Alborada para Rosalía de Castro

Desde a Asociación de Gaiteiros Galegos:
“Prezad@s amig@s:
Este ano cúmprese o 150 aniversario da publicación de Cantares Gallegos por Rosalía de Castro. Dende a Fundación Rosalía, a Real Academia Galega e a Universidade de Vigo estanse a organizar distintos actos para conmemorar os cento cincuenta anos desta obra única. Logo de que a Real Academia Galega se puxese en contacto coa Asociación de Gaiteiros Galegos para a organización dunha destas actividades, a AGG decidiu unirse a estas entidades para promover a Alborada para Rosalía, un acto no que se homenaxeará a Rosalía de Castro, unha das meirandes escritoras en lingua galega.
Na vindeira mañá do domingo 24 de febreiro, aniversario do nacemento da escritora, animamos a que todos os grupos de música tradicional e gaiteir@s que o desexen, saian ás rúas, camiños, prazas, lugares simbólicos…, para botar unha peza na honra da poeta, podendo espallar unha octavilla cun manifesto, que explica o motivo e razón da iniciativa.
Para poder amosar a todos os grupos participantes, e ver así o que ocorre nos distintos lugares de Galicia, os grupos e/ou persoas que participen gravarán a interpretación dunha peza (a elexir por cada grupo) e subirán o video a unha canle de Youtube na mesma mañá do domingo (A gravación podería ser co teléfono, ou con cámara de video, ou incluso se non se pode facer gravación se poderían enviar fotografías – as instrucións para subir o video poderanse consultar na web da Fundación Rosalía de Castro).
A partir deste material, iriamos dando conta do recibido, de xeito que dende o mesmo día poidamos ver o que ocorreu en todo o pais. Animámosvos a participar e a difundir esta actividade para conseguir que non quede ningún recuncho de terra sen o son das nosas gaitas en honor á Rosalía. Agradecemos a tod@s os participantes que nos indiquedes a través do correo secretaria@gaiteirosgalegos.com ou dos tlfs. 982229966 / 986847074 o lugar e a hora na que ides a interpretar a peza.
Que todos saiban que hoxe a gaita galega non chora, que canta…“

Lugo: exposición Ben-Cho-Shey. 50 anos de maxisterio cultural (1918-1968)

O xoves 14 de febreiro, ás 20:00 horas, na Sala de Exposicións do Museo Provincial de Lugo (Praza da Soidade, s/n), inaugúrase a exposición Ben-Cho-Shey. 50 anos de maxisterio cultural (1918-1968), promovida pola Área de Cultura e Turismo da Deputación de Lugo, que estará aberta ao público até o luns 20 de maio, con entrada gratuíta e horario de luns a venres de 09:00 a 21:00 horas; sábados de 10:30 a 14:00 h. e de 16:30 a 20:00 h.; e domingos e festivos de 11:00 a 14:00 h.
No acto intervirán Antonio Veiga, Mario Outeiro, Xoán R. Cuba, comisario da exposición. Haberá tamén unha lectura dramatizada do Diario de Lugo de Ben-Cho-Shey, a cargo de Paloma Lugilde e Tareixa Campo, e a actuación musical de Mini e Mero.
A mostra estrutúrase en 4 apartados:
1. Fotobiografía: un percorrido cronolóxico pola vida de Ben-Cho-Shey con máis dun cento de fotografías e ilustracións.
2. Andar e aguzar. Os traballos e os días de Ben-Cho-Shey: As distintas vertentes do seu labor como polígrafo, cunha ampla información gráfica, bibliográfica e documental (o escritor, o xornalista, o etnógrafo, o arqueólogo, o político…).
3. O Partido Galeguista en Lugo 1931-1936. A constitución do Partido Galeguista en Lugo e o seu avance e consolidación na etapa en que Ben-Cho-Shey preside o Grupo local. Documentos inéditos: O Diario de Lugo de 1936, correspondencia co Comité Executivo do Partido, con militantes de distintas localidades, carta de Ben-Sho-Shey a Castelao dende Lugo, propaganda política orixinal da época e varios documentos gardados, nun arquivo clandestino, polo secretario do Grupo local de Chantada, Leonardo Fernández Souto.
4. Sociedade e cultura en Lugo 1918-1968. Unha cronoloxía da vida social e cultural de Lugo, nos 50 anos claves da traxectoria vital e intelectual de Ben-Cho-Shey, acoutada por dous anos simbólicos: o 1918, no que se celebra en Lugo a Asemblea Nacionalista, auspiciada polas Irmandades das Fala, e o 1968, ano de efervescencia política e cultural, no que Ben-Cho-Shey declara no TOP (Tribunal de Orde Pública) a favor de tres mozos lucenses detidos en Madrid a finais do ano anterior, pola campaña Libertade pra Galicia.

Vigo: presentación de Carnia Haikai, de Elvira Riveiro

O sábado 9 de febreiro, ás 20:30 horas, no Centro Social Bou Eva (Rúa Terzo de Fóra, 11) de Vigo, preséntase Carnia Haikai, de Elvira Riveiro, publicado pola A. C. Caldeirón. No acto, xunto á autora, participan Silvia Penas, Héitor Picallo e a DJ alemá Carina Posse, no que será un acto que combine a reflexión sobre os textos, o discurso arredor da xénese das ilustracións que acompañan os poemas, o recitado, a música e o vídeo.

Lugo: presentación de O mistério da escada interior, de Adela Figueroa

O xoves 31 de xaneiro, ás 20:00 horas, na Galería Sargadelos de Lugo (Praza de San Domingo, 4), preséntase o libro O mistério da escada interior, de Adela Figueroa, publicado por Edicións do Castro. No acto, xunto á autora, participa Tareixa Campo, e estará acompañado pola música dos Frebudos.

Oiartzun, Euskadi: homenaxe a Kontxa Murguía

O Exmo. Concello de Oiartzun e o Fato Cultural Galego Daniel Castelao, de Pasaia, organizan unha Homenaxe a Kontxa Murgia Egaña, co seguinte programa:
– Venres, sexta feira, 22 de febreiro, 19:00 horas, no Salón de Plenos do Concello de Oiartzun, recital poético musicado, en éuscaro e galego: Poesía alén da fronteira, coas voces de Arantza Lete, J. A. Irigaray e Xosé Estévez, e a música de Arkaitz Miner (violín e guitarra) e Jexux Aranburu (acordeón).
– Sábado, 23 de febreiro, ás 12:00 horas, na praza de San Estevo e Sá de Falencias da Casa de Cultura da mesma poboación, ofrenda floral e homenaxe a Kontxa Murgia Egaña, coas intervencións de Asier Legorburu e Xosé Estévez. Haberá música a cargo do conxunto de Txistularis de Oiartzun e o grupo de gaiteiros “Novas Fontes”.

A Coruña: presentación de Esplendor arcano, de Ramiro Torres

O venres 25 de xaneiro, ás 20:30 horas, en Portas Ártabras (Rúa Sinagoga, 22) da Coruña, preséntase Esplendor arcano, de Ramiro Torres. O acto consistirá nun acto do Grupo Surrealista Galego, onde haberá un recital colectivo de poesía, aberto á participación do público presente, acompañados pola música de Karlos Barral e Alberto Laso.