Antía Yáñez, escritora: “Non sabemos como tratar e tratarnos canto a doenzas mentais”

Entrevista a Antía Yáñez na Televisión de Galicia:
“Na psicoloxía hai un efecto chamado o do elefante rosa. Trátase do control dos pensamentos. A sensación de que os pensamentos nos traizoan. Cada persoa pode vivilo de maneira diferente e, máis ou menos, obsesivamente. Se non queres pensar nun elefante rosa, inmediatamente o noso pensamento faise rebelde e aparece nel un elefante rosa…
Neste libro hai obsesións, pensamentos rebeldes e intención de controlalos. Non penses nun elefante rosa é a novela de Antía Yáñez que se acaba de publicar en Xerais.
A entrevista pode verse aquí.”

Paseos pola Coruña Literaria Primavera 2022

Os Paseos pola Coruña Literaria Primavera 2022 son unha iniciativa da AELG desenvolvida coa colaboración e patrocinio do Servizo de Normalización Lingüística do Concello da Coruña, que permiten coñecermos unha cidade diferente da man de diferentes autoras e autores.

– Todos os paseos comezan ás 12:00 h., cunha duración aproximada de hora e media.
–  As inscricións faranse exclusivamente a través do correo electrónico inscricionslingua@coruna.gal desde o luns anterior a cada un dos paseos, ata que se esgoten as prazas. A duración é de aproximadamente unha hora e media. O lugar de saída para comezar o paseo comunicarase no correo de confirmación da inscrición.

Os paseos son os seguintes:

30 de abril, ás 12.00 h. “O ritmo das mareas”, con Teresa Ramiro. Máis información aquí.
A historia do porto pesqueiro das Xubias, o marisqueo na ría… Visualizaremos in situ os lugares máis significativos e explicarannos o pasado e presente de Oza.

14 de maio, ás 12.00 h. “A Coruña, capital da banda deseñada galega”, con Manel Cráneo.
Reimundo Patiño, as Xornadas de cómic que se realizaban no Fórum Metropolitano a primeiros dos 90, o festival “Viñetas desde o Atlántico”, as librarías especializadas, Polaqia, Demo Editorial e a plataforma Coruña Gráfica. Unha volta polo panorama autoral local.

21 de maio, ás 12.00 h. “Paseo imaxinario pola vida e obra de Luz Pozo Garza“, con Susana S. Arins.
Os paseos imaxinarios (ou non) son unha versión fantasiosa das rutas biográficas. Exixen por parte das participantes a capacidade de se desprazar a outros lugares, pois o espazo en que se desenvolven non deixa de ser unha metáfora doutros espazos. Este paseo imaxinario (ou non) nace da lectura atenta da obra de Luz Pozo Garza e non é outra cousa que unha escusa para compartirmos os seus textos.

28 de maio, ás 12.00 h. “As malas mulleres“, con Marilar Aleixandre.
A novela recibiu o Premio Blanco Amor en 2020, e con ela recuperamos a memoria das excluídas, reclusas no cárcere da Coruña, onde Concepción Arenal e Juana de Vega foron pioneiras.

Ferrol: programa da Feira do Libro 2022