntase o Caderno Ramón Piñeiro nº XXIII, baixo o título Saiban cantos estas cartas viren… Álvaro Cunqueiro e Alberto Casal (1955-1961), editado polo Centro Ramón Piñeiro, e coordinado por Luís Cochón. No acto, conducido por Rexina Vega, participan o propio Alberto Casal, César Cunqueiro, Luís Cochón, Luís Alonso Girgado e Valentín García Gómez. Pechará o acto o grupo musical Cordas Novas.

Santiago: Homenaxe a Roberto Vidal Bolaño. Un home do aquí, o 27 de outubro

Crónica posterior en Sermos Galiza.

Museo de Lugo: exposición Ela en plural

O mércores 3 de outubro, ás 20:00 horas, no Refectorio do Museo Provincial de Lugo (Praza da Soidade, s/n), inaugúrase a exposición Ela en plural, promovida polo Colectivo Argazo, e patrocinada pola Área de Cultura e Turismo, Rede Museística da Deputación de Lugo, e que permanecerá aberta até o sábado 3 de novembro, cos seguintes horarios: de luns a venres, de 9:00 a 21:00 horas; sábados: de 10:30 a 14:00 e de 16:30 a 20:00 horas; e domingos e festivos de 11:00 a 14:00 horas.
Os artistas que participan na mostra son:
– Pintura: Man, Arza Pardo Barbeito e Marta Paz.
– Fotografía: Carolina Miraz e Ernesto Gómez.
– Poesía: Concha Blanco Montecelos, Lino García Salgado, Verónica Martínez Delgado, Alberte Momán e Gabriela Rodríguez.
– Música: Richard Dowling e Carlos Santos.

Santiago: exposición O libro das pontes invisibles / The book of invisible bridges, de Xelís de Toro

“Trinta textos en galego de Xelís de Toro traducidos ao inglés. Catorce artistas que crearon obras nas súas respectivas especialidades a partir dos mesmos. Un programa de radio de dúas horas. Un libro bilingüe cun DVD que o recolle todo. A galería Metro achega a Compostela ata o vindeiro 3 de outubro o proxecto O libro das pontes invisibles / The book of invisible bridges, cunha selección das obras que naceron no marco desta iniciativa que pretende explorar os límites da creación poética e do libro como artefacto artístico. A mostra xa se puido ver entre o 14 de xullo e o 12 de agosto na galería Phoenix, de Brighton, e o libro está en distribución por Galicia da man de Edicións Positivas. Aínda que a maior parte dos creadores que participan na iniciativa son de orixe inglesa, O libro das pontes invisibles / The book of invisible bridges contou tamén coa participación de galegos como Narf, o grupo de teatro Chévere ou a fotógrafa Dolores Sánchez Calvo.” Desde Cultura Galega.

Cangas: homenaxe da Asociación de Tradutores Galegos a Henrique Harguindey

O sábado 29 de setembro, ás 20:00 horas, na Libraría-Café Rinoceronte (Avenida de Bueu, 15) de Cangas do Morrazo, a Asociación de Tradutores Galegos homenaxea a Henrique Harguindey, con motivo do Día Internacional da Tradución. Intervirán Francisco Pillado, Salvador Castro, Juan Carballo e Ramón Núñez.

Santiago: presentación de A máquina do tempo, libro-disco de Juan Carballo e Ramón Núñez

O venres 28 de setembro, ás 20:30 horas, na Librería Aenea (Rúa Irmáns Rei Alvite, 5) de Santiago de Compostela, preséntase o disco-libro A máquina do tempo, onde Juan Carballo e Ramón Núñez protagonizan unha viaxe íntima e persoal na que mesturan poemas musicados e cancións. Once composicións que contan coa colaboración de artistas como Alejandro Martínez, Guadi Galego, Guillerme Fernández, José A. Vilas, Maite Dono, Paco Cifuentes, Quim Farinha, Sito Suárez, xunto ás ilustracións e deseños de Nuria Díaz.

Vigo: presentación de Onde o mundo se chama Celso Emilio Ferreiro, de Ramón Nicolás

O venres 28 de setembro, ás 20:00 horas, en JT PhotoGallery (Rúa Abeleira Menéndez 13, baixo esquerda) de Vigo, preséntase o libro Onde o mundo se chama Celso Emilio Ferreiro, de Ramón Nicolás, publicado en Xerais. No acto, xunto ao autor, participan Manuel Bragado, Luís Ferreiro e Isabel Ferreiro. Ao final do mesmo terá lugar unha actuación musical de Labregos do tempo dos Sputniks.