Arquivo da categoría: Música
Casa da Matanza, Padrón: 128 aniversario da morte de Rosalía de Castro
A
Fundación Rosalía de Castro organiza o luns 15 de xullo, a partir das 20:00 horas, na Horta de Rosalía, na Matanza, Padrón, un acto en conmemoración do 128 aniversario da morte de Rosalía. O programa é o seguinte:
– Presentación da edición do I Premio de poesía escolar Rosalía de Castro, José Manuel Blanco Aldariz.
– Vixencia de Cantares gallegos, Pilar García Negro.
– Descuberta nun exemplar único da primeira edición, Xosé Luís Axeitos.
– Recitados: María Vilas, Marcela Porto e Fátima Barros (gañadoras do concurso escolar), así como Ana Blanco, Belén Rico Prieto, Olalla Cociña, Daniel Salgado e Luz Pozo.
– Música para Rosalía, Alba María Rodríguez.
– Pecha o acto o Presidente da Fundación Rosalía de Castro, Anxo Angueira.
– Himno Galego.
A SCD do Condado demanda apoio social para o Festival da Poesía
Desde
Sermos Galiza:
““Nom queremos renunciar às exposiçons, nim ao comboio de baixa velocidade, nim à música, nim à poesia, nim ao bar, nim a projectar as curtas do Festival de Cans, nim aos passa-ruas, nim à festa infantil” din desde a organización do máis antigo encontro poético do país para explicar que desta volta recorresen á plataforma verkami para acadar o seu financiamento.
Escollen a Desobediência como tema do Festival como un berro contra os recortes, contra os roubos que lle tiran ás persoas para sufragar os bancos, contra as decisións que abandonan a cultura de base para alimentar proxectos como a Cidade da Cultura.
A SCD do Condado chega neste 2013 ao seu corenta aniversario, entidade que, desde o 1981 leva organizando o Festival da Poesía, vinte e seis edicións dunha festa de poesía que é xa referencia pola súa longa historia. Desde sempre, o proxecto foi autofinanciado, botando man de cotas de socios, vendas ou algún pequeno subsidio, partidas que a crise mermou de maneira notábel, o que obriga agora a recorrer a que xente de fóra faga as súas aportacións para que o Festival continúe.
Para alén da música, o programa do Festival de Poesía inclúe actuacións de Mónica de Nut e Virxilio da Silva, O som da triga, Banda Hospitaleira do Minho, Sacha na Horta ou unha feira popular cultural e actividades infantís en dous días cheos de cultura. Persoas do mundo da cultura como Chus Pato, Brais González, Ramiro Ledo ou Samuel Solleiro apoian a través das redes o Festival de Poesía.
Piloño, Vila de Cruces: XI edición da Forxa Literaria-Encontros Culturais no Rural
Desde
La Voz de Galicia:
“A úndécima edición da Forxa Literaria-Encontros Culturais no Rural celébrase os 12 e 13 de xullo. Así o deron a coñecer os patronos de A Solaina, Damián Payo e Armindo Salgueiro, coa presidenta Carmen Lareo ao fronte quen remarcou que se oficializou o nome da fundación como Paco Lareo-A Solaina de Piloño.
A forxa tributará homenaxe ao escritor cruceño Xosé Neira Vilas e que comezará ás 18:00 horas do venres 12 cunha benvida da presidenta e autoridades para dar paso á inauguración de dúas exposicións; unha de Ángel Utrera que se abrirá ao público baixo o título de Invisibles como nós e as Rosas brancas entre dúas lúas, de Dolores Tranché. De seguido dará comezo unha mesa redonda na que intervirán o propio Neira Vilas xunto a Xesús Alonso Montero, Valentín García, Cándido Pazó, Xosé Luna, Rosario Golmar e Xosé Luís Reimóndez. A primeira xornada da forxa proseguirá co descubrimento dun bronce coa figura de Neira Vilas, autoría de Paco Lareo, que deixou feito en vida para esta homenaxe. Interpretaranse as Muiñeiras de Neira Vilas e de A Solaina, haberá poesía de Rosalía Morlán e Loli Veloso e concertos de Mini e Mero, Manoele de Felisa, Xosé María Varela xunto á actriz Tamara Lema e Alba Costa; para rematar cun ágape agasallo de Siro. O sábado 13, á mesma hora, abrirase a forxa cun recital músico poético con intervencións de Alba Payo, Andrea Porto, Carlos Negro, Celso Fernández Sanmartín, Cristina Gende, Iria Pedreira, Lucía Aldao e María Lado. O grupo de clarinetes de Lalín, os Hadhietxekos, porán as notas músicais a un día no que se lle fará entrega da medalla de Amigos de A Solaina a José Luis Ferreiro e Ana Fernández Carlín. Haberá un ágape para pechar os encontros.”
Taboleiro do libro galego (XIII), por Ramón Nicolás
Desde
o blogue de Ramón Nicolás, Caderno da crítica:
“Velaquí a nova entrega da listaxe de libros en lingua galega máis vendidos na última quincena, última ata o mes de setembro. Agradezo a xenerosa colaboración destas dezasete librarías galegas para compola: Casa do Libro de Vigo, Á lus do candil, Librouro, Andel, Couceiro, Pedreira, Cartabón, Aira das Letras, Trama, Torga, O Pontillón, Paz, Libros para Soñar, Sisargas, Lila de Lilith, Livraria Suévia e Carricanta.”
NARRATIVA
1º-. As vidas de Nito, de Xabier Paz, Edicións Xerais.
2º-. Faneca Brava, de Manuel Portas, Edicións Xerais.
3º-. Costa do Solpor, de Xosé María Lema Suárez, Edicións Xerais.
4º-. O anxo de Eva, de Marina Mayoral, Edicións Xerais.
5º-. Winnipeg, de Hixinio Puentes, Edicións Xerais, e Morgana en Esmelle, de Begoña Caamaño, Editorial Galaxia.
POESÍA
1º-. Raíz da fenda, de Berta Dávila, Edicións Xerais.
2º-. Un rato díxolle á lúa, de Antonio García Teijeiro, Edicións Xerais (edición de Fran Alonso).
3º-. Resina de poliéster, de Xabier Correa Corredoira, Baía Edicións.
4º-. Carne de Leviatán, de Chus Pato, Editorial Galaxia.
ENSAIO-TEATRO
1º-. A cociña dos Cunqueiro, de Elvira González-Seco Seoane, Editorial Galaxia.
2º-. Inmateriais, de Suso de Toro, Edicións Xerais.
3º-. Feminismos, de Olga Castro e María Reimóndez, Edicións Xerais.
4º-. As lambetadas de Larpeiros, de Merchi Rodal, Editorial Galaxia.
INFANTIL-XUVENIL
1º-. Flor de area, de Manuel Lourenzo González, Edicións Xerais.
2º-. O cullarapo Croque, de Miguel Ángel Alonso Diz e Luz Beloso, Nova Galicia Edicións-A porta verde do sétimo andar.
3º-. Soños de fútbol en Bangui, de Yves Pinguilly, Editorial Galaxia (tradución de María González).
ÁLBUM ILUSTRADO
1º-. Rosalía pequeniña, de Uxía Senlle, Editorial Galaxia.
2º-. A nena e o grilo nun barquiño, de Magín Blanco, Fol Música.
3º-. Bicos de música, de Mamá Cabra, Editorial Galaxia.
BANDA DESEÑADA
1º-. Marcopola 2, de Jacobo Fernández Serrano, Edicións Xerais.
2º-. Máis alá, Inacio / Iván Suárez, Demo Editorial.
3º-. Ardalén, de Miguelanxo Prado, El Patito Editorial.
Betanzos: presentación de Resina de poliéster, de Xabier Correa Corredoira
O
venres 5 de xullo, ás 20:00 horas, na Libraría Carricanta (Rúa Doutor José Fariña, 1) de Betanzos, preséntase Resina de poliéster, de Xabier Correa Corredoira, publicado en Baía Edicións. No acto, xunto ao autor, participan Yolanda Castaño e Sara Seoane, quen acompañará a voz do Corredoira ao piano.
Vigo: espectáculo de poesía e música con María Lado e Lucía Aldao
O
xoves 4 de xullo, ás 22:30 horas, no Pub El Ensanche (Travesía de Santiago, 1) de Vigo, terá lugar un novo recital conxunto de María Lado e Lucía Aldao, con poesía, música e a presenza dos músicos Mig Seoane e Suso Feixón. A entrada custa 4 euros.
Lugo: Cultura Express: 3 horas de cultura concentrada
Arteixo: lanzamento da Obra Seleta de Johán Vicente Viqueira
A
sexta-feira 28 de xuño, ás 20:30 horas, na Libraría Á lus do candil (Rúa Historiador Vedía, 3) de Arteixo, terá lugar o lanzamento da Obra Seleta de Johán Vicente Viqueira, publicada pola Academia Galega da Língua Portuguesa. No acto participan António Gil Hernández, César Morán, José António Lozano e Maria Castelo.
Ordes: Festa da República Galega
Desde o blogue da Festa da República Galega:
“Os versos voarám livres e libertadores polo ar, envolvendo o espaço da antiga estaçom da Pontraga. Versos em diversidade de estilo, geraçom e voz, que falarám do anseio de liberdade deste povo. Versos com o fogo revolucionário de todas as luitas de todos os tempos, versos com as luzes da inteligência e a beleza da virtude.
Versos justiceiros, criativos, que sabem a mar, que sabem a terra, que conhecem o canto do cuco a nos anunciar a renovadora primavera, que dançárom com o reclamo do golfinho franqueador das ondas.
Versos que venhem do Milhadoiro, ou que venhem de Vigo, ou da ria de Ferrol; da Costa da Morte ou do Morraço. Versos que franqueiam portas, que tecem redes, que formam em batalhom a disparar salvas pola liberdade. Rivadulla Corcón, Xosé Iglesias, Eduardo Estévez, Rosa Enríquez, Silvia Penas, Elvira Riveiro, Alba Méndez, Concha Rousia… sonoridades e tonalidades conformantes de umha mágica fraga de palavras (a fraga, a república essencial, a do retorno, revolucionária por ideal e rotundamente matricial).
Construímos entre as vozes todas, esse manto chamado poesia, voz do povo, melodia coral. O maior poema é o que escrevemos no ato heróico de sermos povo aínda. Eco dessa batalha pola vida é cada verso que conceve a voz poética.
Na Festa da República Galega, um mostrário de movimentos, coletivos, iniciativas com a poesia como centro do seu agir, a travês do tempo e no nosso país (A Porta Verde do Sétimo Andar, Redes Escarlata, Batallón Literario da Costa da Morte…)”

