Arquivo da categoría: Narrativa
Non penses nun elefante rosa. Antía Yañez
Desde Radiofusión:
“Antía Yañez pon a protagonista da novela, Aurora, contra o espello. Brais é un rapaz de dez anos, da moito xogo, porque non ten as imposicións sociais que temos as persoas adultas. Son veciños do mesmo edificio. O rapaz pensa que ela é unha persoa interesante. A ela non lle gustan os nenos. Faille preguntas moi indiscretas e impertinentes. Cun extraordinario sentido do humor e abordando a fondo o tema da saúde mental, Antía Yañez relátanos a historia dunha millennial autoesixente e perfeccionista que vive a súa vida coma unha voráxine que non é quen de controlar. A escritora participou nun episodio do podcast “Clube de leitura” de Radio Fene Radiofusión. Falaron con ela Rafael Catoira, Antonio Tizón e Henrique Sanfiz. A entrevista pode escoitarse aquí.”
Xosé Ramón Pena: “O escritor non debe depender demasiado do público lector”
Entrevista de Manuel Xestoso a Xosé Ramón Pena en Nós Diario:
“(…) Catro relatos, catro historias que se desenvolven entre o final do franquismo e o inicio da democracia abondan para mostrar perfís dunha sociedade que non por ser antigos, deixan de ter efectos na nosa actualidade. Os catro contos recollidos en En tempo de desconto, de Xosé Ramón Pena, retratan un mundo que, apelando a outro título do autor, poderiamos alcumar de paraíso triste.
“En realidade, as historias son moi diferentes”, explica Pena en conversa con Nós Diario, “mais á hora de buscarlle un título ao volume decateime de que todas falaban de personaxes que estaban nun momento en que as súas vidas podían decantarse cara a un lado ou cara a outro. E vendo un partido de fútbol atopei esa expresión ‘en tempo de desconto’, que indica eses momentos álxidos que poden separar o fracaso da gloria. E dalgunha maneira, aos personaxes destes contos sucédelles xustamente iso”.
Os contos de En tempo de desconto logran manter a intensidade do relato ao tempo que desenvolven a trama e os personaxes case á maneira da novela curta. Unha síntese que, porén, Pena afirma ter atopado dunha forma moi natural.
“Escribo sempre cun guión previo, non son deses escritores que din que se poñen fronte ao papel en branco e van desenvolvendo unha idea. Teño que saber onde vou e contar cun esqueleto que me diga cales son os pasos principais que teño que ir cubrindo. Mais a medida que vou escribindo, as personaxes van medrando por elas mesmas, van aparecendo outras, unhas adquiren maior dimensión que outras… Entón a lonxitude do relato vai dándoa o propio proceso de escrita”.
Os relatos teñen tamén unhas estruturas diferentes, desde un clasicismo bastante ortodoxo até un fragmentarismo case “posmoderno” que lle dá variedade ao libro sen que perda ese sentido de unidade que se pode albiscar tras as catro historias. “O punto de vista, para min, é básico. Antes de poñerme a escribir teño que saber que mirada vai ser a que guíe a historia, quen conta o sucedido. E iso, por suposto, determina o estilo. Forma parte fundamental dese guión previo do que parto”.
Os catro relatos están unidos tamén por unha querenza por unha cultura popular que non sempre aparece na novela galega: os concursos de canción lixeira, a tauromaquia, a televisión… Son elementos que aparecen de forma discreta mais que debuxan un ambiente no que se percibe claramente a sombra da ditadura.
“Non creo que a miña biografía teña interese, nin que sexa necesario coñecela para entender o libro. Mais supoño que iso débese a que eu son fillo de ferroviario de Betanzos, dun obreiro industrial que formaba parte do proletariado concienciado, vinculado á esquerda. E ese era un grupo social que na Galiza da miña infancia non era moi amplo. Cando aínda era un neno, a miña familia trasladouse á Coruña, a un barrio -daquela de nova creación- de cuxo crecemento fun testemuña. Eran barrios habitados por persoas que procedían do rural ou de contornas semiurbanas que foron atopando traballos na construción ou na pouca industria que había, e que foron prosperando ao tempo que eses barrios ían modernizándose. E esa cultura popular da que falas era, en realidade, a cultura de barrio, a que absorbiamos naquel ambiente. Logo, naturalmente, funa substituíndo pola cultura académica que recibín na universidade, pero ese pouso queda aí, coñézoo ben. E claro, de aí xorde esa síntese”.
Na universidade, os fillos de obreiros eran minoría, case todos os compañeiros de Pena procedían do rural. Por iso as historias que se contan aquí forman parte, dunha educación sentimental pouco habitual entre os escritores da súa xeración.
“Unha cousa que lle pasou sempre a literatura galega é o que Saramago dicía da portuguesa: que os escritores, como os militares, sempre levaban a patria sobre as costas. Dalgunha forma, a literatura galega adquire ese compromiso simbólico e redentor de construír unha cultura normalizada, e entón séntese na necesidade de chegar ao público como sexa. Búscanse entón temáticas que poidan interesar ao público lector. Mais o problema é quen é ese público: é evidente que unha gran parte é infantil e xuvenil. E daquela xorde a obsesión por formar un público lector, de enganchar á mocidade á literatura escrita en galego. Iso condiciona a temática e por esa razón xorde tanta literatura detectivesca ou de intervención, a que trata de educar na diversidade, por exemplo. Iso está moi ben, pero deixa de man outras realidades -e outras fantasías- que tamén forman parte da nosa sociedade”. (…)”
Pontecesures: presentación de Cara ao Norte, de Xesús Abalo
Manuel Iglesias Turnes: “Dóeme ver terra fértil, de alto valor agrícola, abandonada”
Entrevista de Patricia Blanco a Manuel Iglesias Turnes en La Voz de Galicia:
“(…) – La Voz de Galicia (LVG): Como van estes Os soños de Miguel?
– Manuel Iglesias Turnes (MIT): Ata que o libro non ten o visto bo dos lectores, eu teño dúbidas, un certo pudor, e con este igual me pasou máis. Vai ben, a editorial sacou unha edición ampla e xa saíu a maioría nestes catro meses. Non contaba con todo isto. Que escribas algo e acabe publicado en Xerais, das editoriais galegas máis potentes… De As rapazas de Xan van sete edicións, é moito máis do que podería agardar.
– LVG: Por que se lanzou a escribir?
– MIT: Veño do mundo da gandeiría, sempre traballei con gandeiros, primeiro dende unha asociación de criadores de frisoa [Afriga] e logo con actividade comercial tamén ligada ao sector [para a mellora xenética da variedade Holstein]. Non teño nada que ver coa escrita, non son filólogo nin xornalista, pero a perda dun ser querido levoume a un estado emocional descoñecido. Deume por escribir, case de forma compulsiva, e todo o demais veu dado. De repente vinme cunha historia montada, cuns personaxes que para min tiñan vida, que se movían, falaban… Fun o primeiro sorprendido. Publicar con 62 anos, por vez primeira, unha trama ata certo punto complexa, con moitas familias interactuando…
– LVG: E todo o que escribe pasa nunha aldea, a súa, onde naceu. Cabanas, na Baña.
– MIT: Iso si que o tiven claro. Lese por aí que retratas a túa aldea, retratas o mundo. O escenario nunca se esgota. Coñezo os espazos nos que viven os personaxes, é o meu método de escritura. (…)
– LVG: Cara onde ve ir o rural?
– MIT: A miña percepción agora é dende fóra, son un xubilado, pero creo que son tempos incertos. Galicia está entre as oito zonas de Europa máis importantes de produción láctea, pero é onde menos cobramos o leite. Semella que van moitos anos maltratados, mesmo que sobramos.
– LVG: Coa guerra fálase de produción propia, soberanía alimentaria…
– MIT: Fálase, pero é que se puxo tanto empeño en botar a xente do rural… Habilitáronse plans de abandono a cambio de pequenas pensións. Dóeme a alma ver terra fértil, en entornos coma Ponteceso, cun valor agrícola altísimo, abandonada. Mentres, corremos ao súper coa carteira na man para comprar unha leituga ou unha mazá que vén de non sei onde, a miles de quilómetros, co que iso supón xa de impacto para o medio. Non sei se aprenderemos algo, pero é tempo de reflexión. (…)”
Carballo: actividades do 7 de xullo na Praza dos Libros 2022
Vigo: actividades do 7 de xullo da Feira do Libro 2022
Entrevista a Suso de Toro en Radio Ateneo
Entrevista a Suso de Toro en Radio Ateneo:
“Suso de Toro é un escritor compostelán, licenciado en Arte Moderna e Contemporánea. A raíz da súa última novela, Un señor elegante, na que narra unha historia de franquismo e idea de familia co cirurxían Ramón Baltar como protegonista, abriuse unha exposición en Santiago, chamada Deber de Baltar: Medicina e Compromiso, que amplia toda a novela de Suso de Toro. A entrevista pode escoitarse aquí.”